31/1/12

Este mércores, contos e adiviñas na Casa da Lectura


Este próximo mércores 1 de febreiro Espazo Lectura vaivos propoñer que xoguemos ás adiviñas a través de contos como Queres xogar comigo? (Kalandraka) ou Pequechos das praderías e das sabanas (FaktoríaK) e de libros de adiviñas como Quen son? (Galaxia) ou Adiviñas para xogar (Ir Indo). A ver se adiviñades onde vai ser:

Nunha casa que está en Donas
hai mil libros con historias.
Se as queres escoitar
ata alí te has de achegar.

Efectivamente, será na Casa da Lectura, ás 18:30h da tarde. Agardámosvos!!!!

Nestas imaxes podedes ver varios momentos do que pasou na sesión de dinamización da semana pasada, dedicada á arte.


 






29/1/12

Contomar


O luns 30 de xaneiro, no Contomar, leranse entre outros os seguintes contos: Marisela e o Roxo, O homiño de papel  e Como mola tu escoba. A cita, coma todas as semanas, será ás 18:00 horas na biblioteca de Gondomar.

Estas imaxes foron tomadas durante a sesión do luns pasado.










26/1/12

A xornalista e escritora María Solar, este sábado no Lendo Contigo



O sábado 28 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de lectura compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é O fillo do Pintamonas, da xornalista e escritora María Solar (Tambre, 2009).

Contaremos coa presenza da autora
María Solar estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.


O libro
Nubelo de La é un dos Nubelos (nubes pequechas, redondas e brancas, as máis traballadoras de todas pois viaxan por diante das Nubes de Chuvia, para anunciar a chuvia cubrindo o ceo) coñecido por chegar tarde e por ser o fillo do Pintamonas. O alcume víñalle de que seu pai unírase a unha Nube dos Soños (esas tan brancas que pintan debuxos no ceo para que os nenos da Terra xoguen a adiviñalos) con grande escándalo dos vellos ante esa unión antinatural, polo que o condenaron a abandonar o país dos Nubelos. Farto de que se risen del por ser diferente (retrasábase, parveaba e soñaba) decidiu levar adiante o seu plan de reunirse co seu pai no País das Nubes dos Soños. Para iso valeuse da compañía do papaventos, condenado polo Gran Nubelo a perder a cola máis longa do mundo. Antes de que lla cortaran, fuxiu con Nubelo.


A autora
María Solar naceu e vive en Santiago de Compostela. É presentadora e coordinadora do programa cultural Zigzag Diario da TVG. Licenciouse en Xornalismo e Bioloxía ademais de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine As tardes da Galega e na TVG presentou diversos programas como Ciencia nosa, En pé de festa, Que boa tarde ou Os directos da Galega, entre outros. É ademais actriz de dobraxe.
Como autora, céntrase no público infantil. Ten publicado entre outros, O Fillo do Pintamonas (Tambre), Boa Sorte (Baía), O tempo do revés (Baía), Vou ter un irmán! (Galaxia), e os libros divulgativos O libro do noso mar (Lea) e Ecoloxía na aula (Lea).

23/1/12

A pintura centra a sesión semanal da Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura deste mércores 25 de xaneiro estará dedicada á pintura a través dos libros Mirar a pintura e Un cadro de Velázquez. Despois, os nenos e nenas que participen na actividade afrontarán o reto de pintar o seu propio cadro. Para esta sesión, é importante que os cativos leven unha foto súa de tipo carné.

As seguintes imaxes correspóndense coa sesión do mércores pasado, onde asistimos a unha representación de dous contos en teatro de sombras.

 

 





20/1/12

Contomar


O Contomar, as sesións de contacontos que Espazo Lectura mantén todos os luns na biblioteca de Gondomar, trae o luns 23 os seguintes contos: Coas mans baleiras, A unha aburrida, A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza e Mamá. O contacontos comeza ás 18:00 horas.

Estas imaxes tomáronse durante o Contomar da semana pasada.










17/1/12

Teatro de sombras na Casa da Lectura


Este mércores, a sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura correrá a cargo de dúas profesoras do colexio de Vilariño, Vanessa e Cristina, que van contar os contos A que sabe a lúa? e Pinocho con teatro de sombras.
A cita será a partir das 18:30 horas. Unha hora antes, a Casa da Lectura xa estará aberta para consulta e préstamos de libros.

Estas fotos correspóndense coa sesión da semana pasada, dedicada ao ciclo das estacións.