31/12/08

Un Contomar cheo de ollos

O luns 22 de decembro Espazo Lectura celebrou a última sesión do Contomar deste ano 2008 que acaba de rematar. Baixo a mirada atenta do saco Paco e da saqueta Henriqueta, as nosas mascotas, os case 50 nenos e nenas que asistiron escoitaron os contos Quen levou a lúa?, de OQO editora, e Onde perdeu Lúa a risa?, O vendedor de tomentas e Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Kalandraka. Da man dalgúns dos nosos pais e nais contadores de historias (Begoña, Ángel, Luís e Rosana), despedimos o ano escoitando contos, como facemos cada luns, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.



Ademais, no remate da sesión, presentamos o proxecto Os ollos do Contomar, un libro que estamos a preparar con fotografías de Manuel G. Vicente, que recolle algúns dos momentos desas sesións semanais de contacontos que celebramos desde hai case tres anos. Os protagonistas serán fundamentalmente os ollos atentos e ilusionados dos nenos e nenas que cada semana, coa súa presenza, lle dan sentido a esta actividade.

A finais do ano 2005 un grupo de nais da ANPA do CRA Antía Cal comezamos a pensar na posibilidade de organizar un contacontos en Gondomar no que fosen as propias nais e pais os que se encargasen de contar as historias. Co obxectivo de asesorarnos e formarnos nese sentido, organizamos o 12 de decembro dese ano unha charla para nais e pais con responsables da editorial Kalandraka. Desa semente nacería en febreiro de 2006 o Contomar, un contacontos semanal para nenos e nenas de 3 a 9 anos, que foi medrando co tempo e serviu de base ao nacemento da asociación Espazo Lectura. Unha pequena historia de retos e ilusións que esperamos ter axiña recollida en Os ollos do Contomar.






29/12/08

Berrobambán, socios de Espazo Lectura


A directiva de Espazo Lectura quere darlle a benvida como primeira socia protectora da asociación á compañía Berrobambán teatro, formada por Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Manolo Vázquez.
Berrobambán teatro é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde o seu nacemento en 1995, presentou diversos espectáculos para público infantil como Diariamente, Dous contos sen final e un final por fin, Movementos para trasnos e trastes, Bicharada ou Boas noites.
Precisamente para falarnos do libro Boas noites estivo Paula Carballeira no club de lectura Lendo contigo do pasado 29 de novembro.
Moitas grazas, soci@s!

28/12/08

As rulas de Bakunin, no Sete Vidas


O martes 13 de xaneiro celebraremos unha nova sesión do Club de lectura Sete Vidas. O libro proposto para esta ocasión será As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Trátase dunha novela que nace desde a sensibilidade dos derrotados e os perdedores. A intención do autor é recuperar a memoria dos heroes silenciosos que loitaron pola liberdade, presentándonos a vida de Camilio Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio. As rulas de Bakunin é unha novela que conmove. Guerra civil e anarquismo danse a man nunha novela histórica.
Esta novela mereceu no seu momento o Premio Manuel García Barros, que concede o Concello da Estrada. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos narradores destacados da narrativa galega actual e autor de obras como Casas baratas, A quinta do Saler ou Os ollos de K, entre outros.
A sesión do Club de lectura Sete Vidas terá lugar, como vén sendo habitual, ás oito da tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar. A asistencia é libre e non implica ningún tipo de obrigas. Na foto inferior, unha imaxe da sesión anterior deste mesmo club de lectura.

27/12/08

Titerenadal

Reproducimos a continuación o programa Titerenadal, organizado polo Concello de Gondomar. As funcións son ás 18:00h, no auditorio Lois Tobío e a entrada custa 2,50 euros.

Sábado 27 Decembro
Compañía Cachirulo
Obra: “Do, re mi… Mozart xoga aquí”

Domingo 28 Decembro
Compañía The Pinga Teatro
Obra: “O rei de mares”

Luns 29 Decembro
Compañía Teatro del Andamio
Obra: “O monstro do castelo”

26/12/08

María Reimóndez estivo no Lendo Contigo

A escritora e presidenta da ONG Implicadas no Desenvolvemento, María Reimóndez, estivo o pasado sábado 20 de decembro no Club de lectura compartida Lendo Contigo para falar do seu libro Lía e as zapatillas de deporte. Estes son algúns momentos da súa intervención, falando de traballo e explotación infantil e do seu achegamento aos libros.







22/12/08

¿Demasiados libros?

Los demasiados libros é o título elixido para a última sesión do Club de Formación Lectora, que se celebra hoxe na biblioteca do CRA Antía Cal de Gondomar. A perspectiva de Gabriel Zaid, o autor do ensaio, resulta moi orixinal por abordar o ámbito do libro e a lectura desde unha perspectiva numérica e cunha óptica matemática. Este club de lectura está pensado para garantir a formación continua e a reciclaxe daquelas persoas vencelladas con Espazo Lectura ou que traballan ou colaboran con ela.

18/12/08

María Reimóndez, no Lendo Contigo

Este próximo sábado 20 de decembro, ás 12:00 horas, a escritora María Reimóndez estará connosco para participar no Club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para este encontro é Lía e as zapatillas de deporte, e sobre el dialogará María Reimondez coas nenas e nenos asistentes. O encontro terá lugar, como é habitual, na biblioteca de Gondomar.
Para nenos e nenas a partir de 11 anos recomendamos tamén a lectura doutro dos seus libros, Usha, e para os adultos recomendamos a súa novela O club da calceta, traducida ao italiano e ao español, levada á escena por Teatro do Morcego.



María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e presidenta da ONG Implicadas/os no Desenvolvemento, que que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.
Como escritora, María Remóndez publicou o libro de poemas Moda Galega (2002); O Caderno de Bitacora (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; Usha (2006), novela finalista do premioMerlín, Lía e as zapatillas de deporte (2008) e a novela O club da calceta (2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005. Ademais, colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.

17/12/08

Lecturas Debuxadas: A mansión dos Pampín

A primeira sesión do Club Lecturas Debuxadas xirou arredor de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, cómic desenvolvido no marco do Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Acudiron nesta ocasión 18 persoas e todas manifestaron que lles gustou moito o cómic, tanto aqueles que len habitualmente cómic como os que non.

A sesión tivo dúas partes ben diferenciadas. Na primeira comentouse a historia. Houbo moito debate, tanto pola historia como pola relación coa realidade que, tristemente, coñecemos todos moi ben. Algunhas persoas fixeron notar que na crítica que aparece no cómic á sociedade, faltaba a parte que lle toca aos bancos e aos propios arquitectos.

Na segunda parte falouse sobre o aspecto formal, onde nos fixamos naqueles aspectos que máis nos chamaron a atención e nos que creaban e reforzaban a narración da historia.

Tan inmersos estabamos no debate que xurdiu que ninguén se lembrou de tirar unhas fotos para poder ilustrar este post.

Despois falamos un pouco sobre os cómics de Miguelanxo Prado, onde se propuxo ler noutro momento Trazo de tiza.

Para finalizar debatemos un pouco sobre as próximas lecturas onde se nomearon Maus, Persépolis, Píldoras Azules, Arrugas, Paracuellos, e incluso algún de Mortadelo y Filemón ou Superlópez. Decidiuse que a próxima lectura, o terceiro martes de Xaneiro, sexa Los combates cotidianos, de Manu Larcenet.

Algúns lugares onde falan dos combates cotidianos:

12/12/08

Asociacionismo a prol da lectura

Entre os diversos colectivos que traballan en Galicia a prol do fomento da lectura, cómpre destacar o labor pioneiro da Lonxa Literaria de Moaña. Máis recentemente, constituíronse dúas asociacións relevantes. A primeira é Casaescola, que opera na zona de Arousa e que centra o seu traballo moi especialmente no ámbito educativo. A segunda é Marimanta, unha asociación de lectura infantil na comarca de Betanzos. A todas elas queremos enviarlles o noso recoñecemento polo seu traballo.




9/12/08

A morte dos personaxes dos contos

A campaña canadinana de fomento da lectura promovida pola Fondation pour l'alphabétisation, que coñecemos a pasada semana a través de Brétemas, é tan contundente e impactante que resulta necesario valorala reflexivamente. A campaña, presentada baixo o lema "Cando non lemos, a imaxinación desaparece", bota man de anuncios publicitarios coma estes vídeos que reproducimos a continuación (no segundo, incluímos a versión inglesa, aínda que a francesa é máis directa):




8/12/08

Hoxe non hai Contomar

Hoxe luns non se celebrará a sesión semanal do Contomar por ser festivo. O Contomar, que está na cuarta tempada , segue a ser a actividade dorsal de Espazo Lectura e ás sesións está acudindo unha media de corenta nenos cada semana. Precisamente por iso, e porque xa logrou crear un certo hábito lector entre os máis pequechos, en Espazo Lectura queremos darlle relevancia a esta actividade. Nese sentido, estamos a preparar novos proxectos que esperamos sacar axiña á luz. O Contomar non só logrou enganchar os máis pequenos aos contos senón que se constituíu nun referente para as nais e os pais á hora de mercaren libros no ámbito familiar.
A continuación reproducimos fotos da sesión do luns 17 de novembro.




7/12/08

Club de lectura virtual galego e portugués

Destinado ao público universitario galego e portugués pero tamén á sociedade galega e portuguesa, diversas institucións relacionadas coa Eurorrexión (Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e seis universidades públicas galegas e portuguesas) puxeron en marcha un Club de Lectura Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que se desenvolverá a través de internet.
A presentación pública da iniciativa tivo lugar en Compostela o pasado 27 de novembro, e as persoas interesadas en participar ou obter máis información poden dirixirse ao correo electrónico: xestión@fceer.org

5/12/08

Espazo Lectura participa no Culturgal

Varias persoas de Espazo Lectura desprazaránse o sábado á Coruña para participar no Foro Letras Vivas, un encontro que pretende achegar os programadores/as ás actividades de fomento da lectura integradas no programa Letras Vivas da Consellaría de Cultura. Na xornada, que se desenvolverá entre as 10,30h. e as 13,30 h. da mañá, poderemos ver e contactar aquelas propostas de fomento da lectura que resulten máis interesantes para o noso traballo na asociación.

4/12/08

As tertulias do IEM

Mañá venres 5 terá lugar unha nova tertulia do Instituto de Estudos Miñoranos, un ciclo xa clásico de encontros no Val Miñor que comezou o pasado mes. Mañá venres, o convidado será Xoán Ramón Doldán García, profesor de Economía Aplicada da USC e ex-director do Instituto Enerxético de Galicia, e a presentación correrá a cargo do empresario Roberto Valverde Sabín.
A continuación reproducimos a programación completa das tertulias para o vindeiro 2009. Para o ámbito do fomento da lectura, resultan especialmente atractivas as conferencias de Marilar Aleixandre e de Rosa Aneiros.
  • 9 xaneiro de 2009
    Carlos Pajares Vales (Catedrático de Física da USC, especialista en Física Teórica de Partículas Elementais). Presenta: Salvador Rodríguez Muñoz (profesor de Física e Química).

  • 6 febreiro de 2009
    Marilar Alexandre, escritora, prof. de Didáctica da Ciencia na USC. Presenta: Marta Dacosta Alonso (poeta e profesora).

  • 6 marzo de 2009
    Tino Fraga Vázquez (director dos Museos Científicos da Coruña). Presenta: Xosé Ramón García Martínez (profesor e botánico).

  • 17 de abril de 2009
    Xoán Ramón Vidal Romaní (catedrático de Xeodinámica da U. da Coruña). Presenta: Eduardo Méndez Quintas (experto en arqueoloxía).

  • 8 de maio de 2009
    Abe Rábade Villar (músico). Presenta: Anxo Angueira Viturro (escritor e profesor).

  • 6 de xuño de 2008
    Rosa Aneiros
    (escritora e xornalista) Presenta: Belén Fernández Lareo (profesora).

3/12/08

Sete Vidas "post-it"

Onte celebramos a segunda sesión do Club de lectura Sete Vidas, que xirou en torno á lectura do libro Vidas post-it, de Iolanda Zúñiga. Durante a sesión, coordinada por Anxo Iglesias, os participantes falaron animadamente e debateron aqueles aspectos do libro que máis lles chamaron a atención. Trala lectura dos relatos de Iolanda Zúñiga, os participantes concordaron en que se trataba dun libro "diferente", "fresco", que respiraba tango, que sabía aproveitar a cotianidade da vida para plasmala de xeito soprendente nunha páxinas que ispen a contradicción da sociedade contemporánea, que desenmascaran a rutina, desde o humor e a tenrura, aínda que con rotundidade.
A próxima sesión do Club de lectura Sete Vidas terá lugar o martes 13 de xaneiro (aprázase unha semana debido ao festivo) e o coordinador da sesión será Bieito Legaspi, que propuxo como lectura o libro As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello, publicado pola editorial Galaxia.