31/1/09

Comeza o X Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra


Do 1 de febreiro ao 15 de marzo estarán abertas as portas da décima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O programa, que podedes consultar aquí, componse de exposicións, concertos, obradoiros, conferencias e moita, moita, literatura.
O tema central deste ano será o amor e a escritora homenaxeada é Fina Casalderrey, unha amiga de Espazo Lectura.

29/1/09

Cine pola paz na Bibliocra


Dende a Biblioteca do CRA Antía Cal organízase unha sesión para adultos dedicada ao Día escolar da paz e a non violencia. O venres, 30 de xaneiro, proxectarase o filme de José Luis Cuerda A lingua das bolboretas, baseado no relato homónimo pertencente ao libro Que me queres, amor? de Manuel Rivas.
Será na Biblioteca central (Gándara, 8 - Peitieiros), ás 18.30 horas.

28/1/09

Lecturas para a paz


Con motivo da celebración do Día da Paz, o sábado 31, ás 12.00 horas na biblioteca de Gondomar, gozaremos dunha sesión moi especial do club de lectura compartida Lendo Contigo.

O programa que se vai desenvolver é o seguinte:

- Recital poético-musical con textos de Antonio García Teijeiro e pezas musicais interpretadas en directo por cinco nenos e nenas que forman parte do club de lectura: Gabriela Legaspi Fernández (teclados), Xiana Bello Míguez (teclados), Erea del Río Morales (frauta traveseira), Nicolás Teixeiro Garrido (clarinete) e Néstor Teixeiro Garrido (trompeta). Colabora: Juan Costas, director da banda de música de Vincios.

- Charla-coloquio, con actividades para reflexionar sobre o tema da paz nos libros, a partir das seguintes lecturas:
- Para nenos e nenas de 7-8 anos: O homiño de papel, de Fernando Alonso.
- Para nenos e nenas de 9-10 anos: El lugar más bonito del mundo, de Ann Cameron.
- Para nenos e nenas de máis de 10 anos: Usha, de María Reimóndez.

- Elaboración dun mural conxunto no que os nenos e nenas plasmarán a través da linguaxe plástica as lecturas que realizaron.

Cando é tan necesario falar de paz, a literatura convértese nunha ferramenta tremendamente útil para transmitir os valores do diálogo, a tolerancia e a non violencia.

25/1/09

A cita do activismo a prol da lectura

A xunta directiva de Espazo Lectura presentou onte en asemblea xeral o traballo feito durante o último ano e expuxo os seus proxectos de futuro á asemblea, que os aprobou e quedou integrada cos máis de cincuenta novos socios que entran a formar parte da asociación. Todo o equipo directivo participou no acto e agradeceu tanto o apoio dos socios e socias, como o dos activistas que, a favor da lectura, vertebran socialmente a orgarnización e fan posible o seu traballo.
Unha cuestión fundamental cara o reforzamento social de Espazo Lectura foi a entrada dos socios protectores, entre os que se atopan centros de ensino, editoriais e unha compañía de teatro, e sobre os que iremos dando conta nos vindeiros días.
A edición de hoxe do Faro de Vigo recolle a noticia da asemblea, nunha información asinada por Neli Pillado baixo o título de "Activismo lector".

22/1/09

Espazo Lectura celebra a súa Asemblea Xeral Ordinaria



O próximo sábado 24 de xaneiro, no salón de actos do Centro Neural de Gondomar, Espazo Lectura celebrará a súa Asemblea Xeral Ordinaria de 2009, a primeira que ten lugar logo da Asemblea Constituínte de xaneiro de 2008.

Máis de corenta socios/as
Nesta Asemblea Xeral, na que se integrarán máis de 40 socios e socias, así como os primeiros socios protectores, a Xunta Directiva de Espazo Lectura presentará a memoria de actividades e de tesourería do pasado ano e someterá a consideración da asemblea os proxectos de futuro e o novo orzamento.
Queremos animar a todos os socios e socias a que asistan á asemblea e participen.

O voluntariado da lectura
Espazo Lectura acaba de cumprir un ano de existencia, aínda que a nosa actividade fundacional, o Contomar, se remonte a tres anos atrás. Todo o traballo levado a cabo temos que agradecérllelo ás arredor de 16 persoas que traballan activamente na organización de maneira altruísta e sempre entusiasta, polo que constitúen un verdadeiro voluntariado da lectura.

Levamos un ano facendo lectores e lectoras.
Que o 2009 veña tamén cheo de lecturas!


21/1/09

Lecturas Debuxadas: Los combates cotidianos.

A segunda sesión do Club Lecturas Debuxadas estivo dedicada ao cómic Los combates cotidianos, de Manu Larcenet (algo máis de información na wikipedia).

Acudiron 25 persoas que compartiron impresións sobre a obra. O cómic gustou en xeral a todo o mundo, pero houbo discrepancias na valoración de certos elementos, o debuxo, o personaxe principal, a visión masculina/feminina... No debate mesturouse constantemente a valoración da historia coa da forma do debuxo dando conta da importancia de todos os recursos gráficos na historia que se conta.

Velaquí dúas fotos do encontro:



Falamos tamén de que as sesións se programarán de maneira trimestral, polo que os dous próximos cómics que imos ler serán Maus, de Art Spiegelman, e Río Abajo, de Pascal Rabaté (nesta última sesión tamén leremos Arrugas, de Paco Roca).

16/1/09

Congreso sobre promoción da lectura en Lisboa


Os días 22 e 23 de xaneiro celébrase na Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa, a iniciativa da Casa da Leitura, un Congresso Internacional sobre Promoçao da Leitura, baixo o lema "Formar leitores para ler o mundo". Pódese consultar o programa aquí.

14/1/09

Arredor de As rulas de Bakunin


Velaquí dúas imaxes da sesión do Sete Vidas que celebramos esta semana. Á xuntanza, coordinada por Bieito Legaspi, asistiron 12 persoas que compartiron impresións tras a lectura da novela de Riveiro Coello.
En xeral, todos os participantes valoraron a calidade da obra, salientouse a forza da historia, a vontade de estilo, a orixinalidade do tratamento do anarquismo dentro da literatura galega, a metáfora do libro e a palabra como elementos liberadores...
Tamén se debatiu arredor da concepción das personaxes femininas, así como do papel das mulleres e o grao de asunción dos postulados feministas dentro dos movementos libertarios da época.
A sesión do martes 3 febreiro estará coordinada por Fran Alonso que propuxo a novela Como se non existise, de Slavenka Drakulic, publicada por Xerais.

8/1/09

Abre un libro, abre o mundo


Sabemos que os índices de lectura son un dos mellores indicadores do desenvolvemento socio-económico dunha sociedade, de aí que a Campaña Mundial pola Educación vaia centrar os seus esforzos ao longo do ano 2009 no fomento da alfabetización e a lectura como armas contra a pobreza.

3/1/09

Unha recomendación que une os libros co cine

Grazas ao estupendo portal da Axencia Audiovisual Galega Flocos.TV, podemos recomendar a serie A lingua animada composta de sete curtametraxes de animación en plastilina baseadas en textos e relatos da nosa literatura. Os seus autores son Virginia Curiá e Tomás Conde e o resultado é estupendo.
Como mostra, podedes ver a curta Alistán, o demo oveiro e ler o texto de Álvaro Cunqueiro no cal se basea.