27/3/10

Abrindo espazos para a lectura

Espazo Lectura recolleu o venres 26 de marzo, da man da responsable de relacións institucionais de Everest para Galicia, Carmen Cancela, o segundo Premio de Dinamización Sociocultural promovido pola editorial.
Carmen Cancela destacou o volume e a calidade de actividades desenvolvidas por Espazo Lectura e o feito de que sexa unha iniciativa promovida pola propia sociedade.
Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, agradeceu o apoio de todos os socios e socias, tanto numerarios coma protectores, e destacou especialmente o traballo de todos os voluntarios e voluntarias pola lectura que fan posible o desenvolvemento do proxecto "Abrindo espazos para a lectura" que foi recoñecido con este premio.

O xornal A Nosa Terra faise eco do premio nesta reportaxe.


26/3/10

Antón Cortizas participa este sábado no Lendo Contigo

O vindeiro sábado, 27 de marzo, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública, o escritor Antón Cortizas estará en Gondomar para participar nunha nova sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, club destinado a nenos e nenas de 7 a 11 anos. O libro proposto nesta ocasión será Era unha vez na quimbamba, publicado pola editorial Tambre.

O libro
Era unha vez na quimbamba é un marabilloso libro de poemas no cal, en canto se pasa a primeira páxina, aparece outro mundo no que as situacións poden mudar por completo. Nese mundo, todos os personaxes navegan entre o real e o irreal: un home que nada na pota do caldo, un criador de perdices para namorados felices, un pescador de bañeira e esponxas...


O autor
Antón Cortizas naceu en Ferrol en 1954. Ademais de escritor é mestre. Ten unha extensa obra na que destacan Memorias dun río (premio Barco de Vapor 1988), O conto dos sete medos (premio Barco de Vapor 1991), Os gritos das illas Loberías (premio Barco de Vapor 1995), A merla de trapo (premio Merlín 2001) ou Chirlosmirlos (Enciclopedia dos xogos populares).

25/3/10

Acto de entrega do 2º Premio de Dinamización Sociocultural de Everest

O venres 26 de marzo, a partir das 19:30, no Pazo da Escola (Moreira 10, Mañufe, Gondomar), terá lugar o acto de entrega do segundo Premio de Dinamización Sociocultural Everest (previo ao que se celebrará en León a comezos de xuño).
Falarán Carmen Cancela, responsable de Everest Institucional en Galicia, e Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura.

Este premio é unha iniciativa do Departamento de Relacións Institucionais do Grupo Everest cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos e experiencias que se realizan a nivel estatal para o fomento da cultura e o hábito lector.
Con este galardón preténdese dar a coñecer o traballo diario realizado desde bibliotecas, concellerías e asociacións.

24/3/10

Espazo Lectura nos centros de ensino do Val Miñor

Durante os meses de marzo e abril, Espazo Lectura segue a desenvolver as actividades de fomento da lectura en colaboración cos centros de ensino do Val Miñor.
Mañá xoves 25 de marzo e o venres 26, membros de Espazo Lectura visitarán o Colexio Público de Vilariño (Nigrán) para lle contar contos ao seu alumnado.
Hai dúas semanas, estivemos no CEP da Cruz de Camos (Nigrán), cunha sesión centrada en O Principiño, destinada aos nenos e nenas de terceiro ciclo, e outra baseada nos contos Tito fai de mago, Mago Goma e Isto non é unha caixa, para os de primeiro e segundo ciclos.
No blog do centro agasalláronnos cun resumo que podedes ver aquí e con estas fotografías.

23/3/10

Uxío Novoneyra, protagonista na Casa da Lectura

O mércores 24, a partir das 18.30h, na Casa da Lectura, haberá unha sesión dedicada ao poeta Uxío Novoneyra, o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2010. Os seus contos, os seus poemas e a súa vida formarán parte da actividade, que se centrará moi especialmente na lectura o libro Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín.
Os nenos e nenas poderán achegarse, deste xeito, á figura dun dos escritores máis importantes da literatura galega do século XX.

Deseguido pódense ver algunhas imaxes da sesión pasada.

22/3/10

Lecturas Debuxadas: Tres sombras

O martes 16 de marzo celebramos a sesión de marzo do club Lecturas Debuxadas onde falamos do cómic Tres sombras, de Cyril Pedrosa.
Houbo unanimidade ao consideralo coma un moi bo cómic onde a historia se conta a través dunha gran metáfora onde nada é o que se representa: a historia fantástica onde se narra a viaxe de pai e fillo para fuxir das tres sombras tentando escapar do destino inevitable.
O debuxo acompaña moi ben a historia que pasa dos trazos claros e definidos aos trazos máis oscuros e difusos cando se presentan os momentos de máis incerteza.
Puidemos falar da vivencia da morte, da forma de reter as lembranzas, de como se van modificando os recordos co paso do tempo, de como se pode un perder na busca do imposible.
Unha fábula, unha alegoría que fala dende a esperanza e dende o lado amable sobre o que podería ser unha historia moi dura e ardua.

Outros lugares onde se fala de Tres Sombras:
http://bandadeseada.blogspot.com/2008/11/tres-sombras.html
http://www.elcorreogallego.es/popImprimir.php?idWeb=2&idNoticia=393350
http://coleccionistatebeos.blogspot.com/2009/01/lecturas-tres-sombras-de-cyril-pedrosa.html
http://trazosenelbloc.blogspot.com/2009/02/tres-sombras-de-cyril-pedrosa.html
http://www.comicpasion.com/1302/resena-tres-sombras.html

Despois falamos das próximas sesións:
- 20 de abril: Onde ninguén pode chegar, de David Rubín.
- 18 de maio: El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim.
- 15 de xuño: Persépolis, de Marjane Satrapi.

21/3/10

Este luns, Contomar

Este luns, no Contomar, imos contar Moncho e a mancha, O discurso do oso e, como novidades, A voda do galo pinto e Caixa de cartón, os dous primeiros publicados por Kalandraka e os dous segundos por OQO. A actividade comeza a partir das 18.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

A semana pasada, ademais das historias de Burros, O tempo voa ou Pedra, pau e palla, presentamos a novidade Ovelliña, dáme la, de Kalandraka, coa que celebramos o cumprecontos das tres nenas, que tiveron que ir poñendo diferentes pezas de roupa de la a medida que ía avanzando o conto e iamos aprendendo cantas cousas se poden facer coa la das ovellas.

Velaquí algunhas imaxes.

17/3/10

Xosé Neira Cruz no club de lectura compartida Lendo Contigo

No Lendo contigo celebrado o sábado 13 de marzo por fin puidemos falar de Violeta non é violeta e coñecer a Xosé Antón Neira Cruz, logo de ter que pospoñer a sesión no mes de febreiro por mor do temporal.
Antes de encontrarnos co autor, os nenos e nenas fixeron unha presentación conxunta de Neira Cruz, pois tiveran que pescudar nas súas casas información sobre este escritor compostelán. Despois, o autor contounos moitos dos segredos que agocha Violeta non é violeta: por que se chama así a protagonista, a orixe veneciana do nome da bruxa Mo(zzarela)... Ademais, tamén nos falou da importancia dos amigos e amigas e de que non hai un único modelo de familia, xa que para que exista unha familia soamente ten que existir cariño entre os seus membros.
Antes de marchar, Neira Cruz dedicoulles os libros e todos os participantes e os nenos e nenas selaron o pasaporte lector.

15/3/10

Perdémonos na Casa da Lectura


Este mércores 17, na Casa da Lectura, os nenos e nenas que acudan á actividade de dinamización lectora poderán escoitar o conto Perdido? de Oliver Jeffers (publicado por Patasdepeixe) en galego e en inglés, na versión orixinal titulada Lost and found. Despois proxectarase a película baseada neste conto.
A actividade comezará a partir das 18:30 horas. Deseguido, dúas imaxes da sesión da semana pasada.

"Tres sombras" no club Lecturas Debuxadas

Mañá, martes 16 de marzo, a partir das 20:00 horas, celébrase a sesión mensual do club Lecturas Debuxadas dedicado, esta vez, ao cómic Tres sombras do debuxante francés Cyril Pedrosa (Norma Editora). Segundo a presentación editorial, trátase dunha "fábula ambientada nunha época perdida na imaxinación do home, cuns personaxes que buscan o seu destino e foxen da ameaza que representan as Tres sombras. Unha historia motivada pola desgraciada perda do fillo dun grande amigo do autor".
Coma sempre, a cita será na Biblioteca Municipal de Gondomar.

12/3/10

Esta fin de semana clausúrase o Salón do Libro de Pontevedra

Na última fin de semana de programación do XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra destacamos dúas citas:
  • O sábado 13 de marzo, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra celebrarase unha homenaxe a Agustín Fernández Paz. Durante a duración do Salón está instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral do autor ao longo de dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier P. DoCampo e os músicos Mini e Mero.
  • O domingo 14 de marzo á 12.00h no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra clausúrase o Salón co concerto A nena e o grilo. Este espectáculo está baseado no libro-CD homonimo de OQO editora, traballo bibliodiscográfico co que o compositor e intérprete ourensán Magín Blanco se atreve a dar o salto ao público infantil. Neste concerto familiar estará Magín Blanco (guitarra, voz) acompañado por Uxía, Guadi Galego, Xoán Curie l(guitarra e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e narración).

11/3/10

Xosé A. Neira Cruz, este sábado no Lendo Contigo

O vindeiro sábado, 13 de marzo de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o escritor Xose Antón Neira Cruz estará connosco para participar na sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo prevista para febreiro que tivo que ser adiada a causa do temporal.
O libro sobre o que vai xirar a actividade é Violeta non é violeta, publicado pola editorial Mc Millan.

O libro
Violeta non é violeta narra a historia de Violeta, unha nena de oito anos que só foi violeta o día que naceu. Agora é unha cativa normal e corrente que busca un nome para o seu futuro irmán, ao que a súa nai leva nunha barriga inmensa en forma de globo aerostático. Ante este acontecemento, Violeta teme que a súa nai a queira un pouco menos. Un libro que trata sobre os cambios que se producen no seo das relacións familiares, as inseguridades e os afectos analizados desde o punto de vista dunha nena.

O autor
Xosé Antón Neira Cru naceu en Santiago de Compostela en 1968. É Doutor en Ciencias da Comunicación e Licenciado en Filoloxía Italiana. Ademais de escritor, foi tamén guionista de programas infantís na TVG, xornalista e fundador e director da revista Fadamorgana. A súa obra literaria, fundamentalmente dirixida ao público infantil e xuvenil, é moi extensa, destacando Ó outro lado do sumidoiro (premio Merlín 1988), Valdemuller (premio Barco de Vapor 1997), Os ollos do tangaleirón (premio Barco de Vapor 1999), As cousas claras (premio Merlín 2000), O armiño dorme (premio Raíña Lupa 2002), A noite da Raíña Berenguela (premio Lazarillo 2004), O punto da escarola (premio Barriga Verde 2008) ou Sopa de xarope de amora (premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009).

10/3/10

Encontro co escritor Antonio García Teijeiro en Libraida

A libraría Libraida de Gondomar, en colaboración coa editorial Galaxia, organiza un encontro co escritor Antonio García Teijeiro, autor da obra A poesía necesaria, unha reflexión lúcida arredor da importancia da poesía nas nosas vidas, na cal ofrece técnicas concretas para traballar a creación poética dende as aulas.
O acto, presentado polo ilustrador e artista plástico Fino Lorenzo, celébrase o xoves, 11 de marzo, ás 20.30 horas na libraría.

9/3/10

Unha aventura sorprendente na Casa da Lectura

Esta semana, na actividade de dinamización lectora da Casa da Lectura, contaremos dous contos: A aventura sorprendente dun homiño moi valente, o fascinante e disparatado libro escrito e ilustrado por Hans Traxler, e Dez abellas na laranxeira, de Marilar Aleixandre, ambos editados por Xerais.
A partir destes contos, os dous rimados, xogaremos co ritmo, poremos a proba a nosa memoria visual e, finalmente, converterémonos en poetas, xa que imos recontruír poemas imcompletos.
A actividade será o mércores 10 na Casa da Lecura a partir das 18.30 horas.

Estas imaxes correspóndense coa sesión da semana pasada.