31/3/08

Obradoiro de ilustración con Chus Ferrín

O próximo mércores 2 de abril celebraremos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil cun obradoiro de ilustración con Chus Ferrín. O acto, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar, está pensado para nenos e nenas de máis de tres anos e terá lugar ás 18 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Chus Ferrín (Vigo, 1968) estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra na especialidade de pintura. Expuxo as súas obras en diversas entidades e recibiu o premio de escultura Cidade de Lugo. A súa primeira obra ilustrada de literatura infantil foi A encontadora (2003), á que seguiron textos como Bugina namorada (Xerais, 2003), Contos prodixiosos (Xerais, 2004), Unha de lobos (Baia, 2005), O ladrón de paxaros (Baia, 2006), etc.


29/3/08

Fina Casalderrey estivo en Lendo Contigo

A escritora Fina Casalderrey participou hoxe no club de lectura compartida Lendo Contigo, coa asistencia de máis de 70 persoas. Fina encandilou, coas súas palabras, as nenas e nenos que asistiron á actividade logo de ler o libro. En breve anunciaremos todos os actos que temos preparados para a Semana do Libro, durante o mes de abril, en colaboración coa Concellalía de Cultura do Concello de Gondomar.




28/3/08

Sesión especial do Contomar con Migallas

O Contomar fixo unha pequena parada, durante as pasadas vacacións, e volverá o próximo luns 31 de marzo, coma sempre ás 18:00 horas, coa actuación especial de Migallas Teatro e o seu espectáculo Cantacontos. En Espazo Lectura queremos celebrar deste xeito os dous anos do Contomar, dous intensos anos contando contos cada semana na Biblioteca Municipal de Gondomar. Será unha sesión moi especial para este segundo aniversario. Esperámosvos.


27/3/08

Novas formas de lectura

No último número do semanario A Nosa Terra sae un interesante e se cadra controvertido artigo de Xosé Ramón Pousa titulado «Lectores». O autor parte da existencia dunha brecha xeracional nos consumos culturais para asegurar: «agora lese moito máis que antes, aínda que baixe a lectura de libros e de xornais, aínda que o pensamento dominante siga adulando o papel como único soporte cultural, aínda que moitos sigan pensando que a xente nova non ten interese pola cultura. Só porque non manexa o libro e o xornal, un soporte idolatrado que os novos consideran obsoleto. As redes virtuais e os medios audiovisuais cambian os modos de ver e ler, as formas de reunirse, de falar e de escribir. O mundo vive unha tranformación que non pode deixar indiferente a industria cultural e os políticos».
Son opinións, sen dúbida, para ter moi en conta.

26/3/08

Un sábado con Fina Casalderrey

Lembramos que o vindeiro sábado ás 12 da mañá terá lugar na Biblioteca Pública de Gondomar a sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, que se centrará no libro ¿Quen me quere adoptar?, de Fina Casalderrey. Tal e como anunciamos, contaremos coa presenza da autora, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996.


25/3/08

Amosa o que les

A rede de Bibliotecas Municipais da Coruña (que constitúe un referente dignísimo para o resto de Galicia) convocou un orixinal concurso baixo o lema Amosa o que les. Trátase dun concurso fotográfico sobre a lectura, coa intención de poñer de relevo o acto lector e, ao tempo, perfirlarse como unha iniciativa para o fomento da lectura. Segundo as bases, nas imaxes debía aparecer o título do libro e a persoa que o estaba a ler. Agora, a través da web, pódese votar libremente a favor dalgunha das fotografías participantes no concurso. Unha proposta fermosa e singular.


24/3/08

Philip Roth e a lectura

No último número de El País Semanal aparece unha interesante entrevista co excelente escritor norteamericano Philip Roth na que afirma que «a lectura en 20 anos será un hobby minoritario». Roth non parece confiar no futuro da lectura nin tampouco no futuro do libro electrónico: «A chave non é trasladar libros a pantallas electrónicas. Non é iso. Non. O problema é que o hábito da lectura esvaeuse. Como se para ler precisásemos unha antena que alguén cortou. Non chega o sinal; a concentración, a soidade, a imaxinación que require o hábito da lectura. En vinte anos, a lectura será un culto». Logo, o autor de libro tan coñecidos como Goodbye, Columbus (1959), Portnoy's Complaint (1969), American Pastoral (1997), I Married a Communist (1998), e The Human Stain (2000), traducidos a múltiples linguas, volve recalcar que a lectura será un «hobby minoritario» e compárao ao que hoxe é ler poesía. «Falo da morte do lector –remata dicindo–, algo que neste país (refírese a Estados Unidos) é xa un feito. Non sei se en Europa tamén».
Aínda que en Espazo Lectura non somos tan pesimistas como Roth (que se refire basicamente á lectura literaria), a súa voz constitúe un importante sinal de alarma. E, aínda que, efectivamente, as lectoras e lectores debamos considerar que a lectura é un hobby, o poder político e todas as administracións este xestiona –organismos internacionais, administracións europeas, estatais, autonómicas e locais (non esquezamos, por certo, o importante papel da administración local)– teñen que ser conscientes de que a lectura é un factor estratéxico no desenvolvemento das sociedades e que, hoxe por hoxe, a lectura está intimamente ligada ao avance económico, social e cultural das comunidades humanas. E o único futuro posible para construír un mundo mellor pasa, inequivocamente, pola lectura.


22/3/08

Anuncio para o fomento da lectura

Anuncio de televisión para o fomento da lectura que parte dun concepto amplo e contemporáneo de lectura para chegar ao libro.

15/3/08

Consello Asesor do Libro e Praza das Letras

Hoxe constituíuse en Santiago de Compostela o Consello Asesor do Libro. Este importante organismo emana da nova Lei do Libro e da Lectura, aprobada polo Parlamento Galego. O Consello terá capacidade de asesoramento en materia do libro e da lectura, aínda que as súas decisións non serán vinculantes e estará integrado por persoas procedentes de todos os ámbitos profesionais relacionados co libro e a lectura (bibliotecas, artes gráficas, edición, tradución, ilustración, distribución, administración, creación literaria, librerías...).
Nese marco, a Consellería de Cultura presentou hoxe o portal Praza das Letras, un novo, valioso e completísimo referente web para o libro galego. Na sección de axenda da devandita web aparece recollida a celebración da próxima sesión de Lendo Contigo, que organiza Espazo Lectura, coa intervención de Fina Casalderrey.


13/3/08

O rato Honorato

Nestes vídeos poden verse dous novos momentos da intervención do escritor Antonio García Teijeiro na sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo do sábado 23 de febreiro de 2008. No primeiro vídeo, o poeta busca o rato Honorato e no segundo recita un poema coa colaboración das nenas e nenos de Lendo Contigo.






12/3/08

Antonio García Teijeiro

Momento da intervención do escritor Antonio García Teijeiro na última sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, o sábado 23 de febreiro de 2008, na Biblioteca Pública de Gondomar.


10/3/08

Club de Formación Lectora

O pasado sábado día 8, ás 12 h. do mediodía, celebrouse na Biblioteca de Gondomar a primeira sesión de debate do Club de Formación Lectora. O Club de Formación Lectora é un club de lectura no que os libros obxecto de debate teñen como tema a lectura, a animación lectora ou calquera outro tema directamente relacionado co libro e o seu ámbito (estratexias de fomento da lectura, librerías, bibliotecas, edición, talleres de lectura, etc). Esta nova iniciativa de Espazo Lectura está pensada para garantir a formación continua e a reciclaxe daquelas persoas vencelladas coa organización ou que traballan ou colaboran con ela. O libro elixido para a primeira sesión foi Coma unha novela, de Daniel Pennac, un dos libros máis fermosos e desmitificadores que se escribiron sobre a lectura.


3/3/08

Fina Casalderrey, en Lendo Contigo

O próximo libro que nos convocará no club de lectura compartida Lendo Contigo será ¿Quen me quere adoptar?, de Fina Casalderrey. A escritora pontevedresa acompañaranos na próxima sesión de Lendo contigo, o sábado 29 de marzo ás 12 h. da mañá na biblioteca municipal de Gondomar.



¿Quen me quere adoptar? é un libro que lles propón aos nenos e nenas de oito anos en diante unha reflexión sobre a soidade que viven moitas das persoas maiores. ¿É posible adoptar un avó? A importancia e o valor dos libros e as relacións familiares son outros temas que trata esta historia, ilustrada por Mª Fe Quesada. O libro mereceu a distinción White Ravens 2006 en Alemaña, outorgada aos mellores libros do ano publicados nas distintas linguas do mundo.

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra,1951) exerce a profesión de mestra desde moi noviña e na actualidade ensina en Secundaria. Precisamente no ensino comezou a crear e dirixir pezas teatrais, representadas polo seu alumnado. Autora de libros de gastronomía, colaboradora en prensa, conferenciante... a súa principal actividade como escritora céntrase no ámbito da literatura infantil e xuvenil, o que lle valeu en 1996 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa novela O misterio dos fillos de Lúa. Hoxe, a maior parte da súa obra está traducida a linguas como o catalán, éuscaro, asturiano, aragonés, castelán e portugués. No marco da Feira Internacional do Libro da Habana 2008 acaba de editarse en Cuba o seu libro Prohibido casar papá baixo o título No te cases, papá.

Polos seus libros recibiu numerosos premios e distincións, entre eles o Premio Merlín de Literatura Infantil 1991 por Dúas bágoas por Máquina, o Premio Edebé de Literatura Infantil 1995 por O estanque dos parrulos pobres, O Barco de Vapor 1994 por O misterio dos fillos de Lúa (amais do Nacional de Literatura), e Premio Cidade de Pontevedra 1996 pola totalidade da súa obra.

Outros libros de Fina Casalderrey que recomendamos:

Dúas bágoas por Máquina, 1992
Chamizo, 1994
O misterio dos fillos de Lúa, 1995
¡Prohibido casar, papá!, 1996
O estanque dos parrulos pobres, 1996
Ás de mosca para Anxo, 1998
Pinpím e dona Gata, 1999
Bicos de prata, 1999
¡Puag, que noxo!, 2002
¡Un can no piso! ¿E que?, 2003
Xela volveuse vampira, 2007
A lagoa das nenas mudas, 2007


1/3/08

Contos para contar no Contomar

Pódense contar historias e pódense contar tamén números. Na sesión do Contomar do próximo luns 3 de marzo, vanse contar historias con números. (Máis información).