29/10/12

Este mércores non hai Casa da Lectura

Este mércores, 31 de outubro, non haberá sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura por mor da ponte no ensino. A actividade retomarase o vindeiro mércores día 7 á hora de sempre.

Nestas fotos pódense ver varios momentos da sesión da semana pasada, chea de mosquitos e demais insectos.


27/10/12

Máis contos no Contomar


Estes son os contos que están a agardar na biblioteca de Gondomar a que cheguen as 18:00 horas do luns e que comece a nova sesión do Contomar: A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, Os sete cabritos, A que sabe a lúa e Soño de pixamas.
Estas imaxes foron tomadas no Contomar do luns pasado.


Botou a andar o Comando Le



O sábado 20 de outubro tivemos a reunión de posta en marcha do Comando Le, unha nova actividade de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre escolleremos un tema e achegarémonos a el a través do cine, a música, os debates, as saídas, as conversas e, por suposto, os libros.
Neste primeiro trimestre o tema escollido son os Dereitos Humanos e partimos de tres actividades centrais:

- Un magosto literario o 10 de novembro ás 18:00h na Casa da Lectura, aberto a todas as persoas que asisten ás actividades de Espazo Lectura ou que simpatizan co noso proxecto. No acto presentaranse  os rapaces e rapazas do Comendo Le, que nos ofrecerán, ademais de castañas, textos e música sobre os Dereitos Humanos.

- A proxección de Binta e a grande idea o sábado 1 de decembro na Casa da Lectura. Logo cearemos xuntos e comentaremos a película.

- Unha sesión de club de lectura arredor do libro O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro o sábado 15 de decembro. Na sesión, que terá unha parte en común cos membros do club de lectura compartida Lendo contigo, estarán presentes os autores do libro.

Ademais destas actividades centrais, haberá outras que iremos preparando e organizando de acordo cos intereses e preferencias do grupo: outras propostas de lectura, encontro cos responsables dalgunha ONG que nos presenten o seu traballo, organización dunha sesión de dinamización para facer un mércores na Casa da Lectura, etc.

O grupo constituíuse o pasado día 20 con moitas ideas e moita ilusión e comezou xa a sumar. Son 15 rapaces e rapazas e, como non é algo pechado, podedes integrarvos na tropa cando queirades: non tedes máis que mandar un correo a espazolectura@gmail.com e poñerémonos en contacto.

 




26/10/12

Este sábado volve o club Lendo contigo



Este sábado 27 de outubro volve o club de lectura compartida Lendo contigo, dirixido a nenos e nenas de 7 a 11 anos e os seus pais e nais. Esta primeira sesión da tempada xirará arredor da novela Andanzas de Xan Farrapeiro, de Ramón Caride Ogando. A cita será ás 12:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e nela contaremos coa presenza do autor. Durante a sesión comentaremos o folleto que preparamos para os nenos e nenas e as súas familias, conversaremos co autor e, se cadra, igual temos a sorte de que se achegue á biblioteca o propio Xan Farrapeiro...

25/10/12

Espazo Lectura presenta o seu proxecto en Tui


Espazo Lectura presentará o seu proxecto de fomento da lectura este xoves 25 de outubro nunha mesa redonda que forma parte da programación das xornadas Lendo na casa, que organiza a Biblioteca Municipal de Tui en colaboración coas bibliotecas escolares dos centros de ensino do concello. Na mesa redonda, que leva por título "Lendo na casa", participarán a escritora Conchi Regueiro, unha representante da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación e Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura.

23/10/12

Este mércores na Casa da Lectura, coidado cos mosquitos!


Esta semana na Casa da Lectura atoparémonos cuns cantos insectos. Todos aqueles que esteades pensando en vir asegurádevos de non ser alérxicos. Se o sodes, vide preparados con algún repelente porque Eu non fun! a quen se lle ocorreu facer unha sesión sobre Mosquito e demais familia. A sesión será, coma sempre, ás 18:30h, pero a Casa da Lectura estará aberta xa desde as 17:30h.

Deixámosvos agora unhas imaxes da sesión da semana pasada, que estivo chea de maxia e de cousas sorprendentes.


20/10/12

Este luns no Contomar, unha manchea de contos



Este próximo luns no Contomar escoitaremos, entre outras, as historias que agochan contos como A escaleira, O coelliño branco, Un gato na árbore ou Croco, historias que falan de medos e de superación nos máis pequenos. A sesión, dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos e as súas familias, será, como todos os luns, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar.

A continuación, algunhas imaxes da sesión da semana pasada.

19/10/12

Roteiro de "Os fillos do mar" con Pedro Feijoo

Os membros do club de lectura Sete vidas de Espazo Lectura terán a oportunidade de facer na tarde de mañá sábado 20 de outubro o roteiro da novela Os fillos do mar acompañados do autor, Pedro Feijoo. Esta novela, que foi comentada na sesión do Sete vidas do pasado mes de xuño, ofrece un interesante percorrido pola arquitectura e o patrimonio histórico-monumental da cidade de Vigo. Mañá, os asistentes ao club de lectura poderán completar ese percorrido literario cun roteiro guiado e comentado polo propio Pedro Feijoo, a quen desde Espazo Lectura lle agradecemos que accedese a acompañarnos. O punto de partida será a rúa Rosalía de Castro (a carón do mercado) de Gondomar ás 17 horas.

Ramón Caride na próxima sesión do Lendo contigo

Lembrámosvos que dentro dunha semana celebraremos a primeira sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo contigo, dirixido a nenos e nenas de 7 a 11 anos e os seus pais e nais. Nesta ocasión falaremos do libro Andanzas de Xan Farrapeiro, de Ramón Caride. A cita será o sábado 27 de outubro ás 12:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Na primeira parte comentaremos o folleto que preparamos para esta lectura e logo manteremos un encontro co autor. Esperámosvos nesta primeira sesión da tempada. Non esquezades traer os vosos pasaportes lectores.


Se aínda non tedes o folleto, pódese descargar aquí.

17/10/12

Nace o Comando Le: únete á tropa!


Espazo Lectura vai botar a andar unha nova actividade, o Comando Le, un grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre convidarémolos a achegarse a un tema diferente a través do cine, os debates, a música, as conversas, as saídas, a amizade e, por suposto, os libros.

Para presentar esta nova proposta, teremos unha reunión aberta este próximo sábado 20 de outubro ás 12:00h na Casa da Cultura, enriba da Biblioteca Municipal de Gondomar. Alí esperaremos a toda a rapazada que queira sumarse á tropa e formar parte deste comando de acción cultural. E do mesmo xeito que, na difusión da programación infantil, contamos coa colaboración dos colexios da zona, tamén nesta nova aventura buscamos o apoio dos institutos, que acolleron moi ben a nosa proposta e se sumaron no proceso de divulgación. Desde aquí, o noso agradecemento ao IES Terra de Turonio, ao IES Escolas Proval e ao IES Auga da Laxe polo seu apoio.

Para Espazo Lectura é un reto ilusionante abrir esta nova liña de traballo, longamente demandada polos rapaces e rapazas que formaron parte do noso club de lectura compartida Lendo contigo e que agora non tiñan dentro da programación da asociación ningunha actividade axeitada para a súa idade. Agardamos que entre todos sexamos capaces de facer que o Comando Le sexa unha nova fiestra para o achegamento á cultura desde a lectura e a reflexión crítica.



Unha aventura sorprendente na Casa da Lectura



Este mércores, na Casa da Lectura, imos descubrir A aventura sorprendente dun homiño moi valente,  de Hans Traxler, editado por Xerais. Veremos o que pode pasar cando topas unha esponxa a man, pero tamén descubriremos o que pode pasar cando entras nunha aventura que te sorprende, aínda que non sexas un homiño moi valente. Esperámoste na Casa da Lectura a partir das 17:30h se queres vir ler ou coller libros en préstamo, para dar paso logo á sesión, que comezará, como todos os mércores, ás 18:30h. Anímate a sorprenderte, mesmo pode ser unha aventura disparatada.

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión da semana pasada, que xirou arredor do conto A guerra dos números.

15/10/12

Tokio no Club Lecturas Debuxadas


O próximo martes 16 de outubro iníciase unha nova tempada do Club Lecturas Debuxadas. Facémolo coa lectura de Cabana de Balieiros, de Tokio, publicado por Demo Editorial. A sesión comezará ás 20:00h na biblioteca municipal e ás 21:00h incorporarase o propio Tokio para conversar cos lectores e lectoras sobre a súa obra.

En Cabana de Balieiros cóntase a historia dunha vila mariñeira imaxinaria onde non todo é o que parece, onde as mulleres son protagonistas e os homes non están, atópanse pescando baleas.

Tokio é o seudónimo de Alfredo López, veciño de Gondomar, biólogo e ilustrador, especializado en ilustración científica. Cabana de Balieiros é a súa primeira novela gráfica.

13/10/12

Rosa caramelo, este luns no Contomar


Rosa caramelo, o álbum ilustrado de Adela Turín e Nella Bosnia que a editorial Kalandraka acaba de editar na nosa lingua, será unha das historias que estarán presentes na sesión do Contomar deste próximo luns 15 de outubro ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. O libro, publicado orixinalmente en italiano hai case 40 anos, conta a historia dunha elefantiña que se rebela contra a tradición de que as elefantas teñan que medrar nun cercado, cheas de lazos de cor rosa, comendo flores e coidando a súa pel rosada, e prefire ir cos elefantiños, que poden comer herba fresca, xogar polos prados e enzoufarse na lama. Na sesión, destinada a nenos e nenas de máis de 3 anos e as súas familias, contaremos tamén as historias de Un can e un gato e A princesa do Courel.

Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión da semana pasada, na que celebramos o cumprecontos de dez nenos e nenas que fixeran anos ao longo do verán.

12/10/12

Club de Lectura Sete Vidas: de Antón Riveiro Coello a María Xosé Queizán

O escritor Antón Riveiro Coello estivo o pasado martes 2 de outubro compartindo a súa charla coas persoas asistentes ao Club de Lectura Sete Vidas, que se dedicou nesta ocasión á súa novela Laura no deserto, publicado pola editorial Galaxia. Durante a sesión o autor foi facéndonos partícipes da súa relación coa novela e o proceso de escrita. As fotos que reproducimos pertencen a esa xornada. 
Para a seguinte sesión, que terá lugar o día 6 de marzo (ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar) comentaremos a lectura de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado por Xerais. Como é habitual, contaremos coa presenza da autora, que compartirá connosco o seu punto de vista. María Xosé Queizán é todo un referente da literatura galega contemporánea e pioneira do pensamento feminista en Galicia.




9/10/12

Avións para a paz na Casa da Lectura


A guerra dos números, con texto e ilustracións de Juan Darién e editado por OQO, será o conto que centrará a sesión deste próximo mércores 10 de outubro na Casa da Lectura. Un conto para a paz que manexa conceptos como o da escravitude, o abuso, a resolución de conflitos..., pero tamén unha ferramenta didáctica para familiarizarse con códigos e procesos matemáticos. A partir da lectura deste conto, os nenos e nenas construirán avións de papel e faranos voar. A sesión comezará ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta xa desde as 17:30h. para lectura en sala ou para préstamo.

Deixámosvos agora algunhas imaxes da sesión coa que iniciamos a semana pasada a viaxe desta tempada na Casa da Lectura, co noso pasaporte lector para desprazarnos polo mundo dos contos.


6/10/12

Máis contos este luns no Contomar



Este próximo luns ao Contomar de Espazo Lectura chegarán, entre outras, as historias de ChocolataRita ou Non quero ser un polbo, que nos permitirán achegarnos a sentimentos tan importantes como a amizade, os afectos ou a autoestima. A cita será ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar para nenos e nenas de máis de 3 anos e as súas familias.

Deixámosvos agora algunhas imaxes da primeira sesión desta tempada, celebrada a semana pasada.






4/10/12

Dous novos socios protectores

Nesta tempada incorpóranse dous novos centros de ensino ao proxecto de Espazo Lectura como socios protectores: a EEI As Dunas de Panxón e o CEP Sabarís. Con estes dous novos centros son xa doce os colexios da comarca que son socios protectores de Espazo Lectura e que colaboran co noso proxecto facéndolles chegar ás familias do seu alumnado a información mensual das nosas actividades para convidalas a participar. Desde Espazo Lectura queremos agradecerlles a estes dous novos socios protectores e a todos os demais que apoien o noso proxecto de fomento da lectura e nos axuden a difundilo e a fortalecelo socialmente.

Ademais destes doce colexios, tamén son socias protectoras de Espazo Lectura once editoriais galegas e dúas compañías de teatro. Podedes ver todos os socios protectores aquí. Mil grazas a todos eles pola súa colaboración e o seu apoio.

2/10/12

Comeza de novo a viaxe da Casa da Lectura



A Casa da Lectura abre este mércores 3 de outubro as súas portas para dar comezo a unha nova tempada de sesións de dinamización lectora e faino propoñéndolles aos nenos e nenas unha viaxe a través de contos de diferentes culturas e países: Pedra, pau e palla, O sultán e os ratos, Mariluz avestruz e Adiviña canto te quero. Será a primeira etapa dunha viaxe polos contos que chegará ata o 12 de xuño de 2013. E como unha viaxe así merece un pasaporte, ao remate da sesión deste mércores os nenos e nenas poderán construír o seu propio salvoconduto para viaxar polo mundo dos contos: nel poderán rexistrar cada semana os libros cos que imos ir construíndo este percorrido cheo de lecturas compartidas.

Comeza así a terceira tempada de actividades da Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas), que estará aberta todos os mércores a partir das 17:30h para servizo de préstamo e que acollerá cada semana unha sesión de dinamización arredor da lectura ás 18:30h. Será un pracer seguir contando con todos vós nesta nova viaxe.

Antón Riveiro Coello estará hoxe no Club de Lectura Sete Vidas

Hoxe martes 2 de outubro o Club de Lectura Sete Vidas reincia a súa andaina nesta nova tempada para centrarse na novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado pola editorial Galaxia. Coma é habitual, a sesión do Sete Vidas comezará ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, e a partir das 21 horas contaremos coa presenza do autor, Antón Riveiro Coello, que compartirá connosco moitas cousas do seu libro. 
Trátase da segunda novela deste autor que se le no Club Sete Vidas, xa que en xaneiro de 2009 a sesión dedicouse a As rulas de Bakunin. A novela de Antón Riveiro Coello iníciase na primavera de 1982 en Barcelona co achado dunha carta e vai espallando a súa trama por Compostela, Nova York e a Pobra do Caramiñal. O autor de As rulas de Bakunin consegue artellar unha novela na que aventura vital, epopea social e interese narrativo se xuntan.