Mostrando entradas con la etiqueta Bookcrossing. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Bookcrossing. Mostrar todas las entradas

15/9/08

O fenómeno bookcrossing en Galicia

Recomendamos a lectura desta reportaxe publicada onte no suplemento "Lecer" do xornal Galicia Hoxe sobre o número de libros rulantes liberados en Galicia no último mes e sobre a importancia que este fenómeno está a cobrar no noso país.
É unha mágoa que na relación de puntos bookcrossing estables que se citan, non se inclúan os que estableceu Espazo Lectura no Val Miñor e que xa están a ser utilizados polos beceiros para soltar e cazar libros.

2/6/08

Lendo Contigo volve en setembro

Este sábado rematou a última sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo. O próximo mes de setembro, as sesións de Lendo Contigo volverán, e entrarán na súa segunda tempada. A valoración dos asistentes está sendo moi boa e iso anímanos a reforzar esa liña.
Tamén as sesións de contacontos do Contomar, que, como xa informamos, o luns 26 viviu a última xornada, volverá no mes de setembro. O Contomar celebrou a última sesión agasallando aos nenos asistentes co conto As dentaduras de Paco Palma, grazas á colaboración da editorial OQO. Este regalo supuña unha recompensa á fidelidade das nenas e nenos co Contomar.
Tanto no caso do Contomar como de Lendo Contigo, Espazo Lectura distribuíu entre o público asistente unha enquisa de avaliación sobre as actividades realizadas, a fin de que desde a directiva da asociación poidamos valorar e mellorar o noso traballo. Queremos darlle as grazas a todas as persoas que participaron e agradecerlle a súa colaboración.
En canto ao futuro máis inmediato, xa podemos anunciar que en breve reforzaremos a campaña de bookcrossing no Val Miñor e que estamos a preparar unha actividade fermosa e pioneira para o solsticio de verán. Dentro duns días daremos noticias.
Na foto inferior, Xavier López Rodríguez asinándolles os libros ás nenas e nenos asistentes ao club de lectura compartida Lendo Contigo.

23/5/08

O noso bookcrossing atopa lectores

Entre os moitos comentarios que vai deixando na páxina de bookcrossing a xente que atopa libros liberados por Espazo Lectura, escollemos este para reproducir no noso blog.


Someone has made a new journal entry on one of your books at
BookCrossing.com! We've displayed the entry below, but you can read all the
entries at http://bookcrossing.com/journal/6111181 anytime.

Book Title: Vidas post-it
Author: Iolanda Zúñiga
__________________________________________________________________________


Thursday, May 22, 2008


Ola, son Alicia e atopei "Vidas post-it" no café "Rañolas". Así bastante de chiripa escollín moi ben o libro. Decidinme por el pola cercanía da súa autora, que é de Vigo, e ademais teño que confesar que buscaba un libro curto, porque ultimamente non teño tempo para nada. E podo dicir que quedei encantada con el. Gustoume moito, moito. Por que? Polo pertas que sentía cada unha das súas historias coa miña vida o coa de xente que me rodea ou coñezo. Pola sinxeleza da súa linguaxe, sen retórica bordando por todas partes nin "rebuscamentos" que ás veces son empregados facendo que a lectura se convirta nun sacrificio en vez de ser un disfrute. E por... moito máis. Mañá teño pensadc deixalo no café "Keike", pola tarde. Así que xa sabes... cólleo e devórao como fixen eu, merece a pena, e xa me contarás. Ata outra.

CAUGHT IN GONDOMAR PONTEVEDRA - GALICIA ESPAÑA

By AnonymousFinder from n/a, n/a n/a
Book Rating: 9 out of 10

__________________________________________________________________________

Tell your friends! http://www.bookcrossing.com/tellafriend

20/5/08

Rexistro de Bookcrossing

Dentro da campaña da asociación Espazo Lectura "Bookcrossing no Val Miñor", houbo xa diversas persoas que rexistraron os libros que atoparon. Até o de agora foron rexistrados:

1. Os bolechas xogan ao baloncesto (Gondomar)
2. Mini.relatos (Nigrán)
3. Fumes de papel (Baiona)
4. L'affiche rouge (Nigrán)
5. Nínive (Gondomar)
6. A voda (Nigrán)
7. Os bolechas van de viaxe (Gondomar)
8. Casa atlántica, casa cabaret (Baiona)
9. Dragona (Baiona)
10. Vidas post-it (Gondomar)
11. Historias para ler e mirar (Nigrán)
12. Enderezo descoñecido (Gondomar)
13. Arraianos (Gondomar)
14. Alba de mulleres (Gondomar)

11/5/08

Rolda de prensa e ceiba de libros

Onte tivo lugar a presentación, en rolda de prensa, da campaña de Espazo Lectura «Bookcrossing no Val Miñor», que se celebrou na Ramallosa, ao aire libre, á beira da foz do río. A campaña conta coa colaboración dos tres Concellos do Val Miñor e acudiron ao acto os alcaldes de Baiona e Nigrán. Na rolda de prensa falaron Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Anaír Rodríguez, membro da directiva e coordinadora da campaña de bookcrossing, así como os dous alcaldes. Ao remate do acto, ceibáronse 120 libros en diferentes espazos públicos dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Algúns xa foron rexistrados polas persoas que os atoparon. Nas imaxes, de esquerda a dereita Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona, Concha Costas, Anaír Rodríguez e Efrén Juanes, alcalde de Nigrán.








Ceiba: na parada do autobús.





Piscina: punto bookcrossing.




Ceiba: nun banco na rúa.




Café: punto bookcrossing.




Ceiba: nun caixeiro automático.




Biblioteca pública: punto bookcrossing.





Ceiba: nun caixeiro automático.




Ceiba: libro infantil no banco dun parque.
.




Ceiba: na padiola da sección de urxencias dun Centro de Saúde.

10/5/08

Zonas de solta de libros

ZONAS BOOKCROSSING
(120 libros)


BAIONA (40 libros)

Zona 1 (Punto bookcrossing). Biblioteca Pública de Baiona

Zona 2 (Punto bookcrossing). Café Roca

Zona 3 (Zona de ceiba). Centro de Saúde de Baiona, Locais de Sabarís, Caixeiros automáticos de Baiona e Sabarís.

Zona 4 (Zona de ceiba). Exteriores. Rúas e parques de Baiona.



GONDOMAR (40 libros)

Zona 1 (Punto bookcrossing). Biblioteca Pública de Gondomar

Zona 2 (Punto bookcrossing). Café Rañolas

Zona 3 (Punto bookcrossing). Café Keik

Zona 4 (Zona de ceiba). Centro de Saúde de Gondomar, Locais de hostelería, caixeiros automáticos.

Zona 5 (Zona de ceiba). Exteriores. Rúas e parques de Gondomar



NIGRÁN (40 libros)

Zona 1 (Punto bookcrossing). Biblioteca Pública de Nigrán (Ceán).

Zona 2 (Punto bookcrossing). Café O Cafeciño (A Ramallosa)

Zona 3 (Punto bookcrossing). Piscina Mancomunada do Val Miñor.

Zona 4 (Zona de ceiba). Caixeiros automáticos , Centro de Saúde, Centro Comercial, Café A Vella Estación, etc.

Zona 5 (Zona de ceiba). Exteriores. Rúas e paseos de Nigrán, Panxón e Praia América.

8/5/08

Vai na procura dos libros!

Como xa informamos, Espazo Lectura promove a partir deste próximo sábado unha campaña de Bookcrossing no Val Miñor, que conta coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. A iniciativa suporá a liberación de 120 libros en diferentes espazos públicos dos tres concellos para que a xente poida collelos, lelos e volver a deixalos ceibes co obxectivo de que outras persoas os atopen. O acto de prensentación da campaña terá lugar o próximo sábado, 10 de maio, ás 11 da mañá, nos xardíns do parque da Ramallosa, ao lado da antiga estación do tranvía, e contará coa presenza de representantes de Espazo Lectura e dos tres alcaldes e outros representantes das corporacións municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Esta iniciativa, que bota a andar na Semana das Letras Galegas, ten como obxectivo achegar o libro galego aos veciños e veciñas do Val Miñor, fomentar a lectura e divulgar a iniciativa do Bookcrossing na nosa zona. Os 120 libros rulantes que se van liberar foron rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e están etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros vai acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explica o espírito da campaña e o que hai que facer se se atopa un destes libros e serán distribuídos a través de centros de ensino, bibliotecas, asociacións culturais e veciñais, etc. A iniciativa tamén conta coa colaboración da editorial Galaxia e de Edicións Xerais de Galicia.
Para facilitar a busca, haberá algúns puntos fixos de bookcrossing que se farán públicos o próximo sábado á hora da solta.



5/5/08

Bookcrossing no Val Miñor

Espazo Lectura prepara unha gran solta de libro galego para o próximo sábado 10 de maio. Constituirá a nosa acción central para as Letras Galegas e será a primeira vez que se produza unha liberación masiva e conxunta de libros no Val Miñor. A partir do sábado, o Bookcrossing buscará lectores e lectoras entre nós. Ceibaremos arredor de 12o libros en galego en distintos puntos dos tres concellos (Baiona, Gondomar e Nigrán). Eses puntos serán debidamente anunciados nesta web e todos os libros estarán rexistrados na páxina oficial de bookcrossing por Espazo Lectura. A solta complementarase coa edición dun folleto explicativo impreso coa colaboración dos tres gobernos municipais, e cunhas chamativas pegatinas (ademais das etiquetas bookcrossing de Espazo Lectura) que serán adheridas ás capas dos libros liberados.
Son libros rulantes.
Animádevos a buscalos!
Lédeos, rexistrádeos e volvede a liberalos!
En breve, daremos máis información.

29/2/08

Bookcrossing

Hoxe, 29 de febreiro, celébrase o día internacional do Bookcrossing. No concello de Viamianzo fixeron unha liberación masiva de libros. ¿Que podes facer se tes a sorte de atopar un libro que alguén previamente liberou? O primeiro de todo, lelo, se che apetece. Logo, podes seguir aquí as instrucións.