24/7/11

Clubs de lectura: primeiros títulos da próxima tempada

Os clubs de lectura de Espazo Lectura retomarán a súa actividade no mes de outubro. Adiantámosvos os primeiros títulos da tempada por se queredes que sexan unha lectura máis do verán.

Club de Lectura Sete Vidas: Futuro imperfecto, de Xulia Alonso (editorial Galaxia).

Vida e literatura ás veces camiñan á par. Iso acontece neste libro, no que Xulia Alonso narra a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda.
Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un reencontro con ese tempo, coa súa presenza proxectada no futuro. Un futuro que xa non pode ser perfecto mais é esperanzado.



Club Lecturas Debuxadas: O fillo da furia, de Manolo López Poy e Miguel Fernández (Demo Editorial).

Toribio, o pseudónimo de Mamed Casanova, foi o bandoleiro galego de principios do século XX que puxo nun brete á Garda Civil en máis dunha ocasión. As súas historias fanse cómic da pluma do xornalista Manolo López e do pincel do deseñador Miguel Fernández. Esta é unha novela negra que presenta a un Toribio que fai memoria sobre a súa vida logo de regresar á súa aldea preto da Coruña, despois de pasar 25 anos no cárcere de Figueres (Girona).



Club de lectura compartida Lendo Contigo: Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna (El Patito Editorial).
Xa están aquí! A humanidade aínda non o sabe, pero a invasión está en marcha! O que empeza como unha tranquila tarde no parque, convértese para Golfiño e os seus amigos nunha trepidante aventura na que deberán enfrontarse a unha raza alieníxena que chega á Terra con propósitos inconfesables... Por fin a versión íntegra, que inclúe o esperado final, en formato panorámico, cos diálogos orixinais ao completo e a cor totalmente restaurada. Acadará Golfiño fanar os maquiavélicos plans do Grande Imperio Cuá-Cuá? Nestas páxinas, o relato veraz do que aconteceu...

10/7/11

Así foi a sesión de peche de tempada na Casa da Lectura

A Casa da Lectura despediu as sesións de dinamización lectora dos mércores o pasado 15 de xuño cunha actividade sobre a auga. Na primeira parte, léronse as historias O home de auga (Kalandraka) e A vella Lulula (OQO), que nos permitiron tamén falar do ciclo da auga e da importancia da auga nas nosas vidas e nas nosas actividades cotiás. Na segunda parte da sesión, convidamos os nenos e nenas e as familias a participar nunha festa da auga coa que fixemos unha clausura lúdica das actividades desta tempada na Casa da Lectura: música con auga, carreiras de camareiros, capturas baixo a auga e probas de puntería con chorros foron algúns dos xogos cos que maiores e pequenos se divertiron e se despediron das nosas actividades até finais de setembro, cando a Casa da Lectura volverá a abrir as súas portas. Ata entón, boas vacacións!


Fotografías de Manuel G. Vicente

8/7/11

Espazo Lectura participa no foro Galeusca editores 2011

A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, estará este sábado na illa de San Simón, presentando a nosa experiencia no foro GALEUSCA editores 2011 que se celebra baixo o lema "Libro e lectura" e está convocado pola Asociación Galega de Editores, a Associació d´Editors en Llengua Catalana, a Euskal Editoreen Elkartea, e a Associació d'Editors del País Valencià.
A intervención de Concha Costas será o sábado 9 de xullo, ás 17:45 h, nun panel de experiencias que se titula "Iniciativas sociais e accións a prol do fomento da lectura". Espazo Lectura compartirá mesa con Monserrat Ayats, de Catalunya, que vai presentar o proxecto da entidade Omnium Cultural, e con Xabier Mendiguren, da Editorial Elkar, que vai falar sobre clubs de lectura.

6/7/11

Clubs de lectura: últimas sesións da tempada

Os clubs de lectura Sete Vidas (de narrativa) e Lecturas Debuxadas (cómic) celebraron cadansúas sesións de despedida de tempada o mes de xuño pasado.
O Sete Vidas despediuse coa visita de Santiago Lopo, o autor de Peaxes (Xerais, 2009) que foi a novela proposta como lectura do mes.
Pola súa parte, o Lecturas Debuxadas cerrou a tempada con, se cadra, a obra máis coñecida de Shaun Tan: Emigrantes (Barbara Fiore, 2006), unha marabillosa novela gráfica sen palabras.
Os dous clubs retomarán a súa actividade habitual no mes de outubro. Proximamente informaremos da data exacta de comezo e das primeiras lecturas.

4/7/11

Versos a carón do lume para a noite de san Xoán

O 23 de xuño a Casa da Lectura acendeu a III Fogueira dos Versos para festexar a noite de san Xoán e o remate das actividades de Espazo Lectura ata despois do verán.
A noite comezou con música, petiscos e poemas que penduraban do aramado da Casa da Lectura.
A continuación gozamos dunha divertida sorpresa: as Murghas Cantareiras botaron unhas coplas coas actividades de Espazo Lectura como protagonistas. Velaí a letra:
Do domingho vén o luns,
pros nosos fillos non conta (bis)
Contomar si que conta,
todo luns na nosa conta,
todo luns na nosa conta.
Ailaleo, ailalalo.

Para vir xunta nós,
para vir xunta nós,
vai buscar un libro,
vai buscar un libro,
vai buscar un libro,
e cóntanos.

Xa nos cheghou o mércores,
non podemos ir á feira (bis)
imos á Casa da Lectura,
en busca de aventuras,
en busca de aventuras.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

Canto traballo dá un fillo,
para que nos colla un libro (bis)
ti lévao ao Lendo Contigo,
que alí lerá deseguido,
que alí lerá deseguido.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

Sete Vidas ten un ghato,
pero non tan divertidas (bis)
Tes que vir ao Sete Vidas,
das lecturas compartidas,
das lecturas compartidas.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

As historias de monecos,
que os vellos lle chamaban (bis)
convertémolas agora,
en Lecturas Debuxadas,
en Lecturas Debuxadas.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

Eu non quería lere,
en diante de tanta xente (bis)
pero cun vaso de viño
calquera o pode facere,
calquera o pode facere.
Ailalelo, ailalalo.
Par vir...

Aquí a festa ben cabe,
que cousa tan divertida (bis)
unha noite biblioteca,
onde os nenos lerían,
onde os nenos lerían.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

Xa estamos no mes de xuño,
xa cheghou o San Xoán (bis)
e na fogheira dos versos,
mollamos letras en pan,
mollamos letras en pan.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

Cando unha noite non durmas,
non lle deas volta ao colchón (bis)
ven ás nosas Noites Gholfas,
para aliviar a tensión,
para aliviar a tensión.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

No consello operativo
admítenvos a calquera (bis)
curas, frades, monaghillos
e se cadra algunha fera
e se cadra algunha fera.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir....

Despois desta cantareira,
de lectura ghratuíta (bis)
o que a lectura non queira,
que o demo non llo permita,
que o demo non llo permita.
Ailalelo, ailalalo.
Para vir...

Na segunda parte da noite sentamos arredor do lume para escoitar os poemas que as persoas que participaron na festa traían escollidos da casa ou colleron no aramado da Casa da Lectura. Houbo moitos adultos que se animaron a ler e queimar versos, e tamén foi numerosa a participación de nenos e nenas.
A noite pechouna o actor Avelino González cunha sesión de contos a carón do lume.