Mostrando entradas con la etiqueta xosé neira cruz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xosé neira cruz. Mostrar todas las entradas

17/3/10

Xosé Neira Cruz no club de lectura compartida Lendo Contigo

No Lendo contigo celebrado o sábado 13 de marzo por fin puidemos falar de Violeta non é violeta e coñecer a Xosé Antón Neira Cruz, logo de ter que pospoñer a sesión no mes de febreiro por mor do temporal.
Antes de encontrarnos co autor, os nenos e nenas fixeron unha presentación conxunta de Neira Cruz, pois tiveran que pescudar nas súas casas información sobre este escritor compostelán. Despois, o autor contounos moitos dos segredos que agocha Violeta non é violeta: por que se chama así a protagonista, a orixe veneciana do nome da bruxa Mo(zzarela)... Ademais, tamén nos falou da importancia dos amigos e amigas e de que non hai un único modelo de familia, xa que para que exista unha familia soamente ten que existir cariño entre os seus membros.
Antes de marchar, Neira Cruz dedicoulles os libros e todos os participantes e os nenos e nenas selaron o pasaporte lector.

11/3/10

Xosé A. Neira Cruz, este sábado no Lendo Contigo

O vindeiro sábado, 13 de marzo de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o escritor Xose Antón Neira Cruz estará connosco para participar na sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo prevista para febreiro que tivo que ser adiada a causa do temporal.
O libro sobre o que vai xirar a actividade é Violeta non é violeta, publicado pola editorial Mc Millan.

O libro
Violeta non é violeta narra a historia de Violeta, unha nena de oito anos que só foi violeta o día que naceu. Agora é unha cativa normal e corrente que busca un nome para o seu futuro irmán, ao que a súa nai leva nunha barriga inmensa en forma de globo aerostático. Ante este acontecemento, Violeta teme que a súa nai a queira un pouco menos. Un libro que trata sobre os cambios que se producen no seo das relacións familiares, as inseguridades e os afectos analizados desde o punto de vista dunha nena.

O autor
Xosé Antón Neira Cru naceu en Santiago de Compostela en 1968. É Doutor en Ciencias da Comunicación e Licenciado en Filoloxía Italiana. Ademais de escritor, foi tamén guionista de programas infantís na TVG, xornalista e fundador e director da revista Fadamorgana. A súa obra literaria, fundamentalmente dirixida ao público infantil e xuvenil, é moi extensa, destacando Ó outro lado do sumidoiro (premio Merlín 1988), Valdemuller (premio Barco de Vapor 1997), Os ollos do tangaleirón (premio Barco de Vapor 1999), As cousas claras (premio Merlín 2000), O armiño dorme (premio Raíña Lupa 2002), A noite da Raíña Berenguela (premio Lazarillo 2004), O punto da escarola (premio Barriga Verde 2008) ou Sopa de xarope de amora (premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009).