Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Valtierra. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Valtierra. Mostrar todas las entradas

10/6/12

Así foi o Lendo contigo de maio


O sábado 26 de maio celebramos a última sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo. Durante este curso tivemos de todo: libros estupendos, gravacións en vídeo, limericks, lecturas públicas colectivas e compartidas, obras de teatro abreviadas, galiñas azuis, receitas urxentes, golfiños...
E para a despedida preparamos unha sesión especial en moitos sentidos: era a primeira vez que non tiñamos proposto un libro de lectura, que realizabamos a actividade na Casa da Lectura e que faciamos un obradoiro sobre a historia da escritura, o libro e a imaxe impresa.
Para tan novidosa sesión contamos coa presenza de Xose Valtierra, especialista en divulgación de patrimonio histórico, que fixo con nós un interesantísimo percorrido pola historia da escrita e do libro desde o Paleolítico ata a Idade Media, sen esquecer os exipcios, os romanos ou os árabes. Papiros, pergamiños ou imprentas foron algúns dos materiais dos que nos falou e aprendemos, por exemplo, como se facían os primeiros contratos económicos ou de troco cunhas bólas de barro nas que se gravavan os acordos. Agradecémoslle a Xose que viñese a compartir con nós todos os seus coñecementos sobre como eran as cousas na antigüidade.
Como peche celebramos o remate do club cun xantar compartido e quedamos citados para finais do mes de outubro, cando o Lendo Contigo abrirá de novo as súas portas aos segredos que agochan no seu interior os libros.
Mentres tanto, quedades coa crónica fotográfica desta última sesión. Que teñades un verán cheo de amigos e amigas, de sol e de libros!

24/5/12

Sesión de peche do Lendo contigo

Este próximo sábado 26 de maio, ás 12 da mañá, na Casa da Lectura (Nogueira, 8 Donas) terá lugar a última sesión desta tempada do Club de lectura compartida Lendo contigo. E para o remate temos preparada unha sesión moi especial: o obradoiro Historia do libro e da imaxe impresa, impartido por Xose Valtierra, co que faremos unha marabillosa viaxe na busca das pegadas que a escritura e a imaxe impresa foron deixando ao longo do tempo. Unha aventura para toda a familia que non podedes perder!
Ao remate, e sempre que o tempo meteorolóxico o permita, imos celebrar un xantar compartido de despedida da tempada polo que aquelas familias que queiran quedar teñen que traer comida. 
Deixámosvos a continuación algunhas imaxes do que imos facer no obradorio.Vémonos o sábado!