Mostrando entradas con la etiqueta Noite na biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Noite na biblioteca. Mostrar todas las entradas

25/9/12

Así foi a última Noite na Biblioteca

Os días 2 e 3 de xuño pasados Espazo Lectura celebrou a V Noite na Biblioteca, coa que se pechaba a tempada de actividades infantís. Como é habitual, as actividades comezaron pola tarde, aínda que, no canto de celebrarse ao aire libre, como estaba anunciado, tivemos que trasladar unha parte ao pavillón de deportes por mor da chuvia. Acompañados dun grupo de músicos da banda de Vincios e de catro guías, alí chegaron os nenos e nenas coas súas familias para participar na inauguración simbólica do Museo do Conto de Gondomar. Unhas caixas enormes que agochaban as pezas do museo foron abríndose para deixar saír personaxes e historias de contos que os nenos e nenas podían ir adiviñando a través dun xogo de pistas. Un percorrido e unha inauguración moi especial que se recollen neste fantástico vídeo elaborado por Rebeca Tizón Rey, a quen lle damos as grazas pola súa colaboración:




Tamén o fotógrafo Manuel G. Vicente fixo unha reportaxe en imaxes do acto (e dos preparativos):




Logo da inauguración, regresamos á Biblioteca Municipal onde os participantes puideron asistir a unha sesión de contos, cancións, adiviñas, poemas e lengalengas a cargo de Inacio Vilariño e o seu espectáculo Burromaquia:


Ao remate desta sesión, e xa só cos 30 nenos e nenas que estaban inscritos para quedar a durmir na biblioteca, comezou a segunda parte da actividade: ceamos, lavamos os dentes, puxemos os pixamas e asistimos ao espectáculo Maldita poesía! a cargo de Fran Alonso:


Chegada a hora meiga, a biblioteca acolleu unha orixinal proposta de contos e ilustración: as Ollofábulas. A contadora Charo Pita púxolles palabras ás historias, ao tempo que o ilustrador Óscar Villán debuxaba e convidaba a debuxar aos nenos e nenas.


Houbo tempo para compartir lecturas, para durmir e, xa de mañá, para xogos, agasallos, almorzo e despedidas.





31/5/12

Esta fin de semana durmimos na biblioteca

Esta próxima fin de semana, 2 e 3 de xuño, celebramos en Gondomar a V Noite na Biblioteca, organizada por Espazo Lectura coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. Este ano serán 35 nenos e nenas os que teñan a oportunidade de durmir na Biblioteca Municipal e participar en diferentes actividades de fomento da lectura.

Coma en edicións anteriores, a programación comeza ás 19:00h na Praza de Portugal, diante do Centro de Saúde. Nesta primera parte, aberta a nenos e nenas de todas as idades e as súas familias, asistiremos á escenificación da inauguración do -efémero- Museo do Conto de Gondomar e logo, a partir das 20:30h, contaremos cunha sesión de contos, poemas, cancións, adiviñas e lengalengas: Burromaquia, a cargo de Inacio, de Fantoches Baj.

A segunda parte da programación, dirixida só aos 35 nenos e nenas inscritos na V Noite na Biblioteca, comeza a partir das 22:00h e conta con actividades como o recital Maldita poesía! ou a función de Ollofábulas da man de Charo Pita e Óscar Villán.

Na seguinte imaxe podedes consultar toda a programación.


21/5/12

Chega a V Noite na Biblioteca

Espazo Lectura abre o prazo de inscrición para a V Noite na Biblioteca, que terá lugar os días 2 e 3 de xuño de 2012. Poderán quedar a durmir na Biblioteca Municipal 30 nenos e nenas que estivesen matriculados en Educación Primaria no presente curso 2011-2012 e que participasen ao longo do ano nas distintas actividades de fomento da lectura que organiza Espazo Lectura (Contomar, Lendo contigo, Casa da Lectura) ou que sexan fillos e fillas de socios/as.

Inscricións: no correo-e espazolectura@gmail.com ou no teléfono 619292991. O prazo de inscrición finaliza o 29 de maio.

27/6/11

Así foi a IV Noite na Biblioteca

Entre o sábado 18 e o domingo 19 de xuño Espazo Lectura organizou, por cuarto ano, a Noite na Biblioteca, unha actividade na cal uns 40 nenos e nenas, que acudiron regularmente ás actividades de fomento da lectura da asociación, puideron gozar dunha fin de semana entre libros.

A primeira parte do programa comezou arredor das 19.00 horas co roteiro literario "A volta a Gondomar en 150 minutos", aberto a todos os públicos. Os nenos, nenas e as súas familias iniciaron unha viaxe na procura de contos dos diferentes continentes: Isto é París (Europa), A cebra Camila (África), O sultán e os ratos (Asia). O percorrido finalizou en América, coa representación da obra de teatro Que bonito é panamá!, baseada no conto homónimo, a cargo da compañía Panamesiana Teatro.

A segunda parte do programa transcorreu dentro da biblioteca, convertida no Hotel dos Soños no que os 40 nenos e nenas inscritos na actividade quedaron a durmir. Na primeira parte da noite, a compañía A tropa de trapo contou contos a partir de palabras gardadas nunha maleta e fixo un obradoiro sobre as posibilidades de ensoñación que teñen os libros e sobre a narración oral de historias.
Tras o obradoiro, subimos ao segundo andar da biblioteca para establecer unha conexión por videoconferencia co asteroide B612. O mesmísimo Principiño contactou con nós e, logo de nos dicir que se sentía só, prometeu aparecer pola mañá na biblioteca para espertar os nenos e nenas. E así foi.
A primeira hora da mañá, antes de almorzar, foi o propio Principiño quen propuxo un xogo baseado na viaxe que realizara esa noite. Os nenos e nenas avanzaron de planeta en planeta a medida que contestaban, axudados dun atlas e por equipos, diferentes preguntas sobre xeografía. As preguntas viñan agochadas en distintas edicións moi especiais da obra de Saint-Exupéry.
Logo de almorzar, os nenos e nenas encontráronse coas súas familias e levaron un exemplar d'O principiño de agasallo para non esquecer as marabillosa viaxe que supuxo a IV Noite na Biblioteca.
Deseguido podedes ver todas as fotos dese día.

16/6/11

A IV Noite na Biblioteca xa está aquí

O vindeiro sábado 18 de xuño Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, dará comezo á cuarta edición da Noite na Biblioteca. Este ano, para posibilitar que todos os nenos e nenas que participan habitualmente nas actividades estables de Espazo Lectura puidesen gozar desta actividade, fixemos un esforzo para ampliar a oferta de prazas e serán 40 os cativos e cativas que durman na Biblioteca Municipal entre palabras, contos e andeis cheos de libros. Pero antes de poñer o pixama haberá unha chea de actividades co libro e a lectura como protagonistas.

O PROGRAMA, que ten como fío condutor as viaxes, consta de dúas partes:
  • A primeira, titulada A volta a Gondomar en 150 minutos, de asistencia libre e gratuíta, celebrarase no exterior a partir das 19:00 horas para nenos e nenas de todas as idades. O punto de encontro será a Praza de Portugal, diante da Biblioteca Municipal. Alí, os nenos e nenas comezarán unha viaxe por diferentes prazas de Gondomar na procura de contos e historias doutras culturas. En concreto, as historias que atoparán son Isto é París (El Patito Editorial), A cebra Camila (Kalandraka) e O sultán e os ratos (Oqo). O acto central desta primeira parte será a representación de Que bonito é panamá! por parte da compañía Panamesiana Teatro, no parque da Coelleira a partir das 20:20 horas.
  • A segunda parte do programa comezará ás 22:00 horas. Será no interior da biblioteca e asistirán os nenos e nenas que se inscribiron previamente. Logo de cear coas familias, chegará o momento de lavar os dentes e poñer os pixamas para que dea comezo unha noite chea de emocións. Para continuar coa viaxe, a biblioteca converterase nun hotel, o Hotel dos Soños. Primeiro, os nenos e nenas asistirán ao espectáculo A viaxe das palabras a cargo da compañía A Tropa de Trapo (sesión de contacontos e obradoiro). Despois, manterán unha videoconferencia co asteroide B-612, xa que O principiño será o libro protagonista da noite.
Na mañá do domingo 19 espertaremos con xogos e cancións e almorzaremos todos xuntos. Será o momento de recoller os sacos de durmir, as zapatillas e os pixamas, reencontrarse coas familias e agardar ata o próximo ano para volver vivir unha noite na biblioteca.

Picando aquí pódese ler unha crónica da edición celebrada o ano pasado.

12/6/11

Programa da IV Noite na Biblioteca


Picando sobre a imaxe, pódese ler o programa completo da IV Noite na Biblioteca que se celebra o sábado 18 e domingo 19 de xuño.

7/6/11

Ábrese o prazo de inscrición para a IV Noite na Biblioteca

Espazo Lectura abre o prazo de inscrición para a IV Noite na Biblioteca, que terá lugar os días 18 e 19 de xuño de 2011. Poderán quedar a durmir 25 nenos e nenas que estean matriculados en Educación Primaria e que participasen ao longo do curso nas distintas actividades de fomento da lectura que organiza Espazo Lectura (Contomar, Lendo contigo, Casa da Lectura) ou que sexan fillos e fillas de socios. Durmiremos na biblioteca en colchonetas e con sacos de durmir. Para reservar praza tedes que mandar un correo electrónico a espazolectura@gmail.com ou chamar ao 619292991 antes do 15 de xuño. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.
As actividades da IV Noite na Biblioteca, que Espazo Lectura organiza coa colaboración do Concello de Gondomar, contarán cunha primeira parte, de 19:00h a 21:30h, aberta a nenos e nenas de todas idades e as súas familias sen necesidade de inscrición previa. Nesta primeira parte, A volta a Gondomar en 150 minutos, faremos unha viaxe por diferentes espazos públicos de Gondomar na procura de historias doutras culturas e asistiremos á representación no parque da Coelleira de Que bonito é Panamá! a cargo da compañía Panamesiana Teatro.

25/6/10

Así foi a III Noite na Biblioteca

Como despedida das actividades infantís de fomento da lectura desenvolvidas ao longo do curso, por terceiro ano durmimos, a fin de semana do 19 ao 20 de xuño, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Pero antes de durmir, gozamos dun intenso programa de animación á lectura.

As actividades destinadas ao público en xeral comezaron ás sete e media da tarde do sábado diante da biblioteca, cando Alicia e o Coello Branco, acompañados de ducias de nenos e nenas, iniciaron un roteiro na busca do conto do que saíran e que perderan. Para iso, foron na procura de catro condesas que lles leron cadanseu conto en diferentes prazas de Gondomar. Tras seguir as pistas que lles proporcionaron e coa axuda da Raíña de Cozaróns atoparon o seu libro: Alicia no país das marabillas. Pero antes diso, coñeceron a Almudena Janeiro e aos seus músicos, que interpretaron as cancións do libro-DVD Contos en cantos.

Ao remtar o concerto subimos á biblioteca onde comezou a segunda parte da programación, na que participaron 33 nenos e nenas inscritos previamente. Tras a cea coas familias, despedíronse dos pais e nais, puxeron os pixamas, presentáronse aos demais coa axuda dun nobelo de la e comezaron as actividades nocturnas centradas no libro A pedra e as formigas do escritor e ilustrador Jacobo Fernández Serrano. Jacobo non puido estar con nós na biblioteca, pero deixounos un agasallo: as ilustracións orixinais do libro.


Despois, Rosana e Bea, de Espazo Lectura, fixeron unha adaptación do conto de Jacoco Fernández para teatro de sombras; deseguido, foron os actores de Casahamlet os que representaron para nós A formiga, unha divertida peza treatral baseada nese mesmo libro.


Cando remataron as actividades, máis alá da media noite, tocou meterse nos sacos e ler un chisco antes de durmir e agardar polo novo día.

Grazas ao fotógrafo Manuel G. Vicente polas marabillosas
fotografías que realizou todo o sábado e por cedérnolas para publicar neste blog.


Á mañá seguinte, espertamos con cancións e con ximnasia para afrontar un reto. Os nenos e nenas convertéronse en formigas que tiveron que transportar grandes pedras de maneira colectiva.


Como foron capaces de transportar todas as pedras sen que caesen, recibiron un agasallo: o libro sobre o que xirou toda a programación, A pedra e as formigas, dedicado para cada un dos nenos polo propio Jacobo Fernández Serrano.

Despois almorzamos e agardamos a que chegasen os pais e as nais que, sorpresa!, tamén tiveron que se converter en formigas e demostrar que sabían transportar pedras colectivamente.
Pouco a pouco a biblioteca foise baleirando. O ano que vén volveremos espertar entre libros!