Mostrando entradas con la etiqueta araceli gonda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta araceli gonda. Mostrar todas las entradas

16/6/10

O Contomar volve despois do verán

O sábado 5 de xuño o Contomar despediuse ata despois do verán coa compañía Matapiollos e a súa montaxe Flis-fli-ris-flás. As duascentas persoas que asistiron no auditorio Lois Tobío á representación puideron rir coas reflexións de Martiño acerca dos seus medos e axudalo nas súas aventuras polo fondo do mar para vencer ao malo malísimo e salvar a Carmiña e Bartolo. Unha historia sobre como superar os medos que moitos nenos e nenas senten cada noite cando se apaga a luz e teñen que durmir.
A este conto achegámonos a semana anterior na Biblioteca Municipal da man de Araceli Gonda, autora do texto. Ela foi quen despediu a última sesión do Contomar e quen lles entregou o seu agasallo aos nenos e nenas que máis estrelas de asistencia acumularon nos seus carnés ao longo dos oito meses desta tempada: houbo libros e aplusos para unha nena que só faltou dous días (Manuela Villamarín), para os que só faltaron un día (Santiago Cabral, Noa Hermida, Antón Hermida, Ismael Pérez e Daniel Puentes) e para os que non faltaron nin un só luns á nosa cita co Contomar (Anxo Alborés, Claudia Comesaña e Ana Fernández).
Volveremos despois do verán coas nosas mascotas, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, que nos traerán máis contos. Boas vacacións!

Imaxes da sesión do Contomar do 24 maio

3/6/10

A compañía Matapiollos representa Flis-fli-ris-flás no auditorio Lois Tobío


O próximo sábado día 5 de xuño, ás 12 da mañá, o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá a segunda parte da festa de despedida do Contomar: unha función de teatro infantil a cargo da compañía Matapiollos coa obra Flis-fli-ris-flás, baseada no conto de Araceli Gonda que a propia autora nos viu presentar ao Contomar. Estas son algunhas imaxes da sesión do luns pasado con Araceli Gonda:

Con estas dúas sesións especiais, que contan coa colaboración do Concello de Gondomar e da Editorial Galaxia, o Contomar colle vacacións nesta súa 5ª tempada de contacontos, na que se contaron case 150 contos cunha media de asistencia semanal de 40 nenos e nenas.

30/5/10

O Contomar despide a tempada cunha dobre sesión especial

As sesións semanais de contacontos que Espazo Lectura organiza cada luns na Biblioteca Municipal despídense até despois do verán e fano cunha dobre sesión especial.
  • Este luns 31 de maio, ás 18:00h, a escritora e xornalista gondomareña Araceli Gonda estará na Biblioteca Municipal para contarlles aos nenos e nenas o seu Flis-fli-ris-flás, título que agocha a palabra máxica que lle axudará a Martiño, o neno protagonista, a arredar os pesadelos que se achegan a el cada noite cando queda durmido. Ademais, nesta sesión entregaráselles un agasallo aos nenos e nenas que máis estrelas de asistencia acumularon no seu carné ao longo dos oito meses que durou a actividade nesta súa 5ª tempada.
  • O próximo sábado día 5 de xuño, ás 12 da mañá, o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá a segunda parte desta festa de despedida do Contomar: unha función de teatro infantil a cargo da compañía Matapiollos coa obra Flis-fli-ris-flás, baseada no conto de Araceli Gonda.


Con estas dúas sesións especiais, que contan coa colaboración do Concello de Gondomar e da Editorial Galaxia, o Contomar colle vacacións nesta súa 5ª tempada de contacontos, na que se contaron case 150 contos cunha media de asistencia semanal de 40 nenos e nenas.