Mostrando entradas con la etiqueta federación de libreiros de galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta federación de libreiros de galicia. Mostrar todas las entradas

11/4/10

Espazo Lectura recolle o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura

No momento da entrega a Espazo Lectura do XIX premio "Irmandade do libro" 2009 na modalidade de Fomento da Lectura, o xurado valorou a ampla oferta de actividades da nosa asociación (con 12 actividades mensuais) e a aposta pola implicación das familias na creación do hábito lector.
Pola súa parte, Concha Costas agradeceu aos socios e socias, tanto individuais coma protectores, o apoio decidido a esta iniciativa e destacou o traballo de normalización lingüística e cultural que tamén desempeña Espazo Lectura ao traballar fundamentalmente co libro galego e cos seus autores e autoras. Así mesmo agradeceu ao xurado e á Federación de Libreiros de Galicia a concesión do premio.

Dende aquí queremos felicitar ao resto de gañadores nas diferentes modalidades, que foron os seguintes:
- Autor/a: Luz Pozo Garza.
- Libro do ano 2009: A praia dos afogados, de Domingo Villar (Galaxia).
- Obra editorial do ano 2009: Colección Contemporánea da editorial Rinoceronte.
- Institucións: Asociación Cultural Monte Branco de Ponteceso.
- Centros de ensino: CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra).
- Libraría: Porta da Vila de Viveiro.

Espazo Lectura, Premio Irmadade do Libro 2009

Espazo Lectura recibiu esta noite, na vila luguesa de Sarria, o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura polo traballo desenvolvido no Val Miñor ao longo do ano 2009. Estes premios, que son concedidos anualmente pola Federación de Libreiros de Galicia, fallaronse esta pasada noite no Hotel Alfonso IX de Sarria e estiveron presentes libreiros, escritores, editores, bibliotecarios e autoridades. Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, recolleu o galardón, consistente nunha figura alegórica de bronce, deseñada para os Premios Irmandade do Libro polo artista lucense Ismael López Fernández, así como 2000 euros en libros que formarán parte do patrimonio bibliográfico da Casa da Lectura, en Donas (Gondomar). A modalidade de Fomento da Lectura ten por obxecto premiar calquera tipo de actividade realizada para o fomento da lectura, coa utilización de soportes tanto impresos como virtuais (páxinas web, internet) e que asemade contribuísen á promoción e divulgación do libro e a lectura durante o ano 2009. Na pasada edición foron galardonadas nesta modalidade as Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros.
A escritora Luz Pozo Garza resultou elixida gañadora na modalidade de mellor autor do ano.
Desde Espazo Lectura queremos manifestarlles aos libreiros e libreiras de Galicia, así como aos membros do xurado, o noso agradecemento polo seu apoio e confianza no noso proxecto.