30/9/12

Volve o Contomar


Espazo Lectura abre mañá a súa nova tempada de actividades co Contomar, un contacontos para nenos e nenas de máis de tres anos e as súas familias que, como en anos anteriores, terá lugar todos os luns ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Nesta primeira sesión da súa sexta tempada, o Contomar presentará as historias O señor Ramón e a señora Ramona, Se eu fose un gato, Paco ou Grisela.

Con esta actividade ábrese a sexta tempada de actividades de Espazo Lectura, que continuará até finais de xuño do 2013 coas súas liñas de traballo habituais e algunhas novidades. Serán en total máis de cen actividades, abertas e gratuítas, tanto para público infantil como para público adulto, nas que vos convidamos a participar.

28/9/12

Espazo Lectura participa nunha mesa redonda sobre tradución en Compostela

Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, participa este sábado 29 de outubro nunha mesa redonda baixo o título "A tradución literaria: unha cadea de pensamento", que organiza a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación con motivo do Día Internacional da Tradución 2012. O acto terá lugar ás 18:00h no Kunsthalle (rúa da Conga, 8 - Santiago de Compostela) e nel preténdese favorecer unha reflexión sobre os distintos momentos da cadea de pensamento que é a tradución literaria. Espazo Lectura presentará a súa visión desde a perspectiva dos lectores e lectoras, tendo en conta a experiencia dos seus clubs de lectura. Ademais desta visión que achegará Concha Costas, na mesa redonda participarán tamén Antonio Martín (corrector), John Rutherford (tradutor), Manolo Bragado (editor) e Pablo Couceiro (libreiro), e actuará como moderadora Belén Regueira.


27/9/12

«A fogueira dos versos» pechou a tempada anterior

Continuamos dando conta da derradeira actividade da tempada anterior, que se produciu o pasado 23 de xuño. Esa noite celebramos na Casa da Lectura a actividade coa que Espazo Lectura pecha cada tempada: a Fogueira dos Versos.  Como vén sendo habitual, fixemos un pequeno lume que nos serviu para asar uns chourizos, compartindo a cea, a conversa, a lectura de poemas e a maxia da fogueira. 
Evidentemente, tamén houbo música, baile e herbas de San Xoán, axeitadas para esa noite, coa intervención dun grupo de rapeiras ao estilo Leo Arremecághona. 
Posteriormente, gozamos cunha actuación do Mago Cali, que nos fixo rir e sorrir, abraiándonos coa capacidade poética da súa maxia.




Reproducimos tamén un vídeo gravado por Pedro Telmo para O xornal do Val Miñor, a quen lle agradecemos a súa atención.

25/9/12

Así foi a última Noite na Biblioteca

Os días 2 e 3 de xuño pasados Espazo Lectura celebrou a V Noite na Biblioteca, coa que se pechaba a tempada de actividades infantís. Como é habitual, as actividades comezaron pola tarde, aínda que, no canto de celebrarse ao aire libre, como estaba anunciado, tivemos que trasladar unha parte ao pavillón de deportes por mor da chuvia. Acompañados dun grupo de músicos da banda de Vincios e de catro guías, alí chegaron os nenos e nenas coas súas familias para participar na inauguración simbólica do Museo do Conto de Gondomar. Unhas caixas enormes que agochaban as pezas do museo foron abríndose para deixar saír personaxes e historias de contos que os nenos e nenas podían ir adiviñando a través dun xogo de pistas. Un percorrido e unha inauguración moi especial que se recollen neste fantástico vídeo elaborado por Rebeca Tizón Rey, a quen lle damos as grazas pola súa colaboración:




Tamén o fotógrafo Manuel G. Vicente fixo unha reportaxe en imaxes do acto (e dos preparativos):




Logo da inauguración, regresamos á Biblioteca Municipal onde os participantes puideron asistir a unha sesión de contos, cancións, adiviñas, poemas e lengalengas a cargo de Inacio Vilariño e o seu espectáculo Burromaquia:


Ao remate desta sesión, e xa só cos 30 nenos e nenas que estaban inscritos para quedar a durmir na biblioteca, comezou a segunda parte da actividade: ceamos, lavamos os dentes, puxemos os pixamas e asistimos ao espectáculo Maldita poesía! a cargo de Fran Alonso:


Chegada a hora meiga, a biblioteca acolleu unha orixinal proposta de contos e ilustración: as Ollofábulas. A contadora Charo Pita púxolles palabras ás historias, ao tempo que o ilustrador Óscar Villán debuxaba e convidaba a debuxar aos nenos e nenas.


Houbo tempo para compartir lecturas, para durmir e, xa de mañá, para xogos, agasallos, almorzo e despedidas.





23/9/12

A Xunta directiva reuniuse para preparar a nova tempada 2012-2013

Logo do verán, a Xunta Directiva de Espazo Lectura celebrou o pasado sábado 15 de setembro unha reunión de día completo (de 10 a 14 h. e de 16 a 20,30 h.) para falar do funcionamento e futuro de Espazo Lectura e, sobre todo, para preprar e programar a nova tempada, que comeza o próximo 1 de outubro e que se desenvolverá ata xuño de 2013.
Tendo en conta as propostas e reflexións que se recolleran na reunión do Consello Operativo celebrada o pasado 3 de xullo, botaremos a andar nesta tempada 2012-2013 unha programación con máis de cen citas estables na que, amais de darlle continuidade a todas as actividades que xa se realizaban en tempadas anteriores, imos tentar incorporar dúas novas liñas de traballo: o Comando Le, dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, e unha proposta lectora para o entorno dos bebés.

Mentres non comeza a nova tempada, deixarémosvos aquí dúas crónicas pendentes do final da tempada pasada: a V Noite na Biblioteca e a IV Fogueira dos versos. Esperámosvos a semana que vén no Contomar, no Sete vidas e na Casa da Lectura.