27/6/12

O club Lecturas debuxadas despediuse ata outubro


 O pasado 19 de xuño celebrouse na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión da tempada do club Lecturas debuxadas de Espazo Lectura, especializado en banda deseñada. Esta sesión de despedida xirou arredor de Un zoo en invierno de Jiro Taniguchi, un cómic que nos permitiu falar de moitas cousas: das técnicas de debuxo empregadas no libro, moi especialmente no referido aos fondos; do mundo dos debuxantes de manga e dos aspectos autobiográficos deste volume; doutros cómics de Taniguchi e, en xeral, dos referentes e do ton das súas obras; etc. Aquí quedan algunhas imaxes desa última sesión.








Aproveitouse tamén esta última sesión para que os membros do club puidesen intercambiar recomendacións de lectura de cómics para o verán e para presentar a proposta coa que retomaremos a actividade deste club en outubro: Cabana de Balieiros, de Tokio, editado por Demo Editorial. Será o 16 de outubro nunha sesión na que contaremos coa presenza do autor.

20/6/12

Este sábado, IV Fogueira dos versos na Casa da Lectura


Este próximo sábado 23 de xuño, a partir das 21:00h, a Casa da Lectura acollerá a actividade coa que Espazo Lectura pecha a tempada 2011-12: a IV Fogueira dos Versos. O acto, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, combinará lume, poesía e maxia para celebrar lendo a noite de San Xoán. Arredor dun pequeno lume que nos servirá para asar uns chourizos, compartiremos, como en anos anteriores, cea, conversa, poemas e maxia nunha proposta coa que pecharemos as nosas actividades ata despois do verán. 

O horario será o seguinte:

21:00-22:30h: Cea compartida. Aínda que asaremos uns chourizos, agradécese que as persoas que se acheguen traian algo de cea para compartir.
22:30h-23:15h: Música, baile e herbas de San Xoán.
23:15-24:00h: Lectura de poemas.
24:00h-01:00h: Lume de maxias, actuación do Mago Cali.

Convidámosvos a achegarvos, adultos e nenos, o sábado á noite á Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) para celebrar xuntos a noite de San Xoán e darlle vida á luz da poesía. Traede os vosos poemas para ler!!

17/6/12

Este martes, Taniguchi no club Lecturas debuxadas

 
O martes 19 de xuño o Club Lecturas Debuxadas terá a última sesión da tempada, na que comentaremos o cómic Un zoo en invierno, de Jiro Taniguchi. A actividade comeza ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Con esta proposta o Club Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura despídese ata o mes de outubro.

O libro
Un zoo en invierno relata os comezos de Jiro Taniguchi como mangaka. Trátase dun cómic semi-autobiográfico onde o autor nos conta como deixou todo para irse a Tokio, onde se incorporará ao equipo do maestro mangaka Kondo (Kyota Ishika na vida real). Neste traballo, Hamauchi (seudónimo do propio Taniguchi) aprenderá todas as etapas do traballo de facer mangas e darase conta da dificultade de realizar unha obra propia.

O autor

Jiro Taniguchi é un famoso autor de manga xaponés de estilo realista, trazo limpo e acabado detallista, moi influenciado polo cómic europeo. É autor dos mangas Barrio Lejano, La montaña mágina, El almanaque de mi padre ou El gourmet solitario, entre outros moitos títulos.


A continuación, algunhas das imaxes da sesión do pasado mes de maio, na que falamos de Agencia de viajes Lemming, de José Carlos Fernandes.




15/6/12

A Casa da Lectura despediuse coa voda do tío Perico

Este pasado mércores 13 de xuño a Casa da Lectura acolleu a celebración da voda do tío Perico. Os convidados asistiron primeiro a unha recepción na que recibiron as instrucións necesarias para participar no evento e puideron engalanarse cunhas elegantes pamelas e outros complementos. A continuación, organizados en grupos (as leitugas, as cabras, os paus, os lumes e as chuvias), ensaiaron a súa parte do conto e agardaron a chegada do galo Quirico que, logo de papar o vermiño, foi recibindo un merecido castigo por parte dos distintos grupos, que o acompañaron a ritmo de rap no seu accidentado camiño cara á casa do tío Perico, onde acabou na pota do cociñeiro, quen preparou con el unhas saborosas tiras de galo fritido que todos os convidados puideron degustar no banquete final.

Aquí vos deixamos a crónica en imaxes desta orixinal celebración, festeira e moi participativa, coa que despedimos ata despois do verán as sesións de dinamización dos mércores na Casa da Lectura. Grazas a todos os contadores e contadoras que fixeron posible que cada mércores a Casa da Lectura nos acollese e nos sorprendese cun amplo e variado abano de propostas de dinamización lectora e grazas tamén a todas as familias que cada semana se achegan a Donas para gozar e compartir historias e afectos. Vémonos de novo despois do verán.



14/6/12

O Sete vidas despediu a tempada con Pedro Feijoo



O club de lectura Sete vidas despediu a tempada o pasado 5 de xuño cunha sesión na que contamos coa presenza de Pedro Feijoo para falar do seu libro Os fillos do mar, unha novela de ritmo trepidante, que suscitou unha valoración moi positiva por parte dos asistentes. O autor confirmou que, efectivamente, fora a súa vontade escribir unha historia que enganchase os lectores, que tivese vocación de conectar. Pedro Feijoo tamén resaltou a importancia da memoria e a vontade da súa novela de afondar na nosa identidade histórica. A ese respecto, algúns dos participantes resaltaron o atractivo engadido que supón para o lector o itinerario, actual e histórico, que se propón indirectamente, a través dos personaxes, pola arquitectura e o patrimonio histórico-monumental da cidade de Vigo. Ao remate, Pedro Feijoo comentou que xa está  a traballar en novos proxectos e que ten unha novela moi adiantada.

Con esta sesión, o club Sete vidas despediu a tempada. As lecturas e as conversas retomaranse no mes de outubro coa novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, editada por Galaxia. Con estas imaxes da nosa conversa con Pedro Feijoo despedímonos e desexámosvos unhas boas vacacións cheas de libros e lecturas.








12/6/12

Este mércores, voda de despedida na Casa da Lectura

 

Este mércores 13 xuño rematamos a tempada na Casa da Lectura cunha sesión especial. Imos celebrar unha voda: levaremos traxe, flores, música e, por suposto, a merendola. Todo para acompañar O galo Quirico, que vai á voda do tío Perico. Nós xa recibimos a invitación... Vós podédela recoller na Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas) este mércores ás 18:30h.


Con esta actividade, as sesións dos mércores na Casa da Lectura despídense ata despois do verán. Deixámosvos agora algunhas imaxes da sesión musical da semana pasada, na que cantamos e bailamos ao son das cantigas do libro-disco Na punta do pé, de Pesdelán.












10/6/12

Así foi o Lendo contigo de maio


O sábado 26 de maio celebramos a última sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo. Durante este curso tivemos de todo: libros estupendos, gravacións en vídeo, limericks, lecturas públicas colectivas e compartidas, obras de teatro abreviadas, galiñas azuis, receitas urxentes, golfiños...
E para a despedida preparamos unha sesión especial en moitos sentidos: era a primeira vez que non tiñamos proposto un libro de lectura, que realizabamos a actividade na Casa da Lectura e que faciamos un obradoiro sobre a historia da escritura, o libro e a imaxe impresa.
Para tan novidosa sesión contamos coa presenza de Xose Valtierra, especialista en divulgación de patrimonio histórico, que fixo con nós un interesantísimo percorrido pola historia da escrita e do libro desde o Paleolítico ata a Idade Media, sen esquecer os exipcios, os romanos ou os árabes. Papiros, pergamiños ou imprentas foron algúns dos materiais dos que nos falou e aprendemos, por exemplo, como se facían os primeiros contratos económicos ou de troco cunhas bólas de barro nas que se gravavan os acordos. Agradecémoslle a Xose que viñese a compartir con nós todos os seus coñecementos sobre como eran as cousas na antigüidade.
Como peche celebramos o remate do club cun xantar compartido e quedamos citados para finais do mes de outubro, cando o Lendo Contigo abrirá de novo as súas portas aos segredos que agochan no seu interior os libros.
Mentres tanto, quedades coa crónica fotográfica desta última sesión. Que teñades un verán cheo de amigos e amigas, de sol e de libros!

6/6/12

Despediuse o Contomar ata despois do verán


A semana pasada o Contomar celebrou a súa última sesión desta tempada cuns convidados moi especiais: A familia Caravana. Á Biblioteca de Gondomar chegou o Run-Run Circus, que instalou alí a súa caravana e a súa pista para ofrecernos algúns dos números do seu espectáculo. Da man dos libros de Carreiro & Carreiro publicados por Edicións do Cumio puidemos coñecer as historias Un hipopótamo moi áxil ou Desaparecidos por arte de maxia. Ademais, démoslles os nosos parabéns e un libro de agasallo aos nenos e nenas que tiñan no seu carné máis estrelas de asistencia neste contacontos que celebramos todos os luns na Biblioteca Municipal.

No remate desta sexta tempada do Contomar, desde Espazo Lectura queremos agradecerlle á Concellería de Cultura do Concello de Gondomar a súa colaboración, ás editoriais e colexios que son socios protectores o seu apoio, ás nais e pais que contan contos a súa participación, ás familias a súa asistencia e, dun xeito moi especial, a Tere, Irene, Luís e Rosa o seu traballo de coordinación nestas sesións semanais de contacontos que nacían en febreiro de 2006 e que volverán a estar con todos os nenos e nenas despois do verán. Aquí vos deixamos unha crónica en imaxes da visita da familia Caravana.


5/6/12

O libro-disco Na punta do pé, na Casa da Lectura


Na sesión deste mércores 6 na Casa da Lectura imos escoitar, cantar e bailar co libro-disco Na punta do pé de Pesdelán (Kalandraka). E, se o tempo o permite, gozaremos dun serán de contos con cantareiras e pandeiretas. A actividade comezará ás 18:30h na Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas). Esperámosvos!

Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada, na que contamos contos sobre vexetais e logo fixemos algúns vehículos de "comida rápida".










4/6/12

A novela Os fillos do mar no club Sete vidas



Este martes 5 de xuño o club de lectura Sete vidas pecha a tempada cunha sesión na que falaremos da novela Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, editada por Xerais. A actividade comeza coma sempre ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. A partir das 21:00h Pedro Feijoo achegarase á biblioteca para conversar sobre a novela coas persoas que participen na sesión. Con esta proposta o club Sete vidas de Espazo Lectura despídese ata o mes de outubro.

O libro

A novela Os fillos do mar, finalista do Premio Xerais 2011, condúcenos polo Vigo de hoxe da man de Simón, un arquitecto mediocre que recibe un estraño encargo para realizar unha reforma nun pazo de Canido, propiedade de Isabel Llobet, unha muller da alta sociedade viguesa. A novela, de intriga e aventuras, proponnos tamén unha viaxe histórica ata a Batalla de Rande, a Guerra Civil española e os tempos do nazismo alemán. Unha novela trepidante que nos achega aos tesouros da cidade de Vigo, da súa arquitectura e da súa historia.

O autor
 

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) posúe unha formación filolóxica, pero exerceu profesionalmente como músico no grupo «Lamatumbá» durante algúns anos. Publicou un ensaio titulado Cousas do 'Galicia', por Castelao (1997) e Viva ou Fu Remol! (2005). Na actualidade traballa nun estudio musical e compaxina este labor coa creación literaria. Os fillos do mar é a súa primeira novela.

Deixamos a continuación algunhas imaxes da sesión anterior do club Sete vidas, na que falamos con Víctor Freixanes do seu libro Cabalo de ouros.