7/4/12

"Café só" no club de lectura Sete Vidas de abril


O martes 10 de abril na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Café só (Edicións Morgante) da autora Anabel Alonso. A actividade comeza ás 20.00 horas.

Contaremos coa visita da autora
A partir das 21.00 horas, a escritora Anabel Alonso achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.

O libro
Café só. En cunca. En vaso de Nocilla. Con azucre e conversa. Ou amargo como a vida. O baleiro. As esperanzas. O mundo do outro lado do teléfono. Café. E soa. E o tempo a pasar... [Presentación editorial]

A autora 
Anabel Alonso López naceu nas Pontes de García Rodríguez en 1968. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa como bibliotecaria no concello das Pontes. A literatura sempre formou parte esencial da súa vida. Participou en grupos teatrais universitarios e obradoiros literarios. Colabora coa Asociación de Estudos Históricos Hume, coa Asociación Cultural Alende e co Grupo Poético Alalá. A lectura é dende nena a súa principal afección.

A seguinte galería de imaxes recolle varios momentos da sesión do mes pasado, cando nos visitou o escritor Xavier Queipo a propósito da lectura de Extramunde.