22/12/07

Contomar

O Contomar cesa as súas actividades desde 0 17 de decembro (última sesión de contacontos do 2007 ) ata o 14 de xaneiro de 2008.

17/12/07

Agustín Fernández Paz en Lendo Contigo

A participación do escritor Agustín Fernández Paz na primeira sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, organizado por Espazo Lectura (a entidade promotora do Contomar) resultou moi interesante para todos e todas os asistentes, nenos e pais. O libro do autor que nos reuniu alí foi Un tren cargado de misterios, aínda que as nenas e nenos preguntaros sobre moitos outros libros de Agustín que tamén leran.
A continuación reproducimos un fragmento da intervención do escritor Agustín Fernández Paz o pasado sábado 15 de decembro de 2007, na Biblioteca Pública de Gondomar, nesta nova actividade organizada por Espazo Lectura.

18/11/07

Lectura para todas as idades

Dado que Contomar leva case dous anos funcionando, o Club de Lectura Compartida Lendo contigo, é unha proposta de nova creación. Son dúas actividades intimamente relacionadas e, en certo modo, o club de lectura nace como consecuencia do éxito contacontos Contomar, xa que detectamos que comeza a haber nenos e nenas que viñeron a todas as sesións nestes dous cursos anteriores e que agora comezan a non vir porque a súa idade xa non se axusta ao perfil da actividade. Parecíanos unha mágoa perder eses usuarios habituais da biblioteca e decidimos facer unha nova proposta máis axeitada á súa idade, de xeito que cubrimos así coas dúas actividades as franxas de idade que corresponden con educación infantil e primaria. Tendo en conta, ademais, que na biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar, coa que mantemos unha estreita liña de colaboración, funciona desde hai tres anos un Club de Lectura para o alumnado de secundaria e as súas familias, a nosa proposta vén cubrir ese chanzo intermedio que podería contribuír a manter a vinculación dos rapaces coa asistencia a actividades de dinamización lectora.
Xa que logo, nestes momentos os lectores infantís e xuvenís do Concello de Gondomar gozan dunha oferta completa na medida en que se cubren todos os posibles tramos de idade lectora.


Nace Lendo contigo

Logo da experiencia denominada Contomar, que se celebra desde hai case dous anos, como unha actividade de fomento da lectura, na Biblioteca Municipal de Gondomar, plantexámonos dar un novo paso adiante. Como sabedes, Contomar inclúe sesións semanais de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos, aberta a todas as familias que o desexen e a todos os nenos e nenas dos diferentes centros educativos do Val Miñor.

Agora propuxémonos inaugurar unha nova liña de actuación dirixida aos nenos e nenas de 8 a 11 anos e aos seus pais e nais: o club de lectura compartida Lendo contigo. Para asegurar o éxito do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo comezamos a posta en marcha do noso proxecto a través de conversas cos directores de todos os colexios de Educación Primaria do concello de Gondomar para difundir a proposta e conseguir o seu apoio na dinamización e difusión da mesma, elaboración dos materiais para publicitar a iniciativa.

1/11/07

Espazo Lectura

Espazo Lectura é unha asociación para o fomento e a animación á lectura, con especial cometido na animación á lectura en lingua galega. Está ubicada no Val Miñor e organiza actividades sen ánimo de lucro relacionadas coa promoción lectora, así como calquera outro tipo iniciativas que teñan que ver coa promoción da lectura e do libro como referente de benestar social e coa consideración do libro como elemento socializador, indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas.

Para levar a cabo os seus fins, Espazo Lectura mantén unha programación, tanto estable como conxuntural, en relación cos cometidos que persegue, atendendo ao principio de que o libro ou a lectura sexan o elemento nuclear e de referencia. As populares sesións de contacontos coñecidas baixo o nome de Contomar son a actividade fundacional deste colectivo.

O traballo de Espazo Lectura oriéntase basicamente en tres liñas principais: creación e animación de clubs de lectura, formación en fomento da lectura e divulgación.