28/2/09

Encontro con Concha Blanco

Hoxe, no club de lectura compartida Lendo Contigo, estivo con nós Concha Blanco para falarnos do seu libro Boris. Pero tamén nos falou de moitas outras cousas: de Cee, dos anos bisestos, de Álvaro Cunqueiro, do importante que é a lectura... e da lingua galega, da necesidade de que a sigamos falando para que continúe a ser un instrumento de comunicación entre as persoas.

Antes, Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Rosana Estévez, coordinadora da actividade, repartíronlles aos nenos e nenas que participan no club unha especie de diario de lecturas: un caderno para que rexistren as sesións do Lendo Contigo ás que asisten así como todo aquilo que queiran anotar antes, durante e despois da lectura e do encontro cos autores e autoras.
Ademais, os nenos, nenas, nais e pais que participaron na sesión especial Lecturas para a paz recibiron un agasallo de Espazo Lectura como agradecemento á súa colaboración.

26/2/09

Concha Blanco, no Lendo Contigo



Este próximo sábado 28 de febreiro, ás 12.00 horas, a escritora Concha Blanco estará connosco para participar no club de lectura compartida Lendo Contigo.
O libro proposto para este encontro é Boris, publicado pola editorial Galaxia, sobre o que Concha Blanco falará cos nenos e nenas que veñan participar no club. O encontro terá lugar, como é habitual, na Biblioteca de Gondomar.
Desde Espazo Lectura recomendamos a lectura doutros libros de Concha Blanco, especialmente Boris e compañía, pois constitúe unha continuación do título proposto para esta sesión.

24/2/09

Susa Herrera en Libraida

O venres 27 de febreiro ás 18:30h na librería-café Libraida poderemos pasar unha tarde de música e contos con Susa Herrera, que nos vai presentar un novo proxecto musical titulado Todos os animais ao caixón, publicado pola editorial Primerapersona. Trátase de cancións compostas por Susa Herrera e musicadas polo grupo Mamá Cabra sobre contos da colección Cu-cú Sorpresa de Combel Editorial.

21/2/09

Lecturas Debuxadas: Maus.

Á sesión do día 17 de febreiro acudiron 11 persoas que compartiron impresións despois de ler Maus, relato dun supervivente, de Art Spiegelman.

En xeral o cómic gustou, aínda que a historia eclipsa a parte gráfica da obra. Houbo acordo en que a lectura da narración da historia fai que se pase por riba dos recursos gráficos que son moitos e moi ben utilizados. Sorprendeu a coherencia de toda a obra sabendo que se tardou toda unha década en ser realizada. Falouse da continua mestura entre pasado e presente, da historia do pai Vladek e da vida presente cando o fillo Art está recollendo o que o pai lle conta. Comentouse a personalidade de Vladek e falouse da ausencia, moi notable, da historia de Anja, sendo todo un misterio como puido sobrevivir a Birkenau. Fálase tamén de todas as historias que aparecen en Maus: a propia vivencia de Vladek, a relación de Vladek co fillo, a historia de amor entre Anja e Vladek, a vivencia da publicación da primeira parte de Maus, que sae na segunda parte, o relato dunha tira que xa publicara Spiegelman e que reproduce dentro de Maus... Tivemos ocasión de poder observar esta tira na recente publicación de Breakdowns, que recolle fragmentos da revista Raw, da que era editor o propio Art Spiegelman. Neste libro tamén se recolle o que puido ser un inicio da propia obra de Maus, onde se observa un debuxo máis detallado das formas animais que utiliza para os personaxes da obra. Todos estamos de acordo en que a forma final escollida, máis desdebuxada e máis abstracta ten máis forza que a que aparece en Breakdowns.

Neste momento preguntouse por máis obras de Art Spiegelman, porque todo parecía centrarse en Maus. Aquí pódese ver máis sobre este autor e a súa obra:

Wikipedia : Obra
Noveno-arte
El País
Lecturalia
Militeraturas

En resumo, unha obra moi completa e con moitas visións que de seguro requiren máis dunha lectura.

Lugares onde se fala de Maus:

Wikipedia
La cárcel de papel
Guía del cómic
El archivo de Nessus
Tebeosfera - Comiqueando
Pienso en cómics
La piedra de Sísifo

20/2/09

Visita institucional

Onte xoves, a Delegada Provincial da Consellería de Cultura, María Xesús López Escudeiro, abriu en Gondomar a segunda sesión do Obradoiro de Lectura e Creación Poética "A poesía non morde, pero manca", impartido polo poeta Carlos Negro, que organiza Espazo Lectura coa colaboración da Consellería de Cultura. Bieito Legaspi, membro da directiva de Espazo Lectura e coordinador da actividade, foi o encargado de presentala. Acompañada polo alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, a delegada provincial manifestou o seu interese polas actividades de Espazo Lectura e posteriormente ambos os dous visitaron, convidados pola presidenta da asociación, Concha Costas, as obras de acondicionamento da futura Casa da Lectura. A Casa da Lectura, situada en Donas (Gondomar) é un proxecto de Espazo Lectura para a dinamización lectora desde o ámbito rural que se presentará en breve e que conta coa colaboración das editoras que son socias protectoras da asociación.

17/2/09

Terceiro aniversario do Contomar

O 15 de febreiro de 2006 nacía o Contomar, as sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos que cada semana seguen coa súa cita da man de Espazo Lectura na Biblioteca Municipal de Gondomar. Este luns, ademais de celebrarmos os cumprecontos de Nati e Anxo, os 55 nenos e nenas cantaron e riron con historias como Adiviña canto te quero, de Kókinos, Queres xogar comigo?, de Kalandraka, Dóeme a lingua, de Rodeira, ou O soño do osiño rosa e Croco, de OQO. Moitas grazas a todos os contadores e contadoras que lle dan vida ás historias e ás familias que cada semana nos acompañan nesta viaxe.

16/2/09

Primeira sesión do obradoiro de poesía


Xa botou a andar o obradoiro de lectura e creación poética "A poesía non morde, pero manca", impartido polo poeta Carlos Negro, que organiza Espazo Lectura coa colaboración da Consellería de Cultura. A primeira sesión -coa que se corresponde a imaxe- celebrouse o xoves pasado e a ela asistiron 12 persoas. As próximas terán lugar os xoves, de 18.00 a 20.00 horas, no Centro Neural de Gondomar, ata o 10 de marzo.

13/2/09

Marilar Aleixandre, nas Tertulias do IEM

A escritora Marilar Aleixandre estará hoxe nas Tertulias do IEM para falar da súa obra. O acto será no Pazo da Escola de Mañufe, en Gondomar, ás 20:30 h.
Marilar naceu en Madrid en 1947 e reside en Galicia desde 1973, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas de referencia.

11/2/09

Club Lecturas Debuxadas

O portal Culturagalega.org publica hoxe unha noticia na que se salienta, entre as novas iniciativas de divulgación da banda deseñada, o club Lecturas Debuxadas destacando o seu importante número de participantes.

Lembramos que o próximo martes día 17 celebrarase a sesión dedicada a Maus, relato dun supervivente, de Art Spiegelman (Premio Pulitzer, 1992).

9/2/09

Barómetro de lectura, 2008

Recomendamos a lectura desta anotación en Brétemas onde se analizan os datos achegados polo Barómetro de lectura de 2008 da Federación de Gremios de Editores de España.
Como dato positivo, o informe sinala que Galicia sobe no seu índice lector, situándose no 52,6% da poboación maior de 14 anos, lonxe aínda do 54,6% do conxunto do Estado.

8/2/09

Suspéndese o Contomar

Mañá, luns 9 de febreiro, non haberá Contomar por mor das previsións de forte temporal e tendo en conta a suspensión de todas as actividades escolares no ensino non universitario decretada pola Consellería de Educación. O Contomar retomará a súa actividade o próximo luns día 16.

5/2/09

A poesía non morde, pero manca

O día 12 de febreiro vai comezar un obradoiro de creación e lectura poética impartido polo poeta Carlos Negro e organizado por Espazo Lectura en colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.
Será ao longo de cinco sesións, todos os xoves, de 18.00 a 20.00 horas, ata o 10 de marzo, no Centro Neural de Gondomar.
A asistencia é gratuíta, mais hai limitación de prazas.
Pódense facer as inscricións a través do correo-e espazolectura@gmail.com ou chamando ao teléfono 619.292.991 antes do 11 de febreiro.



3/2/09

Lecturas para a paz no Lendo Contigo






Música, poesía, plástica e charla-coloquio arredor da paz mesturáronse o pasado sábado na sesión do mes de xaneiro do club de lectura compartida Lendo Contigo, á que asistiron máis de trinta nenos e nenas.

Foi un acto especial, co gallo da celebración do Día Escolar da Paz e a Non-violencia, preparado con moito agarimo. Comezou todo cun recital poético-musical con textos de Antonio García Teijeiro lidos por pais e nais e pezas musicais interpretadas en directo por cinco nenos e nenas do club de lectura: Gabriela (teclados), Xiana (teclados), Erea (frauta), Nicolás (clarinete) e Néstor (trompeta). Contaron coa colaboración de Luis, Marisú e Juan Costa.

Posteriormente houbo unha charla-coloquio para falar do tema da paz, a partir das lecturas de O homiño de papel, de Fernando Alonso; El lugar más bonito del mundo, de Ann Cameron; e Usha, de María Reimóndez. Cada neno ou nena ía a unha ou outra charla en función do libro que lera. Soubemos que para moitos e moitas de nós, o lugar máis bonito do mundo é a nosa casa porque alí hai xente á que queremos e que nos quere. Soubemos tamén onde está a India ou que facendo realidade palabras como xustiza, solidariedade ou paz, o mundo no que vivimos sería moito mellor.

E como remate, elaboramos un mural conxunto no que todos e todas quixemos expresar dunha maneira plástica todo aquilo que as lecturas nos dixeron.

Na próxima sesión do club de lectura Lendo Contigo, o 28 de febreiro, contaremos coa presenza da escritora Concha Blanco.

2/2/09

Como se non existise, no club de lectura Sete Vidas

A xuntanza do club de lectura Sete Vidas, que xa terá lugar mañá martes 3 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca de Gondomar, céntrase no libro Como se non existise, da escritora croata Slavenka Drakulic.
A escritora e xornalista, nacida en Rijeka en 1942, relata a historia dun grupo de mulleres bosnias nun campo de concentración durante a guerra de Iugoslavia. Cunha extraordinaria dureza, a autora preséntanos a vida diaria das mulleres no campo de concentración e as desapiadadas atrocidades e violacións ás que foron sometidas como derradeira fase da limpeza étnica. O libro, primeira obra traducida directamente dende o serbio ao galego, foi finalista do Premio Nacional de Tradución en 2006.

Desde aquí pódese acceder a algunha información sobre o libro e a autora:
- Recensión sobre o libro
- Entrevista coa autora
- Biografía da autora (en inglés)
- Ficha do libro en Edicións Xerais


1/2/09

Recoñecemento ao Club Lecturas Debuxadas

Melo, columnista de culturagalega.org e propietario de Banda Deseñada, unha das mellores librerías especializadas en cómic de Vigo, dedica un artigo de opinión á importancia de achegar a banda deseñada ás bibliotecas como forma de crear lectores/as. No artigo, pon como exemplo de bo traballo no fomento da lectura de cómics, entre outras iniciativas, o club Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura. Reproducimos o parágrafo completo:
é exemplar neste ámbito o labor levado a cabo pola Biblioteca de Porriño e a súa comiteca, o traballo conxunto das bibliotecas da Coruña ou o clube de BD auspiciado pola asociación Espazo Lectura no Val Miñor. Son só uns poucos exemplos de bo traballo neste sentido.

Agradecemos moito este recoñecemento, sobre todo tendo en conta que o noso é un traballo que nace da iniciativa social e cidadá.