27/2/10

O luns, Contomar

Linda á espreita, de Alexander Steffensmeier, editado por Xerais, será un dos contos protagonistas da sesión do Contomar deste próximo luns, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Coa historia de Linda, a vaca que se agochaba cada mañá para meterlle un susto ao carteiro, celebraremos o cumprecontos de Ruoqi. Ademais, recibiremos a visita de Manuel, un profesor do CEP Neira Vilas, de Peitieiros, que nos traerá o conto De quen foi a culpa?

Continuamos así coas visitas do profesorado dos centros de ensino da zona que iniciamos a semana pasada coa sesión protagonizada polo profesorado de Ed. Infantil do CEIP Souto-Donas. Luísa, Belén, José Luis e Bea trouxeron uns ovos moi especiais dos que foron saíndo galiñas, pitos, avestruces e galos que nos contaron as súas historias e deixaron de agasallo para todos os nenos e nenas unha cesta de ovos de... chocolate! Aquí vos deixamos algunhas fotos desa sesión da semana pasada, na que celebramos tamén o cumprecontos de Anxo.

26/2/10

Adíase a sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo

Comunicámosvos que os prognósticos meteorolóxicos para este sábado 27 obríganos a suspender a sesión prevista sobre o libro Violeta non é violeta. Para a seguridade do autor, Xosé Antón Neira Cruz, que tería que desprazarse desde Santiago de Compostela ata Gondomar, así como para que a vosa asistencia se poida facer nas mellores condicións posibles, adíase esta sesión ata o sábado 13 de marzo.

Xa que logo, o calendario sería o seguinte:
Sábado 13 de marzo, Lendo Contigo: Violeta non é violeta, coa presenza de Xosé Antón Neira Cruz.
Sábado 27 de marzo, Lendo Contigo: Era unha vez na quimbamba, coa presenza de Antón Cortizas.

Desculpas polas posibles molestias ocasionadas.

24/2/10

Wangari Maathai será a protagonista da sesión desta semana na Casa da Lectura

Aviso: ante a alerta por temporal, Espazo Lectura acordou suspender a actividade de dinamización desta tarde na Casa da Lectura. A sesión prevista sobre Wangari Maathai realizarase proximamente e será anunciada neste blog.

A sesión de dinamización lectora deste mércores, 24 de febreiro, na Casa da Lectura a partir das 18.00 h, vai ter como protagonista a activista kenyana Wangari Maathai, que recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2004 polo seu labor en defensa da natureza e a prol da reivindicación dos dereitos das mulleres a tavés da plantación de máis de 12 millóns de árbores.

Para coñecer a historia de Maathai, moverémonos entre libros, vídeos e papiroflexia.

23/2/10

Espazo Lectura, tamén en Facebook


A presenza de Espazo Lectura na rede medra. Ademais de no blog e en Twitter, agora tamén se poden seguir as novidades a través de Facebook. Faite seareiro/a, xa somos máis de 200!

22/2/10

Os cinco narradores de Bagdad, no Lecturas Debuxadas


Mañá martes 23 de febreiro, a apartir das 20.00 horas, celebraremos a sesión mensual do club de lectura dedicado ao cómic Lecturas Debuxadas. Este mes, o cómic sobre o que imos falar é Os cinco narradores de Bagdad (Factoría K, 2008), con textos de Fabien Velhmann e ilustracións de Frantz Duchazeau. Coma sempre, será na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O cómic
Este álbum de orixe francesa achegará ao lector/a ás peripecias de cinco contadores de historias, afanados na busca do mellor conto do mundo, para gañar o reto proposto polo califa de Bagdad e así acadar fama e riquezas. Nazim, Tarek, Anouar, Wahid y Ahmed, o fillo do propio soberano, son os protagonistas desta particular odisea arredor do mundo.
O rosmón, o filósofo, o perspicaz, o rebelde, o xentil... virtudes e defectos que adornan a personalidade de cada narrador e que representan un amplio abano de arquetipos humanos cos que xurdirá unha irremediable identificación. Ao tempo que alimenta o seu imaxinario de vellas e fantásticas historias, tamén o lector/a se contaxia desa sabedoría que proporciona o contacto co pasado.
Nunha cidade, Bagdad, chea de contrastes, de pasado esplendoroso e presente escuro, a lenda está presente en cada rencuncho; o exotismo de Oriente Medio e o ambiente envolvente de cada historia -ao máis puro estilo d‘As mil e unha noites- transportarán ao lector/a a outra esfera da realidade, dominada pola arte dos contos.

Os autores
Fabien Vehlmann
(Mont de Marsan, Francia, 1972)
Comezou a súa formación na Escola de Comercio de Nantes (Francia) e posteriormente se dedicou a traballar como guionista de cómic en editoriais como Dargaud, Dupuis ou Lombard. Entre outros galardóns, recibiu o Premio Elefante de Ouro en 2001.

Frantz Duchazeau (Angoulême, Francia, 1971)
Iniciou a súa traxectoria nos anos 90 en revistas do grupo Disney, como debuxante de historietas, series de cómic e anuncios publicitarios. A partir de 2002 comezou a traballar para editoriais como Dargaud, Dupuis e a revista Spirou. Participou en varios proxectos de cómic, entre os que destaca a serie Igor et les Monstres.

21/2/10

Contos arredor dun ovo

O Contomar vai celebrar o luns 22 de febreiro unha sesión especial de 4º aniversario na que teremos un equipo especial de contadores convidados: o profesorado do equipo de Educación Infantil do CEIP Souto-Donas. O galo Quirico, O pito cairo ou Mariluz avestruz serán algunhas das historias que Bea, José Luís, Belén e Luísa sacarán dun ovo para ofrecérllelas aos nenos e nenas asistentes. Será, coma sempre, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar.

18/2/10

O Contomar está de aniversario

O 15 de febreiro de 2006 botaba a andar na Biblioteca Municipal de Gondomar o Contomar, a actividade fundacional de Espazo Lectura. Nacía co obxectivo de crear un espazo estable de encontro cos libros e a lectura en Gondomar para nenos e nenas de máis de 3 anos e as súas familias. As persoas que naqueles momentos iniciabamos esta actividade non podiamos imaxinar que durase tanto e que trouxese detrás tantas outras propostas que pouco a pouco foron completando o proxecto de fomento da lectura de Espazo Lectura.
Nestes catro anos de vida do Contomar contamos centos de contos, lemos poemas e cantamos cancións, sempre coa mesma ilusión e o mesmo cariño. Desde Espazo Lectura queremos darlles ás grazas a todas as persoas que nestes anos fixeron posible o Contomar, ás familias que cada semana acompañan os nenos e nenas á biblioteca, aos centros de ensino da zona e aos socios e socias de Espazo Lectura polo seu apoio e, moi especialmente, a todas as nais e pais que se animaron a contar contos e a facer brillar nos ollos dos nenos e nenas a ilusión que provocan as historias.
Esta semana, por coincidir co entroido, non houbo sesión de contacontos, pero volveremos o próximo luns, día 22 de febreiro, con máis contos, cancións e cumprecontos.


17/2/10

Espazo Lectura participa nunha tertulia cultural de Tempos Novos dedicada ao libro e á lectura

Este mércores, 17 de febreiro, ás 19.30h no pub Dado Dadá de Santiago, a revista Tempos Novos celebra unha tertulia cultural sobre o libro e a lectura na que participará Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, xunto con Francisco López Barxas, director xeral de Cultura, Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, e Tati Mancebo, escritora. A tertulia será publicada posteriormente na propia revista.

As tertulias culturais de Tempos Novos son un intento de recuperar espazos de diálogo para a cultura galega. Cada mes, a revista tenta abordar un aspecto concreto da cultura do noso país. Nesta ocasión, aproveitando que este ano foi declarado pola Xunta de Galicia Ano do libro e a lectura, decidiuse falar sobre os diferentes aspectos que rodean esta cuestión.

12/2/10

Un entroido no medio da selva

A sesión de dinamización lectora desta semana na Casa da Lectura comezou coa lectura do conto A selva de Ngorongón, que narra como todos os animais da selva están pasmados diante "daquela cousa" mentres o feiticeiro muda a súa máscara de asustar pola máscara das dúbidas ata chegar á máscara da ledicia cando "aquela cousa" desaparece e os animais volven brincar e xogar coma sempre.
Logo contamos A máscara do león, a historia dun leonciño pouco agresivo que prefire xogar coa súa amiga cebra no canto de comela, como o resto de leóns esperaría que fixese.
Rematou a sesión cun obradoiro entroideiro no que os nenos e nenas, a partir dun prato de cartón, fixeron cadansúa máscara de león.

11/2/10

Levírtete no Salón do Libro de Pontevedra

Levírtete: este é o lema empregado na edición de 2010 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, dedicada este ano á cidade.
Dende o 7 de febreiro e ata o 14 de marzo, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle exposicións, obradoiros e múltiples actividades para todos os públicos relacionadas co libro e a literatura infantil e xuvenil que inclúen espectáculos, música, conferencias... Pódese consultar o programa completo, día a día, aquí.
Ademais, este ano o Salón rende homenaxe a dous autores ben coñecidos e queridos en Gondomar: Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, que ademais acaban de ser recoñecidos entre os once mellores autores do século XX.

9/2/10

Tarde de máscaras na Casa da Lectura

Este mércores, 10 de febreiro, a actividade semanal de dinamización lectora na Casa da Lectura vai ter cheiro a selva e sabor a entroido.
Imos contar dous contos: Misterio na selva de Ngorongón, de Alberto Varela Ferreiro (Galaxia, 2009) e A máscara do león, de Margarita del Mazo (OQO, 2009). Logo de coñecer a historia dos diferentes animais da selva que protagonizan estas historias, elaboraremos máscaras de león a partir de pratos.

A semana pasada tamén houbo disfraces. Deseguido pódense ver algunhas imaxes dese día.

7/2/10

Novidades no Club de lectura compartida Lendo Contigo


O sábado 30 de xaneiro iniciamos unha nova tempada no Club de lectura Lendo Contigo, destinado a nenos/as de 8 a 11 anos e os seus pais e nais. Introducimos varios cambios no formato e no desenvolvemento das sesións coa finalidade de que, por unha parte, a lectura nas casas sexa máis reflexiva e proveitosa e, por outra, que o papel dos rapaces durante as sesións sexa máis activo. Estas son algunhas das novidades:
  • A cada neno/a repartíuselle un pasaporte lector. Ao remate de cada sesión poderán selalo. Os nenos e nenas que máis visados teñan ao final da tempada recibirán unha sorpresa.
  • Ao remate de casa sesión, os nenos levan á casa unha guía de lectura sobre o libro do que se falará no vindeiro encontro con preguntas sobre os aspectos que máis lles gustaron e os que menos, un apartado para investigar arredor dalgún tema que trate a lectura e con dúas preguntas finais que teñen o aliciente de, se as acertan, poder participar no sorteo dun exemplar do libro proposto para o seguinte mes.
  • Son os propios nenos e nenas que asisten regularmente ao club os que presentan aos autores e autoras convidados.
  • Na entrada da biblioteca colocamos unha árbore espida á que lle van ir agromando follas, unha por cada novo libro lido. Arestora xa ten dúas: Valados e Violeta non é Violeta, a lectura do mes de febreiro.

O sábado 30 de xaneiro, Día da Paz, tivemos o privilexio de manter un encontro virtual co escritor Agustín Fernández Paz, con motivo da lectura de Valados, o seu último libro. Fernández Paz mantivo unha conversa cos nenos e nenas dende a súa casa a través de vídeo conferencia. O autor foi presentado por Nicolás e Erea, dous nenos que asisten a miúdo ao club.


Antes de falar co autor de Valados, comentamos o libro coa axuda da guía de lectura que todos traballaran na casa. Unha das preguntas era dicir a palabra que máis lles gustou do libro, e estas son algunhas delas:

soños, amizade, valados, recendo, bico, papavento, aguia, tardiña, sorrisos, desexos...

Tamén lles preguntamos que outro título lle porían ao libro e velaquí algunhas das respostas:

A árbore dos desexos; Reixas físicas e mentais; Todos somos iguais; Dúas cidades separadas por un muro; Alegría; Unha amizade sen fronteiras; A árbore da amizade; Os valados nunca separarán a amizade

As dúas últimas preguntas que tiñan que responder eran importantes, porque se as acertaban participarían no sorteo do libro do vindeiro mes (Violeta non é Violeta, de Xosé A. Neira Cruz). Houbo tres nenas que acertaron a resposta e a gañadora do libro foi Emma Domínguez Heduy.

A conversa con Fernández Paz foi moi enriquecedora, falounos da orixe do libro, das primeiras versións, ensinounos o orixinal manuscrito, falounos das ilustracións, dos diferentes títulos que tivo ata dar co definitivo... Despois os nenos fixéronlle diferentes preguntas sobre o libro e sobre o seu traballo como escritor.

Ao remate da sesión, vimos un audiovisual con guión do propio Agustín Fernández Paz sobre os muros existentes no mundo, visibles e invisibles, e a necesidade de alzar a voz para proclamar a necesidade de derrubalos.

4/2/10

Baiona acollerá este venres unha das presentacións do libro "55 mentiras sobre a lingua galega"

A Biblioteca Municipal de Baiona acollerá este próximo venres, 5 de febreiro, unha das presentacións do libro 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinado polo profesor Xosé-Henrique Costas e promovido pola plataforma ProLingua.
O acto terá lugar ás 20:30h e nel participarán Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura) e Rosana Estévez (vicepresidenta de Espazo Lectura), xunto con Anxo Ratel.

Esta presentación forma parte dunha iniciativa xeral de ProLingua que inclúe máis de 60 presentacións simultáneas en diferentes vilas e cidades de todo o mundo: Ribadeo, Nova York, Cambados, Cork, Monforte, Madrid, Moaña, Lisboa, Tui, Saraievo, Verín, Bruxelas, Vigo, Copenhaguen, Ferrol, Bos Aires, Ourense, Barcelona, Tubinga, Vilalba, Bethelem, Carballo... O Val Miñor acolle tres destas presentacións: ademais de en Baiona, tamén haberá presentación do libro en Gondomar e en Nigrán.

55 mentiras sobre a lingua galega é un volume rigoroso e ameno co que se pretenden combater e desmontar os múltiples tópicos e prexuízos que circulan sobre a nosa lingua, a súa historia e o seu uso en diferentes ámbitos: administración, ensino, medios de comunicación, comercio, etc. Numerosos argumentos, datos, referencias lexislativas e reflexións son os elementos nos que se basean os autores do libro para rebater as mentiras e falacias que, desde o desprezo e a negación, se utilizan con frecuencia para atacar o uso social da lingua galega.

Programación trimestral dos clubs de lectura de Espazo Lectura

Picando na imaxe pódese ampliar o cartel coa programación completa do primeiro trimestre do ano para cada un dos tres clubs de lectura que Espazo Lectura mantén mensualmente: o Club de lectura Sete Vidas, o Club Lecturas Debuxadas e o Club de lectura compartida Lendo Contigo.

Deseguido tamén se poden ver varios momentos das primeiras sesións do ano do Sete Vidas (dedicada á lectura de O bosque dos raposos aforcados) e do Lecturas Debuxadas (na que se falou do cómic Tamara Drewe). Da sesión de xaneiro do Lendo Contigo falaremos máis polo miúdo nos próximos días.

3/2/10

Mércores na Casa da Lectura

Este mércores día 3 de febreiro, na Casa da Lectura, imos ler os contos A viaxe de Renata e A cebra Camila, dúas historias que falan do que pode pasar cando, por razóns alleas a nós, cambiamos de aspecto físico de xeito inesperado. A xoaniña Renata perde os seus puntiños negros e a cebra Camila perde as súas raias, pero serán quen de amañar esa situación e adaptarse a un novo aspecto?
No remate da sesión, aproveitando a proximidade do Entroido, os nenos e nenas farán o seu propio disfraz de xoaniñas.

O contacontos será a partir das 18.30 horas, e unha hora antes a Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas) xa estará aberta ao público.

Estas son algunhas imaxes da sesión anterior, centrada na reciclaxe e no poder da imaxinación.

1/2/10

Este mes, novela de intriga no Sete Vidas

Este martes, 2 de febreiro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, Espazo Lectura organiza a sesión mensual do seu Club de lectura Sete Vidas centrado na narrativa.
Nesta ocasión, o libro escollido é a última novela do escritor Diego Ameixeiras titulada Dime algo sucio publicada por Edicións Xerais en 2009.

O libro
Dime algo sucio é, segundo a presentación editorial, unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas de Oregón, a cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.
Dime algo sucio ten a orixinalidade ademais de ser unha das primeiras novelas galegas publicadas simultáneamente en formato electrónico, ao cal se pode acceder dende aquí.


O autor
Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976) é xornalista, profesión que exerce en prensa, radio e televisión. Na actualidade traballa como guinista. Ata o momento, publicou as noveas Baixo mínimos (2004), O cidadán do mes (2006), ambas protagonizadas polo detective Horacio Dopico, Tres segundos de memoria (Premio Xerais de Novela 2006) e Dime algo sucio (2009).


Para ler máis sobre Dime algo sucio

- Crítica literaria de Sandra Faginas
- Entrevista co autor en El Correo Gallego
- Entrevista co autor en El País

Contomar

Este luns 1 de febreiro a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá unha nova sesión do Contomar, o contacontos que Espazo Lectura organiza semanalmente para nenos e nenas de máis de 3 anos. Nesta ocasión, a sesión incluirá, entre outros, o conto Velliñas e as historias de Moi, a nena protagonista de A illa dos cangrexos violinistas, un conto de Xavier Queipo publicado por OQO editora. Ademais celebraremos o cumprecontos de Hadriana, unha das nenas que asisten á actividade. A cita será, coma sempre, ás 18:00 horas.
Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada.