29/2/08

Bookcrossing

Hoxe, 29 de febreiro, celébrase o día internacional do Bookcrossing. No concello de Viamianzo fixeron unha liberación masiva de libros. ¿Que podes facer se tes a sorte de atopar un libro que alguén previamente liberou? O primeiro de todo, lelo, se che apetece. Logo, podes seguir aquí as instrucións.


26/2/08

A literatura galega despídese da Habana

O domingo pasado clausurouse con notable éxito a Feira Internacional do Libro da Habana, na cal Galicia foi o país convidado. 
Para lembrar o que sucedeu en Cuba durante toda a semana literaria recomendamos as crónicas que dende a illa enviou Cabrafanada.
Agardamos que este evento só fose o primeiro chanzo avanzado na difusión internacional das nosas letras e da nosa cultura (por máis que lles pese a algúns...).

Lendo con... Antonio García Teijeiro

A visita do poeta Antonio García Teijeiro ao club de lectura compartida Lendo contigo deixou en nós moi bo sabor de boca.
Antonio comezou falando de como coñeceu a Honorato, o personaxe do libro que compartimos nesta ocasión, e da amizade que manteñen dende aquela; tamén nos contou o porqué de se decidir a escribir poesía e, sobre todo, a escribir poesía para nenos (cando el era pequecho non existía a poesía infantil escrita en galego). Mesmo recordou o primeiro poema de amor que compuxo na súa vida...
Ademais, fixo que todos os nenos e nenas (e máis dun adulto) cantasen poemas e incluso conseguiu espertar en todos nós un agochado sentimento de poeta. Como proba, velaquí dúas pequenas poesías que naceron no escontro:

No tellado da lúa
había moitas estrelas
e moitos nenos e nenas
non sabían nada delas.

A estrela Sabela
non quere durmir,
eu digo que veña
e bótase a rir.

Pero o mellor da xornada foi comprobar que os nenos e nenas descubriron da man de García Teijeiro que ler poesía pode ser moi divertido.

21/2/08

Día Internacional da Lingua Materna

Hoxe celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, en recordo dos estudantes mortos en 1952 en Dacca (Bangladesh) por defender o bengalí, a lingua do poeta, filósofo, pintor e músico Rabindranath Tagore.

A celebración do Día da Lingua Materna dá comezo ao Ano das Linguas da UNESCO, que ten como finalidade convencer da importancia de preservar a diversidade lingüística e cultural do planeta ante o risco de desaparición que corren moitos dos idiomas do mundo.

Máis do 50% dos aproximadamente 7000 idiomas vivos atópase en perigo de desaparición; de se manter o ritmo actual, estes desaparecerán antes de rematar o século XXI (xa que, de media, pérdese unha lingua cada quince días). Ademais, cómpre lembrar que só un 25% das linguas (unhas 1700) se ensinan na escola.

Dende Espazo Lectura cremos que a mellor homenaxe que podemos dedicarlle á diversidade lingüística é ler (e por suposto falar) na nosa lingua: o galego.

20/2/08

O sábado, club de lectura

O encontro do Club de lectura compartida Lendo Contigo co escritor Antonio García Teijeiro vai ter lugar este sábado 23 de febreiro ás 12.00 horas na Biblioteca Pública de Gondomar.
O libro do que imos falar é Honorato, o rato namorado.
E para ir abrinco boca, velaí un poema dun dos últimos poemarios do autor: Petando nas portas de Dylan, inspirado na música do compositor universal Bob Dylan.


I wasn't born to lose you

Non nacín para perderte
nin nacín para roubarte.
Eu nacín para quererte.
Eu nacín para acougarte.

Non nacín para perderte
nin nacín para amolarte.
Eu nacín para tecerte.
Eu nacín para bordarte.

Non nacín para perderte
nin nacín para turbarte.
Eu nacín para acollerte.
Eu nacín para soñarte.

18/2/08

Feira Internacional do Libro da Habana

Vídeo de A Nosa Terra TV sobre a Feira Internacional do Libro da Habana, onde a literatrua galega ten este ano un lugar de honra por ser Galicia cultura convidada no 2008. A Feira Internacional do Libro da Habana, que se está a celebrar estes días, é a segunda máis importante do continente Latinoamericano.


17/2/08

Ler é difícil


Tras a publicación do recomendable artigo de Antonio García Teijeiro, esta semana A Nosa Terra vólvelle dedicar un espazo á opinión sobre a lectura. Desta volta é a escritora An Alfaya quen reflexiona sobre o tema. Velaí dous fragmentos do texto:

- "Ler non é fácil... É un grande esforzo, un traballo que paga a pena acometer porque a recompensa que conleva tamén é moi importante. Eu estou en contra das estratexias que pretenden transmitir a idea de que ler é fácil. Iso supón banalizar a lectura. Ler é difícil e custa tempo e traballo, pero vale a pena", afirma a escritora brasileira Lygia Bojunga, no último número da imprescindible Revista Galega de Literatura Infantil e Xuvenil Fadamorgana. Eu subscribo as súas palabras. Adoita "venderse" a lectura como un encontro gozoso entre o lector e o libro, e de feito pode selo, mais só para quen soubo educar os sentidos e aprezar as bonanzas dunha actividade pasiva, que supón un esforzo mental, exercicio da imaxinación e invitación á reflexión.

- "Ler é difícil", como case todo o que ten interese na vida ou nos fai medrar por dentro, mais para quen queda preso na súa arañeira, como di Lygia Bojunga, "vale a pena".

16/2/08

Contos de animais no Contomar

A próxima sesión do Contomar, o luns día 18, celebrarase en torno a libros que teñen diferentes animais como protagonistas. Ademais, celebrase o cumprecontos dun neno. (Ler máis...).


Consellos para a lectura infantil na casa

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez acaba de facer pública a súa colaboración co portal web Cyberpadres, na sección Afición a la lectura. Como todo o que fai a FGSR, é moi recomendable. A devandita sección inclúe tres apartados:
  1. Suxerencias e orientacións sobre a lectura (ofrece consellos para dedicar tempos á lectura compartida na casa).
  2. Outro apartado sobre temas favoritos (inclúe referencias de artigos, libros e actividades en torno a un tema e aos libros infantís que tratan ese tema)
  3. E un último apartado con recomendacións (informa sobre novidades de libros infantís, clasificadas por idades para diferentes tipos de lectores non adultos).


13/2/08

Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros

Circula polo ciberespazo un enigmático correo electrónico que se dirixe a persoas concretas, asinado por unha misteriosa Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros que, segundo afirman «nace co firme propósito de divulgar ideas e pensamentos, e ante todo, comentar e compartir lecturas ou recomendacións literarias». Aseguran que non pretenden ser un «grupúsculo pequeno» senón «continuar un anel» e mesmo teñen un blog, aínda moi embrionario.
Ademais, fan público o seu Primeiro Pronturario Fundacional, que reproducimos:



  1. A irmandade Secreta dos Devoradores de Libros é unha alternativa á cultura que as grandes fontes de poder fan mastigar ás masas. Non é unha corrente artística, non unha forma de expresar o eu interior que todos levamos. Tan só un medio onde canalizar as experiencias (literarias polo momento) que pasan polas nosas mans e que, polo escaso público, pola pouca difusión, ou pola consciente condea de certos estamentos, resulta complicado atopar referencias.
  2. A Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros non ten un fin sectáreo ou relixioso, o seu obxectivo primeiro e último é o de imbuír dun sentimento cultural á sociedade de consumo, a cultura de lixo, ao pensamento único.
  3. Un cravel ou un crisantemo son para un locutor televisivo flores que se atopan no lugar erróneo no momento equivocado. Un cravel ou un crisantemo son para a irmandade un símbolo, un lugar, un momento, un sentir, unha ausencia, un nada, unha evocación calquera.
  4. A Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros exprésase en galego, ao tratarse, logo de milleiros de probas científicas, do idioma dos ceos.
  5. A irmandade Secreta dos Devoradores de Libros destinase a devorar literatura, a mastigala e pasala polo filtro da alma individual. É, polo tanto, unha visión parcial, valiosa e parcial, non sempre compartida, mais sempre respectada.
Os fins parecen nobres, así que lle damos a nosa benvida.

12/2/08

A importancia do destinatario

Este interesante anuncio de televisión forma parte dunha campaña publicitaria da Comunidad de Madrid e foi emitido por Telemadrid. O acerto deste anuncio concreto consiste en dirixir a campaña do fomento da lectura a un tipo de destinatario moi concreto e moi ben definido, ao que lle fai chegar a mensaxe de xeito claro e conciso.


11/2/08

As nosas actividades, en ANT

O xornal dixital de A Nosa Terra informa hoxe sobre as actividades de Espazo Lectura, elixindo o blog do Contomar para a súa sección de Blog do Día e contrapoñendo o esforzo do noso traballo ao descenso dos índices de lectura en Galicia, descenso que certifica o último estudo da Federación de Gremios de Editores de España.

10/2/08

Penúltimos en lectura

Hoxe resulta especialmente interesante ler no Faro de Vigo o artigo de Manuel Bragado sobre a lectura. Titúlase "Penúltimos en lectura" e reflexiona sobre os últimos datos de hábitos lectores feitos públicos esta semana. Como asegura no seu artigo, «non podemos esquecer que os hábitos de lectura e de compra de libros son considerados internacionalmente como os referentes máis fiables para comparar o desenvolvemento cultural e educativo de cada sociedade». Ademais, Bragado propón declara o ano 2009 como Ano da Lectura.

9/2/08

Os galegos, animais lectores?

Nunha entrevista, Alberto Manguel, escritor, editor e, sobre todo, amante da lectura, dicía que o ser humano se define como “un animal lector”. Non hai dúbida de que os galegos e galegas pertenzamos á especie animal (cando menos, non se demostrou o contrario), mais... pódese dicir que sexamos lectores?

A Federación de Gremios de Editores de España presentou o último estudo sobre hábitos de lectura e del despréndese que Galicia segue a ser a penúltima comunidade co índice de lectura máis baixo, xa que só o 51, 2% da poboación galega se declara lectora (moi lonxe do 56,9% da media de España). Mais este dato, sendo malo, non é o peor. O máis preocupante é que o número de lectores e lectoras diminuíu case dous puntos con respecto a hai dous anos (en 2006 o índice de lectura en Galicia situábase no 53%).

Ante estes datos, cales poden ser as causas das cales partir para albiscarmos un futuro máis alentador? Pode que atopemos algunha explicación se diriximos a nosa ollada cara ao estado das bibliotecas públicas. Na recente Lei do libro e da lectura (de decembro de 2006) defínese a biblioteca como un servizo público que garante o acceso á cultura, á información e ao coñecemento; con todo, sabemos que a realidade das nosas bibliotecas afástase moito dese obxectivo. Os escasos puntos de lectura están, polo xeral, mal dotados (en moitos casos coa ausencia de obras fundamentais) e con boa parte dos seus fondos obsoletos, tanto pola falta de novidades editoriais en formato libro como pola carencia de materiais audiovisuais e electrónicos, tan necesarios nunha biblioteca moderna.

É fundamental que nas familias se cree un espazo de lectura para que os pequenos e pequenas medren no pracer polo libro, pero o imprescindible é que as administracións asuman o reto da lectura como o máis importante dentro da política educativa e cultural e tamén das políticas de I+D+I, xa que só se pode investir en coñecemento creando bos lectores e lectoras.

8/2/08

O contomar énchese de crocodilos e xirafas

O próximo luns 11, coma sempre ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar, a sesión do Contomar abordará contos que teñen como protagonistas a crocodilos e xirafas. (Ler máis).


7/2/08

Antonio García Teijeiro en Lendo Contigo

O próximo autor que visitará o Club de lectura compartida Lendo Contigo será Antonio García Teijeiro. O encontro cos lectores e lectoras de Honorato, o rato namorado terá lugar na Biblioteca Pública de Gondomar o sábado 23 de febreiro (coma sempre, o derradeiro sábado do mes) ás 12:oo horas. O Club de lectura compartida Lendo Contigo é unha actividade de dinamización lectora que promove Espazo Lectura para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos.



Honorato, o rato namorado é un libro de prosa poética que fala de poesía. Porque Antonio García Teijeiro é fundamentalmente poeta. Por iso queremos propoñervos que, ademais de ler este libro, vos acheguedes tamén a algúns dos volumes de poesía do autor. Aquí vos deixamos algunhas recomendacións:

Lueiro de papel, Ed.Xerais, 1995.
Na fogueira dos versos, Ed. Xerais, 1996.
Unha chea de aloumiños, Ed. Galaxia, 1998.
Palabras envoltas en cancións, Ed. Galaxia, 2000.
Chove nos versos, Ed. Xerais, 2004.
Petando nas portas de Dylan, Ed. Galaxia, 2007.

4/2/08

Lectura na casa

Por Antonio García Teijeiro

Cada vez que saen estudos sobre hábitos culturais, índices de lectura ou o célebre informe Pisa, todo o mundo bota as mans á cabeza e culpabiliza a escola ou aos plans educativos dos resultados que reflicten. Poucos miran cara adentro e reflexionan para preguntarse polo ambiente lector no ámbito familiar. Eu penso que a lectura non debe impoñerse, senón facilitarse. A tarefa de fomento na escola non abonda e especialistas preocupados seguen a incidir na necesidade da implicación familiar, un hábito necesario para que os cativos imiten esta actividade silenciosa e solitaria.
Podemos seguir preguntándonos se se favorece na casa que os rapaces sintan o libro coma un obxecto cercano e que alguén se convirta en mediador entre os contos e os nenos. Hai consciencia de que a lectura non é un castigo nin unha perda de tempo, malia esixir un esforzo que poderá converterse en goce se perseveramos nela? Visitan os pais e nais as librerías ou as bibliotecas con eles para axudalos a elixir o libro máis axeitado? Non estou seguro de que se controlen os temas nin que se fomente a creación dunha biblioteca persoal infantil nos andeis das casas. Ou si?
Son preguntas que, a miúdo, dá medo contestar, pero que debemos facernos se queremos acadar que a nosa rapazada lea. E respondelas sen medo e con intelixencia. Non hai fórmulas máxicas (nin as haberá nunca) para facer nenas e nenos lectores, mais debemos ser conscientes de que é unha estampa fermosa ver os pequechos cun libro nas mans.Por iso, haberá que comezar nos fogares.

(Publicado en A Nosa Terra)

1/2/08

Vázquez Freire e o futuro

Outra parte da intervención do escritor Miguel Vázquez Freire na última sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, na Biblioteca Pública de Gondomar,falando do seu libro Proxecto pomba dourada.