29/1/10

Agustín Fernández Paz manterá un encontro virtual cos participantes no club de lectura compartida Lendo Contigo

Nas sesións do club de lectura compartida Lendo Contigo un dos elementos máis motivadores e atractivos para os nenos e nenas que participan é poderen establecer un diálogo cos autores e autoras dos libros que len.

Nesta ocasión, o atractivo do encontro con Agustín Fernández Paz, o autor de Valados, tamén estará na fórmula utilizada. Convertiremos a biblioteca nun espazo virtual para que, por primeira vez, os asistentes á actividade teñan a oportunidade de conversar co autor a través de videoconferencia, nunha experiencia novidosa que une a lectura coas novas tecnoloxías.

Ao comezo da sesión, e axudados pola guía de lectura que Espazo Lectura lles proporcionou ás familias, falaremos sobre Valados, o libro proposto. A continuación, teremos un encontro virtual con Agustín Fernández Paz durante o cal os nenos e nenas poderán facerlle todas aquelas preguntas que lles xurdisen tras a lectura do libro. O acto, enmarcado na celebración do Día escolar da non violencia e pola paz, pecharase coa proxección dun audiovisual sobre os muros existentes no mundo con guión literario do propio Fernández Paz.

A actividade celebrarase o sábado 30 de xaneiro, a partir das 12.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

28/1/10

O Lendo Contigo celebra o Día escolar da non violencia e pola paz co último libro de Agustín Fernández Paz

O vindeiro sábado, 30 de xaneiro de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, o Club de lectura compartida Lendo Contigo celebrará o Día Escolar da Non Violencia e pola Paz con diferentes actividades que xirarán arredor do libro Valados, do escritor, premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Agustín Fernández Paz.

O libro
Valados, publicado pola editorial Xerais en 2009, é un libro que nos fala de todos eses valados, visibles ou invisibles, que se erguen para separar e illar unhas persoas doutras.
Segundo o propio Fernández Paz, con Valados quixo «narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra todos os muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acaban cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.»
Pódense ler algunhas opinións do autor sobre o libro nesta entrevista no Faro de Vigo ou en Xornal de Galicia.

O autor
Agustín Fernández Paz é, probablemente, o autor galego de literatura infantil e xuvenil máis recoñecido. No ano 2008 obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro O único que queda é o amor. Na súa extensa obra en lingua galega, amplamente traducida a todas as linguas peninsulares, destacan títulos como As flores radiactivas (Premio Merlín de Literatura Infantil 1989), Contos por palabras (Premio Lazarillo 1990), Trece anos de Branca (premio Edebé de Literatura Xuvenil 1994), Cartas de inverno (premio Rañolas ao mellor libro xuvenil 1995), Cos pés no aire (Premio Raíña Lupa 1998) ou Aire negro (Lista de Honra do IBBY 2002). Os seus últimos títulos son o álbum ilustrado Lúa do Senegal e A dama da luz e Valados, publicados por Xerais ao longo de 2009.
Pódese coñecer máis sobre a súa obra aquí.

26/1/10

Contos e reciclaxe na Casa da Lectura

Quen dixo que cunha caixa de cartón non se pode xogar aos coches de carreiras ou que un calcetín non pode ser a trompa dun elefante?
A actividade semanal de dinamización lectora na Casa da Lectura vai xirar arredor dos contos Non é unha caixa (Antoinette Portis, Factoría K) e O zoo de Xoquín (Pablo Bernasconi, Kalandraka), que nos van lembrar que para xogar o importante non é ter os xoguetes máis sofisticados do mercado senón posuír algo moitísimo máis importante: o enxeño e a imaxinación.
Con enxeño, imaxinación e materiais de refugallo remataremos a actividade aprendendo a construír un divertido obxecto de reciclaxe.
Coma sempre, a sesión comezará ás 18.30 horas na Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas).

A semana pasada, o protagonista foi Elmer, o elefante de retallos de cores. Velaquí algunhas imaxes.

20/1/10

Espazo Lectura entre o mellor de 2009 segundo a web Fervenzas Literarias

A finais de ano, dende 2007, a páxina web Fervenzas literarias, especializada en literatura galega, proponlles aos seus lectores e lectoras que voten polo que consideran o mellor do ano en diferentes categorías: o mellor libro do ano por xéneros, o mellor autor/a do ano, a mellor editorial, o mellor ilustrador/a, etc.
Entre as categorías tamén se atopa a mellor iniciativa literaria do ano, e esta semana soubemos que, tras dar a coñecer os resultados, Espazo Lectura aparece na terceira posición tras a feira das industrias culturais Achegarte e a aparición dos primeiros libros electrónicos en galego.
Moitas grazas a todas as persoas que votastes por nós. Parabéns a Fervenzas literarias pola iniciativa.

19/1/10

O día de Elmer na Casa da Lectura

Mañá mércores 20 de xaneiro será o día de Elmer na Casa da Lectura. A sesión de dinamización lectora, que comeza a partir das 18.30 horas, vaise iniciar cun xogo de busca no que os nenos e nenas terán que seguir diferentes pistas ata descubrir o que se agocha entre os andeis da Casa da Lectura. A continuación contaremos dúas historias de Elmer, o elefante feito con retallos de cores, e finalmente cada participante recortará un Elmer que quedará a vivir uns días na Casa da Lectura.
A semana pasada, durante a sesión semanal de fomento da lectura, soñamos espertos e construímos unha caixa onde gardar os nosos mellores soños.

18/1/10

No Club Lecturas Debuxadas, un retrato satírico da sociedade inglesa actual

Mañá martes 18 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Biblioteca de Gondomar, ten lugar un novo encontro do Club Lecturas Debuxadas, organizado pola asociación Espazo Lectura. Este mes, o cómic do que se falará é Tamara Drewe (Sins Entido, 2009) da escritora e ilustradora británica Posy Simmonds.

«Chámana “Plástica fantástica”. Co seu sex appeal, a súa rinoplastia, o seu traballo na prensa barata e a súa mirada rompe-corazóns, a volta de Tamara Drewe á súa vila natal produce un shock na pequena comunidade rural. Tamara Drewe non deixa indiferente a ninguén: homes e mulleres, escritores de éxito e universitarios frustrados, urbanitas e aldeáns, adolescentes aburridos, todos son atrapados polo imán de Tamara, que desencadea escuras paixóns e traxedias absurdas. Posy Simmonds, a quen lle gusta chocar e molestar, ofrece un retrato satírico da Inglaterra de hoxe en día, deliciosamente irónico e cruel.»

Inicialmente publicado no periódico The Guardian en forma de tiras, Tamara Drewe recibiu o Premio Esencial Angoulême 2009, o Gran Premio da Crítica ACBD 2009 e foi nominado aos Premios Eisner 2009.


Sobre o libro:
Presentación editorial:
http://www.sinsentido.es/editorial_catalogo_ficha.cfm?id=2016

Tamara Drewe no periódico The Guardian:
http://www.guardian.co.uk/books/series/tamara-drewe

Comentarios de lectores:
http://littlenemoskat.blogspot.com/2009/10/tamara-drewe-de-posy-simmonds-textos.html
http://coleccionistatebeos.blogspot.com/2009/08/lecturas-tamara-drewe-de-posy-simmonds.html

Adaptación cinematográfica
http://www.actualidadcine.com/2009/09/10/sthepen-frears-adaptara-la-novela-grafica-tamara-drewe/

Sobre a autora:
Wikipedia:
http://en.wikipedia.org/wiki/Posy_Simmonds

Posy Simmons en Galicia:

http://vinetasatlantico.blogspot.com/2009/07/quien-es-posy-simmonds.html
http://acorunacultura.org/tag/vinetas-desde-o-atlantico/

14/1/10

Lecturas Debuxadas: última sesión de 2009, primeira de 2010

O Club Lecturas Debuxadas celebrou a última sesión de 2009 o 15 de decembro e estivo adicada ao manga Ikigami, de Motorô Mase.
Ikigami o primeiro tomo de seis que se teñen publicado ata agora. En cada tomo cóntanse dúas historias sobre o comunicado de morte, tendo como fío conductor ao oficial que entrega o ikigami.
Unha historia orixinal na que se parte dunha premisa, a lei do mantemento da prosperidade. En comparación con outros cómics, a sensación xeral é que se trata dunha lectura de entretemento moi ben levada. O debuxo tamén chamou moito a atención tendo distintos niveis de detalle.
Durante a sesión falouse da cultura xaponesa, sobre todo daqueles aspectos que máis chaman a atención con respecto á nosa, e aproveitamos para saber un pouco máis sobre o manga: o feito de que a gran maioría sexa feito en branco e negro, o consumo tan estendido na sociedade xaponesa, os distintos tipos e categorías dentro do manga, a censura que sufren os mangas e animes tanto nos temas como nas imaxes pola diferencia cultural, etc.

Máis información:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Manga
http://pt.wikipedia.org/wiki/Mangá
http://www.mailxmail.com/curso-manga-tipos-ejemplos-definicion
http://es.wikipedia.org/wiki/Manga


Primeira sesión de 2010: Tamara Drew

O martes 19 de de xaneiro terá lugar a primeira sesión de 2010 do Club Lecturas Debuxadas. Coma sempre, será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00h.
O cómic sobre o que falaremos é Tamara Drewe, da escritora e ilustradora británica Posy Simmonds (Sins entido, 2009). Proximamente daremos máis información sobre el.

12/1/10

Este mércores regresa a actividade semanal na Casa da Lectura

Tras o descanso de nadal, a Casa da Lectura volve abrir as súas portas ao público todos os mércores de 17.30 a 20.00 horas. Coma sempre, entre as 18.30 e ata o remate celebrarase unha actividade de dinamización lectora para nenos e nenas a partir de 3 anos.
A última sesión de 2009 foi moi doce, nela contamos o conto de Mum, unha nena de galleta, e acabamos coas mans na masa aprendendo a facer galletas caseiras.


Mañá, soños na Casa da Lectura

A actividade de mañá mércores, 13 de xaneiro a partir das 18.30h,vai ser unha sesión para soñar espertos, porque de seguro non vai durmir a ninguén. Imos comezar soñando cos soños do pequeno gran crocodilo que protagoniza o álbum Un gran soño (Kalandraka, 2009) do escritor Felipe Ugalde, e coas fantasías soñadoras dunha porquiña pequerrechiña. Remataremos a sesión construíndo caixas nas que gardar os nosos soños preferidos.

11/1/10

Club de lectura Sete Vidas: "O bosque dos raposos aforcados"

O libro proposto no Club de Lectura Sete Vidas para o mes de xaneiro é O bosque dos raposos aforcados, do escritor finlandés Arto Paasilinna (Rinoceronte Editora, 2005), novela da que falaremos este martes, 12 de xaneiro, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar con todas as persoas que se queiran achegar.

O autor
Arto Paasilinna, nacido en Kittila en 1942, ex gardabosque, ex xornalista e ex poeta, é un autor de extraordinario éxito en Finlandia e fóra do seu país a xulgar polas numerosas traducións da súa obra. Nos seus libros destaca o seu humor orixinal e a súa capacidade de contar da maneira máis cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes.


O libro
O bosque dos raposos aforcados é a primeira novela verquida directamente do finés ao galego por Tomás González Ahola e relata a historia de Oiva Juntunen, un ladrón fuxido na recóndita paraxe da Laponia ante o medo pola saída do cárcere dos seus cómplices, aos que traizoou coa intención de quedar con todo o ouro que roubaran ao goberno noruegués.
A través do relato dunha historia delirante ateigada de personaxes disparatados, Paasilinna fálanos das debilidades humanas, da amizade, da corrupción, da vellez... e nos achega sen apenas decatarnos moita información sobre a historia política e social da Laponia.


Para ler máis sobre Arto Paasilinna:
- Wikipedia
- Información no Club de Lectura Virtual de Pontevedra
- Entrevista co autor a partir da publicación en Anagrama de Delicioso suicidio en grupo

Para ler máis sobre O bosque dos raposos aforcados
- Crítica de Begoña Regueiro no Cartafol de Libros
- Recomendación no Blog de Ana Bande e interesante comentario dun lector
- Información no Club de Lectura Virtual de Pontevedra

Se che gustou este libro tamén podes ler en galego O muiñeiro ouveador (Rinoceronte 2007)

8/1/10

Este luns volve o Contomar

O vindeiro luns 11 de xaneiro, ás 18:00h, Espazo Lectura retoma as sesións semanais de contacontos que organiza na Biblioteca Municipal de Gondomar. Unha das propostas que van estar presentes na sesión será o libro-disco Tic-tac, interpretado por Pablo Díaz con ilustracións de Marc Taeger e editado por Kalandraka.
O libro inclúe un CD con 16 cancións infantís, algunhas delas relacionadas co mundo dos contos e da lectura ou baseadas en álbums infantís editados por esta editorial.
Ademais, na sesión deste luns tamén celebraremos os cumprecontos de dúas nenas socias do Contomar.
Deseguido, varias imaxes da pasada edición do Contomar.