29/12/10

Outro ano apostando pola lectura

O 2010 foi, sen dúbida, o ano de consolidación do proxecto de Espazo Lectura. Todas as actividades conseguiron asentarse e atraer a máis xente. Especial mención merece a Casa da Lectura, que no mes de maio cumpriu un ano mantendo un programa de actividades semanais que se está a converter nun modelo de innovación no fomento da lectura. O número de socios tamén medrou ata sobrepasar os 100 e a organización interna da asociación mellorou en estrutura e capacidade de traballo coa incorporación de novos socios activistas e coa creación do Consello Operativo.
Todo este esforzo e ilusión viuse recompensado con dous premios outorgados a Espazo Lectura en 2010: o segundo Premio de Dinamización Sociocultural Everest e o Premio Irmandade do Libro. Así mesmo, Espazo Lectura foi convidada a participar en diversos foros especializados para expoñer o proxecto que desenvolve no Val Miñor.
Un ano máis, o éxito das actividades de fomento da lectura levadas a cabo ao longo de 2010 foi posible grazas ao apoio do Concello de Gondomar e da Consellería de Cultura e, sobre todo, grazas á colaboración dos socios e socias, tanto numerarios coma protectores, que participan económica e humanamente para conseguir que a lectura se convirta nunha práctica cotiá e nunha demanda de toda a sociedade.

Levamos tres anos facendo lectores e lectoras.
Que no 2011 sigamos apostando xuntos pola lectura!


26/12/10

Mostra de Teatro Infantil

Dentro da programación de Nadal da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, recomendamos a oferta de teatro infantil para os vindeiros días:

- luns 27 de decembro
: "Lume", auditorio municipal, 18.00 horas (obra baseada no conto Lume de Alberto Varela)
- martes 28
: "Osofete", auditorio municipal, 18.00 horas
- mércores 29
: "Monstros de risa", auditorio municipal, 18.00 horas
- 3 e 4 de xaneiro
: "O bufón do reino", auditorio municipal, 18.00 horas

23/12/10

Pablo Díaz enche o auditorio de Gondomar con Tic-Tac

O domingo 19 celebramos no Auditorio Lois Tobío de Gondomar o remate do ano 2010 no Contomar cun concerto de Pablo Díaz e o seu libro-disco Tic-Tac. Espazo Lectura reuniu arredor de 300 persoas que asistiron para cantar, bailar e divertirse coas cancións interpretadas por Pablo Díaz e a súa banda. Ao rematar, os músicos asinaron exemplares do disco. Un estupendo agasallo para este Nadal. Reproducimos unha crónica fotográfica do evento.

21/12/10

No último Lendo Contigo coñecemos á profesora Ripaldi!!

O sábado 18 de decembro máis de 40 nenos e nenas asistiron ao Lendo Contigo na Biblioteca de Gondomar para coñecer en persoa á profesora Ripaldi, a personaxe da novela de María Alcañiz. O que non imaxinaban era que coñecerían a tres profesoras Ripaldi: só unha verdadeira, e que eles mesmos ían ser os encargados de descubrir as impostoras...

Pero antes, con Rosana e Anxo respondemos as preguntas 5 estrelas da guía de lectura. Nesta ocasión aprendemos moitas cousas sobre inventos e inventores. Por exemplo, acerca dos galegos Alexandre de Fisterra (o inventor do futbolín) e Ramón Verea (que inventou a primeira calculadora: a máquina de calcular).

Tamén nos convertemos en inventores de cadeiras. Estes son algúns dos prototipos que nos enviaron os nenos e nenas:



Despois chegou o momento de coñecer a convidada desta sesión, pero un presentador algo toleiras anunciou que María Alcañiz non podía acompañarnos e que mandara no seu lugar á mesmísima profesora Ripaldi. O problema é que en vez dunha profesora apareceron tres, que só se diferenciaban pola cor dos seus lentes. Logo de escoitar a historia de cada unha delas, os nenos votaron levantando unha cartolina coa cor dos lentes da que menos mentiras contara sobre a súa vida e que, polo tanto, era a verdadeira profesora Ripaldi.

Unha vez descuberta, a verdadeira Ripaldi respondeu a todas as preguntas dos nenos e nenas e ensinoulles todos os inventos nos que está a argallar: a cadeira para descansar cando seu vai de viaxe, o casco que detecta as boas ideas, o secador para peitear os habitantes de Robois... Tamén foi Ripaldi a man inocente que sorteou o libro que leremos no mes de xaneiro (que lle volveu tocar a Claudia!) e asinoulles os libros a todos os participantes.

Antes de rematar, por ser a derradeira sesión do ano 2010, Espazo Lectura repartiu os pasaportes lectores da próxima tempada e agasallou a todos os participantes cun novo caderno de lecturas para que rexistren as lecturas que van facer ao longo do ano e todas cantas cousas se lles ocorra.
A próxima sesión será o 29 de xaneiro. Pero antes temos todo o Nadal por diante! Deseguido podedes ver todas as imaxes desta divertida sesión.

19/12/10

A última sesión de 2010 do Lecturas Debuxadas estará dedicada a Batman

O martes 21 de decembro, o club Lecturas Debuxadas despedirá o ano 2010 coa sesión dedicada á lectura dun clásico da banda deseñada: Batman. Año 1 de Frank Miller e David Mazzuchelli. Será a partir das 20.00h na Biblioteca de Gondomar.



Así foi a sesión con Manel Cráneo
O martes 16 de novembro o Lecturas Debuxadas estivo dedicado ao cómic Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo, a quen tivemos oportunidade de coñecer ese mesmo día.
Durante a primeira hora, as persoas que participamos na actividade compartimos as nosas lecturas: falamos da historia, do paralelismo coa realidade actual, de como se repiten os acontecementos... Comentamos aspectos do debuxo, da estrutura das viñetas, da distribución do texto e a tipografía escollida...
Despois achegouse á Biblioteca Municipal o propio Manel Cráneo e explicounos, a través da proxección das ilustracións orixinais, como xurdiu o libro, como concibira a historia e como a foi resolvendo. Falounos dos Irmandiños e explicounos que se baseou en imaxes reais para realizar o cómic. Tamén nos contou a orixe da editorial que montou (Demo Editorial) e deunos a súa visión sobre o panorama editorial da banda deseñada en Galicia.

Velaquí varias fotos dese día:

17/12/10

O Contomar despide o ano co concerto Tic-Tac de Pablo Díaz


O domingo 19 o Contomar, as sesións de contacontos que todos os luns organiza Espazo Lectura na Biblioteca de Gondomar, celebra o Nadal e a despedida do ano 2010 co concerto do libro disco Tic-tac de Pablo Díaz, editado por Kalandraka. Será no auditorio Lois Tobío de Gondomar a partir das 12.00 horas. A entrada é gratuíta ata completar aforo. Esta actividade conta coa colaboración do Concello de Gondomar.

Con esta actuación o Contomar despídese ata o día 10 de xaneiro de 2011. Na última sesión, na Biblioteca de Gondomar houbo contos, cumprecontos e teatro, como podedes ver nestas imaxes. Grazas a todas as persoas que fan posible que isto suceda.

16/12/10

A profesora Ripaldi estará no Lendo Contigo

O sábado 18 de decembro Espazo Lectura celebra a última sesión do ano 2010 do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
O libro proposto nesta ocasión é A profesora Ripaldi, escrito e ilustrado por María Alcañiz e editado por Edicións Xerais.

Contaremos coa presenza da protagonista do libro!!
Nesta ocasión contamos cunha auténtica novidade. A autora do libro non pode acudir á Biblioteca de Gondomar pero, no seu lugar, envíanos á propia protagonista do libro, a verdadeira profesora Ripaldi!, a quen poderán coñecer os nenos e nenas que acudan á Biblioteca a partir das 12.00 horas.

O libro
A profesora Ripaldi (Xerais, 2009) conta a historia de Sarita Palodi, unha científica de recoñecido prestixio mundial. A ciencia é a súa vida e dedícase a ela sen descanso. A profesora Sarita Palodi é a cabeza dos laboratorios Prodi, unha empresa que tivo como últimos descubrimentos a tinta ortográfica, que fai que quen a utilice automaticamente non cometa faltas de ortografía, ou o paragugas autoclimático, un magnífico regulador do tempo, ou da peixeira con simulador de océanos… Un día, nos laboratorios prodúcese unha tremenda explosión e dende aquela non se soubo máis nada da profesora Palodi. Mais, quen é a profesora Ripaldi?

A autora
María Alcañiz (A Coruña, 1971) é licenciada en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade Complutense de Madrid. Vive en Vigo dende 1997. A profesora Ripaldi é a súa primeira novela publicada (Xerais, 2009).

14/12/10

Patasdepeixe na Casa da Lectura

Queredes saber como é posible que unha vaca poña un ovo? Pois este mércores 15, ás 18.30 horas, a editorial Patasdepeixe (socia protectora de Espazo Lectura) váinolo amosar xa que visitará a Casa da Lectura para realizar unha sesión de dinamización lectora arredor do seu libro A vaca que puxo un ovo.


Con esta cita, a Casa da Lectura despide as súas actividades ata o mércores 12 de xaneiro de 2011, cando retomaremos as actividades para que sigan a acontecer cousas tan marabillosas como o sucedido na sesión do 1 de decembro. Velaí algunhas imaxes dese día.

13/12/10

O escritor Alberto Lema estará mañá no club de lectura Sete Vidas

O martes 14 de decembro, celébrase unha nova xuntanza do club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, a novela escollida é Unha puta percorre Europa do autor Alberto Lema. Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas.

Contaremos coa presenza do autor
A partir das 21.00h o propio autor, Alberto Lema, achegarase para compartir as impresións dos lectores e lectoras sobre o libro.

O libro
Unha puta percorre Europa (Galaxia, 2008) ofrécenos, baixo a forma de novela policial, un breve e contundente debate sobre a prostitución. Luz e Ada, dúas feministas radicais, están tan fartas de oír tantas e tantas palabras sobre o tema da prostitución, que deciden pasar á acción: matar os clientes. A partir de aí desencadéase unha sinxela trama policial que busca provocar a reflexión e o debate arredor da prostitución e a sociedade patriarcal.
O autor
Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) é licenciado en Filoloxía Inglesa, traballou de mozo de almacén, camareiro e chofer de camión. Ademais de Unha puta percorre Europa, Lema é autor do poemario Plan de fuga (2008) e da novela Sidecar.
Pódense ler dúas entrevistas co autor nestes enlaces a La Voz de Galicia e El País.

10/12/10

O Contomar despídese ata o 2011

O vindeiro luns, 13 de decembro, ás 18.00h, a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá a última sesión do Contomar do ano 2010. A despedida virá da man de dous ratiños de cidade e dous ratiños de campo que lles contarán aos nenos e nenas as súas historias do inverno e do Nadal.

Concerto de despedida do ano: Tic-Tac
Logo desta sesión de peche, Espazo Lectura e o Concello de Gondomar convidan a todos os nenos e nenas a un concerto de despedida do ano o domingo 19 de decembro, ás 12.00 da mañá, no auditorio Lois Tobío da man de Pablo Díaz e o seu libro-disco Tic-Tac.