30/5/09

Este luns, despedida do Contomar coa obra "Ratiña linda" de Casa Hamlet


As sesións de contacontos do Contomar, que Espazo Lectura organiza semanalmente na Biblioteca Municipal de Gondomar, despídense este próximo luns, 1 de xuño, cunha sesión especial na que a compañía teatral Casahamlet representará Ratiña linda, unha peza de teatro baseada no conto Rata linda de Compostela, do escritor Bernardino Graña.
A representación, dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos, terá lugar ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e conta coa colaboración de Edicións Xerais e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Antes, ás 12.00 da mañá, tamén na Biblioteca Municipal, haberá unha función especial para o alumnado de Educación Infantil dos CEIP Souto-Donas e Serra-Vincios.

Coa representación de Ratiña linda, que tivo que ser adiada a semana pasada, o Contomar pecha as súas actividades ata o mes de setembro, aínda que Espazo Lectura seguirá ofrecendo contacontos, obradoiros e outras actividades de fomento da lectura os mércores ás 18:30h na Casa da Lectura en Donas.

28/5/09

Xabier P. DoCampo visítanos este sábado no Lendo Contigo

Este sábado, 30 de maio de 2009, ás 12:00 horas, o escritor galego Xabier P. DoCampo estará connosco para participar na última sesión da tempada do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, que se reanudará tras as vacacións de verán. O libro proposto nesta ocasión é A nena de auga e o príncipe de lume, publicado pola editorial Xerais, e sobre el, e moitas outras cousas, nos vai falar Xabier P. DoCampo, quen compartirá este acto con todas as nenas e nenos asistentes. Coma sempre, o encontro terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Na páxina da Editorial Xerais, pódese descargar unha guía de lectura sobre o libro proposto.

Xabier P. Docampo naceu en Rábade (Lugo) en 1946. É mestre no Colexio Público de Cambre (A Coruña). Ao longo da súa vida, Xabier P. Docampo fixo un pouco de todo: foi guionista de radio e televisión, actor de teatro, xornalista e presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil GÁLIX. É autor dunha extensísima obra entre a que destacan os títulos Cando petan na porta pola noite, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995, ou A casa da luz (2002), novela levada ao cine e de próxima estrea. Para o público infantil publicou, entre outros, O armario novo de Rubén (1989) e Os ollos de Ramón (2001). A súa última obra publicada é O libro das viaxes imaxinarias (2008), Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado do Ano 2008, Premio AELG 2009 ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil.

24/5/09

Adíase o Ratiña Linda previsto para mañá

Por causa da enfermidade dunha das atrices de Casahamlet, vémonos obrigados a atrasar os espectáculos de Ratiña Linda previstos para mañá luns, tanto os programados como actividades escolares como o previsto para o Contomar. Haberá, non obstante, na hora do contomar (18:00 h), unha sesión de contacontos normal, que será a derradeira. O espectáculo de Ratiña Linda queda suspendido ata novo aviso, e será ofrecido tan axiña como sexa posible.

Lecturas Debuxadas: Píldoras azules

Acudiron 11 persoas á sesión do 19 de Maio onde se comentou o cómic Píldoras azules, de Frederik Peeters.

A historia gustou en xeral a todo o mundo. Valorouse por riba de todo a historia de amor entre os tres personaxes, onde se contan e se desmitifican moitos aspectos da enfermidade da sida, sen evitar por iso os medos e as preocupacións. Citouse a Maus por ser unha historia autobiográfica onde se fai referencia á creación do propio cómic.

Co debuxo, sen embargo, houbo unhas poucas reticencias pola estética de debuxo "descoidado", de trazo rápido e de rasgos esaxerados, moi expresionista. Comentouse tamén o uso subxectivo do debuxo colocando ao lector no lugar dos personaxes e a escolla de planos inusuais.

Velaquí un par de fotos da sesión:


Unha reseña moi interesante en Zona Negativa.


O día 16 de Xuño teremos a última sesión deste curso e estará adicado a A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi San Julián.

23/5/09

O Contomar despídese con Rata linda

O próximo luns, 25 de maio, ás 18:00h, as sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos do Contomar despediranse até finais de setembro coa representación de Ratiña linda, da compañía Casahamlet, unha peza baseada no conto Rata linda de Compostela, de Bernardino Graña. Ás doce da mañá haberá unha función para o alumnado de Educación Infantil do CEIP Souto-Donas e do CEIP Serra-Vincios. Esta actividade que Espazo Lectura ofrece na Biblioteca Municipal de Gondomar conta coa colaboración de Xerais e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.


22/5/09

Primeira actividade na Casa da Lectura

A Casa da Lectura acolleu o mércores a súa primeira actividade de dinamización logo do acto de inauguración o pasado sábado: un contacontos ao que asistiron vinte nenos e nenas que volveron encher de vida esta vella escola que levaba cinco anos pechada. Un dos libros que se lles contou aos asistentes foi Rata linda de Compostela, de Bernardino Graña, que o próximo luns representará Casahamlet en Gondomar dentro da programación de Espazo Lectura, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A partir de agora, a Casa da Lectura abrirá todos os mércores, de 17:30h a 19:30h, cunha actividade de dinamización ás 18:30h (contacontos, obradoiros de ilustración, merendas con contos, etc.).





20/5/09

As estrelas do Contomar

O Contomar está a piques de despedirse até finais de setembro. Este pasado luns a Biblioteca Municipal de Gondomar acolleu a penúltima sesión desta tempada na que, ademais de celebrar o cumprecontos de Antón con Aquiles o puntiño, tiveron un especial protagonismo os nenos e nenas que acumularon máis estrelas de asistencia no seu carné ao longo destes últimos oito meses. Manuela, Alma, Xela, Blanca, Antón, Santiago, Anxo, Noa e Ana recibiron un libro e o aplauso dos máis de 40 nenos e nenas asistentes por seren os que acudiron con máis asiduidade ás sesións desta tempada na que se fixeron socios e socias do Contomar 80 nenos e nenas.
O próximo luns, 25 de maio, o Contomar pechará a tempada cunha sesión especial. Casahamlet representará Ratiña linda, unha peza de teatro baseada no conto Rata linda de Compostela, de Bernardino Graña, unha actividade que conta coa colaboración de Edicións Xerais e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.





17/5/09

A maxia de soñar a lectura

Na mañá de onte, nun acto marcado pola chuvia que congregou preto de 80 persoas, Espazo Lectura inaugurou a Casa da Lectura na parroquia de Donas, en Gondomar. No transcurso do acto tamén foi presentado o libro Os ollos do Contomar. A Casa da Lectura foi cualificada como un proxecto pioneiro en Galicia que ten a singularidade de estar situado no ámbito rural e dirixirse a unha comunidade rural, co fin de facilitarlle o diálogo cos libros e a lectura.
Na foto, de esquerda a dereita, aparecen Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura; o escritor Gonzalo Navaza; a escritora e actriz Paula Carballeira; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; e o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo. Entre o público, á dereita, pode verse ao escritor Agustin Fernández Paz, autor dun dos textos do libro e último Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.



O mal tempo non desluciu un acto non exento da emoción de ver cumprido un soño; en palabras da directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora, “o soño de observar a transformación máxica dun espazo escolar”, e recalcou, en nome da comunidade escolar, sentirse moi orgullosa.
A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, resaltou a importancia da Casa da Lectura como un proxecto de recuperación para devolverlle a vida a espazos en desuso e habilitalos para o libro e a cultura, e sinalou que a programación de fomento da lectura que todos os mércores pola tarde se vai levar a cabo nela supón dobrar a oferta de actividade arredor do libro e a lectura que Espazo Lectura ten en Gondomar. Contacontos, obradoiros de ilustración, recitais poéticos ou merendas con contos son algunhas das actividades que se converterán en citas habituais da Casa da Lectura. Nese sentido, Concha Costas resaltou a importancia de traballar desde a base para que o fomento da lectura funcione e dea resultados positivos, ofrecendo unha programación regular que sexa capaz de crear hábito, máis alá das actuacións puntuais.

O alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, gabou o proxecto de Espazo Lectura que, dixo, se pode agora poñer en valor aínda máis a través dun libro como Os ollos do Contomar e da conquista que supón a Casa da Lectura e resaltou que este traballo de Espazo Lectura “vai dar moito que falar e moito que ler”.
As intervencións da escritora Paula Carballeira e Gonzalo Navaza foron as máis emotivas, apoiando co seu entusiasmo e con palabras entregadas o traballo que se está a realizar. A actriz Paula Carballeira resaltou que o máis fantástico de Os ollos do Contomar é poder observar as caras dos nenos desde esa emoción compartida de quen está a gozar da fantasía e da imaxinación, e o escritor Gonzalo Navaza resaltou o papel socializador e enriquecedor da lectura, tamén capaz de crear tecido social nunha sociedade demasiado individualizada e impermeabilizada polo consumismo.
Ao remate do acto, Espazo Lectura ofreceu un viño galego con pinchos e cereixas a todos os asistentes nunha carpa montada para a ocasión no xardín da Casa da Lectura.



16/5/09

¿Que casa é? A casa na que se le

Hoxe é un día de celebración para Espazo Lectura. A Casa da Lectura abre as súas portas logo dun intenso e desinteresado traballo que debemos agradecerlle á moitas persoas que colaboraron coa asociación nos traballos de acondicionamento. Hoxe ábrese a Casa da Lectura e durante o acto de inauguración preséntase, ademais, Os ollos do Contomar, un libro máxico para a comunidade que participa nas actividades da asociación e outro proxecto ao que lle dedicamos moito tempo e esforzo.
A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo; a contacontos e actriz Paula Carballeira (unha das autoras do libro), e o escritor e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza interveñen no acto. Logo, Espazo Lectura ofrecerá un viño galego e uns pinchos a todas e todos os asistentes.
Abaixo queda a crónica fotográfica do proceso de acondicionamento e transformación da vella escola infantil de Donas nunha Casa da Lectura. Logo, a cita de Cándido Pazo que, pensada para o libro, se converteu no emblema da Casa da Lectura.



Adiviña, adiviña...
Unha casa que ten mil portas que se abren a mil camiños que dan a mil cruceiros
polos que se vai a mil mundos nos que hai mil tempos para ser mil persoas distintas
e poder vivir mil vidas dentro de mil casas que caben nunha casa...
Que casa é?
A casa na que se le.

CÁNDIDO PAZÓ







13/5/09

Inauguración da Casa da Lectura

Este sábado 16 de maio, ás 12 horas da mañá, Espazo Lectura inaugurará a Casa da Lectura, nun acto no cal participarán a presidenta de Espazo Lectura, a directora do CEIP Souto-Donas, o alcalde de Gondomar, a actriz e contacontos Paula Carballeira e o escritor Gonzalo Navaza. Durante o acto de inauguración será presentado tamén o libro Os ollos do Contomar.


A Casa da Lectura é unha pequena biblioteca e un centro de actividades arredor do libro e a lectura xestionado por Espazo Lectura, situada no ámbito rural.
A orixe do proxecto está na transformación dunha pequena e antiga escola infantil en desuso, que foi rehabilitada grazas ao esforzo voluntario e desinteresado das persoas que colaboran coa asociación, que asumiron a realización de todos os traballos de obra que a edificación requiría.
En outubro de 2008, Espazo Lectura chegou a un acordo coa dirección do CEIP Souto-Donas, centro escolar do que depende a escola infantil en desuso e que na actualidade é unha entidade socia protectora da asociación, e co Concello de Gondomar e a Consellería de Cultura, para poñer en marcha a recuperación dun espazo inutilizado, dotándoo para usos culturais e dando lugar a unha iniciativa que revertise no ben da comunidade. Por último, chegouse tamén a un acordo con catro editoriais galegas, que se fixeron socias protectoras de Espazo Lectura, e que nutren a biblioteca de novidades. As editoriais son: Galaxia, Kalandraka, OQO e Xerais. Ese acordo permítelle á asociación ofrecer unha biblioteca actualizada, que ofrecerá servizo de préstamo de libros, unha vez que estean todos catalogados.

A Casa da Lectura quere ser un espazo de promoción dos hábitos lectores e dinamización arredor do libro, polo que todos os mércores pola tarde se realizará alí unha actividade de fomento da lectura, que complementa a sesión do Contomar, contacontos que a asociación Espazo Lectura leva a cabo todos os luns na Biblioteca Municipal de Gondomar, fixando deste xeito unha programación estable que, partindo do asociacionismo, se singulariza pola súa dimensión e especialización.

Outro dos obxectivos da Casa da Lectura é servir de punto de encontro para todas as inciativas que teñan que ver co libro e coa lectura; así como constituírse en lugar de reunión para os grupos de traballo do ámbito do fomento da lectura.

11/5/09

Presentación de "Os ollos do Contomar"



Os ollos do Contomar. Unha experiencia de fomento da lectura é a primeira publicación de Espazo Lectura, editada en colaboración co Concello de Gondomar e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O libro será presentado o próximo sábado ás 12 do mediodía na Casa da Lectura. As primeiras páxinas pódense baixar en pdf.

Os ollos do Contomar
componse de fotografías de Manuel G. Vicente acompañadas de pequenos textos dunha ampla nómina de autores e autoras nos cales se reflexiona sobre a lectura e o libro.

Trátase dunha crónica en imaxes dividida en dúas partes. Na primeira, titulada “Os ollos do Contomar”, quíxose contar, a través das imaxes tomadas polo fotógrafo Manuel G. Vicente ao longo do ano 2008, o que ocorre todos os luns á tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar durante as sesións da actividade fundacional de Espazo Lectura: o Contomar, contacontos destinado a nenos e nenas de 3 a 9 anos no cal son as propias nais e pais quen lles len e contan contos aos seus fillos. A segunda parte está centrada na actividade “Unha noite na biblioteca”, organizada, por primeira vez en Galicia, na noite do 21 ao 22 de xuño de 2008, cando 27 nenos e nenas de 6 a 12 anos quedaron a durmir na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Os textos do libro tratan todos sobre a lectura e a súa importancia. Gran parte proveñen dunha coidada selección de fragmentos de diferentes autores e autoras. Destes, moitos son referentes do fomento da lectura –como Daniel Pennac, Giani Rodari, Víctor Moreno, Daniel Cassany, Agustín Fernández Paz…–, outros, grandes autores e autoras da literatura universal e, especialmente, da literatura galega, como Günter Grass, Paul Auster, John Berger, Xabier P. DoCampo, Rosa Aneiros, Antonio García Teijeiro, Suso de Toro, Teresa Moure, Víctor Freixanes, Manuel Rivas…
Un grupo de textos foron escritos ex profeso para este volume por escritores e escritoras que xa colaboraron nas actividades de Espazo Lectura, tales como Cándido Pazó, Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire, Paula Carballeira, María Reimóndez ou Xavier López Rodríguez.

“Non hai espectáculo máis fermoso que a mirada dun neno que le”, esta cita de Günter Grass é o primeiro texto do libro e describe o contido desta obra, pois son os ollos dos nenos e nenas que participan nas actividades de Espazo Lectura e a lectura mesma os grandes protagonistas de Os ollos do Contomar.

7/5/09

Sesión de maio do Sete Vidas

Velaquí tres imaxes da dobre sesión do club de lectura Sete Vidas celebrada o martes pasado en colaboración coa libraría Libraida e Edicións Xerais de Galicia. As primeiras reflicten os asistentes ao club de lectura falando sobre o libro Erros e tánatos. A terceira é un momento da presentación do interesante e divertido encontro co escritor Gonzalo Navaza na libraría Libraida. O autor contou como foron "cociñados" cada un dos relatos do libro: as anécdotas que os inspiraron, as técnicas e recursos literarios empregados, o momento en que decidiu publicalos, etc.


A próxima sesión do club de lectura será o martes 2 de xuño e o libro proposto é Porca terra de John Berger, publicado en galego por Rinoceronte Editora.

3/5/09

Gonzalo Navaza no Sete Vidas

Este martes, 5 de maio, xuntarémonos no club de lectura Sete Vidas para debullar o libro de relatos Erros e tánatos de Gonzalo Navaza, publicado por Edicións Xerais.

A sesión terá dúas partes, unha primeira, ás 20.00 h, na Biblioteca de Gondomar, onde os asistentes ao club falarán sobre candansúa lectura do libro. E unha segunda, ás 21.00 h, na libraría Libraida e aberta a quen queira asistir, onde teremos un encontro con Gonzalo Navaza que nos falará desta e doutras obras súas.