29/11/12

Contos en cueiros: nova actividade para bebés




Este venres 30 de novembro Espazo Lectura, coa colaboración da concellería de Cultura do Concello de Gondomar, pon en marcha Contos en cueiros: contacontos para bebés de 0 a 3 anos, unha actividade que pretende ser un lugar de encontro para nais e pais cos seus bebés arredor das cancións, os contos e os xogos como unha maneira de achegarse á lectura.

A primeira sesión será unha charla de formación titulada "Os bebés tamén len" e terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar este venres 30 de novembro ás 18:30h. A charla, dirixida a nais e pais de bebés e a todo o público interesado, contará coa presenza de Ana Abelenda, contacontos, animadora á lectura e especialista en Educación Infantil. 

27/11/12

De viaxe na Casa da Lectura


Esta semana, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, imos percorrer os diferentes hábitats da terra e os animais que os habitan da man da serie de contos Pequechos de Kalandraka. Debedes estar preparados para viaxar pola sabana, as terras polares, os desertos, os ríos, lagos e montañas, e ser quen de descubrir diferentes adiviñas que se van propoñer.
Non deixes escapar esta aventura. Ven o mércores 28 de novembro, ás 18:30 horas, á Casa da Lectura.

Nestas imaxes amósanse varios momentos da sesión da semana pasada.


Convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria

Lembramos aos socios e socias de Espazo Lectura que o martes 11 de decembro de 2012, a partir das 18:30 horas en primeira convocatoria e das 19:00 horas en segunda, terá lugar na Casa da Lectura unha Asemblea Xeral Extraordinaria coa seguinte

ORDE DO DÍA

1. Presentación, debate e, se procede, aprobación dunha proposta para a renovación do sitio web de Espazo Lectura.

Prégase a asistencia de todos os socios e socias.

24/11/12

Máis contos no Contomar


O Contomar deste luns, 26 de novembro, traerá contos como O soño do galo, O carameliño sen cor e sen sabor, Coas mans baleiras ou Os Bolechas van de pesca. Non podedes perdelo! A cita é na biblioteca de Gondomar ás 18:00h.

Velaí algunhas imaxes da sesión do luns pasado.


22/11/12

Este sábado, club de lectura Lendo Contigo en Gondomar


Este sábado, 24 de novembro, a Biblioteca Municipal de Gondomar acolle a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo.
Este mes, o libro sobre o que vai xirar a sesión é Bonifacio foi a palacio (Tambre/Edelvives, 2005), un relato de aventuras de Daniel Ameixeiro. O seu autor, Daniel Ameixeiro, estará en Gondomar para encontrarse cos nenos e nenas que queiran achegarse á biblioteca.
O acto comeza ás 12:00h.

20/11/12

Atrapamos soños na Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora desta semana na Casa da Lectura vai xirar arredor do conto Oso atrapabolboretas. Oso vivía no bosque. O que máis lle gustaba era andar de paseo, botar unha soneca ao pé do lago e coleccionar cousas que atopaba entre as árbores. Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama. Que podería facer con isto? Cazar bolboretas!
Durante a sesión, que terá lugar o mércores 21 ás 18:30 horas, os nenos e nenas que participen aprenderán a atrapar soños coma quen atrapa bolboretas.

Hai dúas semanas, na Casa da Lectura lemos imaxes.








19/11/12

O club Lecturas Debuxadas dedica a sesión mensual a Carlos Giménez




O club Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura celebra este martes 20 de novembro a súa sesión mensual. Nesta ocasión, a obra sobre a que se vai falar é Todo Barrio, de Carlos Giménez. A sesión comezará ás 20:00 horas e terá lugar na Biblioteca de Gondomar.

Carlos Giménez está considerado como o autor máis importante da historieta española das últimas tres décadas. En Barrio narra a súa infancia no Madrid dos anos 50 tras saír do orfanato de Paracuellos.

 


Na sesión do mes de outubro, tivemos a visita de Tokio, autor de Cabana de Balieiros. Estas son varias imaxes dese día.




17/11/12

15/11/12

O músico Julián Hernández e o poeta Manuel Romón estarán este sábado nas Noites Golfas


O músico Julián Hernández e o poeta Manuel Romón estarán este sábado, 17 de novembro, nas Noites Golfas que celebra Espazo Lectura na Casa da Lectura, en Donas, Gondomar.
O acto, que dará comezo á 22:30 horas, titúlase "Opera aperta"e consiste nun recital performativo construído a base de combinar a palabra, a música e os silencios, establecendo un diálogo contemporáneo entre a palabra e a música.
O músico Julián Hernández, fundador e líder de Siniestro Total, e o poeta Manuel Romón ofreceranlle ao público de Espazo Lectura un recital de carácter minimalista con vocación transgresora.

Ambos os dous artistas teñen unha longa traxectoria de traballo en común desde que, a finais dos anos 70, se creara o grupo de comunicación poética Rompente na cidade de Vigo. A súa actitude de vangarda como forma de encarar a relación co proceso creativo e a súa comunicación forma parte dos espectáculos, que teñen vocación de axitar e levar a poesía e a música a espazos e escenarios novos, procurando conectar co público desde o seu carácter experimental. Este magnífico espectáculo, que Espazo Lectura se comprace en poder ofrecer no Val Miñor, realizouse en lugares como a Fundación Luís Seoane da Coruña ou o Auditorio Municipal do Concello de Vigo.

Fonte imaxe: El Mundo.

14/11/12

Os membros do Comando Le celebraron un magosto literario

O sábado 11 de novembro, o Comando Le, o club de Espazo Lectura formado por rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, organizou un magosto literario na Casa da Lectura aberto a todos os socios e socias da asociación para presentar esta nova liña de traballo que botou a andar a finais de outubro.
Durante o acto, os membros do club presentaron varios murais deseñados por eles e leron textos e letras de cancións relacionados cos dereitos humanos, o tema sobre o que xirarán este trimestre os encontros do Comando.
Antes de pechar o acto literario e comezar o magosto, leuse unha escolma de artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Deseguido pódese ver unha crónica en imaxes do acto.

13/11/12

Este mércores non hai Casa da Lectura

Con motivo da convocatoria de folga xeral para este mércores 14 de novembro, a Casa da Lectura non abrirá as súas portas, polo que as sesións de dinamización lectora retomaranse o vindeiro mércores 21, a partir das 18:30 horas.

11/11/12

Contomar


O vindeiro luns, 12 de novembro, temos unha nova cita co Contomar na Biblioteca Municipal de Gondomar. Algúns dos contos que se escoitarán ese día son Os lunares de Lola, Que tal estás? Linda á espreita ou Mateo.
Non faltedes! A cita é o luns ás 18:00 horas.

Velaquí algunhas imaxes da sesión do Contomar do luns pasado.






8/11/12

Magosto literario na Casa da Lectura


 Este sábado, 10 de novembro, ás 18:00h, Espazo Lectura organiza a un magosto literario na Casa da Lectura para presentar a nova actividade da asociación dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos chamada Comando Le. Os rapaces e rapazas que xa forman parte do Comando ofrecerán castañas asadas e unha lectura de textos sobre os Dereitos Humanos, que é o tema arredor do que xiran as súas actividades ao longo deste trimestre. A este magosto de presentación do Comando Le poden asistir tanto adultos como nenos e nenas.

O Comando Le é unha nova liña de traballo de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre propoñerase un tema arredor do cal se desenvolverán actividades relacionadas con diferentes ámbitos: cine, música, debates, saídas, charlas e, por suposto, libros. Logo do magosto literario deste próximo sábado, as seguintes actividades que realizarán este trimestre arredor do tema dos Dereitos Humanos serán a proxección e debate sobre a película Binta e a grande idea, unha sesión de dinamización lectora para os máis pequenos na Casa da Lectura e unha sesión de club de lectura arredor do libro O neno can coa presenza dos escritores Fina Casalderrey e Francisco Castro.

Espazo Lectura participa nas II Xornadas de Literatura e Ensino

O venres 9 e o sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.
A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, participará o venres ás 17:30 horas na mesa redonda Eu son do Club de Lectura, e ti?, xunto con Joseph Ghanime Lopes, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
O programa completo pode descargarse aquí.

6/11/12

Escribir en imaxes na Casa da Lectura


Na sesión deste mércores, 7 de novembro, imos "escribir en imaxes". A partir de contos sen texto, como Migrando de Mariana Chiesa Mateos, os nenos e nenas xogarán a interpretar as imaxes e a construír historias a partir delas.
A sesión comezará as 18:30 horas e, unha hora antes, a Casa da Lectura xa estará aberta para consulta e préstamo de libros.

5/11/12

María Xosé Queizán no club de lectura Sete Vidas



O martes 6 de novembro na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor da novela Meu pai vaite matar (Edicións Xerais) da autora María Xosé Queizán. A actividade comeza ás 20.00 horas.

Contaremos coa visita da autora
A partir das 21.00 horas, María Xosé Queizán achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.




A continuación pódense ver varias imaxes da sesión do mes de outubro, onde contamos coa presenza de Antón Riveiro Coello.

4/11/12

Así foi o Lendo Contigo con Ramón Caride

Na primeira sesión desta tempada do Lendo contigo recibimos a visita do escritor Ramón Caride que nos veu falar do seu libro Andanzas de Xan Farrapeiro. Foi unha sesión moi animada. Na primeira parte, investigamos con Rosana algunhas das curiosidades que nos presentaba o folleto.
Tamén puidemos pintar e decorar pequenos anacos de tea para compoñer un farrapo colectivo orixinal e multicor. Logo Ramón Caride contounos como xurdiu a idea de escribir a historia de Xan Farrapeiro, unha marabillosa mestura dun conto da tradicion oral coa imaxinación e capacidade creativa do autor. Os nenos e nenas, coma sempre, preguntáronlle cousas sorprendentes. E cando xa pensabamos que todo rematara apareceu Xanfa... Si, Xanfa, o rapeiro, que por un erro fora
convocado á sesión e traía un agasallo moi especial para os nenos e nenas do Lendo: un rap dedicado ao club. Todos cantamos: “Berra comigo: Lendo contigo!”. Como despedida, Rosa, Bea e Irene ensináronnos a composición final do farrapo de Xan Farrapeiro. E así, entre raps, farrapos e libros transcorreu esta primeira sesión, da cal podedes ver unha completa crónica en imaxes.


Agardámosvos na seguinte sesión do club o 24 de novembro con Daniel Ameixeiro e o seu libro Bonifacio foi a palacio, unha sorprendente historia de familia, castelos, dragóns e princesas. Picando sobre esta imaxe podedes ver a guía de lectura que preparamos sobre o libro.

2/11/12

No Contomar do luns...


No Contomar deste luns, 5 de novembro, contaremos, entre outras historias A cebra Camila, Un becho estraño, Os tres osos e O soño do osiño rosa. A cita é na biblioteca de Gondomar ás 18:00 horas.

Na sesión do pasado luns tomáronse as seguintes imaxes.