29/9/09

Comezan as actividades na Casa da Lectura


O mércores 30 de setembro ás 18.30 h comezan as actividades na Casa da Lectura cun obradoiro de ilustración a cargo de Beatriz Núñez. O obradoiro, dirixido a nenos e nenas de máis de 3 anos, farase a partir dos contos Pancho e A viaxe de Pancho, de Antonio Santos, publicados por Kalandraka Editora.

A partir dese día, a Casa da Lectura estará aberta todos os mércores de 17.30 a 19.30, cunha actividade de dinamización ás 18.30 horas (contacontos, obradoiros de ilustración, recitais, merendas con contos...).

24/9/09

Anotación sobre Os ollos do Contomar



No magnífico blog amigo Trafegando ronseis apareceu esta semana unha anotación sobre o libro Os ollos do Contomar. Nela podemos ler, entre outras cousas, o seguinte:
...como falar dun libro que é un tesouro? Tesouro as olladas; tesouro os sorrisos; tesouro os contos. Non é un libro calquera: abrilo supón mergullarse no pracer da literatura, descubrir abraios, aventuras, sorpresas, viaxes. É traspasar barreiras que semellaban infranqueables.

16/9/09

Espazo Lectura prepara as xornadas "Lendo en familia" que se van celebrar no mes de outubro

A familia é o primeiro espazo onde os nenos e nenas poden entrar en contacto co libro e a lectura, polo que resulta fundamental que as nais e pais tomen conciencia do seu papel como mediadores entre os seus fillos e a lectura e que asuman con ilusión ese labor de aprendizaxe compartida. Espazo Lectura é consciente de que a formación e o intercambio de experiencias son importantes para que as nais e pais se sintan seguros e acompañados nese camiño.

As xornadas Lendo en familia, que se celebrarán en Gondomar no mes de outubro e destinadas fundamentalmente a nais e pais, queren ser un paso máis nese esforzo por compartir lecturas:
  • para aprender a contar contos e a ler cos nosos fillos e fillas
  • para reflexionar sobre a importancia da lectura na súa formación
  • para coñecer o que se está a publicar en literatura infantil e xuvenil
  • para divertirse e aprender trucos e para coñecer as ferramentas que poden axudarnos a gozar dese proceso...

Dentro do programa inclúense conferencias e obradoiros a cargo de Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura), Cristina Novoa (asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación), Paula Carballeira (escritora, contadora e actriz), Dolores Vilavedra (profesora da Universidade de Santiago), María do Cebreiro (escritora) ou Agustín Fernández Paz (escritor).

11/9/09

A novela "Festina lente", primeira proposta da tempada para o Club de Lectura Sete Vidas

O martes de 6 de outubro reanúdanse as sesións mensuais do Club de Lectura Sete Vidas, que cumpre ese mesmo mes o seu primeiro ano de vida.

Que é o Club de Lectura Sete Vidas?

Ao Sete Vidas acode un grupo aberto e heteroxéneo de persoas que teñen en común o feito de que lles gusta ou lles apetece ler. Reúnense unha vez ao mes para, despois de ler un libro proposto, falar del, sen que iso supoña ningún tipo de obrigas nin compromisos. Nalgunhas ocasións, as sesións compleméntanse coa visita dos autores/as ou tradutores/as dos libros, o que achega un novo e interesante punto de vista á lectura.
As xuntanzas celébranse o primeiro martes de cada mes ás 20.00 h na Biblioteca de Gondomar.

Nova tempada
A lectura que propoñemos para abrir a tempada do Sete Vidas é a novela Festina lente, de Marcos Calveiro, publicada no ano 2008 por Edicións Xerais.
Trátase dunha novela histórica, ambientada na Compostela do século XVII, que propón unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Pódese ler a presentación feita pola editorial no seu blog. Tamén no blog de Xerais está arquivado un completo dosier sobre a obra. Pódese acceder a el picando aquí.

Anímate a participar!

Convidamos a todas as persoas que xa participaron neste club a que lean Festina lente e que veñan logo compartir con nós as súas impresións. Animamos tamén a todas as persoas que teñan ganas de ler e de compartir as súas lecturas con outra xente a que se acheguen o día 6 de outubro á Biblioteca de Gondomar.

Agardamos por vós!

9/9/09

Quentando motores...

Espazo Lectura xa está a preparar a programación de actividades tras o descanso do verán.
A inauguración do “curso” será o mércores 30 de setembro, día en que a Casa da Lectura volverá abrir as súas portas de 17.30 a 19.30 con actividades de dinamización a partir das 18.30 horas.
Xa en outubro arricará o resto da programación estable:
  • o día 5 comeza a nova tempada do Contomar, que se vai celebrar, como vén sendo habitual, todos os luns a partir das 18.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar
Ao longo dos vindeiros días iremos informando polo miúdo do inicio de cada unha destas actividades e tamén doutras novidades.

Espazo Lectura volve abrir as páxinas dos libros, a quen lle apetece ler?