Mostrando entradas con la etiqueta fin de tempada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fin de tempada. Mostrar todas las entradas

13/6/10

"Persépolis", da iraní Marjane Satrapi, cerrará a tempada do Lecturas Debuxadas

O próximo martes 15 de xuño, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, dedicaremos a última sesión da tempada do Club Lecturas Debuxadas ao cómic Persépolis da autora iraní Marjane Satrapi.

Persépolis (Norma Editorial) conta a historia da propia Marjane Satrapi que arrinca nos momentos finais do réxime do sha e que dá conta das dificultades de vivir baixo un Estado teocrático e seguir mantendo unha vida laica a pesar da vixilancia dos gardiáns da revolución e dos veciños oportunamente convertidos a un islamismo máis militante que o do propio goberno.
A obra, publicada inicialmente en catro volumes, alcanzou un grande éxito de crítica e público e foi adaptada por ela mesma e Vincent Paronnaud ao cine de animación (xuño de 2007), o que animou á súa autora a seguir polo camiño da historieta.



En 2003 Marjane Satrapi publicou Bordados, un cómic sobre as mulleres iranianas que foi nomeado para o premio ao mellor álbum no Festival do Cómic de Angoulême de 2004. Bordados non obtivo o premio, pero si o fixo a súa seguinte obra, Polo con ameixas.

Con Persépolis, a aclamada Marjane Satrapi consiguiu, ademais de numerosos e prestixiosos premios, que a historieta transcendese como un símbolo de tolerancia e liberdade. Foi galardonada co Premio Autor Revelación de 2001 e Mellor Guión de 2002 no Festival Internacional de Angoulême.

Última sesión ata o mes de outubro
Con esta sesión cerramos a tempada 2009-2010 do Lecturas Debuxadas, club organizado por Espazo Lectura e centrado no cómic. Ao longo deste curso léronse arredor de dez obras de banda deseñada e recibiuse a visita de importantes nomes da banda deseñada galega como David Rubín e Kiko Dasilva. O club reanudarase o mes de outubro con novas propostas.
Estas son dúas imaxes da sesión do mes de maio, na que falamos de El arte de volar.

10/6/10

O club de lectura Sete Vidas cerrou a tempada cun roteiro literario por escenarios de "A praia dos afogados"



O martes 1 de xuño o club de lectura Sete Vidas celebrou unha sesión especial con motivo do remate da tempada. Tras a proposta de lectura da novela de Domingo Villar, A praia dos afogados, ambientada boa parte en Panxón e Monteferro, realizamos un roteiro por algúns dos escenarios do libro guiados polo historiador Xosé Lois Vilar, no que participaron arredor de 40 persoas e que rematou nunha cea no porto de Panxón.

O club de Lectura Sete Vidas, dedicado á lectura de narrativa, congregou ao longo da tempada unha media de 15 persoas cada mes interesadas en compartir opinións sobre as lecturas propostas e achegou a autores e autoras a Gondomar para falar cos lectores dos seus libros (como Xurxo Borrazás, Rosa Aneiros, Begoña Caamaño ou Pilar Buela). O club despídese ata o mes de outubro, cando volverá a reunirse todos os primeiros martes de cada mes, ás 20.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

6/6/10

O Lendo Contigo despediu o curso cun roteiro para coñecer os nomes do mar



O sábado 29 celebramos a última sesión do curso do club de lectura compartida Lendo Contigo cun roteiro por Monteferro da man do autor de Os nomes do mar de Baiona e Panxón, Xosé Lois Vilar, co que aprendemos unha chea de cousas sobre a cultura mariñeira.
Na primeira parte do percorrido soubemos que é a talasonimia e por que é necesario que os mariñeiros bauticen cun nome os diferentes puntos da costa e do mar.
Despois, arredor dunha gamela, aprendemos como fan os mariñeiros para saber en que lugar exacto botaron as nasas: trazando coordenadas entre accidentes xeográficos. Para comprendelo mellor, algúns nenos e nenas transformáronse nos diferentes montes do Val Miñor (A Virxe da Rocha, o Galiñeiro, Monteferro...) e outros convertéronse en mariñeiros que tiveron que trazar liñas rectas cunhas cordas entre dous montes e botar as nasas xusto no punto no que estas se cruzaban.
Antes de xantar todos xuntos, aínda puidemos pescar peixes que agochaban topónimos da costa do Val Miñor no bandullo e clasificalos semanticamente, e tamén fixemos un xogo de equilibrio coa talasonimia da zona.
Con este roteiro educativo despídese a actividade do Lendo Contigo ata a volta das vacacións de verán, cando regresaremos con máis lecturas e máis autores e autoras.

3/6/10

A compañía Matapiollos representa Flis-fli-ris-flás no auditorio Lois Tobío


O próximo sábado día 5 de xuño, ás 12 da mañá, o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá a segunda parte da festa de despedida do Contomar: unha función de teatro infantil a cargo da compañía Matapiollos coa obra Flis-fli-ris-flás, baseada no conto de Araceli Gonda que a propia autora nos viu presentar ao Contomar. Estas son algunhas imaxes da sesión do luns pasado con Araceli Gonda:

Con estas dúas sesións especiais, que contan coa colaboración do Concello de Gondomar e da Editorial Galaxia, o Contomar colle vacacións nesta súa 5ª tempada de contacontos, na que se contaron case 150 contos cunha media de asistencia semanal de 40 nenos e nenas.

30/5/10

O Contomar despide a tempada cunha dobre sesión especial

As sesións semanais de contacontos que Espazo Lectura organiza cada luns na Biblioteca Municipal despídense até despois do verán e fano cunha dobre sesión especial.
  • Este luns 31 de maio, ás 18:00h, a escritora e xornalista gondomareña Araceli Gonda estará na Biblioteca Municipal para contarlles aos nenos e nenas o seu Flis-fli-ris-flás, título que agocha a palabra máxica que lle axudará a Martiño, o neno protagonista, a arredar os pesadelos que se achegan a el cada noite cando queda durmido. Ademais, nesta sesión entregaráselles un agasallo aos nenos e nenas que máis estrelas de asistencia acumularon no seu carné ao longo dos oito meses que durou a actividade nesta súa 5ª tempada.
  • O próximo sábado día 5 de xuño, ás 12 da mañá, o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá a segunda parte desta festa de despedida do Contomar: unha función de teatro infantil a cargo da compañía Matapiollos coa obra Flis-fli-ris-flás, baseada no conto de Araceli Gonda.


Con estas dúas sesións especiais, que contan coa colaboración do Concello de Gondomar e da Editorial Galaxia, o Contomar colle vacacións nesta súa 5ª tempada de contacontos, na que se contaron case 150 contos cunha media de asistencia semanal de 40 nenos e nenas.

2/6/08

Lendo Contigo volve en setembro

Este sábado rematou a última sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo. O próximo mes de setembro, as sesións de Lendo Contigo volverán, e entrarán na súa segunda tempada. A valoración dos asistentes está sendo moi boa e iso anímanos a reforzar esa liña.
Tamén as sesións de contacontos do Contomar, que, como xa informamos, o luns 26 viviu a última xornada, volverá no mes de setembro. O Contomar celebrou a última sesión agasallando aos nenos asistentes co conto As dentaduras de Paco Palma, grazas á colaboración da editorial OQO. Este regalo supuña unha recompensa á fidelidade das nenas e nenos co Contomar.
Tanto no caso do Contomar como de Lendo Contigo, Espazo Lectura distribuíu entre o público asistente unha enquisa de avaliación sobre as actividades realizadas, a fin de que desde a directiva da asociación poidamos valorar e mellorar o noso traballo. Queremos darlle as grazas a todas as persoas que participaron e agradecerlle a súa colaboración.
En canto ao futuro máis inmediato, xa podemos anunciar que en breve reforzaremos a campaña de bookcrossing no Val Miñor e que estamos a preparar unha actividade fermosa e pioneira para o solsticio de verán. Dentro duns días daremos noticias.
Na foto inferior, Xavier López Rodríguez asinándolles os libros ás nenas e nenos asistentes ao club de lectura compartida Lendo Contigo.