28/2/12

Lectura, imaxinación e escrita, na sesión deste mércores na Casa da Lectura


 A sesión de dinamización da Casa da Lectura abordará, o próximo mércores 29 a lectura, a imaxinación e a escrita, e poñerá a proba a nosa capacidade para crear, para inventar e para superar as barreiras idiomáticas. Contaranse tres contos. O primeiro será Eddie, do ilustrador e escritor norteamericano Oliver Dunrea; e o segundo será 's Nachts, do ilustrador alemán Wolf Erlbruch; ambos os dous van ser contados a partir dunha edición en lingua neerlandesa. En terceiro lugar contarase Il merlo ha perso il becco, do deseñador gráfico, artista plástico e poeta italiano Bruno Munari.
 Todo será a partir das 18:30 horas, e unha hora antes a Casa da Lectura xa estará aberta para préstamo e consulta de fondos.

Estas son algunhas imaxes da anterior sesión de dinamización lectora, dedicada á poesía.












27/2/12

O autor de cómic Dani Montero, estará o martes no club Lecturas Debuxadas



O martes 28 de febreiro celebraremos a sesión mensual do club de cómic Lecturas Debuxadas coa visita de Dani Montero, autor de Sen mirar atrás (Demo Editorial 2010), banda deseñada proposta como lectura do mes.
A sesión comezará ás 20:00 horas na Biblioteca de Gondomar e Dani Montero unirase á tertulia a partir das 21:00.

O cómic
Unha ruptura leva a Xaime a cortar as súas ataduras e empezar desde cero, iniciando unha viaxe sen retorno cara a unha vida diferente. Acompañado polo seu can e con máis nada ca unha mochila. A experiencia que lle espera irá máis alá do imaxinable. Este é o tráiler da edición en castelán:


O autor
Dani Montero gañou a edición 2009 do premio Castelao de banda deseñada, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra Sen mirar atrás.
Logo de rematar os seus estudos de Belas Artes na Escola Pablo Picasso, Dani Montero, colabora cos fanzines Alopecia Mental e Chámalle X. Ganador de múltiples premios fóra e dentro da xeografía galega, tamén traballou no departamento de arte de Dygra Films, producindo películas en 3D.

Na actualidade, traballa no seu estudo como ilustrador, sendo o premio Castelao -segundo as súas palabras- un grande incentivo para seguir producindo cómics. 


Estas son varias imaxes recollidas na última sesión do club, dedicada ao cómic Inolvidable.

26/2/12

Contomar do luns


Estes son algúns dos contos que leremos no Contomar do luns 27 de febreiro: O sorriso de Claudia (Sotelo Blanco) Cando chove (Kalandraka), Paco papán (OQO) e Os tres bandidos (Kalandraka).
A sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos comeza ás seis da tarde na Biblioteca de Gondomar. Estas imaxes recollen varios momentos vividos o luns 13.

 

 

   
 

22/2/12

O Lendo Contigo le a Carlos Casares

 O club Lendo Contigo propuxo como lectura do mes de febreiro o clásico infantil A galiña azul (Galaxia, 1968) de Carlos Casares, e este sábado 25 de febreiro celebraremos a sesión dedicada ao libro. Evidentemente, Carlos Casares non vai poder acompañarnos, malia sabermos que lle había encantar, mais é un autor que está tan presente en Gondomar (no paseo que leva o seu nome, na escultura dedicada á galiña deste conto situada no parque da Coelleira...), que de seguro o imos sentir moi preto.
A sesión comezará ás 12:00 horas na biblioteca de Gondomar e adiantamos que será un chisco diferente, así que vos recomendamos que non a perdades.

O libro
Publicado por primeira vez en 1968, en A galiña azul o narrador vai recordando para unha nena amiga, Ana, algúns episodios vividos por ela na infancia, entre os que destacan as historias de Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade e do "papaio", unha lingua para falar cos paxaros. Claro que o personaxe central é a Galiña Azul, á cal quere matar Manolito Listón porque, segundo di, unha galiña que en vez de dicir cacaracá di cocorocó e que ten cinco plumas encarnadas na á dereita, "non é unha galiña como é debido".

O autor
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.

14/2/12

Ratos poetas na Casa da Lectura



Este mércores na Casa da Lectura temos unha sesión de dinamización lectora protagonizada por ratos poetas. A partir da lectura dos contos Frederik, de Leo Lionni (Kalandraka), e Honorato o rato namorado, de García Teijeiro (Xerais), vannos medrar bigotes e orelliñas e, transformados en roedores, imos saír ao xardín da Casa para recitarlle poemas á lúa.
A actividade comeza a partir das 18:30 horas.

 Estas imaxes recollen varios momentos da sesión do mércores pasado, cando se musicaron e cantaron poemas do libro Recendos de aire sonoro despois de que cada neno e nena contruíse o seu propio instrumento de percusión.








11/2/12

Os luns Contomar

Este luns 13 de febreiro, no Contomar leranse, entre outros, os contos O dragón comemedo (Baía), O segredo de Flora (Embora), Os tres bandidos (Kalandraka) ou Os Bolechas: o Entroido (A Nosa Terra).
A cita é ás 18:00 horas na biblioteca de Gondomar e poden asistir nenos e nenas a partir de 3 anos cos seus pais e nais.

Estas imaxes foron tomadas no Contomar do pasado luns.










9/2/12

Volven as Noites Golfas á Casa da Lectura con CABRARET

Logo do éxito do combate poético A Hostia en Verso que inaugurou no mes de abril pasado as Noites Golfas na Casa da Lectura, o sábado 11 de febreiro ás 22:30 h a Casa da Lectura converterase un cabaret co espectáculo Vida de diva do trío CABRARET: dúas cabras e unha cantante que virá falarnos do seu libro autobiográfico.


Cabraret é un grupo musical formado por unha contralto (Iria Pinheiro), un acordeonista (Alonso Caxade) e un contrabaixista (Alberto Rodríguez). Trátase dun espectáculo de cabaret onde o humor toma o relevo da música nunha carreira na que a meta é divertir o público e que os espectadores poidan gozar da fanfarria, mesturada cun pouco de jazz, unha pingas de soul, varios litros de chanson e un chisco de tradición para aromatizar o pentagrama.

7/2/12

Un obradoiro de poesía musical na Casa da Lectura


Este mércores a Casa da Lectura converterémola nun taller de poesía musical.
Construiremos pandeiretas que soarán moi cantareiras, para despois encher de Recendos de aire sonoro (Xerais, 2011) os poemas de Antonio García Teijeiro que imos recitar, contar e tamén cantar.
Coma sempre, a actividade de dinamización lectora comeza ás 18:30 horas.

Estas imaxes recollen varios momentos da sesión pasada, dedicada ás adiviñas.