
Este próximo luns 21 de decembro o
Contomar de Espazo Lectura despídese até o ano 2010 cunha sesión moi especial. Ás
18:00h, o
auditorio Lois Tobío (Gondomar) acollerá unha función do espectáculo de monicreques e música
Os Bolechas a cargo da compañía
Caramuxo Teatro. A entrada a esta función, que conta coa colaboración do Concello de Gondomar a través da Biblioteca Municipal, será
gratuíta.
As sesións semanais de contacontos que a asociación Espazo Lectura ofrece na Biblioteca Municipal de Gondomar desde hai case catro anos despídense do 2009. O
Contomar retomará a súa actividade, tras o descanso de nadal, o
11 de xaneiro para continuar ao longo de 2010, declarado
Ano do Libro e da Lectura.O Contomar, que nestes últimos tres meses contou cunha media de asistencia semanal de 46 nenos e nenas, ten como obxectivo fundamental manter en Gondomar un
espazo estable de encontro cos contos e coa lectura para os nenos e nenas e as súas familias. Ademais, pretendemos
fomentar o uso da biblioteca pública: anímase aos nenos e nenas a que fagan o carné da biblioteca municipal e a que aproveiten a asistencia ao Contomar para levar libros en préstamo, o que contribúe a darlle continuidade ao traballo de fomento da lectura que con esta actividade Espazo Lectura realiza.
Para acadar estes obxectivos, tentamos fidelizar a asistencia dos nenos e nenas a través de propostas como os
cumprecontos (sesións especiais con motivo dos aniversarios dos nenos e nenas participantes, onde os homenaxeados son os protagonistas) ou as
estrelas semanais (puntos que premian a asistencia e que se van acumulando co fin de poder recibir un agasallo a final de curso): un esforzo por crear a estabilidade necesaria para afianzar os hábitos lectores.


