30/11/09

Rosa Aneiros, Premio Xerais de Novela 09, charlará cos lectores/as na Biblioteca de Gondomar

Mañá celébrase a sesión de decembro do Club de Lectura Sete Vidas. O libro sobre o que imos falar é Sol de Inverno, da escritora Rosa Aneiros, obra gañadora da última edición do Premio Xerais de Novela. Pódese completar a información aquí.

Tertulia coa autora
Rosa Aneiros estará mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar para charlar arredor de Sol de Inverno coas persoas que se queiran achegar.

Lembrade, a cita é mañá 1 de decembro a partir das 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar. Para participar non é preciso inscribirse, só hai que achegarse á biblioteca con ganas de compartir lecturas.

29/11/09

Lecturas Debuxadas: As serpes cegas

Na sesión do 17 de novembro do Club Lecturas Debuxadas, falouse do cómic As serpes cegas, de Felipe Hernández-Cava e Bartolomé Seguí.
Comentamos a historia que sucede co trasfondo da Guerra Civil española. No cómic entrevese a crítica aos aproveitados dos momentos confusos e tamén aos idealistas que se deixan levar polo momento. A narración deixa camiños no ar que non se contan e que fai que a historia deixe lugar para que o propio lector/a decida ou pense as cousas que non aparecen na narración.
A parte gráfica gustou moito, sobre todo a maneira de utilizar a luz e expresala. Por exemplo, con pequenas manchas de cor conséguese o reflexo dos carteis do cine, a luz do solpor queda moi ben definida.
En definitiva, un cómic que gustou moito en xeral. Enténdese o por que levou tantos premios.
Outros lugares onde falan de As serpes cegas:

26/11/09

O escritor Xerardo Quintiá, este sábado na Biblioteca de Gondomar



O vindeiro sábado, 28 de novembro de 2009, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, o escritor lucense Xerardo Quintiá estará connosco para participar na segunda sesión desta tempada do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo.

Nesta ocasión serán dous os libros propostos, ambos editados por Galaxia: A verdadeira historia do burro Feldespato, para nenos e nenas de 7 a 9 anos, e Ke-tumba Ke-tamba para 9 e 10 anos.

Xerardo Quintiá naceu en Friol (Lugo) no ano 1970 e ten xa unha importante traxectoria tanto en narrativa como en poesía con máis dunha ducia de títulos, entre eles Poesía en ruta (Premio Fermín Bouza Brey de poesía), Finísimo po nas ás, Un rabaño de ovellas brancas ou O libro dos aparecidos.
Ke-tumba Ke-tamba foi finalista do premio Raíña Lupa e conta a historia de Ke-tumba Ke-tamba, un indio da tribo dos tarambainas que non quere ser tan “salvaxemente salvaxe” como os seus irmáns. Por outra banda, A verdadeira historia do burro Feldespato conta a historia de Feldespato, un burro namorado da súa dona, Marica Pendella, que dorme por causa dun feitizo e só esperta cada cen anos.

A este club de lectura compartida, destinado a nenos e nenas de 8 a 11 anos e aos seus pais e nais, adoitan asistir arredor de 50 persoas, e con el preténdese fomentar o diálogo familiar arredor do libro e a lectura. A participación do autor neste caso convértese nun aliciente especial para os lectores e lectoras máis novos que poden coñecer máis de preto como xorde a idea dun libro e como vai tomando forma ata que finalmente se publica.

25/11/09

Sesión de contacontos e actividade semanal na Casa da Lectura

Este mércores 25 de novembro, a partir das 12:15 horas da mañá, Rosana Estévez, responsable da Área de Dinamización de Espazo Lectura, visitará o colexio de Belesar onde vai facer unha sesión de contacontos que xirará arredor dos crocodilos. A sesión enmárcase dentro da liña de colaboración entre Espazo Lectura e os centros de ensino do Val Miñor.



Ademais, como todos os mércores, Espazo Lectura organiza a actividade semanal na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas). Desta volta, da man de contos como Sacapenas ou Comemedos, falaremos dos medos infantís e de como escorrentalos. Logo, os nenos e nenas aprenderán a facer un "sacapenas", un monequiño que lles vai axudar a superar calquera tipo de temor.

A sesión será a partir das 18:30 horas mais a Casa da Lectura xa estará aberta ás 17:30 para todas aquelas persoas que se queiran achegar. Aquí podedes ver algunha foto da actividade da semana pasada dedicada a O principiño.

23/11/09

Rosa Aneiros estará no Club de Lectura Sete Vidas

O martes, 1 de decembro, ás 20:00 horas, a escritora Rosa Aneiros estará na Biblioteca Municipal de Gondomar, compartindo as súas opinións con todas as persoas que queiran asistir á próxima sesión do club de lectura Sete Vidas, que se centrará na novela gañadora do Premio Xerais 2009, Sol de Inverno. Aquí pode lerse un capítulo da novela.

Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o Premio Xerais, que en Sol de Inverno «quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retornar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia». Rematou Rosa Aneiros salientando que «Inverno é un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios».

En Sol de Inverno desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado sinalou que «esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes –nada máis que trinta lumes a comezos de 1936– a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano –onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns–; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza».

A novela, de profunda instrospección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máxico, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carmen Muñoz ou Rafael Dieste. Deste xeito, apaña o fío da tradición literaria galega este longo relato de pulso vagoroso, meditado, que reborda nun río de historias que nunca nos deixan indiferentes. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno ten que lamber unha e outra vez coma un pesadelo, é a que vai erguendo as sólidas paredes desta novela que, de seguro, engaiolará desde a primeira páxina, desde a dedicatoria inicial a Silvia Mistral.

O vindeiro sábado, nova cita co Club de lectura compartida Lendo Contigo

A partir das 12.00 horas do vindeiro sábado 28 de novembro, coma sempre, na Biblioteca de Gondomar, temos unha nova cita do Club de lectura compartida Lendo Contigo. Esta vez estará connosco o escritor Xerardo Quintiá, autor dos dous libros propostos para este mes A verdadeira historia do burro Feldespato (recomendado para os nenos e nenas que teñan entre 7 e 9 anos) e Ke-Tumba Ke-Tamba (para os de 10 a 11 anos).

A nova tempada do Lendo Contigo iniciámola no mes de novembro coa visita a Gondomar da escritora Susana Lamela que nos veu falar do seu libro Soños de Andel. Velaquí algunhas imaxes desa xornada.

19/11/09

LEER.ES

O Ministerio de Educación, en colaboración coas comunidades autónomas, a RAE e o Instituto Cervantes, vén de presentar un atractivo portal centrado na lectura e nas persoas lectoras e destinado fundamentalmente á xente nova chamado leer.es.
Este centro virtual, accesible nas linguas oficiais do Estado, nace coa vontade de contribuír ao fomento da lectura (entendida dende a perspectiva da era dixital) e á mellora da competencia en comunicación lingüística, esencial para conseguir transformar a información en coñecemento.
Ademais de estar dirixido á xente nova, conta con interesantes espazos dedicados ao profesorado e (o que consideramos máis importante pola escaseza de recursos existentes neste ámbito) ás familias, con recursos, consellos e ferramentas para fomentar o hábito lector dende as casas.

18/11/09

Hoxe, na Casa da Lectura, mergullámonos no mundo do Principiño

Na actividade semanal da Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas), que terá lugar hoxe mércores 18 a partir das 18.30 horas, mergullarémonos no fabuloso mundo de O principiño, de Saint-Exupéry.

O principiño é a historia dun piloto e un neno, dun año e unha flor, dun pozo, dunha raposa, dunha viaxe polo espazo... Pero é, sobre todo, unha fábula na que todos eses elementos presentes na historia nos falan das relacións entre as persoas, do amor e da amizade, do sufrimento e da dor. Traducido a máis de cen linguas e lido por millóns de persoas en todo o mundo, este libro leva provocado moitas reflexións e interpretacións nas que adquire un protagonismo especial a biografía, apaixonante e aventureira, do seu autor.

A Casa da Lectura permanece aberta os mércores dende as 17.30 ata o remate da actividade de fomento da lectura.

16/11/09

O recente Premio Nacional de Cómic, "As serpes cegas", mañá no Lecturas Debuxadas

Mañá martes, 17 de novembro, ás 20.00 horas, a Biblioteca de Gondomar acollerá a sesión de novembro do Club Lecturas Debuxadas, especializado en banda deseñada.
Nesta ocasión falaremos do álbum As serpes cegas, de Felipe Hernández Cava (guionista) e Bartolomé Seguí (debuxante). Este cómic, editado en 2008 pola editorial galega BD Banda, acaba de ser galardoado co Premio Nacional de Cómic que outorga o Ministerio de Cultura. O álbum xa fora recoñecido co Premio da Crítica, o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión e o premio do Saló del Còmic de Barcenola á Mellor Obra e ao Mellor Guión, entre outros recoñecementos.

As serpes cegas narra a historia dun emigrante vestido de vermello que chega a Nova York no ano 1939 na procura de Ben Koch, un home que incumpriu un pacto. De xeito paralelo vemos como en España, a Guerra Civil xa está perdida para os republicanos, que se ven impotentes para prolongala ata o estalido dunha conflagración europea que modificará o mundo. Todo o universo dos protagonistas está presidido pola urxencia de axustar, durante eses días de abafante verán, as súas contas persoais.

15/11/09

Paco Papán no Contomar

O luns 9 de novembro, dentro da programación do Contomar, un grupo de nais e pais de alumnado do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar levaron á escena unha adaptación teatral propia do conto Paco Papán (de OQO Editora), tal e como xa anunciamos aquí. Estes son algúns dos momentos vividos durante a representación.

11/11/09

Espazo lectura organiza visitas escolares á exposición "As bases da banda"

Hoxe mércores, 11 de novembro, dous colexios de Gondomar visitarán a exposición sobre o mundo do cómic "As bases da banda", que se atopa na Biblioteca Municipal de Gondomar dende o 20 de outubro ata o 14 de novembro, xestionada por Espazo Lectura.
O alumnado gozará dunha visita guiada á exposición da man do equipo de Espazo Lectura e dun ilustrador convidado: o vigués Miguel Porto.

Ao longo da mañá haberá dúas sesións: unha ás 10.00 horas para o alumnado do CEIP Chano Piñeiro e outra ás 12.00 para o do CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar.

10/11/09

Os mércores na Casa da Lectura

Este mércores, ás 18:30 horas, a Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas) terá uns convidados moi especiais: unha chea de mouchos.
Durante a actividade semanal de dinamización, leremos O oso fabuloso, un conto onde o moucho cumpre un papel fundamental, cantaremos cancións e remataremos a sesión sabendo imitar o canto desta ave.

Dende as 17.30 horas a Casa da Lectura permanecerá aberta para aquelas persoas que queiran achegarse a ler.

Velaquí algunha imaxes da sesión da semana pasada.

9/11/09

Clubs de lectura: Lecturas Debuxadas

O día 20 de outubro reanudáronse as sesións do Club Lecturas Debuxadas coa participación especial de Kiko da Silva. O debuxante pontevedrés falounos da historia da banda deseñada en Galicia dende a súa propia experiencia. Comezou falándonos dos comezos do cómic en Galicia da man do fanzine Frente Comixario, todo un referente para a época. Dos colaboradores deste fanzine saíron algúns dos creadores de BDBanda, xunto co propio Kiko. Contounos tamén que decidiu introducirse no mundo do cómic a partir de gañar o Premio Ourense no ano 1996. Dende ese momento, creou e participou en moitos proxectos de referencia: Golfiño (onde foi publicando as aventuras de Fiz), BD Banda, Mister K, Dos veces breve, El Jueves...

Despois analizou o mundo da banda deseñada dende diversas perspectivas: dende a súa experiencia como editor, ilustrador, empresario, creador... Nesta última faceta mostrounos un par de traballos feitos en madeira e un fragamento da obra na que está a traballar:
Baixo as sombras das pedras flotantes, unha novela gráfica (baseada na obra de Manuel Lourenzo González O xardín das pedras flotantes) que será editada por Xerais.

Nesta sesión tamén inauguramos a exposición As bases da banda, que estará na Biblioteca Municipal de Gondomar ata o día 14 de novembro.



A próxima cita co Lecturas Debuxadas será o martes 17 de novembro ás 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar e estará dedicada á lectura de As serpes cegas, o recente Premio Nacional de Cómic, unha obra de Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí editada por BD Banda.

8/11/09

Sesión especial con Paco Papán este luns no Contomar

Este próximo luns 9 de novembro, ás 18.00h, na Casa da Cultura, o Contomar acollerá unha sesión especial cunha peza de teatro feita a partir do conto Paco Papán, de Patacrúa con ilustracións de Evelyn Daviddi.
Será un grupo de nais e pais de nenos e nenas de educación infantil do CEIP Chano Piñeiro (Gondomar) o encargado de poñer en escena este conto que narra a historia dun mozo que pasa os días asubiando, sen facer cousa ningunha, até que a súa nai lle di que ten que ir buscar traballo e traer unha paga, o que o levará a ir pasando por diferentes ocupacións: unha xastrería, unha granxa, unha taberna, unha panadería, unha carpintería, etc. A montaxe teatral foi estreada inicialmente no CEIP Chano Piñeiro e o luns estará ás 18:00h na Casa da Cultura.
O conto forma parte do proxecto Contos en cantos, un libro disco promovido por OQO Editora, que foi presentado nun concerto o ano pasado en Gondomar dentro dunha campaña organizada por Espazo Lectura e na que participaron todos os centros de ensino público do noso concello. Na montaxe teatral que realizaron as nais e pais está presente tamén a música a través da canción que se inclúe nese CD de Contos en cantos.
Desde Espazo Lectura cremos que este tipo de iniciativas son fundamentais para dinamizar a implicación da familias no fomento da lectura e para crear cos fillos e fillas vínculos afectivos a través dos contos e a lectura, un dos obxectivos que persegue tamén o Contomar, o programa de contacontos que Espazo Lectura organiza desde febreiro do 2006 na Biblioteca Municipal, onde son tamén os pais e nais os que se encargan cada semana de contarlles contos aos nenos e nenas.

Nas imaxes, varios momentos do Contomar das semanas pasadas:

6/11/09

A sesión do Lendo Contigo suspendida a semana pasada celébrase este sábado

Mañá, sábado 7 de novembro, celebrarase a sesión do Club de lectura compartida Lendo contigo que tivo que ser adiada a semana pasada. Será, coma sempre, ás 12.00 na Biblioteca de Gondomar, onde estará connosco a escritora Susana Lamela (velaquí o seu blog).

O título sobre o que se vai centrar a actividade é Soños de andel (Tambre, 2008), da escritora ponteareá Susana Lamela. Soños de andel conta a historia de Ani, un libro que pasa os días de maneira triste no andel dunha biblioteca porque ninguén o quere levar para a casa.

Para particiar no Lendo contigo non é preciso inscribirse, só se recomenda ler o libro proposto e acudir á Biblioteca Municipal de Gondomar os últimos sábados de cada mes ás 12.00 horas da mañá.

5/11/09

Espazo Lectura na escola infantil de Mos


Mañá venres 6 de novembro, Rosana Estévez, vicepresidenta e responsable da Área de Dinamización de Espazo Lectura, estará na galescola de Mos para ofrecerlles aos pequenos e pequenas do centro unha sesión de contacontos que terá como personaxe principal a lúa. Os contos que se van ler son A que sabe a lúa e Papá, por favor, achégame a lúa.

Esta sesión forma parte da liña de colaboración entre Espazo Lectura e os centros de ensino da zona, e é a primeira que se realiza neste curso 2009-2010.

3/11/09

Actividade semanal na Casa da Lectura

A Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas) acolle este mércores unha nova sesión de dinamización. Da man de Bea Pereiro, unha das mestras de Infantil do CEIP Souto-Donas, achegarémonos ao conto A casiña de chocolate, ao tempo que se vai preparando unha casiña de chocolate que, ao remate da sesión, os nenos e nenas poderán comer.
A sesión será ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura permanecerá aberta desde as 17:30h para todas as nais e pais que queiran achegarse antes para ler algún conto cos seus fillos e fillas.
Nas imaxes, pódese ver varios momentos da actividade da semana pasada.

2/11/09

Xurxo Borrazás estará mañá no Club de lectura Sete Vidas

A sesión de novembro do Club de Lectura Sete Vidas, que se celebra mañá 3 de outubro ás 20.00h na Biblioteca de Gondomar, xirará arredor da novela Costa Norte/ZFK (Galaxia, 2008) do escritor Xurxo Borrazás.

Encontro co autor
Durante a primeira hora, os asistentes ao club intercambiarán opinións sobre o título proposto e, arredor das 21.00h, o autor Xurxo Borrazás estará na Biblioteca de Gondomar para compartir cos lectores o seu punto de vista como autor do libro.

Xurxo Borrazás
Xurxo Borrazás (Carballo, 1963) é un dos escritores máis sobresaíntes da narrativa galega aparecida na última década do século XX. A súa produción literaria comprende os seguintes títulos: Cabeza de chorlito (1991), Criminal (1994), coa que obtivo o Premio da Crítica Española e o Premio San Clemente de lectores, Eu é (1996), Contos malvados (1998), O desintegrista (1999), Na maleta (2000) e Ser ou non no ano 2004 con Galaxia. En 2007 publica o seu primeiro ensaio, Arte e parte e en 2008 a novela Costa Norte/ZFK.
Nesta novela, Xurxo Borrazás fai unha incursión nunha zona de pesadelo industrial cun espazo físico e unhas relacións sociais opostas ás que coñecemos, nun futuro que é apenas unha sofisticación do presente. Unha novela esteticamente impactante e radicalmente anovadora que fala da soidade do individuo e dos límites da natureza.