30/1/11

"A elegancia do ourizo" centrará a sesión de febreiro do Sete Vidas

O martes 1 de febreiro celebraremos a sesión mensual do club Sete Vidas centrada na lectura do éxito literario da escritora francesa Muriel Barbery, A elegancia do ourizo (Galaxia, 2008). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O libro

Coa súa segunda novela, Muriel Barbery converteuse en pouco tempo nunha revelación literaria, primeiro en Francia e logo en toda Europa. A elegancia do ourizo conta a historia de Renée, a porteira dun edificio do París burgués. Viúva, cativa e laída, ninguén sospeita que é máis culta ca todos os ricos finchados que moran na veciñanza. E a de Paloma, que vive na mesma casa, ten doce anos, é extraordinariamente intelixente e négase a ter como destino a vacuidade e a inepcia da existencia adulta. Cando faga trece anos, ten pensado suicidarse.

A autora

Muriel Barbery (Casablanca, Marrocos, 1969) é unha escritora francesa, profesora de filosofía, autora das novelas Una golosina (2000), traducida a doce linguas, e A elgancia do ourizo (2006) (publicada en galego por Galaxia en 2008). Esta última obra tivo un grande éxito no seu país con máis de 30 edicións e máis dun millón de exemplares vendidos, ocupou o primeiro lugar de vendas durante 30 semanas consecutivas e foi traducida a numerosos idiomas. A directora francesa Mona Achache rodou a película O ourizo baseándose nesta novela.

Para ler máis

- Reportaxe en El País
- Páxina do Club de Lectura de Pontevedra



Na sesión de xaneiro do Sete Vidas tivemos un encontro co ecritor Cid Cabido, autor da novela Unha historia que non vou contar. Estas son algunhas imaxes dese día.

Contos e cancións no Contomar

Este luns, 31 de xaneiro, a partir das 18.00 horas, no Recanto do Contomar da Biblioteca de Gondomar vanse ler, entre outros, os contos A viaxe de Pancho, O sultán e os ratos ou Se os gatos levasen botas gobernarían as ras.
Tamén se van cantar algunhas das cancións do libro-disco A nena e o grilo, de Magín Blanco, para dalo a coñecer entre os nenos e nenas xa que o próximo 19 de febreiro teremos en Gondomar o concerto de presentación dentro da campaña Bocaberta, promovida por OQO Editora e a SXPL.

Imaxes do Contomar do luns 24 de xaneiro

26/1/11

O sábado viaxamos a Londres no Lendo Contigo

O sábado 29 de xaneiro terá lugar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura.
Nesta ocasión, o libro que centrará a sesión é A máquina contacontos (editorial Rodeira), do escritor galego establecido en Londres Xelís de Toro.

Viaxaremos a Londres para falar co autor
O autor non poderá estar na Biblioteca de Gondomar, por iso, serán os asistentes ao club os que fagan unha viaxe virtual á capital británica e terán oportunidade de falar con Xelís de Toro grazas ás novas tecnoloxías. A cita é o sábado ás 12.00 horas.

O libro
A historia que narra A máquina contacontos ten lugar nun mercado londiniense chamado Walthamstow. A este mercado, sen faltar un só sábado, acudía un home que era propietario dunha curiosa máquina que tiña a asombrosa particularidade de inventar contos. E ninguén parecía coñecer o segredo da máquina, ata que…

O autor
Xelís de Toro naceu en Santiago de Compostela en 1962 e reside en Londres. Foi letrista e cantante do grupo Os Quinindiolas. Escribe literatura infantil e xuvenil e tamén para adultos. Algúns dos seus libros de narrativa son: Seis cordas e un corazón (co seudónimo de Roque Morteiro), Premio Compostela Cultural; Non hai misericordia, Premio Narrativa Cidade de Lugo; Os saltimbanquis no paraíso, Premio San Clemente en 2000; Terminal; O trompetista e a lúa; The Corunna boats ou Riofero.
Por outra parte, foi socio fundador da editorial Edicións Positivas e dirixiu a revista Anima+I durante o primeiro ano.


Xelis de Toro mantén na rede o espazo http://laboratoro.net/.

25/1/11

Coidado, extraterrestres

Este mércores, na Casa da Lectura, a partir das 18.30 horas, esperamos unha visita extraplanetaria. Cómpre picar sobre a imaxe anterior para ler toda a información.

Na sesión de dinamización lectora da semana pasada asistimos a unha divertida representación teatral do conto Amelia quere un can.

24/1/11

El Patito Editorial, novo socio protector de Espazo Lectura


Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a El Patito Editorial, que se incorpora como socio protector da asociación.
El Patito Editorial nace en 2007 co obxectivo de publicar obras de debuxantes galegos tanto en galego coma en castelán, recuperar os clásicos da historieta galega e publicar obras de especial interese, tanto de autores españois coma estranxeiros.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". El Patito Editorial súmase así a outras editoriais que xa forman parte de Espazo Lectura como Ir Indo, Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais como Berrobambán e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 21 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

21/1/11

Contomar


Estes son algúns dos contos que se van contar o luns 24 no Contomar: O segredo de Flora, O país dos mandóns (editados por Embora), A casa da mosca chosca (Kalandraka) e Conto para non comer (Galaxia).
A actividade comeza a partir das 18.00 horas no Recanto do Contomar, a sala infantil da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Estas imaxes correspóndense coa sesión do luns pasado.

19/1/11

Ir Indo, novo socio protector de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora á editorial Ir Indo, que se incorpora como socio protector da asociación.
Ir Indo Edicións nace o 14 de novembro de 1985 co obxectivo de colaborar no espallamento e divulgación da cultura galega. Ten editado, ao longo destes anos, máis de 500 títulos, entre literatura infantil e xuvenil, dicionarios, narrativa, guías, manuais..., mais cómpre sinalala como a primeira editora en publicar unha Enciclopedia Galega Universal.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Ir Indo súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais como Berrobambán e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 20 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

18/1/11

"Amelia quere un can", na Casa da Lectura

Amelia entrou no salón. O seu pai estaba sentado na súa cadeira favorita lendo o xornal.
“Papá”, dixo ela. “Estaba pensando...”. O seu pai suspirou. «Cando Amelia pensa, seguro que hai problemas». Amelia continuou: “Papá, non poderiamos ter un can?”

A partir deste desexo de Amelia desenvólvese o conto sobre o que vai xirar a actividade deste mércores 19 na Casa da Lectura: Amelia quere un can, de Tim Bowley e André Neves, editado por Kalandraka. Coma sempre, será a partir das 18.30 horas, aínda que a Casa da Lectura xa estará aberta dende as 17.30.

A sesión da semana pasada estivo dedicada aos contos universais da literatura infantil. Estas son imaxes de varios momentos dese día.


17/1/11

Nova sesión do Lecturas Debuxadas


O martes 18 temos unha nova cita co club de cómic Lecturas Debuxadas. Nesta ocasión, o cómic que centrará a charla será Fun Home, una familia tragicómica, de Alison Bechdel, publicado por Mondadori. Será na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20.00 horas.

A anterior sesión do Lecturas Debuxadas, celebrada o 21 de decembro, estivo dedicada ao clásico Batman. Año 1, de Frank Miller e David Mazzuchelli. Estas son varias imaxes dese día.

16/1/11

Este luns Contomar

Este luns, 17 de xaneiro, a partir das 18.00 horas, no Recanto do Contomar escoitaranse, entre outros, os seguintes contos: Mago Antón, Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis e O neno mosquito.

A semana pasada inauguramos a nova sala infantil de dinamización da Biblioteca Municipal de Gondomar chamada O Recando do Contomar. Estas imaxes corresponden a ese día.

15/1/11

Rinoceronte Editora, novo socio protector de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Rinoceronte Editora, que se incorpora como socio protector da asociación.
Rinoceronte Editora creouse en Cangas do Morrazo no ano 2005 cunha idea: traducir ao galego literatura estranxeira, fundamentalmente recente, atendendo en especial a ámbitos culturais e lingüísticos dende os que nunca se importara nada á nosa lingua. Dese xeito, foron pioneiros en traducir dende o finlandés, o húngaro, o xaponés, o islandés ou o hebreo.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Rinoceronte Editora súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Patasdepeixe Editora, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais como Berrobambán e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 19 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

12/1/11

Lectura dixital


O número 187 da revista Grial, editada pola editorial Galaxia, que é socia protectora de Espazo Lectura, está dedicado ao libro electrónico e á cada vez máis xeneralizada lectura dixital.

Baixo a coordinación de Víctor Freixanes e Manuel Bragado, o monográfico "Lectura dixital" achega interesantes artigos de especialistas na materia como Domingo Docampo ("Sobre a lectura dixital"), Robert Darnton ("Google e o novo futuro dixital"), Daniel Cassany ("Viño e botellas con lectura e libros"), Carlos Lema ("O libro perfecto") ou o propio Manuel Bragado ("O difícil camiño do libro dixital en galego").

Unha lectura moi recomendable para estar informado sobre a auténtica revolución cultural que xa está a petar nas nosas portas e que abre numerosos debates no mundo da edición e da lectura.

11/1/11

O mércores, a Casa da Lectura volve abrir as súas portas



Este mércores 12 de xaneiro, a Casa da Lectura retoma as actividades de dinamización lectora tras as vacacións de Nadal.
Na primeira sesión do ano imos facer un percorrido polos clásicos da literatura infantil universal (Carapuchiña, O gato con botas, Cincenta, Hansel e Gretel, O patiño feo...) nas súas diferentes versións. E deterémonos especialmente en dous: Polgariño e Brancaneves.
Agardámosvos na Casa da Lectura a partir das 18.30 horas e, para os que queirades vir consultar a nosa biblioteca, as portas xa estarán abertas dende as 17.30.

Na última sesión de 2010 recibimos a visita de Laura Sáez, da editorial Patasdepeixe, que nos contou o conto A vaca que puxo un ovo mentres nos convertía a todos en vacas. Velaquí algunhas imaxes dese día.