28/2/11

A escritora An Alfaya participará no Sete Vidas de marzo

O martes 1 de marzo celebramos a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas na que se falará da novela Areaquente (Ed. Sotelo Blanco, 2009), da escritora viguesa An Alfaya.
A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Contaremos coa presenza da autora

A partir das 21.00 horas, a autora da novela visitará a Biblioteca de Gondomar para falar sobre a súa obra cos lectores e lectoras que participen neste club.

O libro

O fotógrafo Cristovo do Val, fuxindo da dolorosa experiencia do desamor, mergúllase nas desoladas ruelas de Areaquente, un páramo baleiro, devorado pola seca e polas tormentas de area; Areaquente, un mundo propio forxado por personaxes que vagan nun antes, nun durante en un despois perpetuos, nesa irrealidade real de ficción e verdade, maxistralmente ben tecida por An Alfaya, quen, palabra a palabra, nos conduce polos camiños da dor eterna, da soidade e do illamento dos seres do páramo. Así, a través da historia dos amores cruzados entre Bernarda, Filomena, Primitivo, Elixio e Aurelio, espectros nun mundo sen tempo, asistimos aos seus soños, temores, angustias, traizóns e lembranzas para decatarnos de que todo é arrastrado cara ao nada, cara ao lado escuro dese espazo que se transformou en luz. Precisamente será con esa luz coa que debuxe as imaxes Cristovo do Val, eterno buscador de fotos con cheiro.
Esta obra foi elixida gañadora do Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2008 e Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2010.


A autora
An Alfaya (Vigo, 1964) estudou na Escola de Formación do Profesorado de Vigo e Criminoloxía e detective privado na Universidade Complutense de Madrid. Co-fundadora do Teatro Avento de Vigo, obtivo diferentes premios de teatro infantil
Entre as súas obras infantís e xuvenís están O maquinista Antón (1995); O caderno azul (1996); ¡Sireno, Sireno! (1997), Premio Merlín 1997; A recortada (1999); Bua Bua Requetebua (1999); O baúl de Wensel (2000); A estrela volarían da torre colarina (2001); Down (2001); A encontadora (2003), O escuro (2003), A buguina namorada (2003), Unha xanela para Cecilia (2005), Zoa e Azor (2006), finalista do Premio Ala Delta; Os seres con raíces na cara (2006); A sombra descalza (Xerais 2006), Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2005 e Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil; Illa Soidade (Xerais 2007), Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007.

En narrativa para adultos publicou Desventura (2003), Matei un home (2005), accesit do Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2003; e Areaquente (2009).

27/2/11

No Contomar deste luns...

... leremos, entre outros os contos A máscara do león, Rodribico e a noite e Bertiño rompetodo.
Coma todos os luns, a sesión de contacontos comezará ás 18.00 horas no Recanto do Contomar da Biblioteca Municipal de Gondomar, no 2º andar.


Estas son imaxes do Contomar do luns pasado.


23/2/11

Que é un libro? Este mes no Lendo Contigo

O sábado 26 de febreiro terá lugar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura.
Nesta ocasión, o libro que centrará a sesión é Cama e conto (publicado por Edicións Xerais), do escritor Gonzalo Moure.
A partir desta historia, que reflexiona sobre a importancia da lectura en familia dende a infancia, a sesión profundizará no mundo do libro: que é un libro, a evolución do formato libro ao longo da historia, a autoría e tradución, a edición e distribución, o prezo do libro, etc.
A cita é o sábado ás 12.00 horas na Biblioteca de Gondomar.

O libro
Cama e conto conta a historia de Malva, unha nena á que lle encanta que os seus pais lle conten contos antes de durmir, ata que aprende a ler e nada volve ser coma antes.
Unha historia que reflexiona sobre os vínculos afectivos que se crean a partir da lectura e sobre a importancia de acompañar os rapaces nesta actividade ao longo de toda a infancia.

O autor
Gonzalo Moure (Valencia, 1951) estudou Ciencias Políticas e exerceu o xornalismo, fundamentalmente na radio, a principios dos anos setenta. En 1989, pasou a dedicarse integramente á escritura. Actualmente vive en Asturias. En 1991 publicou a súa primeira novela, Geranium, que foi incluída na Lista de Honra do IBBY. Desde entón obtivo numerosos premios polas súas obras de literatura infantil e xuvenil. ¡A la mierda la bicicleta! (Premio Jaén 1993), Lili Libertad (Premio Barco de Vapor 1995), Maíto Panduro (Premio Ala Delta 2001), El síndrome de Mozart (Premio Gran Angular 2003)...
En lingua galega publicou títulos como O bocexo do puma, Palabras de Caramelo, Eu, que matei de melancolía ao pirata Francis Drake, A noite do Risón ou Cama e conto.
Mantén a páxina web http://www.gonzalomouretrenor.es/

Así foi o Lecturas Debuxadas na tenda de Melo

A sesión do 15 de febreiro do Club Lecturas Debuxadas foi especial xa que visitamos a Melo na súa tenda Banda Deseñada.

Melo falounos das razóns que o levaron a ter unha tenda especializada na banda deseñada, de todos os pros e os contras cos que se atopa no traballo diario. Contounos os problemas da distribución do cómic e comparouno co resto do sector do libro, no que matizou as grandes diferenzas entre unha librería xeralista e unha especializada. Botou abaixo o mito do libreiro que pasa o día enteiro lendo pero si asegurou que a lectura dos cómics acaba sendo un traballo que ten que realizar na súa casa para poder recomendar os mellores libros para cada cliente e poder facer as recensións no blog.

Explicounos como ten estruturada a súa tenda en función do tipo de cómic: europeo (franco-belga), manga, Estados Unidos (superheroes e o cómic para adultos), o cómic español e a banda deseñada galega; e en función do autor. Aínda que o criterio final é o "criterio Melo" que consiste en preguntarlle ao libreiro onde están os tebeos. A libraría tamén ten cabida para os xogos, figuras, camisolas...

Por último falounos da súa visión sobre o libro dixital e de como pode afectar ás librerías especializadas.

Durante a charla deixou caer varios títulos de banda deseñada: Balas perdidas, Agujero negro, Watchmen, Maus, Persépole; e autores como Alan More, Moebius, Manara, Larcenet... Comentou por riba o tema da "novela gráfica" e como se atribúe a títulos que nun principio foron concebidos doutra forma. E fíxonos un par de recomendacións dalgúns cómics que lle gustaron moito, escollendo algún libro dos andeis:

- Balas perdidas, de David Lapham
- El señor Jean, de Philippe Dupuy e Charles Berberian
- Diario de un álbum, de Philippe Dupuy e Charles Berberian, onde conta o proceso de creación de El señor Jean.

Quedaron atrás algunhas cousiñas de todas nas que anda o Melo, pero serán para outra ocasión.

Podedes ver tamén as súas colaboracións para culturagalega.org en Melodixit.

Aquí podedes ver algunha foto da sesión.

E non nos esquecemos de agradecerlle a Eva o marabilloso agasallo que nos fixo:

22/2/11

O mércores, actividade na Casa da Lectura

Este mércores, a partir das 18.30 horas, a Casa da Lectura acollerá a sesión de dinamización lectora que non puidemos celebrar a semana pasada por mor do temporal.

A actividade vai xirar arredor da lectura do conto A árbore das follas DIN A-4, editado por Kalandraka.
Segundo a propia editorial, A árbore das follas DIN A-4 é unha obra exquisita escrita por Carles Cano para nenos e nenas de 9 a 99 años, con suxestivas ilustracións de Carlos Ortín, que arroupan un texto cun gran contido poético. Trátase dunha metáfora do noso tempo, unha reflexión que reivindica o dereito a sermos diferentes e que nos envolve nun ambiente onírico. Sen dúbida este será un álbume de referencia para todos aqueles que, coma as follas deste conto, voan polas noites entre soños e historias...

20/2/11

Espazo Lectura recibe o premio Francisco Fernández del Riego

A Asociación Galega de Editores fixo públicos os finalistas aos Premios da Edición 2010 que se entregarán o próximo 12 de marzo en Lugo na VI Noite da Edición.

A AGE outorgou o Premio Francisco Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro a Espazo Lectura, polo que non podemos máis que expresar os nosos máis sinceros agradecementos.

19/2/11

17/2/11

Este sábado, concerto-espectáculo teatral "A nena e o grilo" no auditorio Lois Tobío de Gondomar

Dentro do programa En clave de conto da campaña Bocaberta da SXPL, o sábado 19 de febreiro o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá o concerto-espectáculo teatral A nena e o grilo, baseado no libro-CD homónimo editado pola editorial OQO. O concerto, dinamizado en Gondomar por Espazo Lectura, comezará a partir das 12.00 horas.

Este espectáculo vai dirixido ao público infantil e xeral. A entrada será de balde ata completar aforo.

O programa En clave de conto completarase o día 25 de febreiro, ás 18 horas, na Biblioteca Municipal cun obradoiro para as familias titulado "Eu falo así", do que daremos máis información nos vindeiros días.

16/2/11

Mañá, Club de Formación Lectora con Juan Mata

O xoves 17 celébrase unha nova sesión do Club de Formación Lectora, na que falaremos arredor do libro 10 ideas clave: animación a la lectura de Juan Mata, profesor de Ciencias da Educación da Universidade de Granada.

Videoconferencia co autor
Durante a sesión teremos oportunidade de coñecer o autor do libro a través de videoconferencia, polo que poderemos conversar con el sobre a lectura da súa obra.

A actividade será a partir das 19.00 horas na Biblioteca de Gondomar.

15/2/11

Suspéndese a actividade da Casa da Lectura por mor do temporal

Ante o comunicado por parte da Consellería de Educación da suspensión para mañá das actividades extraescolares a causa do temporal, Espazo Lectura decidiu suspender a actividade prevista para este mércores na Casa da Lectura.

A árbore das follas DIN A-4 na Casa da Lectura

Esta semana, a actividade de dinamización lectora da Casa da Lectura vai xirar arredor da lectura do conto A árbore das follas DIN A-4, editado por Kalandraka.
Segundo a propia editorial, A árbore das follas DIN A-4 é unha obra exquisita escrita por Carles Cano para nenos e nenas de 9 a 99 años, con suxestivas ilustracións de Carlos Ortín, que arroupan un texto cun gran contido poético. Trátase dunha metáfora do noso tempo, unha reflexión que reivindica o dereito a sermos diferentes e que nos envolve nun ambiente onírico. Sen dúbida este será un álbume de referencia para todos aqueles que, coma as follas deste conto, voan polas noites entre soños e historias...

A actividade comezará a partir das 18.30 horas, na Casa da Lectura.

A semana pasada, divertímonos cunha representación teatral baseada no conto O capitán Calabrote. Estas son algunhas imaxes dese día.


14/2/11

O Lecturas Debuxadas trasládase a Vigo para falar con Melo, da librería Banda Deseñada

Mañá martes, día 15 de febreiro, ás 20:30h, o club de cómic Lecturas Debuxadas organizado pola asociación Espazo Lectura celebra unha sesión especial fóra da Biblioteca Municipal de Gondomar, o lugar habitual desta actividade.

A sesión deste mes trasládase a Vigo para ter un encontro con Melo, libreiro da librería especializada Banda Deseñada.

Melo falará coas persoas que se acheguen á librería do seu traballo como libreiro especializado en cómics e de todo o relacionado coa creación, edición, lectura e venda de banda deseñada, do que demostra ser un gran coñecedor nas súas colaboracións habituais co portal Culturagalega.org, na sección Melodixit.

O enderezo da librería é: Rúa Cataluña, 27, Vigo.

12/2/11

Máis contos no Contomar

O luns, 14 de febreiro, temos unha nova cita co Contomar no segundo andar da Biblioteca Municipal de Gondomar.
Entre outros contos leremos O patadón, de Manuel Lourenzo González (publicado por Xerais) e coñeceremos algunhas cancións do libro-disco A nena e o grilo, de OQO, que se vai presentar no auditorio Lois Tobío de Gondomar o sábado 19 de febreiro, ás 12.00 horas, dentro da campaña Bocaberta da SXPL.

As seguintes imaxes pertencen ao Contomar do luns 7 de febreiro.

11/2/11

Así foi o Lendo Contigo con Xelís de Toro

O sábado 29 de xaneiro a biblioteca de Gondomar converteuse no aeroporto dende o que despegamos rumbo a Londres, a cidade onde está ambientada a novela de Xelís de Toro que centrou o Lendo Contigo deste mes, A máquina contacontos.

Para iso, todos os nenos e nenas que acudiron ao club tiveron que traer, ademais do conto de Xelís lido, os billetes de avión e a tarxeta de transporte londiniense para poder desprazarse pola cidade.

Unha vez que aterramos na capital inglesa, viaxamos en autobús de dúas plantas, vimos o Parlamento de Londres e o Big Ben, subimos ao London Eye, unha das noras máis altas do mundo, paseamos por Hyde Park e na Speaker's Corner presenciamos un orador dando un discurso disparatado.

Despois de visitar outros famosos lugares de Londres, collimos o metro cara a Walthamstow Market, o mercado máis grande de Europa, onde transcorre a historia de A máquina contacontos.

Alí tivemos a gran sorte de poder falar con Xelís de Toro, que nos atendeu dende a súa casa de Brighton. Os nenos e nenas fixéronlle preguntas sobre a novela, a súa faceta de escritor e sobre a súa vida en Inglaterra. E Xelís contounos moitas curiosidades, algunha delas relacionadas coa súa vida en Santiago, como que era cantante do grupo Os Quinindiolas, aos que podedes escoitar aquí.

Logo de despedirnos de Xelís, sorteamos o libro do mes que vén, Cama e conto, de Gonzalo Moure, que lle tocou a Nicolás, un dos rapaces que respondeu correctamente todas as superpreguntas que se fixeron este mes na guía de lectura.

Antes de marchar, os nenos e nenas estrearon o pasaporte lector do ano 2011.

E Elena entregounos un debuxo que fixo a raíz da lectura do conto de Xelís de Toro.