Mostrando entradas con la etiqueta María Solar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta María Solar. Mostrar todas las entradas

3/1/13

María Solar na última sesión de dinamización lectora de 2012 na Casa da Lectura

A escritora e xornalista María Solar foi a encargada de pechar o ano 2012 nas sesións de dinamización lectora da Casa da Lectura.
María contou o seu conto Vou ter un irmán, publicado pola editorial Galaxia, pero antes falounos dos tipos de nacemento e xestación que se dan na natureza para logo centrarse nos nove meses de xestación humana.
Con María Solar pasamos unha tarde divertida poñéndonos na pel de todos os nenos e nenas que van ter un irmán e que se fan unha chea de preguntas: como será?, cando vai nacer?, como vai cambiar a vida da familia?


 
As sesións de dinamización lectora regresarán á Casa da Lectura o mércores 9 de xaneiro, ás 18:30 horas.

18/12/12

Este mércores sesión especial na Casa da Lectura coa escritora e xornalista María Solar


A Casa da Lectura acolle este mércores 19 de decembro unha sesión especial de dinamización lectora coa presenza da escritora e xornalista María Solar, quen contará o seu conto Vou ter un irmán , publicado pola editorial Galaxia con ilustracións de Xosé Tomás. Posteriormente María Solar realizará cos nenos e nenas diferentes actividades relacionadas coa lectura e cos distintos tipos de nacemento e xestación, para logo centrarse nos nove meses de xestación humana e rematar repasando cousas que aprendemos durante os pirmeiros meses de vida.


A sesión comezará, coma sempre, ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta desde as 17:30h para servizo de préstamo e lectura. Con esta sesión Espazo Lectura despide as actividades da Casa da Lectura, que voltarán despois do Nadal, o 9 de xaneiro de 2013.

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión Somos iguais, somos diferentes, que realizaron a semana pasada na Casa da Lectura tres rapazas do Comando Le de Espazo Lectura arredor do tema dos Dereitos Humanos.


1/2/12

O Lendo Contigo con María Solar


O sábado 28 de xaneiro celebramos a primeira sesión de 2012 do club de lectura Lendo Contigo. O libro que lemos durante este mes foi O fillo do Pintamonas, da escritora María Solar.
 
Logo de facer un repaso polas preguntas da guía de lectura, pasamos a presentar á autora convidada. Nesta ocasión, posto que María Solar conduce diariamente o programa cultural da TVG ZigZag, a presentación consistiu nun divertido vídeo protagonizado por moitos dos nenos e nenas que participan habitualmente no club.



Despois, María Solar falounos de O fillo do Pintamonas, e tamén de moitas máis cousas: da necesidade de escoitar ás persoas maiores porque teñen moito que ensinar, da importancia de ir polo mundo cos ollos ben abertos, dispostos a aprender de todas as disciplinas, da igualdade entre homes e mulleres, da escrita e da lectura... E falamos moito da natureza, do tempo, das nubes e de refráns.

Antes de rematar, sorteamos o libro do que imos falar no mes de febreiro: A galiña azul, de Carlos Casares, que nesta ocasión lle tocou a David.
Como despedida, María Solar levou de agasallo un papaventos feito á man e ela agasallou aos seus lectores e lectoras coa dedicatoria dos seus libros.

Velaquí varias imaxes dese día, tomadas polo fotógrafo Manuel G. Vicente.


 

 







26/1/12

A xornalista e escritora María Solar, este sábado no Lendo Contigo



O sábado 28 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de lectura compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é O fillo do Pintamonas, da xornalista e escritora María Solar (Tambre, 2009).

Contaremos coa presenza da autora
María Solar estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.


O libro
Nubelo de La é un dos Nubelos (nubes pequechas, redondas e brancas, as máis traballadoras de todas pois viaxan por diante das Nubes de Chuvia, para anunciar a chuvia cubrindo o ceo) coñecido por chegar tarde e por ser o fillo do Pintamonas. O alcume víñalle de que seu pai unírase a unha Nube dos Soños (esas tan brancas que pintan debuxos no ceo para que os nenos da Terra xoguen a adiviñalos) con grande escándalo dos vellos ante esa unión antinatural, polo que o condenaron a abandonar o país dos Nubelos. Farto de que se risen del por ser diferente (retrasábase, parveaba e soñaba) decidiu levar adiante o seu plan de reunirse co seu pai no País das Nubes dos Soños. Para iso valeuse da compañía do papaventos, condenado polo Gran Nubelo a perder a cola máis longa do mundo. Antes de que lla cortaran, fuxiu con Nubelo.


A autora
María Solar naceu e vive en Santiago de Compostela. É presentadora e coordinadora do programa cultural Zigzag Diario da TVG. Licenciouse en Xornalismo e Bioloxía ademais de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine As tardes da Galega e na TVG presentou diversos programas como Ciencia nosa, En pé de festa, Que boa tarde ou Os directos da Galega, entre outros. É ademais actriz de dobraxe.
Como autora, céntrase no público infantil. Ten publicado entre outros, O Fillo do Pintamonas (Tambre), Boa Sorte (Baía), O tempo do revés (Baía), Vou ter un irmán! (Galaxia), e os libros divulgativos O libro do noso mar (Lea) e Ecoloxía na aula (Lea).