30/12/09

O ano 2009 serviu para consolidar gran parte das actividades que Espazo Lectura botou a andar apenas un ano antes (coa excepción do Contomar, sesións de contacontos que foron o xermolo da nosa asociación), e tamén foi o ano en que inauguramos un proxecto pioneiro en Galicia e cheo de futuro: a Casa da Lectura.

O éxito das actividades de fomento da lectura levadas a cabo ao longo de 2009 (das cales se pode ver máis abaixo un resumo en imaxes) só foi posible grazas aos socios e socias, tanto numerarios coma protectores, que colaboran económica e humanamente para conseguir que a lectura se convirta nunha práctica habitual na nosa sociedade, e grazas a todas as persoas que participan nos diferentes actos movidas polo engado que posúen os libros e a lectura.

Levamos dous anos facendo lectores e lectoras.
Por un 2010 cheo de lecturas!!



26/12/09

Os clubs de lectura de Espazo Lectura

Durante o mes de decembro celebráronse as sesións mensuais dos tres clubs de lectura que Espazo Lectura organiza.

Club de Lectura Sete Vidas
O día 1 de decembro, primeiro martes de mes, na Biblioteca de Gondomar o Club de Lectura Sete Vidas estivo dedicado a comentar a novela Sol de Inverno de Rosa Aneiros (quen acaba de recibir o Premio Álvares Blázquez como mellor autora de 2009 outorgado pola Asociación Galega de Editores). Durante a primeira parte da actividade, os participantes do Club de Lectura Sete Vidas expuxeron as súas opinións sobre o libro e, a partir das 21.00h, a escritora Rosa Aneiros uniuse á tertulia para falar sobre a xénese da novela e os seus personaxes, e para poñer tamén en común cos participantes do club as súas opinións sobre a novela.


Club Lecturas Debuxadas

A sesión de decembro do Lecturas Debuxadas, club centrado na lectura de cómics, tivo lugar o 15 de decembro, terceiro martes de mes, a partir das 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar.
Desta volta, o cómic proposto foi o manga Ikigami, unha potente historia que leva a posibilidade do control social por parte dun Estado ata o extremo e que sitúa aos protagonistas cara a cara coa morte.


Club de Lectura Compartida Lendo Contigo
O Lendo Contigo, club de lectura especializado no público infantil e as súas familias, celebrou a última sesión de 2009 o 19 de decembro, último sábado de mes, ás 12.00 horas.
O libro escollido nesta ocasión foi o orixinalísimo poemario, PAlAbrAs BrAncAs, composto de poemas escritos unicamente coa vogal a.
Este recurso literario serviulle á autora Elvira Riveiro para formular durante a sesión unha chea de xogos coas palabras como protagonistas.
Os nenos e nenas compuxeron xunto coa autora acrósticos a partir dos seus nomes, recitaron poemas empregando unha única vogal, completaron versos con palabras que desapareceran e leron poemas que eles mesmos escribiran nos cales, igual que no poemario de Elvira Riveiro, só aparecía a vogal a.
Esta vez, como unha novidade dentro do club, foron dous dos nenos que participan na actividade, Xiana e Néstor, os encargados de facer a presentación da autora. Ao longo de 2010, todos os nenos e nenas poderán converterse por un día en presentadores dos escritores e escritoras que nos visiten.

22/12/09

Concha Costas fala sobre o libro e a lectura no Diario Cultural da Radio Galega

A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, participou esta tarde nunha tertulia do programa Diario Cultural da Radio Galega centrada nos libros e nos lectores e lectoras con motivo da declaración de 2010 como Ano do Libro e a Lectura.

Durante a conversa, na que tamén participaron o escritor Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado, analizáronse os índices lectores, a situación do libro galego e da lectura en Galicia, o papel fundamental das bibliotecas públicas e escolares para o fomento da lectura ou os piares sobre os que debería asentarse calquera campaña institucional de fomento dos hábitos lectores.

Pódese escoitar o programa completo aquí.

19/12/09

Última sesión de 2009 do Contomar co espectáculo "Os Bolechas"


Este próximo luns 21 de decembro o Contomar de Espazo Lectura despídese até o ano 2010 cunha sesión moi especial. Ás 18:00h, o auditorio Lois Tobío (Gondomar) acollerá unha función do espectáculo de monicreques e música Os Bolechas a cargo da compañía Caramuxo Teatro. A entrada a esta función, que conta coa colaboración do Concello de Gondomar a través da Biblioteca Municipal, será gratuíta.

As sesións semanais de contacontos que a asociación Espazo Lectura ofrece na Biblioteca Municipal de Gondomar desde hai case catro anos despídense do 2009. O Contomar retomará a súa actividade, tras o descanso de nadal, o 11 de xaneiro para continuar ao longo de 2010, declarado Ano do Libro e da Lectura.

O Contomar, que nestes últimos tres meses contou cunha media de asistencia semanal de 46 nenos e nenas, ten como obxectivo fundamental manter en Gondomar un espazo estable de encontro cos contos e coa lectura para os nenos e nenas e as súas familias. Ademais, pretendemos fomentar o uso da biblioteca pública: anímase aos nenos e nenas a que fagan o carné da biblioteca municipal e a que aproveiten a asistencia ao Contomar para levar libros en préstamo, o que contribúe a darlle continuidade ao traballo de fomento da lectura que con esta actividade Espazo Lectura realiza.

Para acadar estes obxectivos, tentamos fidelizar a asistencia dos nenos e nenas a través de propostas como os cumprecontos (sesións especiais con motivo dos aniversarios dos nenos e nenas participantes, onde os homenaxeados son os protagonistas) ou as estrelas semanais (puntos que premian a asistencia e que se van acumulando co fin de poder recibir un agasallo a final de curso): un esforzo por crear a estabilidade necesaria para afianzar os hábitos lectores.

16/12/09

"A mAgA dAs pAlAbrAs" Elvira Riveiro estará con nós no Lendo Contigo

O vindeiro sábado 19 de decembro, ás 12.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, a poeta Elvira Riveiro estará connosco para participar na última sesión do ano 2009 do Club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto nesta ocasión é PAlAbrAs brAncAs, publicado pola editorial Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2007. PAlAbrAs brAncAs é un libro de poemas moi especial, escrito unicamente coa vogal a: un marabilloso encontro con palabras que xogan a agasallarnos todos os as posibles.
Nesta ocasión, como unha das novidades que imos introducir no club, a autora será presentada por un neno e unha nena que participan habitualmente nesta actividade.

A autora

Elviro Riveiro naceu preto de Pontevedra hai 38 anos e é autora de varios libros como Andar ao leu ou Arxilosa. Recentemente, foi gañadora do II Certame de Poesía Victoriano Taibo, que convoca a Entidade Local de Morgadáns en conlaboración co IEM, co seu poemario Biografía da multitude.

Picando aquí, podedes ver un vídeo onde Elvira Riveiro explica por que comezou a escribir.

Na anterior sesión do Lendo Contigo visitounos o autor Xerardo Quintiá. Estas son algunhas fotos dese encontro.

15/12/09

Este mércores, na Casa da Lectura, unha sorpresa moi doce...

Actualización 16/12/09: informamos de que a actividade na Casa da Lectura celebrarase tal e como estaba previsto, malia o anuncio feito pola Consellaría de Educación de suspensión das clases.

Este mércores, 16 de decembro, na Casa da Lectura, terá lugar a última actividade de fomento da lectura antes das vacacións de Nadal. Como despedida, Ángel Iglesias e Mónica Góñez teñen prepararada unha sorpresa, moi moi doce, para todos os cativos/as e adultos que queiran achegarse.
Velaquí unha pista. Imaxinádesvos que pode ser?
A actividade será, coma sempre, a partir das 18.30 horas.

A continuación, podedes ver unhas imaxes da actividade da semana pasada, dedicada aos contos de maxia.

14/12/09

O martes 15 de decembro, Club Lecturas Debuxadas


Este martes 15 de decembro, ás 20.00 horas, na Biblioteca de Gondomar, temos un novo encontro do Club Lecturas Debuxadas. Este mes, o cómic do que imos falar é o manga Ikigami 1 (Panini Comics) do autor xaponés Motorô Mase.

"Xapón, Lei de mantemento da prosperidade. Toda persoa recibe unha vacina para previr enfermidades cando chega aos 6 anos de idade. Toda a cidadanía pasa por ese trámite pero só 1 de cada 10.000 recibirá ademais unha cápsula que se activará entre os 18 e 24 anos e que lle provocará a morte. O goberno tenta desa maneira fomentar nos individuos o entusiasmo e o aprecio pola vida, convencido de que así se forman mellores cidadáns e cidadás.
Os condenados recibirán unha notificación de morte con 24 horas de antelación a través dun comunicado chamado Ikigami. Fujimoto, un dos oficiais que entregan o comunicado de morte, é o personaxe que serve de fío condutor de todas as historias.
Que farías ti se só che quedasen 24 horas de vida?"

Este é o potente argumento da serie Ikigami, que xa leva cinco títulos publicados e deu pé a unha película da que se pode ver o seu tráiler.


12/12/09

Este luns, Contomar, e o luns 21 despedida do ano cun espectáculo sobre Os Bolechas

Este luns, coma cada semana, temos unha nova cita coa actividade pioneira de Espazo Lectura, o Contomar: sesións de contacontos para nenos e nenas de máis de 3 anos nas que é un grupo de nais e pais dos propios nenos/as o encargado de contar os contos.
A asistencia é aberta a quen queira achegarse á Biblioteca Municipal de Gondomar os luns a partir das 18.00 horas.

O 21 de decembro, despedida do ano con Os Bolechas
A deste luns será a última sesión ordinaria de 2009 porque o luns seguinte, 21 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, despedirémonos do ano 2009 celebrando un Contomar moi especial acompañados da compañía Caramuxo Teatro, que nos van presentar o espectáculo Os Bolechas, unha comedia musical con monicreques.
O espectáculo, baseado na famosa serie do debuxante Pepe Carreiro, amosaranos un día na vida da divertida familia dos Bolechas agora convertidos en monicreques de gomaescuma.

Nas imaxes, varios momentos das pasadas semanas no Contomar.

8/12/09

Maxia na Casa da Lectura

Esta semana, a actividade da Casa da Lectura xirará arredor de contos sobre maxia e magos, como Mago goma. Ao final, os nenos e nenas aprenderán a facer un truco de maxia. A encargada da actividade é Irene Silva.
Coma sempre, a sesión de fomento da lectura é o mércores ás 18:30. Unha hora antes e ata que remate a actividade, a Casa da Lectura permanecerá aberta.

Nestas imaxes, pódense ver diferentes momentos da actividade do mércores pasado, centrada na poesía.

3/12/09

Nova sesión de contacontos

Hoxe, xoves 3 de decembro, dentro das actividades de Espazo Lectura a en colaboración cos centros de ensino do Val Miñor, Rosana Estévez e Concha Costas van realizar unha sesión de contacontos no colexio de Peitieiros (Gondomar).

A semana pasada, Rosana Estévez contou contos no colexio de Belesar e o equipo do Beleblog, o blog da biblioteca deste centro, nos agasallou con este comentario e coa seguinte sesión de fotografías. Moitas grazas!

1/12/09

Poesía na Casa da Lectura

Mañá mércores, na Casa da Lectura, ás 18 h., terá lugar a sesión semanal de animación á lectura, esta vez da man de Fran Alonso, que lles recitará poemas aos nenos e nenas a través dunha actividade de animación.
Deseguido, podedes ver varias imaxes da actividade da semana pasada que estivo dedicada ao medo. Durante a sesión, contamos contos coa luz apagada, aprendimos a como escorrentar o medo e fixemos "sacapenas", unhas monecas de trapo que nos axudarán a que superar calquera tipo de temor.