Mostrando entradas con la etiqueta Comando Le. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Comando Le. Mostrar todas las entradas
24/1/13
Literatura e cine na próxima sesión do Comado Le
O sábado 26 de xaneiro, o Comando Le celebrará unha nova sesión dentro das actividades que este trimestre están a desenvolver baixo o título Mundos fantásticos. Logo de asistirmos xuntos a ver a película El hobbit: un viaje inesperado e de ler O hobbit, a novela de Tolkien na que se basea a película, a sesión do día 26 vainos permitir comparar a novela coa película e conversar sobre o traballo de adaptación realizado. Aproveitaremos tamén para falar dos dereitos de autor e da propiedade intelectual, así como da importancia que isto ten na difusión, reprodución, adaptación ou tradución de obras de creación artística.
Logo de que nesta primeira parte do trimestre as sesións do Comando Le xirasen arredor de literatura e cine tomando como base a novela O hobbit, de Tolkien, no mes de febreiro leremos a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e a adaptación ao cómic que desta obra realizou Antonio Seijas.
12/1/13
O Comando Le achégase este trimestre a "Mundos fantásticos"
Espazo Lectura lanza unha nova proposta de actividades para o Comando Le, o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos que comezou a funcionar dentro da asociación o pasado mes de outubro. As actividades do Comando Le deste trimestre xirarán arredor de dous títulos de literatura fantástica (O hobbit, de Tolkien, e Cartas de inverno , de A. Fernández Paz) e permitirannos relacionar estes libros con outros mundos: o cine, o cómic, a fotografía… A primeira actividade será ler O hobbit, de Tolkien, e irmos xuntos ao cine para ver a película El hobbit. Un viaje inesperado, o que nos permitirá despois celebrar unha sesión na que comentaremos a novela e a súa adaptación ao cine. Posteriormente celebraremos tamén unha sesión de club de lectura para comentar a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e a adaptación a cómic que fixo Antonio Seijas. As actividades deste trimestre permitirannos tamén facer un achegamento ao tema da propiedade intelectual e dos dereitos de autor.
20/12/12
O Lendo Contigo celebra o seu quinto aniversario cunha sesión conxunta co Comando Le
Este sábado, 22 de decembro, ás 12:00h, a Biblioteca de
Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida
Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario.
Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por
iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas
lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do
Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e FranciscoCastro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única
sorpresa da mañá...
18/12/12
Este mércores sesión especial na Casa da Lectura coa escritora e xornalista María Solar
A Casa da Lectura acolle este mércores 19 de decembro unha sesión especial de dinamización lectora coa presenza da escritora e xornalista María Solar, quen contará o seu conto Vou ter un irmán , publicado pola editorial Galaxia con ilustracións de Xosé Tomás. Posteriormente María Solar realizará cos nenos e nenas diferentes actividades relacionadas coa lectura e cos distintos tipos de nacemento e xestación, para logo centrarse nos nove meses de xestación humana e rematar repasando cousas que aprendemos durante os pirmeiros meses de vida.
A sesión comezará, coma sempre, ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta desde as 17:30h para servizo de préstamo e lectura. Con esta sesión Espazo Lectura despide as actividades da Casa da Lectura, que voltarán despois do Nadal, o 9 de xaneiro de 2013.
Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión Somos iguais, somos diferentes, que realizaron a semana pasada na Casa da Lectura tres rapazas do Comando Le de Espazo Lectura arredor do tema dos Dereitos Humanos.
11/12/12
Este mércores, na Casa da Lectura: "Somos iguais, somos diferentes"
Esta semana a Casa da Lectura recibirá a visita de Eva, Noa e Anahí, tres rapazas do Comando Le que van facer unha sesión de dinamización lectora para os máis pequenos arredor do tema que están a traballar este trimestre: os Dereitos Humanos.
A sesión, que leva por título Somos iguais, somos diferentes, xirará arredor de tres contos: Unha parella diferente, Raro eu? e Por catro esquiniñas de nada. A partir deles falaremos da sensación de estrañeza que nos provocan ás veces as persoas que son diferentes, da necesidade de asumir a diferenza e a diversidade como unha riqueza e da importancia que teñen as linguas como mostra desa pluralidade. No peche da sesión xogaremos a formar parellas diferentes que, a pesar da diversidade, conseguen entenderse.
Agardámosvos a partir das 18.30 na Casa da Lectura.
Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada.
7/12/12
Membros dos clubs de lectura participan nunha conversa con Agustín Fernández Paz no Culturgal
O pasado domingo 2 de
decembro o Salón do Culturgal acolleu unha entrevista ao escritor AgustínFernádez Paz por parte dun grupo de lectores e lectoras de Espazo Lectura,
moderados pola xornalista e escritora María Solar. Dous membros do club Sete Vidas, dous do Comando Le outros dous do Lendo contigo mantiveron co escritor
unha interesante conversa na que se falou da súa obra, das súas lecturas de
referencia, das súas preocupacións como autor do seu tempo, da súa concepción
da literatura infantil, da situación da lingua, do cine ou do papel das novas
tecnoloxías na literatura.
6/12/12
O Comando Le reuniuse de novo
Este pasado sábado
1 de decembro reuníronse na Casa da Lectura os membros do Comando Le, o grupo
de activismo cultural de Espazo Lectura dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 15
anos, que ao longo deste trimestre está desenvolvendo distintas actividades
arredor do tema dos Dereitos Humanos.
A cita comezou cunha cea compartida e
continuou cun xogo por grupos para facermos un achegamento á realidade do
Senegal e contextualizar así a proxección de Binta e a grande idea, de Javier Fesser. Logo da película,
conversamos, escoitamos música de Yossou N’Dour e compartimos impresións e
reflexións sobre o acceso á educación. Rematamos comentando a próxima
actividade, a lectura do libro O neno can,
de Fina Casalderrey e Francisco Castro, así como outras ideas e propostas dos
propios rapaces e rapazas.
1/12/12
Nova sesión do Comando Le
Este sábado 1 de decembro celébrase a segunda sesión do Comando Le, a nova liña
de actividades de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a
15 anos. A cita será na Casa da Lectura a partir das 20:30h e incluirá unha cea compartida e a
proxección da película Binta e a grande idea, de Javier Fésser,
seguida dun coloquio que nos permitirá debater e reflexionar sobre o
acceso das mulleres á escola como camiño para mellorar a calidade de
vida e o respecto ao dereito á educación que deben ter todas as persoas.
Con esta actividade, o Comando Le afondará na reflexión sobre o tema de
debate escollido para este trimestre: os Dereitos Humanos. Esta nova
liña de actividades de Espazo Lectura vailles propoñer aos rapaces e
rapazas que participan escoller un tema cada trimestre e achegarse a el a
través da música, o cine, as charlas, as saídas, o debate e, por
suposto, os libros.
As actividades do Comando Le comezaron este pasado
mes de novembro cun Magosto Literario no que os rapaces e rapazas
fixeron unha lectura pública de textos que trataban diferentes aspectos
relacionados co cumprimento dos dereitos recollidos na Declaración
Universal dos Dereitos Humanos. Este ciclo trimestral completarase o
próximo 22 de decembro cunha sesión de club de lectura compartida co club Lendo contigo que xirará
arredor do libro O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, na que contaremos coa presenza dos autores.
14/11/12
Os membros do Comando Le celebraron un magosto literario
O sábado 11 de novembro, o Comando Le, o club de Espazo Lectura formado por rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, organizou un magosto literario na Casa da Lectura aberto a todos os socios e socias da asociación para presentar esta nova liña de traballo que botou a andar a finais de outubro.
Durante o acto, os membros do club presentaron varios murais deseñados por eles e leron textos e letras de cancións relacionados cos dereitos humanos, o tema sobre o que xirarán este trimestre os encontros do Comando.
Antes de pechar o acto literario e comezar o magosto, leuse unha escolma de artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Deseguido pódese ver unha crónica en imaxes do acto.
Durante o acto, os membros do club presentaron varios murais deseñados por eles e leron textos e letras de cancións relacionados cos dereitos humanos, o tema sobre o que xirarán este trimestre os encontros do Comando.
Antes de pechar o acto literario e comezar o magosto, leuse unha escolma de artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Deseguido pódese ver unha crónica en imaxes do acto.
8/11/12
Magosto literario na Casa da Lectura
Este sábado, 10 de novembro, ás 18:00h, Espazo Lectura organiza a un magosto literario na Casa da Lectura para presentar a nova actividade da asociación dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos chamada Comando Le. Os rapaces e rapazas que xa forman parte do Comando ofrecerán castañas asadas e unha lectura de textos sobre os Dereitos Humanos, que é o tema arredor do que xiran as súas actividades ao longo deste trimestre. A este magosto de presentación do Comando Le poden asistir tanto adultos como nenos e nenas.
O Comando Le é unha nova liña de traballo de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre propoñerase un tema arredor do cal se desenvolverán actividades relacionadas con diferentes ámbitos: cine, música, debates, saídas, charlas e, por suposto, libros. Logo do magosto literario deste próximo sábado, as seguintes actividades que realizarán este trimestre arredor do tema dos Dereitos Humanos serán a proxección e debate sobre a película Binta e a grande idea, unha sesión de dinamización lectora para os máis pequenos na Casa da Lectura e unha sesión de club de lectura arredor do libro O neno can coa presenza dos escritores Fina Casalderrey e Francisco Castro.
27/10/12
Botou a andar o Comando Le
O sábado 20 de outubro tivemos a reunión de posta en marcha do Comando Le, unha nova actividade de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre escolleremos un tema e achegarémonos a el a través do cine, a música, os debates, as saídas, as conversas e, por suposto, os libros.
Neste primeiro trimestre o tema escollido son os Dereitos Humanos e partimos de tres actividades centrais:
- Un magosto literario o 10 de novembro ás 18:00h na Casa da Lectura, aberto a todas as persoas que asisten ás actividades de Espazo Lectura ou que simpatizan co noso proxecto. No acto presentaranse os rapaces e rapazas do Comendo Le, que nos ofrecerán, ademais de castañas, textos e música sobre os Dereitos Humanos.
- A proxección de Binta e a grande idea o sábado 1 de decembro na Casa da Lectura. Logo cearemos xuntos e comentaremos a película.
- Unha sesión de club de lectura arredor do libro O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro o sábado 15 de decembro. Na sesión, que terá unha parte en común cos membros do club de lectura compartida Lendo contigo, estarán presentes os autores do libro.
Ademais destas actividades centrais, haberá outras que iremos preparando e organizando de acordo cos intereses e preferencias do grupo: outras propostas de lectura, encontro cos responsables dalgunha ONG que nos presenten o seu traballo, organización dunha sesión de dinamización para facer un mércores na Casa da Lectura, etc.
O grupo constituíuse o pasado día 20 con moitas ideas e moita ilusión e comezou xa a sumar. Son 15 rapaces e rapazas e, como non é algo pechado, podedes integrarvos na tropa cando queirades: non tedes máis que mandar un correo a espazolectura@gmail.com e poñerémonos en contacto.
17/10/12
Nace o Comando Le: únete á tropa!
Espazo Lectura vai botar a andar unha nova actividade, o Comando Le, un grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre convidarémolos a achegarse a un tema diferente a través do cine, os debates, a música, as conversas, as saídas, a amizade e, por suposto, os libros.
Para presentar esta nova proposta, teremos unha reunión aberta este próximo sábado 20 de outubro ás 12:00h na Casa da Cultura, enriba da Biblioteca Municipal de Gondomar. Alí esperaremos a toda a rapazada que queira sumarse á tropa e formar parte deste comando de acción cultural. E do mesmo xeito que, na difusión da programación infantil, contamos coa colaboración dos colexios da zona, tamén nesta nova aventura buscamos o apoio dos institutos, que acolleron moi ben a nosa proposta e se sumaron no proceso de divulgación. Desde aquí, o noso agradecemento ao IES Terra de Turonio, ao IES Escolas Proval e ao IES Auga da Laxe polo seu apoio.
Para Espazo Lectura é un reto ilusionante abrir esta nova liña de traballo, longamente demandada polos rapaces e rapazas que formaron parte do noso club de lectura compartida Lendo contigo e que agora non tiñan dentro da programación da asociación ningunha actividade axeitada para a súa idade. Agardamos que entre todos sexamos capaces de facer que o Comando Le sexa unha nova fiestra para o achegamento á cultura desde a lectura e a reflexión crítica.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)









