27/10/08

Unha nova biblioteca para o Val Miñor

O pasado venres 24, Día das Bibliotecas, o CRA Antía Cal fixo un acto de inauguración da súa biblioteca escolar, que foi remodelada recentemente. Un dos cometidos máis importantes deste acto era anunciar que a fermosa biblioteca, situada na parroquia de Peitieiros (Gondomar), queda, a partir de agora, á disposición do público do Val Miñor, para o que se abrirá tres veces por semana en horario de tarde. Os luns, mércores e xoves, de catro a seis da tarde, a biblioteca do CRA Antía Cal estará esperando pequenos lectores e lectoras para ofrecerlles a súa suculenta selección de contos e libros infantís. Desde Espazo Lectura non podemos máis que felicitar este novo servizo bibliotecario que se abre para o Val Miñor grazas á entrega e o traballo voluntarista das profesoras do Colexio Rural Agrupado Antía Cal. Para nós esta é unha biblioteca especialmente querida porque acolle algunhas das nosas reunións de traballo (comisións ou xuntas directivas) e mesmo as reunións do Club de Formación Lectora, o único, por certo, que existe en Galicia dedicado á ler e comentar libros sobre a lectura. Se temos en conta, ademais, que a nosa actividade fundacional, o Contomar, naceu hai tres anos vencellada á ANPA do CRA Antía Cal e ao seu alumnado, a satisfacción de ver como medran a biblioteca e o proxecto de fomento da lectura da escola é aínda maior.
Vaian, pois, os nosos agarimosos parabéns para as profesoras que ilusionan e dinamizan esa biblioteca que está a esperar por todos nós.






25/10/08

Mostra de Teatro Vidal Bolaño 2008

Organizada polo Concello de Gondomar, a partir de mañá sábado e durante este outono celébrase, un ano máis, a Mostra de Teatro Roberto Vidal Bolaño. As representacións terán lugar, durante seis sábados continuos, no Auditorio Municipal Lois Tobío, ás 22: 30 h. O prezo da entrada é de tres euros e a venda efectuarase na taquilla a partir de dúas horas antes de cada función. O teléfono de información do Concello de Gondomar é o 986.36.39.13. Polo seu interese, Espazo Lectura reproduce o programa no seu blog.

Sábado 25 de Outubro
Teatro do Atlántico: A bombilla máxica

Sábado 1 de Novembro
Encena Produccións: Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart

Sábado 8 de Novembro
Lagarta Lagarta: Aeroplanos

Sábado 15 de novembro
Fulano, mengano e citano: Arte

Sábado 22 de Novembro
Nut Teatro: 4.48 psicose

Sábado 29 de Novembro
Compañía Bacana: Hendaya mon amour

24/10/08

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional

Agustín Fernández Paz recibiu onte o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, que concede o Ministerio de Cultura español. O seu libro en galego O único que queda é o amor recibiu o máis importante premio de todos cantos se conceden anualmente en España para todas as linguas do Estado. Agustín Fernández Paz foi o escritor que o pasado ano abriu o Club de lectura compartida Lendo Contigo, que organiza Espazo Lectura. Ademais de darlle publicamente os nosos parabéns, aproveitamos o seu galardón para sacar á luz un vídeo, inédito, da súa intervención aquel día.

21/10/08

Novos clubs de lectura

Espazo Lectura crea dous novos clubs de lectura no Val Miñor:

1. Club de lectura Sete Vidas. Para ler novelas, relatos, etc. Reunións: Primeiro martes de cada mes ás 20 horas. Comezo: 4 de Novembro na Biblioteca Municipal de Gondomar. Primeiro título proposto: Así nacen as baleas, de Anxos Sumai (Editorial Galaxia). Para anotarte ou saber máis: diríxite a informacion@espazolectura.org. Coordinadora: Anaír Rodríguez (contacta no 619.292.991).
Queremos reunir un grupo de persoas con ganas de ler. O obxectivo é ler un mesmo libro e, unha vez ao mes, xuntarse e falar sobre el. Para participar non hai que ser un lector/a experimentado, soamente hai que gozar da lectura ou querer descubrir que a lectura nos abre as portas para vivir sete vidas e ter ganas de compartir esa experiencia cos demais membros do club. Máis información.

2. Club Lecturas Debuxadas. Pensas que o cómic é só para nen@s? Cres que non se poden contar boas historias desde o cómic? Ven e descubre a linguaxe da lectura en imaxes. Reunións: terceiro martes de cada mes ás 20 horas. Comezo (xuntanza informativa): Martes 18 de novembro na Biblioteca Municipal de Gondomar. Coordinador: Félix Rodríguez (contacta no 668.871.036 ou a través do correo clublecturasdebuxadas@espazolectura.org).
Recibe moitos nomes: banda deseñada ou debuxada, tebeo, historieta, novela gráfica... Definida como a ‘narrativa gráfica secuencial’, o cómic é xa a novena arte por dereito propio. Queremos descubrir esta linguaxe tan interesante lendo un cómic unha vez ao mes para comentalo despois entre tod@s. Máis información.

20/10/08

O saco Paco e a saqueta Henriqueta

Hoxe teremos unha nova sesión do Contomar. O saco Paco e a saqueta Henriqueta, os dous novos personaxes que se incorporaron ao contacontos esta tempada (pódense ver ao fondo, na fotografía), volverán connosco e traerannos máis historias e aventuras. Os nosos amigos Henriqueta e Paco son quen traen agora os contos ao Contomar e quen despois, ao rematar, os volven gardar nos seus ventres. Henriqueta e Paco están tan ben alimentados de libros que non paran de contarnos cousas.


19/10/08

Pensas que o cómic é só para nen@s?

Cres que non se poden contar boas historias desde o cómic?

Ven e descubre a linguaxe da lectura en imaxes!

Espazo Lectura bota a andar o CLUB LECTURAS DEBUXADAS

Recibe moitos nomes: banda deseñada ou debuxada, tebeo, historieta, novela gráfica… Definida como a ‘narrativa gráfica secuencial’, o cómic é xa a novena arte por dereito propio. Queremos descubrir esta linguaxe tan interesante lendo un cómic unha vez ao mes para comentalo despois entre tod@s.

As reunións celebraranse o terceiro martes de cada mes ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. Haberá unha xuntanza informativa inicial o martes 18 de novembro na Biblioteca.

Se queres formar parte do Club, ou recibir máis información, chama ao teléfono 668.871.036 ou escribe un correo electrónico a clublecturasdebuxadas@espazolectura.org deixando o teu nome e un teléfono de contacto.

ANÍMATE A VIR!!


CLUB LECTURAS DEBUXADAS

Coordinador: Félix Rodríguez
Xuntanza inicial: martes 18 de novembro
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Inscrición: clublecturasdebuxadas@espazolectura.org ou tfno. 668.871.036
Organiza: Espazo Lectura (www.espazolectura.org)

Baixa esta información en pdf.

18/10/08

Gústache ler?

Apetéceche compartir as túas lecturas con outras persoas?

Espazo Lectura bota a andar o CLUB DE LECTURA SETE VIDAS

Queremos reunir un grupo de persoas con ganas de ler. O obxectivo é ler un mesmo libro e, unha vez ao mes, xuntarse e falar sobre el. Para participar non hai que ser un lector/a experimentado, soamente hai que gozar da lectura ou querer descubrir que a lectura nos abre as portas para vivir sete vidas e ter ganas de compartir esa experiencia cos demais membros do club.

As reunións celebraranse o primeiro martes de cada mes ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O primeiro libro que imos comentar é a novela Así nacen as baleas, de Anxos Sumai.

Se queres formar parte do Club de Lectura, ou recibir máis información, chama ao teléfono 619.292.991 ou escribe un correo electrónico a informacion@espazolectura.org deixando o teu nome e un teléfono de contacto.

ANÍMATE A VIR!!

CLUB DE LECTURA SETE VIDAS

Coordinadora: Anaír Rodríguez
Data de comezo: martes 4 de novembro
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Anotarse: espazolectura@espazolectura.org ou tfno. 619.292.991
Organiza: Espazo Lectura (www.espazolectura.org)

Baixa esta información en pdf.

13/10/08

Volve o Contomar cheo de novidades!





Despois da sesión inaugural, na que nos acompañaron os ratos de biblioteca da compañía do Trinke Trinke, o Contomar retomou as sesións habituais de todos os luns na Biblioteca de Gondomar.

Hoxe foi un día especial porque tiñamos moitas novidades.

Unha delas, foi anunciar que a editorial OQO vai estar en Gondomar, entre o 10 e o 15 de novembro, presentándonos un fermoso proxecto chamado Contos en Cantos que se recolle nun libro-DVD que contén os contos máis populares de OQO Editora, como Chocolata, Mariluz Avestruz, Loboferoz, Titiretesa e O Papón, reconvertidos en cancións por Almudena Janeiro.

Aproveitando que o día 15 de novembro Almudena Janeiro, acompañada por tres músicos máis, vai estar no auditorio de Gondomar cantándonos todos estes contos, no Contomar dedicimos que cada luns imos ler algún dos contos incluídos no DVD para que o concerto non nos colla por sorpresa. Hoxe xa contamos un deles: O Papón.

Pero hoxe tamén foi un día moi especial porque se incorporaron ao contacontos dous amigos moi agardados: o saco Paco e a saqueta Henriqueta, as mascotas do Contomar, que nos van traer un feixe de contos e outras sorpresas. Os libros que nos trouxeron hoxe foron O Papón, Adiviña canto te quero, Pasiños e Non é unha caixa. Ademais, a sesión de hoxe foi moi moi especial sobre todo para dúas nenas que celebraron os seus cumprecontos con nós. O saco Paco e a saqueta Henriqueta encargáronse de traerlles uns agasallos moi lectores.

9/10/08

O libro no século XXII

A libraría lisboeta Pó dos livros (situada perto da Fundação Calouste Gulbenkian), que cumpriu pouco máis dun ano de vida, mantén unha incesante actividade e, entre outras cousas, produce vídeos coma este, que é unha parodia sobre o libro no século XXI. Parodia ou predicción, o humor que non falte con respecto ao futuro do libro.

7/10/08

Os ratos que trouxeron contos

Máis de oitenta nenos recibiron onte en Gondomar os Ratos de Biblioteca, da Compañía Trinke Trinke, na sesión inaugural da nova tempada do Contomar, que comezou este luns. Os ratos ofrecéronnos unha divertida sesión de contacontos, coa biblioteca como protagonista, durante a que, ademais de contar contos, lles explicaron aos nenos e nenas asistentes algunhas cousas sobre o funcionamento das bibliotecas. Cami e Lupiña, os ratos protagonistas, pertencen a unha gran familia con outros moitos membros que seguramente virán tamén visitar o Contomar no futuro.
Na intervernción inicial, a presidenta de Espazo Lectura anunciou a posta en marcha de dous novos clubs de lectura: un de narrativa (novela e relatos), que se celebrará o primeiro martes de cada mes e outro de cómic, que se celebrará o terceiro martes de cada mes. En breve, informaremos destas novas actividades.










4/10/08

Este luns comeza o Contomar

O Contomar, que botou a andar no mes de febreiro de 2006, inicia unha nova tempada na que, ademais de manter as actividades de anos anteriores (contacontos, poemas, cancións, carnés con estrelas semanais, cumprecontos, etc.), introduciremos como novidade a presenza de dúas mascotas, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, que cada semana lles traerán aos nenos e nenas contos, agasallos e outras sorpresas. O Contomar foi a actividade fundacional de Espazo Lectura.

2/10/08

Na procura da lectura-pracer

O escritor Antonio García Teijeiro, amigo e colaborador de Espazo Lectura, agasallounos esta semana coa súa columna de opinión publicada no semanario A Nosa Terra (con data 25/09/2008), onde fala da nosa asociación.
Mil grazas, Antonio, pola túa xenerosidade.

Espazo Lectura

Veño dicindo dende hai tempo que non se normalizará a lectura-pracer mentres dependa tanto da escola. Sabemos que o primeiro contacto dos cativos cos libros debe ser na casa. E sabemos que, por desgraza, non adoita ser así. Daquela, case toda a responsabilidade do fomento do hábito lector na rapazada recae na escola. Loxicamente aí ha de estar, mais penso que existe demasiada dependencia do labor educativo na LIX. Cantos nenos se achegan ás librarías, sós ou cos seus pais, para mercaren algún libro? E en galego? Case mellor non pensalo. Por iso hai que celebrar as actividades desenvolvidas por clubs de lectura e grupos que funcionan polo país. Situado no Val Miñor, Espazo Lectura é un bo exemplo do que se pode facer cando as ideas e os obxectivos son claros e as persoas saben o que queren. Espazo Lectura é unha asociación modélica, xeradora de iniciativas vivas e ambiciosas que teñen que ver coa promoción da lectura como referente de benestar social. Considera a literatura como un elemento socializador indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica das persoas. Gocei con eles, uns meses atrás, nun acto fermoso na biblioteca de Gondomar. Respirábase ledicia. E un, que se vai facendo maior, xa non goza en todos os lugares que visita. Espazo Lectura ilusiona cun traballo moi serio orientado cara á creación e animación de clubs lectores, á divulgación e sensibilización nos nenos e nenas da LIX en galego. E traballa fóra das aulas. Parabéns a unha asociación que fai do fomento da lectura unha aventura fascinante.

Antonio García Teijeiro

1/10/08