30/6/08

Campo de Granada

O artigo dominical de Manuel Bragado (Campo de Granada) no Faro de Vigo de onte estaba dedicado á noite na biblioteca organizada por Espazo Lectura. Bragado é unha das persoas que máis escribe sobre temas relacionados coa lectura e o seu fomento, moi especialmente desde o seu blog Brétemas. No artigo, denunciábase tamén o grave déficit de dotación das bibliotecas públicas galegas. Desde Espazo Lectura, vaia o noso agradecemento polas súas palabras.


Noite na biblioteca

A pasada fin de semana vinte e seis rapaces e rapazas quedaron durmir unha noite na biblioteca de Gondomar. Unha experiencia moi innovadora e atrevida, organizada polo colectivo Espazo Lectura coa colaboración do concello de Gondomar, destinada a fomentar a lectura e o interese polos libros entre os rapaces e rapazas de seis a once anos. As actividades comezaron no serán do venres cun pasacorredoiras a cargo da sección xuvenil “Vichelocrego Teatro” e coa actuación de contacontos e do grupo de música infantil Mamá Cabra na praza de Portugal, transformando así as rúas da localidade miñorana nun espazo para escoitar e gozar das palabras. Chegada a noitiña, os participantes e os seus monitores converteron a biblioteca en ceador improvisado onde compartiron viandas preparadas na casa e a ledicia de cear arroupados por milleiros de libros. Antes de rematar o día do solsticio (o máis longo do ano) e despois de lavar os dentes, vestidos xa cos seus pixamas, estes auténticos leóns da lectura participaron nunha “noite meiga”, onde non faltaron os contacontos e un pequeno recital de poemas preparado polos seus monitores. Antes de prender no sono, agarimados pola dozura dos seus sacos e colchonetas, os xoves lectores e lectoras miñoranos aínda tiveron unha nova oportunidade de arrolarse cos seus libros máis amados. E co mencer, acordaron con cancións e, antes do almorzo compartido, volveron ao acubillo proporcionado polos libros. Ás dez da mañá saíron para as súas casas contentos coma cucos, con moitas cousas novas para contar e cantar. Todo un éxito!
Esta interesantísima e novidosa actividade de Espazo Lectura –un modélico colectivo de fomento da lectura, formado por oito persoas e cunha ampla rede de colaboradores (ao longo de todo o ano organiza os ciclos “Contomar” e “Lendo contigo”, amais de actividades de formación de mediadores familiares en lectura)– recolle con características propias o fío prendido por experiencias semellantes (“Pixamas às letras”) realizadas dende hai catro anos en Portugal, nas bibliotecas municipais de Oeiras, de Algés e de Carnaxide con motivo da celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil (2 de abril). En todos os casos, estas experiencias, que chaman a atención dos medios, salientan a importancia do papel da biblioteca pública como eixo da vida cultural dunha comunidade local e o da lectura (e por extensión dos libros) na conformación dunha nova cidadanía.
Alén da importancia da vivencia para os seus participantes, sen dúbida dispostos a repetila o vindeiro ano, esta gozosa noite gondomareña puxo de relevo que é posible transformar a biblioteca pública no fogar primeiro das palabras e dos libros. Unha biblioteca que é casa primeira dos libros; lareira da actividade lectora realizada sobre os diversos soportes (dende os impresos aos dixitais ofrecidos nas pantallas); sollado privilexiado para visibilizar aos autores e autoras e para compartir cos lectores e lectoras a súa creación; adro de encontro interxeracional dos clubs de lectura… Como demostra esta experiencia de Espazo Lectura é posible mergullar dentro das instalacións e actividades da biblioteca a ledicia argallada polo balbordo entusiasta dos picariños co acougo proporcionado polos textos impresos, xa que é, en definitiva, o espazo especializado para compartir a lectura e a vida.
A pesar destas valiosas experiencias do voluntariado pola lectura (un fenómeno recente, interesantísimo) e do esforzo dos actuais responsables da Consellaría de Cultura e Deporte, o número, as instalacións, os fondos, os recursos humanos e técnicos dispoñibles da rede de bibliotecas públicas galegas é claramente insatisfactorio. O funcionamento da nosa rede de bibliotecas presenta carencias clamorosas (o ermo bibliotecario vigués continúa sendo vergonzoso), que nos impiden abandonar o vagón de cola dos índices de lectura; insuficiencias mais inadmisibles, aínda, no marco da actual sociedade da información dixital, no que a biblioteca pública (como sinalan todas as recomendacións internacionais) debera xogar un papel sobranceiro no proceso de alfabetización informacional da cidadanía de todas as idades.
A refundación do modelo actual de biblioteca pública sitúase en Galicia como primeiro obxectivo das novas políticas de fomento da lectura (non esquezamos que temos un plan de lectura en marcha) e como o alicerce máis sólido sobre o que desenvolver as políticas culturais de cada comunidade local. A exitosa experiencia desta noite na biblioteca en Gondomar e das actividades do colectivo de voluntariado de Espazo Lectura amosa que este é un vieiro que pode contribuír a aumentar o número de lectores e a conformar o seu criterio lector. Fomentar a lectura é formar cidadanía.
Manuel Bragado

27/6/08

Club de Formación Lectora

Onte xoves celebramos unha nova sesión do Club de Formación Lectora, unha iniciativa pensada para garantir a formación continua e a especialización daquelas persoas vencelladas coa asociación Espazo Lectura ou que traballan ou colaboran con ela. Os libros que se len e logo debaten teñen como tema a lectura, a animación lectora ou unha inequívoca relación co libro e o seu ámbito (estratexias de fomento da lectura, librerías, bibliotecas, edición, talleres de lectura, etc).
Nesta ocasión, o título elixido foi La magia de leer, de José Antonio Marina e María de la Válgoma, un libro divulgativo sobre a lectura con algunhas receitas para o seu fomento.




Agraciados no sorteo dos bonos de axuda

O pasado sábado, durante os actos da noite na biblioteca, Espazo Lectura celebrou publicamente o sorteo dos cinco lotes de libros, asinados polos seus autores e autoras, entre as persoas que mercaron bonos de axuda para axudar ao financiamento das actividades da asociación. A encargada de extraer da bolsa as papeletas gañadoras foi Fátima Rodríguez, concelleira de cultura do Concello de Gondomar. As persoas afortunadas con candanseu lote de libros son as seguintes:
Montse Barciela
Paula Fernández
Benxamín Rocha
Begoña Fernández
Carme Muras
Todas elas poden gozar xa da lectura dos libros asinados.


26/6/08

De pixamas e libros



Durante a próxima fin de semana publicaremos unha ampla reportaxe fotográfica sobre a noite na biblioteca organizada por Espazo Lectura. Mentres, reproducimos un artigo de Rosa Aneiros sobre esta actividade que se publicou onte nos xornais El Progreso e Diario de Pontevedra e hoxe mércores no Galicia Hoxe, titulado «De pixamas e de libros». Vaia por diante o noso agradecemento a Rosa Aneiros por un texto tan fermoso. Tamén en Praza das Letras se poden ver algunhas fotos sobre a noite na biblioteca.

De pixamas e libros

Shmuel vestía un pixama de raias e tiña a cabeza afeitada. Os pixamas son roupa cómoda e divertida que nos prepara para o sono pero non así para Shmuel. El non semellaba un neno feliz. Ou iso lle pareceu a Bruno, o protagonista do libro O neno do pixama de raias de John Boyne. Ese libro azul estaba alí deitadiño no andel da biblioteca municipal de Gondomar disposto a que calquera pícaro con pixama quixese collelo e mergullar na súa historia. Porque a noite do sábado 21 de xuño, o mesmo día que comeza o verán, a biblioteca de Gondomar non quixo ficar en silencio. Dúas ducias de nenos e nenas con pixama ávidos de palabras e contos enchérona de murmurios e gargalladas. Tratábase da primeira noite na biblioteca, unha iniciativa pioneira en Galicia organizada polo colectivo Espazo Lectura para nenos de entre 6 e 11 anos. Coa caída da noitiña chegaron os cepillos de dentes, os contacontos, o teatro, o recital de poesía e música, as cubertas dos libros enriba das colchonetas e as lanternas nos sacos para devorar historias. Toda unha marea de vagalumes a alumear os estantes dos libros mudos. Logo, co mencer, espreguizaron os xogos de pistas, os tesouros de moedas de chocolate e os biscoitos do almorzo. No medio, por suposto, pouco sono e moitos soños. Porque así son os libros, unha experiencia íntima que pode ser compartida, como todas as ilusións. Non é un deber da escola senón un divertimento. A Shmuel, aquel neno do pixama de raias de Boyne, roubáranlle o futuro e as palabras pero el, convertido en libro, puido contar a súa historia a outro neno con pixama. E ese lector ou lectora puido comprender así por fin por que non todos os pixamas serven para soñar.
Rosa Aneiros

21/6/08

Hoxe durmiremos na biblioteca

Espazo Lectura xa ten todo preparado para a noite na biblioteca. A partir das sete e media da tarde comezarán as actividades ao aire libre en Gondomar, con animación de rúa, contacontos e a actuación do grupo de música infantil Mamá Cabra. Logo, ceamos e comezarán as actividades no interior da biblioteca. Antes de durmir, despedirémonos cun poema sobre Pedro Chosco. A biblioteca de Gondomar será hoxe a nosa casa. Diversos medios de comunicación, entre eles os informativos da Radio Galega, recolleron onte a nosa iniciativa.

19/6/08

A noite na biblioteca, ao completo

A nosa actividade Unha noite na biblioteca está a ter unha magnífica acollida. Tanto é así que a demanda duplica o número de prazas de que dispoñemos.
Este pequeno éxito, especialmente nunha actividade pioneira coma esta, anímanos a continuala no futuro. Con todo, lamentamos non poder dar cabida a todos os nenos e nenas que desexarían quedar a durmir na biblioteca, pero as limitacións de espazo fano imposible.

En todo caso, lembrámosvos que para a primeira parte das actividades (entre as 20 e as 23 horas) non é preciso estar incrito e non hai límite de prazas. A animación de rúa, os contacontos na Praza de Portugal, a actuación do grupo de música infantil Mamá Cabra e o sorteo dos Bonos Axuda serán ao aire libre, diante da Biblioteca de Gondomar. Animádevos a participar.

18/6/08

O sorteo dos Bonos Axuda

O próximo sábado 21, durante a xornada da Noite na biblioteca e logo da actuación de Mamá Cabra, na praza do Centro de Saúde, sobre ás 22 horas, Espazo Lectura sorteará cinco lotes de catro libros asinados polos seus autores e autoras entre todas aquelas persoas que mercaron os Bonos Axuda. Estes bonos lanzámolos o pasado mes de febreiro desde a asociación para poder financiar as nosas actividades. Hai libros asinados por Rosa Aneiros, Xabier P. Docampo, Jaureguizar, Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Antón Lopo, Xurxo Borrazás, Gonzalo Navaza, Xavier López Rodríguez ou Carlos Reigosa. Moita sorte para todas aquelas e aqueles que mercaron bonos e, ante todo, moitas grazas pola súa colaboración.



17/6/08

Unha noite na biblioteca

O vindeiro sábado 21 de xuño celebraremos unha experiencia innovadora e atrevida no ámbito do fomento da lectura: unha noite na biblioteca, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar. O programa, que reproducimos abaixo, consta de dúas partes. A primeira é para nenos e nenas de todas as idades e a asistencia é totalmente libre e celebrarase no exterior, na Praza de Portugal, diante da Biblioteca. A segunda parte do programa celebrarase na biblioteca e é necesario inscribirse. Hai 25 prazas e daráselle preferencia aos nenos e nenas que participaron ao longo do curso nas nosas actividades de fomento da lectura (Contomar ou Lendo Contigo). Estamos seguros de que será unha fermosa e intensa noite de pixamas na biblioteca.




PROGRAMA DA NOITE NA BIBLIOTECA

Para nenos e nenas de todas as idades.

19:30h: Animación de rúa a cargo de sete integrantes da sección xuvenil de Vichelocrego Teatro.

20:00h: Contacontos ao aire libre na praza de Portugal (Centro de Saúde) e actividades de animación polas rúas e parques.

21:00h: Actuación do grupo de música infantil Mamá Cabra.

22:15h: Cea na biblioteca. Cadaquén ten que traer a súa cea ou algo para compartir.

Ao remate da actuación de Mamá Cabra sortearanse cinco lotes de catro libros dedicados polos autores entre todas as persoas que mercasen bonos-axuda de Espazo Lectura.


Para nenos e nenas de 6 a 11 anos.

23:30h: Poñemos os pixamas e lavamos os dentes.

00:00h: Os contos da hora meiga. Contacontos.
Pequeno recital de poesía con música antes de durmir.

08:30h: Espertamos con cancións e facemos un xogo de pistas pola biblioteca.

09:00h-09:30h: Almorzo todos xuntos.

10:00h: Recollida das familias.

15/6/08

Espazo Lectura, en Santiago de Compostela

Concha Costas, a presidenta de Espazo Lectura, interviu onte en Santiago de Compostela para presentar o proxecto que a nosa asociación leva a cabo no Val Miñor durante as xornadas sobre fomento da lectura "Espazo(s) lector(es), organizadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Concha Costas compartiu mesa con Soledad Ríos, da Lonxa Literaria de Moaña, e con Nel Vidal, responsable do programa Literactúa do Concello de Carballo. Unha boa parte da directiva de Espazo Lectura desprazouse o venres e o sábado a Santiago de Compostela para participar nas xornadas, que nesta primeira edición estiveron dedicadas aos clubs de lectura. O público asistente estaba formado por bibliotecarios/as e especialistas en fomento e animación lectora.

12/6/08

Unha noite con libros

Para o próximo sábado 21 de xuño, Espazo Lectura está a preparar unha noite na biblioteca, que conta coa colaboración do Concello de Gondomar. Trátase dunha experiencia moi novidosa en Galicia no ámbito do fomento da lectura. As nenas e nenos terán que traer cea, pixama, zapatillas ou calcetíns grosos, cousas de aseo e un saco de durmir. As actividades, con actuacións, libros e lecturas, comezarán de tarde, ao aire libre, diante da biblioteca, e continuarán no interior. A información, que daremos nos próximos días, será canalizada a través deste blog e a través dos centros de ensino.

10/6/08

Agasallo, carnés e diplomas

A finais do pasado mes de maio, o Contomar despediuse ata setembro. Ligado ao Contomar, estamos a preparar proxecto fotográfico moi especial, que xa comezamos e que levaremos a cabo na próxima tempada. A fotografía inferior pertence á sesión de despedida do Contomar, coas nenas e nenos agardando o selado dos carnés e a entrega de diplomas de asistencia e dos agasallos. A partir de mañá anunciaremos o programa da próxima actividade de Espazo Lectura, que terá lugar o sábado 21 de xuño.

8/6/08

Sobre os clubs de lectura

O artigo de Manuel Bragado de hoxe no Faro de Vigo reflexiona sobre o papel dos clubs de lectura en apoio ao libro galego e fai un percorrido por moitas destas iniciativas. Entre elas cítanse algunhas das actividades de Espazo Lectura.

2/6/08

Lendo Contigo volve en setembro

Este sábado rematou a última sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo. O próximo mes de setembro, as sesións de Lendo Contigo volverán, e entrarán na súa segunda tempada. A valoración dos asistentes está sendo moi boa e iso anímanos a reforzar esa liña.
Tamén as sesións de contacontos do Contomar, que, como xa informamos, o luns 26 viviu a última xornada, volverá no mes de setembro. O Contomar celebrou a última sesión agasallando aos nenos asistentes co conto As dentaduras de Paco Palma, grazas á colaboración da editorial OQO. Este regalo supuña unha recompensa á fidelidade das nenas e nenos co Contomar.
Tanto no caso do Contomar como de Lendo Contigo, Espazo Lectura distribuíu entre o público asistente unha enquisa de avaliación sobre as actividades realizadas, a fin de que desde a directiva da asociación poidamos valorar e mellorar o noso traballo. Queremos darlle as grazas a todas as persoas que participaron e agradecerlle a súa colaboración.
En canto ao futuro máis inmediato, xa podemos anunciar que en breve reforzaremos a campaña de bookcrossing no Val Miñor e que estamos a preparar unha actividade fermosa e pioneira para o solsticio de verán. Dentro duns días daremos noticias.
Na foto inferior, Xavier López Rodríguez asinándolles os libros ás nenas e nenos asistentes ao club de lectura compartida Lendo Contigo.