29/4/10

Semana do Libro e a Lectura 2010

Entre o luns 19 e o sábado 24 de abril, Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, desenvolveu un programa de actividades diarias con motivo da celebración do Día do Libro.

19 de abril: sesión especial no Contomar


O luns, a actriz e contacontos
Teresa González Costa achegouse, montada en patinete, á cita semanal co Contomar. Da súa man viaxamos, a través das páxinas dos libros, por infinidade de lugares.


20 de abril: sesión especial no Lecturas Debuxadas


O martes, dentro do Lecturas Debuxadas, tivemos un interesantísimo encontro con David Rubín, autor de Onde ninguén pode chegar, o cómic recomendado por este club para o mes de abril.


Na primeira parte da sesión, as persoas que participaron na actividade falaron
, baixo a coordinación de Félix Rodríguez, arredor de Onde ninguén pode chegar e, posteriormente, uniuse á tertulia David Rubín.

A conversa foi longa e proveitosa: Rubín falounos da evolución do seu traballo (dende a publicación de Onde ninguén pode chegar, a súa primeira historia longa, ata a actualidade) e explicounos diferentes aspectos do seu traballo (a relación guión-ilustración e autor-editorial; a profesionalización do traballo...). Tamén tivemos oportunidade de ver un adianto dos dous próximos proxectos que vai publicar, un deles con Uxío Novoneyra como protagonista.


21 de abril: Xogamos cos contos na Casa da Lectura

O mércores, a Casa da Lectura converteuse nun gran taboleiro de xogo. Os nenos e nenas que participaron na actividade dividíronse por equipos (principiños; ras Renatas; coelliños; pingüíns; magos Goma e Arnolfinis) e tiveron que ir superando probas para poder avanzar no taboleiro e acadar o seu obxectivo. Para iso, tiveron que demostrar todo o que saben sobre os contos que lemos ao longo do ano na Casa da Lectura.


22 de abril: Obradoiro de ilustración con Fino Lorenzo

O xoves, a Biblioteca de Gondomar acolleu un creativo obradoiro guiado polo pintor e ilustrador Fino Lorenzo, que lles explicou ás nenas que participaron na actividade en que consiste a técnica da colaxe e como tirarlle o mellor partido. Logo de facer varias colaxes individuais, remataron a actividade construíndo unha gran cidade de retallos.


23 de abril: III Dar de ler coma quen dá de beber

O acto central da Semana do Libro e a Lectura foi, por terceiro ano, a sesión de lecturas en voz alta Dar de ler coma quen dá de beber, que nesta ocasión tivo por lema “Lecturas na taberna”.

Coa vontade de reivindicar que a lectura forme parte da vida diaria, se o ano pasado ocupamos a praza de abastos, este ano desprazamos os libros a un escenario tan cotián como é a taberna. Na xamonería Catro Camiños de Gondomar (a quen agradecemos a acollida) máis de 30 persoas de todas as idades leron fragmentos de libros escollidos por elas mesmas para compartir e recomendar.

Todas as fotos do III Dar de Ler


24 de abril: no Lendo Contigo mil cousas poden pasar

O sábado 24, na biblioteca de Gondomar, comprobamos que no club de lectura compartida Lendo Contigo poden pasar mil cousas, e máis.

O libro proposto para o mes de abril foi a novela Mil cousas poden pasar de Jacobo Fernández Serrano e a sesión foi unha caixa de sorpresas.

Grazas á participación de Álex, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de ver e escoitar unha tuba, o instrumento que moitos deles coñeceron a través desta novela. Tamén grazas a Álex, xunto con Erea, Néstor e Nicolás (tres nenos que participan no Lendo Contigo e que ademais son moi bos músicos), puidemos comprobar que de certo, como sucede en Mil cousas poden pasar, todo sería moito mellor se os exércitos se convertesen en bandas de música.

Despois da actuación musical, coñecemos a Luís e Rosa, os “Campións das mil cousas”, que demostraron nun concurso en directo que saben mil cousas sobre Jacobo Fernández Serrano.

Deseguido, o propio Jacobo dedicou todo o tempo do mundo a contestar as preguntas que os nenos e nenas tiñan sobre a novela. Pero non só iso: debuxounos personaxes da novela, explicounos como é o estudio onde debuxa e o proceso de ilustración; ensinounos bocexos das ilustracións de Mil cousas poden pasar e dedicounos os seus libros.


De esmorga con Sarabela Teatro

Como peche de Semana do Libro, os participantes do club de lectura Sete Vidas, que dedicou este mes á lectura d’A esmorga, desprazámonos a Vigo no serán do sábado 24 para ver a representación teatral deste clásico de Blanco Amor. A magnífica adaptación de Sarabela Teatro foi un complemento de luxo á sesión que celebramos o 2 de abril na Biblioteca de Gondomar.

Todas as fotos da Semana do Libro

28/4/10

Inauguración da nova biblioteca do CEIP Souto-Donas

O CEIP Souto-Donas, socio protector de Espazo Lectura, estivo de festa este pasado martes 27 de abril: celebraron con toda a comunidade educativa a inauguración da biblioteca da escola logo das obras de remodelación desenvolvidas nestes últimos meses.
No acto de inauguración, Carmen Mora, directora do colexio, presentoulles a todas as persoas asistentes a "nova" biblioteca como espazo de lecer e de traballo e convidou as familias a facer uso dos seus servizos e a apoiar e traballar desde a casa para fortalecer os hábitos lectores nos nenos e nenas. Convidounas tamén a aproveitar nese sentido a oferta de actividades de Espazo Lectura. Deixámosvos aquí algunhas imaxes do acto de inauguración e do aspecto que ten a biblioteca logo das obras. Parabéns a todo claustro de profesores e profesoras do colexio!

27/4/10

Xogamos cos contos na Casa da Lectura II

Este mércores 28, ás 18:30h, volveremos xogar cos contos na Casa da Lectura.
Logo do bo sabor de boca que nos deixou o xogo a semana pasada, volveremos facer equipos para tirar o dado e ir superando as probas que nos permitan avanzar polo taboleiro e conseguir cadaquén o seu obxectivo: os principiños teñen que chegar á súa estrela; as ras Renatas teñen que conseguir os seus lunares de cores; os coelliños, a súa caixa (que non é unha caixa); os pingüíns, o seu paraugas; os magos Goma, o seu galo; e o matrimonio Arnolfini, o seu espello. Respondendo preguntas, resolvendo adiviñas e cantando cancións, todos os nenos e nenas poderán demostrar os seus coñecementos sobre os contos e conseguir o seu tesouro.
Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada:

25/4/10

Tres profesoras do colexio Chano Piñeiro veñen contar ao Contomar

Este luns 26 de abril, ás 18:00h, Espazo Lectura ofrece unha sesión especial do Contomar na que contaremos coa presenza de Mari, María e Dolo, tres profesoras do CEIP Chano Piñeiro (Gondomar) que nos traerán tres contos de ratos viaxados e estudados. Teremos unha ratiña fachendosa moi especial, que é de Gondomar e ten uns noivos moi peculiares; estará tamén o rato Pérez, que nos contará a súa verdadeira historia; e finalmente escoitaremos a historia de Crisantemo, unha ratiña que veu de Colombia.
Desde Espazo Lectura queremos darlle as grazas a estas tres profesoras do CEIP Chano Piñeiro pola súa colaboración. A cita será, coma sempre, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Imaxe dunha sesión anterior no Contomar

24/4/10

Espazo Lectura no colexio de Belesar

O colexio público de Belesar preparou este pase de fotografías que recolle a sesión de dinamización lectora que Espazo Lectura realizou para o alumnado o 19 de abril, na Semana do Libro e a Lectura. Moitas grazas ao profesorado do centro.

23/4/10

Jacobo Fernández, este sábado no Lendo Contigo


O próximo sábado, 24 de abril, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, o escritor e ilustrador Jacobo Fernández Serrano participa no club de lectura Lendo Contigo. Nesta ocasión, ademais de contar coa presenza do autor, o club prepara outras moitas sorpresas: música de tuba, concursos fantásticos e presentacións inesperadas. Unha cita imprescindible arredor da lectura para toda a familia.
A actividade, enmarcada dentro da Semana do Libro e a Lectura que a asociación Espazo Lectura organiza en Gondomar, vai dirixida a nenos e nenas de 7 a 11 anos.

O libro
O libro proposto para celebrar esta semana lectora será Mil cousas poden pasar, publicado pola editorial Xerais e gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009.
Mil cousas poden pasar conta o encontro absolutamente disparatado dunha serie de personaxes insólitos nun lugar onde a imaxinación fai posible que o raro sexa normal, o absurdo sexa lóxico e o excepcional sexa cotián. Unha historia surrealista, divertida e desbordante de creatividade.

O autor
Jacobo Fernández naceu en Vigo no ano 1971 e é autor de varios libros na súa dobre faceta de escritor e debuxante. Dentro da literatura infantil e xuvenil, é autor do conto A gardería de dona Bixelmina e de A pedra e as formigas (ambos publicados por Xerais). Como autor de banda deseñada destacan As aventuras de cacauequi (El patito Editorial) e Os amigos de Archimboldo Roque (BD Banda), polos que foi nomeado autor revelación do 2008 no Expocómic de Madrid e no Saló do Cómic de Barcelona.
Ilustrou ademais outros moitos libros como a colección Nunavut de Xoán Abeleira Álvarez (Xerais), Vacas na cidade?, de An Alfaya (Galaxia) ou O Home que prantaba árbores, de Jean Giono (Editorial Galaxia).


Así foi a sesión con Antón Cortizas
No club de lectura Lendo contigo de marzo tivemos unha marabillosa sesión arredor da poesía con Antón Cortizas. Foi unha mañá moi variada: escoitamos unha canción, lemos o poema Eu non vexo nada entre todos e todas, descubrimos onde está a quimbamba, Pernambuco, a Cochinchina, Babia, Jauja…E descubrimobs tamén que os nomes dalgúns de nós son lugares fermosos que se atopan nalgún recuncho do planeta: Xela, Alma, Antía, Noa,…Pero sobre todo coñecemos a Antón, un marabilloso escritor, divertido e tenro. Velaquí algunhas fotos da sesión… Velaquí algunhas imaxes da sesión.

22/4/10

III Dar de ler coma quen dá de beber. Lecturas na taberna

Con motivo da celebración do Día do Libro, a asociación Espazo Lectura (en colaboración co Concello de Gondomar) celebra este venres 23 de abril a terceira edición do Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras escollidas por elas mesmas para compartir cos demais e recomendar. Con esta iniciativa preténdese celebrar o Día do Libro lendo.

Os libros ocupan a taberna
O lema escollido este ano é Lecturas na taberna. Se o ano pasado o escenario foi a Praza de Abastos, este ano será a xamonería Catro Camiños de Gondomar a que acolla o acto. Con esta iniciativa preténdese reivindicar a presenza dos libros e a lectura en todos os espazos da vida e facer que formen parte da nosa actividade cotiá. O acto, aberto a quen queira achegarse en calquera momento da tarde, transcorrerá dende as 19.30 ata ás 22.00 horas.

21/4/10

Obradoiro de ilustración co pintor e ilustrador Fino Lorenzo

O ilustrador e pintor Fino Lorenzo impartirá o xoves, 22 de abril, ás 18.00 horas, un obradoiro de ilustración dirixido ao público infantil. A cita será na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Para participar, cómpre inscribirse a través do correo electrónico de Espazo Lectura (haberá un límite de 30 prazas).
A actividade enmárcase dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura que a asociación Espazo Lectura desenvolve entre o luns 19 e o sábado 24 de abril con motivo da celebración do Día Internacional do Libro.

Fino Lorenzo
Pinta a óleo e acuarela dende o ano 1977. Leva exposto a súa obra dende 1987 de forma regular. Como ilustrador, entre outros, ten publicados os seguintes libros: Ondas de verde azul (1994), Iria e a lúa (1997), Contos marabillosos III (1999), Pequena mitoloxía de Galicia (2001), Marmelada de amorodo (2001, Premio de álbum ilustrado do concello de Alcante), O que ven os ollos dos nenos (2001), Os nosos versos, Adiviñaceiro popular galego (2007), Ao pé da Laxa da Moa (2010) ou PAlAbrAs brAncAs (2008), poemario que tivemos ocasión de ler no club de lectura Lendo Contigo.

20/4/10

Clubs de Lectura: programación trimestral abril-xuño

Xogamos cos contos na Casa da Lectura

Na sesión desta semana na Casa da Lectura non imos ler contos, máis ben, poremos a proba a nosa memoria e descubriremos canto sabemos sobre eles. Pero non só iso: cantaremos cancións de contos, falaremos de personaxes de conto, buscaremos os tesouros que agochan... En definitiva, este mércores, na Casa da Lectura: Xogamos cos contos!
A actividade, que forma parte da programación especial da Semana do Libro e Lectura, comezará ás 18.30h e, unha hora antes, as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas.

Deseguido, pódense ver algúns momentos da sesión da semana pasada dedicada ao libro Jan estivo alí.

19/4/10

O ilustrador David Rubín participa no Club Lecturas Debuxadas

David Rubín, un dos ilustradores e autores galegos de cómic máis recoñecido e premiado, estará no Club Lecturas Debuxadas dentro da programación especial da Semana do Libro e a Lectura. A cita será o martes 20 a partir das 20.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Durante a primeira hora, os lectores e lectoras poderán falar sobre o cómic Onde ninguén pode chegar, a lectura proposta para este mes. Despois, o propio autor achegarase á biblioteca para falar tanto desta obra como do seu traballo en xeral. A entrada é libre.

O libro

O cómic Onde ninguén pode chegar foi gañador do premio Castelao de Banda Deseñada en 2005, instituído pola Deputación Provincial da Coruña e publicado por Edicións Lea. En decembro de 2005, a historieta tamén foi publicada en castelán pola editorial vasca Astiberri, integrada na novela gráfica El circo del desaliento.

Onde ninguén pode chegar conta a historia dunha antiga parella que se reencontra dez anos despois da súa ruptura. Rubín vai alternando na narración o pasado e o presente. A intriga do relato se mantén ata a última páxina, que é cando o lector pode atar todos os cabos.O autor

David Rubín naceu en Ourense en 1977. A pesar da súa xuventude, David Rubín é un veterano debuxante de comics de reputada traxectoria no deseño e a ilustración galega e estatal dos últimos anos, obtendo numerosos galardóns tanto en certamos galegos coma estatais: Premio Castelao de BD con Onde ninguén pode chegar; certame Na Vangarda da Xunta de Galicia; Premio INJUVE 2006 do Ministerio de Cultura; Premio Autor Revelación 2006 no Salón Internacional do Cómic de Barcelona…

É colaborador habitual en diversas publicacións de cómic e ilustración (BDBanda, Barsowia, Humo, TOS, Dos Veces Breve...). O seu primeiro álbum de BD en solitario, editado por Astiberri Edicións, El circo del desaliento, é un éxito de crítica e vendas, e grazas a el acadou a nominación “Autor Revelación 2005” nos premios do Salón do Cómic de Barcelona.

O seu segundo álbum, La tetería del Oso Malayo converteuse nun dos máis exitosos a nivel de crítica e público en todo o Estado.

Dentro do campo da animación, desenvolve a súa actividade profesional en Dygra films onde participou no filme O Soño dunha noite de San Xoán ou O Espírito do Bosque e prepara novas incursións editoriais para o mercado galego, español, francés, italiano e portugués.

18/4/10

Semana do Libro e a Lectura. Primeira cita: sesión especial no Contomar

A primeira actividade da Semana do Libro e a Lectura será o luns 19 a partir das 18.00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Consistirá nunha sesión especial do Contomar (contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos) a cargo da actriz Teresa González Costa, que virá darnos unha “Conferencia fantástica”.

Teresa González Costa
Naceu no Grove en 1975. É actriz en diversas compañías e ofrece espectáculos de contacontos e fomento da lectura para público infantil e xuvenil. Tamén é autora de diversas pezas de teatro. Despois de ser mención especial no certame Barriga Verde 2004, e finalista no Rafael Dieste 2005, acada no 2008 o XVII Premio Álvaro Cunqueiro con Sempre quixen bailar un tango (Xerais 2009) e o III Premio Manuel María de literatura dramática infantil con Pingueiras e tarteiras (Xerais 2009).

15/4/10

Semana do Libro e a Lectura


Entre o luns 19 e o sábado 24 de abril, Espazo Lectura (en colaboración co Concello de Gondomar) celebra a Semana do Libro e a Lectura con actividades todos os días. O acto central será o 23 de abril, Día do Libro, cando celebraremos o III Dar de ler coma quen dá de beber, que este ano leva como subtítulo Lecturas na taberna, xa que será a xamonería Catro Camiños de Gondomar a que acolla a sesión de lecturas en voz alta. Ao longo da semana, iremos informando de todas as actividades, que podedes coñecer picando sobre as imaxes.

13/4/10

"Jan estivo alí", na Casa da Lectura

A actividade lectora dos mércores na Casa da Lectura vai xirar esta semana arredor dun álbum ilustrado que combina arte e literatura: Jan estivo alí, de Xosé A. Neira Cuz (editado por Galaxia). A través deste conto, e doutros libros de arte, mergullarémonos no interior do famoso cadro pintado por Jan van Eyck en 1434, O matrimonio Arnolfini, e descubriremos os todos os segredos que agocha.
Será o mércores 14, na Casa da Lectura, a partir das 18.30 horas.

Nas seguintes imaxes, pódense ver varios momentos da sesión da semana pasada, que estivo dedicada ao conto A casa da duna.