22/12/12

Lecturas para un bo comezo de ano

Como o Nadal sempre é unha boa época para agasallar libros e para ler, recordamos os libros propostos para o mes de xaneiro nos diferentes clubs de lectura.

Animámosvos a lelos e a comezar o 2013 participando nas actividades de Espazo Lectura!

21/12/12

O Contomar celebra a sesión de despedida do ano con títeres no auditorio Lois Tobío


O domingo 23 de decembro, ás 18:00h, o Contomar despedirá o ano cunha sesión especial no auditorio Lois Tobío de Gondomar, grazas á colaboración da Concellería de Cultura. Trátase da función de títeres Fábula galénica, de Fantoches Baj.



Esta obra para monicreques de luva ten a súa orixe no texto do mesmo nome, galardoado co VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil. Nel réndese homenaxe ás narracións tradicionais, ás radios de galena e á ciencia farmacéutica. A fábula conta a historia do rei Don Cardo, que decide construír un castelo que acaba cos recursos naturais e económicos do lugar. Este feito provocará a reacción dos animais que viven nos seus dominios.

Con esta sesión especial o Contomar despídese ata despois do Nadal, cando volverá á Biblioteca de Gondomar todos os luns ás 18:00 horas con centos de contos para os cativos e cativas e as súas familias.
Estas son as imaxes tomadas na sesión do luns pasado.


 

20/12/12

O Lendo Contigo celebra o seu quinto aniversario cunha sesión conxunta co Comando Le



Este sábado, 22 de decembro, ás 12:00h, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario.
Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e FranciscoCastro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá...

O neno can é un libro de relatos nos que os autores quixeron abordar asuntos relacionados cos dereitos da infancia, ou máis ben, coa falta de dereitos básicos que unha parte moi importante dos nenos e nenas do mundo padecen hoxe en día. Así, cóntannos historias deses cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo; a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas; a discriminación de quen é diferente por calquera motivo e así carne de canón social.

18/12/12

Este mércores sesión especial na Casa da Lectura coa escritora e xornalista María Solar


A Casa da Lectura acolle este mércores 19 de decembro unha sesión especial de dinamización lectora coa presenza da escritora e xornalista María Solar, quen contará o seu conto Vou ter un irmán , publicado pola editorial Galaxia con ilustracións de Xosé Tomás. Posteriormente María Solar realizará cos nenos e nenas diferentes actividades relacionadas coa lectura e cos distintos tipos de nacemento e xestación, para logo centrarse nos nove meses de xestación humana e rematar repasando cousas que aprendemos durante os pirmeiros meses de vida.


A sesión comezará, coma sempre, ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta desde as 17:30h para servizo de préstamo e lectura. Con esta sesión Espazo Lectura despide as actividades da Casa da Lectura, que voltarán despois do Nadal, o 9 de xaneiro de 2013.

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión Somos iguais, somos diferentes, que realizaron a semana pasada na Casa da Lectura tres rapazas do Comando Le de Espazo Lectura arredor do tema dos Dereitos Humanos.


17/12/12

Unha novela gráfica de Kim Deitch, o martes no Club de Lectura Debuxadas

O vindeiro martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, como vén sendo habitual, terá lugar unha nova sesión do Club de Lecturas Debuxadas, dedicado á lectura de novela gráfica ou banda deseñada. O título elixido nesta ocasión, arredor do que se centrará o debate das persoas asistentes, é Na procura de Ed o Riseiro, de Kim Deitch, editado por Rinoceronte editora.
Traducida do inglés por Rafael Salgueiro, Na procura de Ed o Riseiro é unha arriscada proposta que relata a investigación que Kim Deitch fai dos segredos ocultos da vida e da profesión do presentador dun programa de televisión para nenos e do seu malévolo (de feito, posiblemente demoníaco) camarada. Acabarán metidos na alladada uns extraterrestres, o mesmo que Abraham Lincoln… e naturalmente o omnipresente protagonista das aventuras de Deitch, o gato Waldo.

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión do mes de novembro, na que comentamos Barrio, de Carlos Giménez.






15/12/12

Contos sobre o Nadal este luns no Contomar



Este próximo luns 17 de decembro no Contomar cantaremos e contaremos historias e cancións relacionadas co Nadal: Os Bolechas festexan o Nadal, Olivia recibe o Nadal, Antón e o Apalpador e Xa me tardan estes Magos. Será, como cada luns, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Ademais, os nenos e nenas que teñen esta tempada máis estrelas de asistencia no seu carné do Contomar recibirán, grazas á colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, unha invitación para asistir á sesión especial de peche de ano do Contomar que se celebrará no auditorio Lois Tobío o domingo 23 de decembro ás 18:00h: será unha función do espectáculo de títeres Fábula galénica, de Fantoches Baj, baseado no libro Fábula galénica, de Inácio Vilariño, editado por Baía Edicións.






A continuación deixámosvos algunhas imaxes da sesión celebrada o pasado luns 10 de decembro.


14/12/12

Este venres, concerto de «Arrolos de Salitre» dentro das sesións de Contos en Cueiros



A actividade de animación á lectura para bebés de 0 a 3 anos Contos en Cueiros ten unha nova cita o venres 14 ás 18:00 horas na Biblioteca de Gondomar. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, organizado por Espazo Lectura coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. Os músico interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre, unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón.

As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.

O disco Arrolos de Salitre é unha das publicacións do selo discográfico Músicas de salitre, do que Xabier Díaz e Guillerme Fernández son promotores.

O coruñés Xabier Díaz é cantante, compositor e investigador do folclore galego. Actualmente é a voz do grupo Berrogüeto. Foi mestre de música e baile tradicional galego e dende 1995 participou na publicación de varios discos, como integrante do grupo Rumbadeira, do que foi fundador, e en colaboración con outros artistas como Guillerme Fernández. Guillerme Fernández, orixinario de Nigrán, é compositor, arranxista e intérprete de Berrogüetto dende os inicios da banda; destaca non só polas súas colaboracións con grupos e artistas galegos, senón tamén polas súas inquedanzas culturais e sociais. Dende 2006, ambos conducen conxuntamente o programa musical “Tres peixes voando”, na Radio Galega. 

12/12/12

Crónica do Lendo Contigo de novembro

O sábado 24 de novembro tivo lugar a sesión do Lendo contigo co escritor Daniel Ameixeiro e o seu libro Bonifacio foi a palacio.
En canto abrimos o libro a maxia da súa historia inundou a Biblioteca de Gondomar de imaxes que non sabiamos se correspondían á realidade ou á fantasía. Das súas páxinas chegou o autor nunha chuvia de palabras a coro e contounos moitas cousas sobre Bonifacio. Logo, os personaxes, que fuxiran do libro polo burato aberto polos nosos soños, achegáronse a nós: a Princesa Liela, o Mago Rododendro, o Príncipe Rampante, o Príncipe Liorteiro, Adosinda, o Cabaleiro Poeta, a Raíña Meendiña, o Doutor Ruperto... Co tempo detido o espazo era un túnel, un corredor que conectaba a forza da imaxinación co cristal dos nosos ollos. Pero nada é para sempre e todo ten un lugar: os personaxes debían volver ao seu mundo de castelos e princesas, de crocodilos vexetarianos e dragonas con biberón e nós debiamos continuar a nosa vida. Hai unha orde no universo que non se debe alterar... Si, a mesma chuvia de palabras, a mesma fervenza serviu para pechar o libro e que as nosas pálpebras caesen nun breve sono. Dixemos entón adeus a Bonifacio e fomos ao seu palacio... Ou foi el quen veu a nós?

 O sábado 22 de decembro teremos a última sesión do club por este ano. Contaremos coa presenza de Fina Casalderrey e Francisco Castro que nos falarán do seu libro, escrito a catro mans, O neno can (Galaxia, 2012) un conxunto de cinco relatos que nos falan con dureza e verdade dos dereitos básicos na infancia. Será, coma sempre, ás 12:00 da mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar. Deseguido pódese ver é a guía de lectura para esa sesión.



11/12/12

Este mércores, na Casa da Lectura: "Somos iguais, somos diferentes"


Esta semana a Casa da Lectura recibirá a visita de Eva, Noa e Anahí, tres rapazas do Comando Le que van facer unha sesión de dinamización lectora para os máis pequenos arredor do tema que están a traballar este trimestre: os Dereitos Humanos.
A sesión, que leva por título Somos iguais, somos diferentes, xirará arredor de tres contos: Unha parella diferente, Raro eu? e Por catro esquiniñas de nada. A partir deles falaremos da sensación de estrañeza que nos provocan ás veces as persoas que son diferentes, da necesidade de asumir a diferenza e a diversidade como unha riqueza e da importancia que teñen as linguas como mostra desa pluralidade. No peche da sesión xogaremos a formar parellas diferentes que, a pesar da diversidade, conseguen entenderse.
Agardámosvos a partir das 18.30 na Casa da Lectura.

Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada.

Espazo Lectura únese ao acto colectivo RecitandoCelsoemiliO


Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) réndelle unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.

O acto colectivo RecitandoCesoemiliO consistirá nun recitado público, en centros de ensino, concellos, asociacións culturais, etc., do poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).

Espazo Lectura únese a esta campaña recitando o poema o mércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas no Café Rañolas de Gondomar. Achegádevos!

10/12/12

Tres institutos da área de Gondomar, novos socios protectores

Incorpóranse tres novos centros de ensino ao proxecto de Espazo Lectura como socios protectores: trátase do IES Auga da Laxe, do IES Terra de Turonio e do IES Escolas ProVal. Estes institutos de Educación Secundaria únense aos colexios da comarca que xa son socios protectores de Espazo Lectura e que colaboran co noso proxecto facéndolles chegar ás familias do seu alumnado a información mensual das nosas actividades para convidalas a participar. Desde Espazo Lectura queremos agradecerlles a estes tres novos socios protectores e a todos os demais que apoien o noso proxecto de fomento da lectura e nos axuden a difundilo e a fortalecelo socialmente.

Ademais da ampla nómina de centros de ensino, tamén son socias protectoras de Espazo Lectura once editoriais galegas e dúas compañías de teatro. Grazas a todos eles pola súa colaboración e o seu apoio.

8/12/12

O Nadal vai chegando ao Contomar


O Nadal vaise aproximando e no Contomar deste luns, 10 de decembro, xa leremos contos de Reis, como é o caso de Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis. Pero haberá moitos máis contos: Cocorico, Cando chove ou Os Bolechas van de pesca, son outras das historias que se van escoitar ese día. A actividade comeza ás 18:00 horas na Biblioteca de Gondomar.

Estas son algunhas imaxes da semana pasada.


7/12/12

Membros dos clubs de lectura participan nunha conversa con Agustín Fernández Paz no Culturgal

O pasado domingo 2 de decembro o Salón do Culturgal acolleu unha entrevista ao escritor AgustínFernádez Paz por parte dun grupo de lectores e lectoras de Espazo Lectura, moderados pola xornalista e escritora María Solar. Dous membros do club Sete Vidas, dous do Comando Le outros dous do Lendo contigo mantiveron co escritor unha interesante conversa na que se falou da súa obra, das súas lecturas de referencia, das súas preocupacións como autor do seu tempo, da súa concepción da literatura infantil, da situación da lingua, do cine ou do papel das novas tecnoloxías na literatura.

 

6/12/12

O Comando Le reuniuse de novo


Este pasado sábado 1 de decembro reuníronse na Casa da Lectura os membros do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, que ao longo deste trimestre está desenvolvendo distintas actividades arredor do tema dos Dereitos Humanos.
A cita comezou cunha cea compartida e continuou cun xogo por grupos para facermos un achegamento á realidade do Senegal e contextualizar así a proxección de Binta e a grande idea, de Javier Fesser. Logo da película, conversamos, escoitamos música de Yossou N’Dour e compartimos impresións e reflexións sobre o acceso á educación. Rematamos comentando a próxima actividade, a lectura do libro O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, así como outras ideas e propostas dos propios rapaces e rapazas.

5/12/12

Inaugurada a actividade Contos en cueiros

O venres 30 de novembro inauguramos Contos en cueiros, a nova actividade de Espazo Lectura dirixida a bebés de 0 a 3 anos coas súas familias.

A "madriña" da actividade foi Ana Abelenda, contacontos, animadora á lectura e especialista en Educación Infantil, que impartiu unha charla destinada a nais, pais e público en xeral, baixo o suxestivo título de "Os bebés tamén len".
Diante dunhas 50 persoas, Ana Abelenda fixo unha intervención clara, ilustrativa e amena sobre as distintas etapas prelectoras: dende o primeiro "encontro literario", como o denominou, cos arrolos e as cantigas populares, o achegamento á tradición oral a través de cancións que convidan á exploración corporal, pasando polos xogos de cucú-tras e, finalmente, entrando de cheo no libro, con vocabularios e contos ilustrados. Para exemplificar o que explicaba, deleitounos cun bo número de cancións, mesmo nos fixo cantar.

A próxima cita de Contos en Cueiros será o vendes 14, coa actuación de Xabier Díaz e Guillermo Fernández que presentarán o seu traballo Arrolos de Salitre, un disco de nanas e arrolos destinado especialmente a bebés.

Deseguido pódense ver varias imaxes da charla de Ana Abelenda.

Noites Golfas con Julián Hernández e Manolo Romón

O sábado 17 de novembro acolleu unha nova edición das Noites Golfas co espectáculo "Opera aperta" do músico Julián Hernández e o poeta Manolo Romón.
Deseguido podedes ver un pase de fotografías dese día e a reportaxe que Gondomar TV fixo sobre o evento.


4/12/12

O valor da diferenza na Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora deste mércores, 5 de decembro, xirará arredor de tres contos: Nadarín, Rosa Caramelo e Artur e Clementina. Tres libros que convidan a pensar e a aprender valiosas leccións como o valor da diferenza, a igualdade ou a superación de estereotipos sexistas.
A actividade comeza ás 18:30h na Casa da Lectura e unha hora antes xa podedes achegarvos para consultar ou levar libros en préstamo.


Estas imaxes foron tomadas na sesión da semana pasada, onde viaxamos polas diferentes rexións do planeta e coñecemos os animais que habitan nelas.

 



 

3/12/12

POB. 1280 de Jim Thompson, mañá no Sete vidas

Este martes 4 de decembro ás 20:00h vaise celebrar na Biblioteca Municipal de Gondomar a sesión de decembro do club de narrativa Sete vidas, que xirará arredor de POB. 1280, de Jim Thompson, editada en galego por Rinoceronte Editora. Trátase dunha novela ambientada no Sur profundo dos Estados Unidos a principios do séc. XX que presenta unha historia narrada en primeira persoa polo seu protagonista, o shériff Nick Corey. Polo que o propio Corey nos conta, non é o shériff máis espelido –nin máis traballador– do mundo: o seu lema é mirar para outro lado e non intervir, salvo que zafarse lle resulte totalmente imposible.

Jim Thompson (Oklahoma 1906-California 1977) foi novelista, xornalista e guionista. Na década de 1950 gañou certo renome no circuíto da novela negra, mais foi a súa unha fama pasaxeira e restrinxida. A finais do século xx, porén, comezou a reivindicarse a súa obra polo seu valor literario intrínseco, que transcendía os límites do xénero negro. Fillo dun shériff rural defenestrado por ludópata, familiarizado desde a adolescencia coas miserias ocultas da sociedade «normal» (traballou de mozo de hotel en plena Lei Seca), de vida sempre inestable, alcohólico ata o final, Thompson soubo observar con agudeza e retratar con mestría.

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión do pasado mes de novembro, que xirou arredor da novela Meu pai vaite matar e contou coa presenza da autora, María Xosé Queizán.



 







2/12/12

Este luns no Contomar vannos visitar moitos animais


Unha ratiña, unha ra, un gato, un osiño... Este luns no Contomar de Espazo Lectura imos recibir a visita de moitos animais que virán dentro das historias de Rata linda de Compostela, Ranilda, O gato lambón ou As aventuras de osiño. A cita será, coma sempre, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Agardámosvos mañá luns para que sentedes a escoitar contos, como fan moitos nenos e nenas cada luns. Aquí vos deixamos algunhas imaxes da sesión da semana pasada.



1/12/12

Lectores/as de Espazo Lectura entrevistarán mañá a Agustín Fernández Paz no Culturgal

Un grupo heteroxeneo de lectores e lectoras de Espazo Lectura manterá mañá domingo un encontro público co escritor Agustín Fernández Paz no salón do Culturgal (a Feira das Industrias Culturais Galegas) que se celebra estes días no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os lectores e lectoras entrevistarán ao escritor ás 13,00 h, mantendo con el un debate sobre os seus libros que será moderado pola xornalista María Solar. Os participantes pertencen a distintos tres tramos de idade e son habituais de distintos clubs de lecura: Lendo Contigo (de carácter infantil), Comando Le (para adolescentes) e Club de Lectura Sete Vidas (para adultos). Deste xeito, quedan representados no acto os diferentes tipos de lectores e lectoras que acceden aos libros de Agustín Fernández Paz. Trátase do segundo ano que Espazo Lectura mantén unha colaboración coa organización do Culturgal, logo de que o ano pasado se celebrase un encontro co escritor Manuel Rivas, tamén a cargo de Espazo Lectura.
Aproveitamos para recomendar a visita ao Culturgal, que mañá domingo celebrará o seu día máis intenso. Toda a programación pode consultarse na web do Culturgal ou descargarse aquí en pdf).

Actualización 23:00 h.
Reproducimos unha fotografía do acto.


Nova sesión do Comando Le


Este sábado 1 de decembro celébrase a segunda sesión do Comando Le, a nova liña de actividades de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. A cita será na Casa da Lectura a partir das 20:30h e incluirá unha cea compartida e a proxección da película Binta e a grande idea, de Javier Fésser, seguida dun coloquio que nos permitirá debater e reflexionar sobre o acceso das mulleres á escola como camiño para mellorar a calidade de vida e o respecto ao dereito á educación que deben ter todas as persoas. Con esta actividade, o Comando Le afondará na reflexión sobre o tema de debate escollido para este trimestre: os Dereitos Humanos. Esta nova liña de actividades de Espazo Lectura vailles propoñer aos rapaces e rapazas que participan escoller un tema cada trimestre e achegarse a el a través da música, o cine, as charlas, as saídas, o debate e, por suposto, os libros.

As actividades do Comando Le comezaron este pasado mes de novembro cun Magosto Literario no que os rapaces e rapazas fixeron unha lectura pública de textos que trataban diferentes aspectos relacionados co cumprimento dos dereitos recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Este ciclo trimestral completarase o próximo 22 de decembro cunha sesión de club de lectura compartida co club Lendo contigo que xirará arredor do libro O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, na que contaremos coa presenza dos autores.

29/11/12

Contos en cueiros: nova actividade para bebés




Este venres 30 de novembro Espazo Lectura, coa colaboración da concellería de Cultura do Concello de Gondomar, pon en marcha Contos en cueiros: contacontos para bebés de 0 a 3 anos, unha actividade que pretende ser un lugar de encontro para nais e pais cos seus bebés arredor das cancións, os contos e os xogos como unha maneira de achegarse á lectura.

A primeira sesión será unha charla de formación titulada "Os bebés tamén len" e terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar este venres 30 de novembro ás 18:30h. A charla, dirixida a nais e pais de bebés e a todo o público interesado, contará coa presenza de Ana Abelenda, contacontos, animadora á lectura e especialista en Educación Infantil. 

27/11/12

De viaxe na Casa da Lectura


Esta semana, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, imos percorrer os diferentes hábitats da terra e os animais que os habitan da man da serie de contos Pequechos de Kalandraka. Debedes estar preparados para viaxar pola sabana, as terras polares, os desertos, os ríos, lagos e montañas, e ser quen de descubrir diferentes adiviñas que se van propoñer.
Non deixes escapar esta aventura. Ven o mércores 28 de novembro, ás 18:30 horas, á Casa da Lectura.

Nestas imaxes amósanse varios momentos da sesión da semana pasada.


Convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria

Lembramos aos socios e socias de Espazo Lectura que o martes 11 de decembro de 2012, a partir das 18:30 horas en primeira convocatoria e das 19:00 horas en segunda, terá lugar na Casa da Lectura unha Asemblea Xeral Extraordinaria coa seguinte

ORDE DO DÍA

1. Presentación, debate e, se procede, aprobación dunha proposta para a renovación do sitio web de Espazo Lectura.

Prégase a asistencia de todos os socios e socias.

24/11/12

Máis contos no Contomar


O Contomar deste luns, 26 de novembro, traerá contos como O soño do galo, O carameliño sen cor e sen sabor, Coas mans baleiras ou Os Bolechas van de pesca. Non podedes perdelo! A cita é na biblioteca de Gondomar ás 18:00h.

Velaí algunhas imaxes da sesión do luns pasado.


22/11/12

Este sábado, club de lectura Lendo Contigo en Gondomar


Este sábado, 24 de novembro, a Biblioteca Municipal de Gondomar acolle a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo.
Este mes, o libro sobre o que vai xirar a sesión é Bonifacio foi a palacio (Tambre/Edelvives, 2005), un relato de aventuras de Daniel Ameixeiro. O seu autor, Daniel Ameixeiro, estará en Gondomar para encontrarse cos nenos e nenas que queiran achegarse á biblioteca.
O acto comeza ás 12:00h.

20/11/12

Atrapamos soños na Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora desta semana na Casa da Lectura vai xirar arredor do conto Oso atrapabolboretas. Oso vivía no bosque. O que máis lle gustaba era andar de paseo, botar unha soneca ao pé do lago e coleccionar cousas que atopaba entre as árbores. Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama. Que podería facer con isto? Cazar bolboretas!
Durante a sesión, que terá lugar o mércores 21 ás 18:30 horas, os nenos e nenas que participen aprenderán a atrapar soños coma quen atrapa bolboretas.

Hai dúas semanas, na Casa da Lectura lemos imaxes.