31/3/09

O ilustrador Óscar Villán celebrará con nós o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil


O vindeiro xoves 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Espazo Lectura, en colaboración coa Concellería de Cultura de Gondomar, ofrecerá un obradoiro de ilustración a cargo de Óscar Villán, gañador do Premio Nacional de Ilustración no ano 1999 polo seu traballo no álbum O coelliño branco.

O obradoiro está dirixido a nenos e nenas de 7 a 10 anos, comezará ás 18.00 horas na Biblioteca de Gondomar e vai ter unha duración aproximada de 1h 15'.

30/3/09

Biblioteca "Agustín Fernández Paz" en Gondomar

O IES Auga da Laxe (Gondomar) celebrará mañá martes, 31 de marzo, ás 18:00 horas, un acto para poñerlle o nome do escritor Agustín Fernández Paz á biblioteca do centro.
O acto, aberto a todas as persoas interesadas, contará coa presenza de Fernández Paz. Un grupo de alumnos e alumnas lerá textos de diferentes obras do escritor e haberá unha actuación musical a cargo do alumnado da materia de Música de 2º de Bacharelato. Ademais, vaise descubrir, na entrada da biblioteca, un panel sobre a obra do autor e unha placa co seu nome.
Espazo Lectura únese á homenaxe que o IES Auga da Laxe lle vai render a un dos escritores máis representativos da literatura infantil e xuvenil galega, recentemente galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 polo seu libro O único que queda é o amor.

Os nosos índices de lectura

Recomendamos a lectura deste artigo publicado por Manuel Bragado en Faro de Vigo (29-03-09), no cal reflexiona sobre o medre dos hábitos lectores en Galicia e o incremento da lectura en galego, segundo os últimos datos achegados polo Observatorio da cultura galega.

28/3/09

Sesión de marzo do club de lectura Lendo Contigo

Hoxe, na sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, contamos coa presenza de Ana María Fernández que viu acompañada polo seu home, o tamén escritor Xoán Babarro.
Ana María, antes de comentarnos cousas sobre o libro que lemos este mes (Poemas que me cantou o grilo), falounos da súa infancia, de que dende pequena quixo ser escritora, de como os seus pais agochaban á mantenta libros na casa para que ela e a súa irmá sentisen curiosidade por eles e así fomentar nelas as ganas de abrilos e lelos...
Sobre Poemas que me cantou o grilo díxonos que era un libro que sabía moito de caixóns escuros, porque cada vez que escribía un poema dedicado a algún animal metíao nun caixón e só cando tivo o caixón cheo, cun número suficiente de poemas, se decidiu a publicalos, e esa é a orixe deste poemario.
Para rematar, os nenos e nenas crearon con Ana María Fernández rimas e un poema dedicado á primavera: "Se crecen as flores é porque chegou a primavera, / se cantan os paxaros é porque chegou a primavera, / se xa non vai frío é porque chegou a primavera, / se estou máis contenta é porque chegou a primavera..."

Para a próxima sesión do Lendo Contigo propomos o libro Dez piratas, de Gloria Sánchez, autora que estará connosco na biblioteca de Gondomar o 25 de abril.


27/3/09

Ana María Fernández, no Lendo Contigo

Mañá sábado, 28 de marzo de 2009, ás 12.00 horas, a escritora galega Ana María Fernández estará en Gondomar para participar nunha nova sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo que organiza Espazo Lectura. O libro proposto nesta ocasión é Poemas que cantou o grilo, publicado pola editorial Tambre, e sobre el e a poesía falará Ana María Fernández, que virá desde A Coruña para compartir este acto con todas as nenas e nenos asistentes. Coma sempre, o encontro terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar.
A este club de lectura compartida adoitan asistir entre 50 e 60 persoas, entre nenos, nenas, pais e nais; a actividade pretende fomentar o diálogo familiar arredor do libro e a lectura. A participación da autora, neste caso, convértese nun aliciente especial para estes lectores e lectoras máis novos que poden desta maneira coñecer máis de preto como xorde a idea do libro e como vai tomando forma até que finalmente se publica. Coma sempre, Ana María Fernández estará á disposición dos nenos e nenas para responder todas aquelas cuestións e curiosidades que arredor do seu libro poidan ter e intercambiar opinións sobre a lectura e sobre o mundo.



Ana María Fernández
naceu en Palma de Mallorca en 1949 pero vive na Coruña desde o ano 1967. É mestra e, xunto co seu home Xoán Babarro, é autora dos primeiros textos modernos para a aprendizaxe do galego. Ten unha ampla produción na que destacan Primeiro libro con Malola (1985) e Barrigaverde e o dragón Achís (1989), premios Barco de Vapor; e Amar e outros verbos (2001), Premio Lazarillo. A súa produción continúa en actividade e Poemas que cantou o grilo (2007) é unha das súas últimas obras. Ana María Fernández cultiva a poesía, o teatro e a narración e co gallo da celebración o pasado día 21 de marzo do Día Mundial da Poesía este encontro pode ser un bo momento para descubrir o encanto marabilloso dos versos e o feitizo da poesía.

26/3/09

O Contomar celebra o Día Mundial do Teatro



Este pasado luns, no Contomar, comezamos falando do Día Mundial da Poesía; lemos poemas de Ana María Fernández –a autora que estará connosco o vindeiro sábado na Biblioteca de Gondomar– e contamos a historia de Frederick, o rato poeta de Leo Lionni que recollía raiolas de sol para os duros días de inverno.
Logo falamos do Día Mundial do Teatro e, coa axuda dos nenos e nenas, entendemos qué é iso do teatro: disfrazarse para meterne noutras vidas distintas da túa.
Contamos Loboferoz e, deseguido, un grupo de nais e pais representaron unha pequena peza de teatro feita a partir dese conto. O lobo, protagonista do relato, farto de andar chuchado e esfameado e de non meterlle medo a ninguén, decide converterse nun auténtico lobo feroz, pero terá que sufrir as burlas do burro, da cabra, da ovella, da vaca e do porco.
Os nenos e nenas participaron e riron nunha marabillosa complicidade co pobre do lobo chuchado... A maxia do teatro!
Grazas a Irene, Ángel, Trini, Begoña e Tere, as nais e pais que acotío contan contos e que esta semana lles deron vida aos personaxes desta historia.

24/3/09

Lecturas Debuxadas: Río abajo e Arrugas.

O día 17 de marzo houbo a sesión dedicada a dous cómics: Río abajo, de Pascal Rabaté, e Arrugas, de Paco Roca.

Acudiron 16 persoas cos gustos repartidos entre un cómic e o outro. Case todo o mundo leu os dous cómics e púidose comparar o distinto tratamento da vellez que se fai en cada un deles.

Falouse da vellez, da visión da vida, da enfermidade, do amor, das residencias de anciáns, de optimismo e pesimismo, da amizade...

Os gustos tamén se dividiron respecto ás formas de debuxar, ás historias e ao xeito de contalas. No que houbo un cento por cento de acordo foi no desexo de ter unha vellez como a que se conta en Rio abajo.

Lugares onde se fala de Río abajo:

http://www.comicpasion.com/1007/resena-rio-abajo.html
http://48paginas.blogspot.com/2008/09/ro-abajo-rabat.html
http://www.entrecomics.com/?p=19756
http://coleccionistatebeos.blogspot.com/2008/07/lecturas-ro-abajo-de-pascal-rabat.html
http://www.zonanegativa.com/?p=6015
http://www.lacarceldepapel.com/2008/04/22/el-antidoto-para-arrugas/

Lugares onde se fala de Arrugas:

http://www.elmundo.es/elmundo/2007/11/24/cultura/1195919367.html
http://blogs.ep3.es/ddt/2007/11/arrugas-y-olvid.html
http://www.entrecomics.com/?p=15109
http://www.actualidadcomic.com/2007/11/16/arrugas-de-paco-roca-llega-a-madrid-y-valencia/
http://bijcomic.blogsome.com/2008/10/17/arrugas-comic-paco-roca-alzheimer/

23/3/09

Nais actrices e pais actores

Este luns, o Contomar, a actividade semanal de contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos que organiza Espazo Lectura, celebrará o Día Mundial do Teatro coa escenificación do conto Loboferoz, de Patacrúa&Chené, publicado por OQO editora. Un grupo de nais e pais dos que habitualmente participan nas sesións de contacontos preparou a teatralización deste conto e encarnarán os diferentes personaxes que protagonizan a historia dun lobo lacazán que, farto de comer papas de arroz, decide atacar diferentes animais que se irán burlando del. Antes da representación da pequena peza teatral, contarase o conto e explicaráselles aos nenos cales son os elementos básicos do teatro e como se fai unha adaptación teatral.
Con esta actividade, Espazo Lectura quere contribuír á difusión do Día Internacional do Teatro, que se celebra anualmente o 27 de marzo. A cita será, como todos os luns, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

21/3/09

Día Mundial da Poesía

Cada 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración foi impulsada pola UNESCO no ano 2000 co obxectivo de promover a poesía como unha forma de cultura esencial.
En Espazo Lectura celebraremos esta data o sábado 28 de marzo no club de lectura compartida Lendo Contigo. Ese día contaremos coa presenza de Ana María Fernández coa que falaremos sobre o seu libro Poemas que me cantou o grilo.
Pola súa parte, a Consellería de Cultura programou recitais en varias cidades galegas a cargo do grupo Ouriol, formado pola poeta Eva Veiga e os músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, que presentan o espectáculo poético-musical De amor e morte. O máis próximo a nós será o martes 24 de marzo ás 19.00 h na Biblioteca Central de Vigo.

17/3/09

Sesión de contacontos na Galescola de Nigrán


O mércores 11 de marzo, Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura, visitou a Galescola de Nigrán á que foi convidada para contarlles contos aos cativos e cativas.
Esta sesión enmárcase dentro das actividades que Espazo Lectura está a realizar en colaboración con colexios e outras entidades do Val Miñor. En datas recentes estivemos no Centro Cultural de Mañufe, no CEP Xosé Neira Vilas (Peitieiros) e no CEIP Souto-Donas, e nas próximas semanas seguiremos ofrecento esta actividade noutros centros de ensino da zona.

15/3/09

Remata o obradoiro de lectura e creación poética

O pasado xoves celebrouse a última sesión do obradoiro de lectura e creación poética "A poesía non morde, pero manca", impartido polo poeta Carlos Negro e organizado por Espazo Lectura coa colaboración da Consellería de Cultura. Como despedida, e por cortesía do Instituto de Estudos Miñoranos, agasallouse a cada asistente cun exemplar do poemario Cultivos transxénicos, de Carlos Negro, que foi a obra gañadora do I Certame de Poesía Victoriano Taibo.
A esta actividade asistiron 15 persoas, que durante cinco xornadas gozaron da lectura dunha estupenda selección de textos, poéticos e non poéticos, a través dos cales se aproximaron ao feito literario. Ademais, nas sesións os asistentes amosaron a súa capacidade creativa no eido da poesía. En breve publicaremos neste blog unha escolma dos textos que se escribiron neste obradoiro; pero, para ir abrindo boca, adiantamos un poema colectivo resultado da suxestión individual provocada polo visionamento fugaz de tres cadros de Frida Khalo:



A árbore amarela

No xardín dos monstros deliciosos

hai unha roupaxe de bonecas.

Pés de auga sobre terra acoutada,

unha angustia chea de auga.

Pintura, ensoño, durmida,

un grave fondo ardente inframundo.

Frida Khalo co peito atravesado,

entre o ceo e o inferno,

Deitada nunha impresión amarela.

Frida Khalo durmida entre flores,

ela especial e a súa vida chea de cores.



11/3/09

Club de Formación Lectora

Onte celebrouse a sesión do Club de Formación Lectora dedicada ao comentario da obra Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea de Daniel Cassany.
A seguinte sesión deste club pensado para garantir a formación continua das persoas vencelladas á asociación centrarase no libro Atravesar o espello do autor galego Xavier Seoane (publicado no ano 2000 por Xerais na colección Peto).
Segundo se di na presentación editorial: "Atravesar o espello quere ser unha reflexión sobre os libros e a lectura, pero sobre todo unha invitación a ler, a máis fermosa, fecunda e incesante viaxe".
A sesión terá lugar o martes 28 de abril ás 19.30 horas na biblioteca do CRA Antía Cal.

6/3/09

Lecturas na rede e Club de Formación Lectora

Achegamos este enlace sobre as 17 Jornadas de Bibliotecas Infantiles, Juveniles y Escolares, organizadas pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez, que se van celebrar en Salamanca os próximos días 28, 29 e 30 de maio de 2009 e que están dedicadas ao interesante tema da lectura e Internet baixo o título "Lecturas en la red y redes en torno a la lectura. Nuevas dinámicas y servicios en los espacios de lectura pública".

Precisamente sobre literacidade electrónica tamén fala o libro escollido para a próxima sesión do Club de Formación Lectora de Espazo Lectura, que terá lugar o vindeiro 10 de marzo, ás 19.30 horas na Biblioteca do CRA Antía Cal. Trátase de Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea, de Daniel Cassany, publicado en 2006 por Anagrama.

4/3/09

Declaración dos dereitos do libro

A Asociación de Editores da Rexión Centro de Francia redactou unha Declaración dos Dereitos do Libro cos seguintes artigos:

Artigo 1
Os libros, todos os libros, teñen dereito a existir.

Artigo 2
Os libros son iguais entre eles, sen distinción da súa orixe, fortuna, nacemento, opinión ou editor.

Artigo 3
Todo libro ten dereito á vida, á súa comercialización, á sorte de serlle exposto ao lector e ofrecerlle ao seu autor a posibilidade de ser escoitado e remunerado con xustiza.

Artigo 4
Todos son iguais ante a lei que os somete á igualdade de prezo en calquera lugar onde sexan expostos.

Artigo 5
Todos teñen dereito a que en todos os lugares se recoñeza a súa personalidade, a personalidade do autor e do editor.

Artigo 6
O libro, obra de imaxinación así como de investigación, diríxese á imaxinación e ás necesidades do ser humano. Así que non debe ser tratado na súa comercialización como un produto simplemente de consumo.

Artigo 7
O libro é e será garante das nosas liberdades. Non pode en ningún caso ser sometido a aversión sexa pola formulación das súas ideas como pola súa misión fundamental de promover o libre intercambio das culturas, as mentalidades e os saberes.

Artigo 8
O libro, portavoz do espírito, da ciencia, de praceres, rexistro do saber e obra de creación, debe ser tratado coma un ben indispensable para a cultura, a promoción social e espiritual, a información, e non pode ser tratado como un vulgar obxecto de proveito.

Vía Brétemas.

2/3/09

"O home inédito" no Sete Vidas

Mañá, na sesión de marzo do Club de Lectura Sete Vidas, falaremos da novela O home inédito, de Carlos G. Meixide, publicada en formato electrónico por Ediciós da Rotonda (polo que se converteu na primeira novela galega con licenza Creative Commons) e, en papel, pola editorial Rinoceronte.
Esta obra tamén foi pioneira na utilización das ferramentas audiovisuais na promoción do libro galego na rede:



A sesión, aberta a quen queira participar, será coma sempre na Biblioteca de Gondomar ás 20.00 do serán.