28/4/12

Os profes de Infantil do CEIP Souto-Donas visitan o Contomar



Este luns, 30 de abril, o Contomar terá como contadores os profesores do CEIP Souto-Donas de Gondomar, socios protectores de Espazo Lectura. A sesión de contacontos terá como título "O papel dos contos" e leranse historias tan interesantes como Amelia quere un can, Nariz de ouro, O soldadiño de chumbo e A cebra Camila.
A sesión comeza ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

26/4/12

Así foi a V Semana do Libro e a Lectura

Ao longo de sete días, dende o martes 17 ao luns 23 de abril, Espazo Lectura organizou en colaboración co Concello de Gondomar a V Semana do Libro e a Lectura con motivo da celebración do Día Internacional do Libro. Tratouse dunha ampla oferta de actividades diarias que culminaron o domingo 22 cunha Senada Lectora nunha praza pública que foi todo un éxito.

O martes 17, arrincaba a Semana cunha sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas na que nos acompañou Brais Rodríguez, autor de A man do diaño. Máis de quince persoas asistiron ao encontro co autor que foi galardoado co Premio Castelao de banda deseñada por esta obra.


O mércores 18 chegaba a quenda da sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura. Tratouse dunha proposta tamén especial, xa que tivemos como convidada á actriz e contadora Bea Campos, que presentou o espectáculo "Cantarela, contos e cantos para nenos e nenas".


A actividade do xoves 19 estivo relacionada co mundo da ilustración. O debuxante e autor Kiko da Silva impartiu un obradoiro de ilustración para nenos e nenas na Biblioteca de Gondomar.


O venres 20 celebramos un dos actos centrais da Semana, o V Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta que ten como finalidade celebrar o día do libro lendo e trasladar os libros dos andeis a diferentes espazos relacionados coa vida cotiá. Nesta ocasión, a lectura organizouse nun café, no café Keik de Gondomar.


A oferta do sábado 21 foi a máis completa, con tres actividades para diferentes tipos de público. Pola mañá, a Biblioteca de Gondomar acolleu a sesión mensual do club Lendo Contigo que contou coa presenza do autor e actor teatral Diego Rey que veu falarnos da súa obra Carta urxente para Máximo Toxo. Durante a sesión, puidemos ver un tráiler desta obra de teatro protagonizado polos nenos e nenas que asisten asiduamente a este club. Ademais, recibimos a agarimosa visita dos nenos e nenas do club de lectura do CIP do Rosal, a quen lles agradecemos moito a súa participación na actividade, así como o agasallo que nos fixeron.
Despois, a partir das 18:00 horas, dentro da programación da Concellería de Cultura de Gondomar, o Auditorio Lois Tobío acolleu a representación teatral de Carta urxente para Máximo Toxo da man da compañía Talía Teatro: un magnífico complemento do Lendo Contigo da mañá.


O propio sábado, ás 22:30 horas, a Casa da Lectura acolleu unha nova edición das Noites Golfas a cargo d'O Leo i Arremecághona que encheu a Casa de humor e decibelios.


O domingo foi o día grande da Semana, coa organización dunha Sentada Lectora. Este ano propuxemos o reto de encher a Alameda de Gondomar de xente sentada lendo, nun acto lúdico e reivindicativo a favor da lectura e en contra dos recortes no ámbito do libro e a cultura. Acompañáronnos a actriz Paula Carballeira e a xornalista Araceli Gonda, que leron un Manifesto conxuntamente, xunto co grupo infantil Migallas e o coro tradicional Cantares do Brión. A resposta da xente foi estupenda, con cerca de cincocentas persoas que ergueron os seus libros para reclamar políticas de fomento da lectura como un investimento de futuro seguro.
Esta é a reportaxe fotográfica que preparou o fotógrafo Manuel G. Vicente:


A semana pechouse no Contomar do 23 de abril, Día do Libro, coa adaptación a cargo da compañía Tres Globos da obra Pedro e o lobo.

24/4/12

Nova sesión de dinamización na Casa da Lectura


Rematada a Semana do Libro (da cal publicaremos nos próximos días unha crónica fotográfica), Espazo Lectura recupera as actividades regulares coa sesión semanal de dinamización na Casa da Lectura.
Este mércores, 25 de abril, a partir das 18:30 horas celebramos unha nova actividade de fomento da lectura para os máis pequenos na cal O patiño feo vai ser o protagonista. Será unha proposta que combine contos, música e plástica.
Non podedes perdela!

A Sentada Lectora na TVG

O Telexornal Serán da TVG emitiu a seguinte reportaxe sobre a Sentada Lectora do domingo 22 de abril.

22/4/12

Entrañable, lúdica, reivindicativa e festiva, a Sentada Lectora

Entrañable, lúdica, reivindicativa e festiva, resultou esta mañá a Sentada Lectora organizada por Espazo Lectura en Gondomar.
O acto, que tivo lugar na Alameda e comezou coa actuación do grupo Migallas, consistiu nunha reivindicación cidadá da lectura con aire festivo e cívico, e finalmente mantívose o ceo despexado a pesar da chuvia inicial.
Logo de 10 minutos de lectura silenciosa na praza, a xornalista e escritora Araceli Gonda e a actriz e escritora Paula Carballeira leron un Manifesto que facía fincapé en que hoxe, nunha conxuntura de crise, «a lectura é educación, é formación, é traballo, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para prosperar» e reclamaba o papel da lectura «como esperanza, como futuro», imprescindible para crear unha sociedade avanzada e próspera.
Baixo o lema «Únete á rebelión da lectura», os asistentes ao acto ensinaron ao aire as súas «armas»,  que non era outras que os libros que cadaquén levaba consigo. A xornada chegou ao seu fin coa lectura dos apoios de escritores, ilustradores, animadores, centros de ensino e editoriais que prestan o seu apoio a Espazo Lectura. O acto, emotivo, rematou coa actuación do coro Cantares do Brión, de Vincios.



















Manifesto a favor da lectura

Reproducimos o Manifesto a favor da lectura da Sentada Lectora, lido por Araceli Gonda e Paula Carballeira.

Manifesto a favor da lectura

Se hai algo difícil de definir é a experiencia da lectura. Hai tantas lecturas como soños, como ilusións, como vidas, como persoas, como futuros. Ler é conquistar a oportunidade de vivir moitas veces máis das que unha persoa é capaz. Pero, ademais, a lectura é un motor agachado e secreto para chegar moito máis alá. Un motor contra o desánimo, contra a imposición, contra a necidade, contra o descoñecemento, contra a discriminación, contra a tiranía, contra o abuso, contra a inxustiza, contra a ignorancia, contra a indefensión, contra o desalento. A lectura constrúenos como persoas. A lectura é esperanza. É futuro. 
Mañá celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro. Por iso, hoxe, en Gondomar, lendo para medrar, queremos anticiparnos a esa cada vez máis necesaria celebración para imprimirlle un novo espírito. Queremos unirnos na rebelión da lectura. 
Vivimos tempos de crise. Tempos de desacougo.
Precisamente por iso debemos ser conscientes, máis conscientes ca nunca de que onde hai libros hai esperanza, porque onde libros hai futuro. 
Aquí, en Gondomar, para nós o centro do mundo, sentados cun libro nas mans, poñemos en valor este acto humilde e poderoso que é a lectura, e queremos facer nosa, desde a voz da cidadanía, a máis importante das rebelións: a rebelión da lectura. 
Precisamente nestes tempos de crise, cando é máis visible ca nunca que o mundo está gobernado por un diminuto grupo de persoas opulentas e cobizosas que atesouran a maior parte da riqueza, nós reivindicamos outro tipo de riqueza, máis humana, máis xenerosa, máis creativa, moito máis poderosa e moito máis confortable: a que nos dá a lectura. 
A lectura é un referente de benestar social. 
Precisamente por iso debemos defender o papel da lectura como imprescindible para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e ocio das persoas; indispensable para construír o futuro, indispensable para recuperar a esperanza, indispensable para erguer un porvir presidido pola razón e a dignidade. 
Precisamente por iso, hoxe queremos protagonizar a rebelión da lectura. Porque hoxe, a lectura, é máis necesaria ca nunca. Porque hoxe, a da lectura, é unha rebelión imprescindible. A Lei do Libro e a Lectura aprobada polo Parlamento de Galicia e a Ley del Libro aprobada polo Parlamento español establecen que a lectura e o seu fomento deben ser elementos centrais e transversais de todas as accións de goberno, por entender que contribúe decisivamente ao desenvolvemento social, económico, industrial e cultural das sociedades. 
Precisamente por iso, neste tempo global de recortes, desde a voz cidadá queremos deixar constancia de que os recursos elementais para o fomento e o hábito da lectura están compostos de vontade, de atención, de imaxinación, de entrega e de boa disposición. E non estamos dispostos a que ningún deses recursos nos sexa escatimado. 
Para nós, a lectura ten a palabra. E o valor da palabra é o que nos fai persoas, o que nos distingue dos outros seres vivos. Por iso, nós, cidadás e cidadáns de a pé, reivindicamos a rebelión da lectura. Proclamamos o seu carácter festivo, o noso dereito ao seu acceso xeralizado inalienable, o seu papel motor, o seu valor subversivo.  
A lectura moldea sociedades libres, sociedades críticas, sociedades soñadoras, sociedades renovadoras, sociedades atentas, sociedades capaces, sociedades emprendedoras, sociedades avanzadas. 
Precisamente por iso, nun momento coma este, como cidadás e cidadáns, queremos facer nosa a palabra, queremos facer nosa a lectura, e reunímonos para poñela en valor, para encomiala, para saudala, para enxalzala, para reivindicala, para dignificala, para reclamala. 
Precisamos reiniciar o mundo, resetealo. E só é posible facelo desde a palabra. Só é posible facelo desde a lectura. 
A lectura ten o poder arrebatador das meigas e das treboadas. O feitizo da lúa chea. Fainos brincar, fainos gozar, fainos bailar, fainos bicar praias descoñecidas, fainos acariñar golfiños, fainos voar, fainos chorar, fainos cuspir, fainos viaxar, fainos comprender, fainos sentir, fai que nos emocionemos. 
Si, a lectura ten o poder arrebatador das meigas e o feitizo dunha noite de luada. Por iso, para a cidadanía galega, a reivindicación da lectura debe ir acompañada do desenvolvemento social e cultural da nosa lingua, debe ir abeirada nesa ollada milenaria que se nos transmitiu, de xeración en xeración, desde Martín Códax e Afonso X o Sabio, coma un tesouro de valor incalculable. A lectura tamén serve para coñecernos e recoñecernos. Para saber quen somos e de onde vimos. 
Hoxe, as novas tecnoloxías están a poñer en valor a lectura. Vivimos nunha sociedade notoriamente dixital, que transforma os hábitos de acceso á información e que fai da lectura unha ferramenta estratéxica. A lectura na actualidade é máis imprescindible ca nunca. Unha sociedade só poderá ser avanzada se é lectora. 
A lectura é educación, é formación, é traballo, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para proposperar.
Unha sociedade lectora é unha sociedade capaz. Precisamente por iso non temos dúbidas: onde hai libros, hai futuro. Esta é a nosa revolución. A revolución da cidadanía. 
Únete á rebelión da lectura.

O 23 de abril, Día do Libro, o Contomar despide a Semana do Libro e a Lectura

O luns 23 celébrase o Día Internacional do Libro e Espazo Lectura despide as actividades da V Semana do Libro e a Lectura dentro da programación do Contomar, o contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos que se celebra semanalmente na Biblioteca de Gondomar.

Para pechar a Semana, contamos coa presenza da compañía Tres Globos, que fará unha representación de teatro para títeres de Pedro e o lobo. O acto comeza ás 18:00 horas.



As seguintes imaxes foron tomadas na sesión do Contomar do luns pasado.













21/4/12

Artigo de Manuel Bragado sobre a Sentada Lectora

Manuel Bragado publicou esta semana en Faro de Vigo un artigo sobre a Sentada Lectora que celebramos mañá a partir das 12:00 horas na Alameda de Gondomar.


Sentada lectora
Manuel Bragado

Espazo Lectura convoca para o domingo 22 de abril, ás doce da mañán, unha "Sentada lectora" na Alameda de Gondomar. Encadrado na completa semana de actividades que a hiperdinámica asociación gondomareña de fomento da lectura organiza con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), este acto cívico reunirá a persoas de todas as idades comprometidas a ler durante un cuarto de hora o libro que levará cada unha delas. A lectura dun manifesto a prol da lectura por parte de Paula Carballeira e Araceli Gonda e as actuacións musicais do grupo Migallas e do coro Cantares do Brión de Vincios completarán o programa deste acto lúdico e reivindicativo co que os organizadores pretenden nun momento de crise financeira e certo conformismo social salientar que "o valor da lectura e a cultura é máis importante que nunca para facer libre á cidadanía e dotala de instrumentos de futuro, de esperanza". Un acto orixinal de rebelión e insubmisión lectora, do que non existen precedentes en Galicia, que de forma simbólica e silenciosa evidenciara o carácter cívico da lectura e a necesidade de que sexa incluída na axenda pública utilizada polas administracións públicas, partidos políticos, asociacións veciñas e medios de comunicación.
Hoxe a lectura é un fenómeno híbrido e socialmente moi relevante, que afecta a toda a cidadanía, xa que vivimos un proceso de mudanza profunda entre o modelo de lectura textual, característico dos libros, revistas e xornais impresos, e o de lectura hipertextual, utilizado sobre as pantallas de ordenadores, taboíñas, e–readers ou teléfonos. Os lectores de todas as idades, non só os máis novos, compartimos decote a actividade lectora sobre libros e xornais impresos coa que realizamos sobre as diversas pantallas hipertextuais. Os espazos públicos urbanos quedaron inzados de máquinas dixitais para ler e escribir das que ningún cidadán pode prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde en internet ninguén sabe nin pode lelo todo, onde todos debemos asumir que somos parcialmente analfabetos nalgúns eidos, onde rematou o monopolio da escritura correcta, onde hai unha parte significativa da escritura pública –como a das mensaxes de sms ou das anotacións de twitter– que non se atén as convencións ortográficas, onde o devir cotián está marcado polas transaccións lectoras realizadas sobre as pantallas dos máis diversos formatos –algunhas tamén táctiles e interactivas que utilizan recursos iconográficos e multimodais moi atractivo– ás que adoito non son alleas interferencias publicitarias e outros spams que poden chegar a confundir a lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais.
Neste proceso de mudanza xa non podemos concebir a lectura como un hábito ou unha afección dunha parte da cidadanía (arredor do 58% dos maiores de 14 anos defínese como "persoas lectoras") disposta ao goce das obras literarias impresas. Hoxe a lectura é moito máis, é unha competencia cidadá imprescindible, un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade. A cidadanía contemporánea será lectora multisoporte ou non será cidadanía, non hai posibilidade escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassany "se diversifican tanto os artefactos letrados, como os usos e as funcións da lectura".
O fomento da lectura así entendida transfórmase na prioridade das políticas educativas, culturais e de igualdade. É esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencias abondas para utilizar toda clase de textos e hipertextos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como adquire especial significatividade o papel no fomento da lectura contemporánea das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer á cidadanía de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer a responsabilidade dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. As familias tamén poden contribuír de forma decisiva á lectura, xa que no seu seo se poden consolidar hábitos lectores xerados e compartidos ao abeiro dos afectos. Outrosí sucede coas redes sociais capaces de compartir recomendacións literarias no que xa se denomina "lectura social" ou do papel dinamizador do chamado "voluntariado para a lectura", promovido por entidades privadas como Espazo Lectura, capaces de provocar poderosas revolucións lectoras como a que se vive en Gondomar dende hai apenas tres anos. 

Tres actividades para o sábado, na Semana do Libro e a Lectura

O sábado 21 de abril, continúa a programación da V Semana do Libro e a Lectura con tres actividades ao longo do día:

- Ás 12:00 da maña, na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do club de lectura Lendo Contigo. O libro no que se vai centrar a actividade é Carta urxente para Máximo Toxo (Galaxia, 2012), de Diego Rey.  O autor estará cos nenos e nenas que participen, que nesta ocasión serán máis, posto que nos vai visitar o club de lectura do CIP do Rosal.
Na anterior sesión do Lendo Contigo estivera con nós o autor Antón Cortizas, estas son algunhas imaxes dese día.







- Ás 18:00 horas, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, represéntase no Auditorio Lois Tobío a obra Carta urxente para Máximo Toxo, da compañía Talía Teatro, na cal se basea o libro anterior.
 

- Ás 22:30 horas, nova edición das Noites Golfas. A Casa da Lectura acollerá un espectáculo poético-musical de O Leo i Arremecághona baseado no seu poemario Hai cu (Xerais, 2007).

19/4/12

O venres celébrase o "V Dar de ler coma quen dá de beber", un dos actos centrais da Semana do Libro e a Lectura

Dentro da programación da V Semana do Libro e a Lectura, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, celebra este venres 20 de abril a quinta edición do Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras escollidas por elas mesmas para compartir cos demais e recomendar. Con esta iniciativa preténdese celebrar a Semana do  Libro lendo.
 
A cita será no Café Keik
Con esta iniciativa preténdese reivindicar a presenza dos libros e a lectura en todos os espazos da vida e facer que formen parte da nosa actividade cotiá, por iso, o lugar escollido este ano é un café, o Café Keik, situado no Parque das Ánimas de Gondomar. O acto, aberto a quen queira achegarse ao longo da tarde, transcorrerá dende as 20:00 ata ás 22.30 horas.

18/4/12

Kiko da Silva imparte un obradoiro de ilustración para nenos e nenas


A V Semana do Libro e a Lectura ten o xoves 19 unha nova cita. O ilustrador Kiko da Silva impartirá un obradoiro de ilustración para nenos e nenas na Biblioteca Municipal a partir das 18.00 horas.
Para participar, cómpre inscribirse a través do correo electrónico de Espazo Lectura (cun límite de 30 prazas).
A actividade enmárcase dentro da programación da V Semana do Libro e a Lectura que estamos celebrando entre o martes 17 e o luns 23 de abril, Día Internacional do Libro.

Kiko da Silva, un dos grandes nomes da ilustración en Galicia, ideará o obradoiro a partir do seu personaxe Fiz que dá nome á revista infantil de humor gráfico e protagonista do libro Fiz nos biosbardos.

A Semana do Libro continúa o mércores cun contacontos especial na Casa da Lectura


O segundo día da Semana do Libro e a Lectura é este mércores 18 de abril. A sesión de dinamización lectora que semanalmente acolle a Casa da Lectura terá unha convidada especial, a actriz e contadora Bea Campos, que presentará o espectáculo "Cantarela, contos e cantos para nenos e nenas".
A actividade comeza ás 18:30 horas.


As seguintes imaxes son da sesión celebrada o mércores 11 de abril, cando os nenos e nenas escribiron e gardaron en botiños as súas palabras preferidas.









16/4/12

Mañá inicia a Semana do Libro e a Lectura coa visita do debuxante de cómic Brais Rodríguez ao club Lecturas Debuxadas


A primeira cita da V Semana do Libro e a Lectura terá lugar este martes, 17 de abril, no club de cómic Lecturas Debuxadas. A cita é na biblioteca de Gondomar ás 20:00 horas.
Nesta ocasión, o libro que se vai comentar é A man do diaño (Demo editorial) e o seu autor, Brais Rodríguez, estará con nós na biblioteca para falar coas persoas que se queiran achegar á actividade.

O cómic
A man do diaño é una historia feita con sinxeleza e sen complexos, que aborda, con total sentido crítico e mirada de autor, unha cuestión por desgraza natural e innata no ser humano, o conflito bélico.
Unha situación universal que sempre leva a cada personaxe que o sofre a ter que enfrontarse consigo mesmo. A historia dunha guerra máis, nun país calquera, xa que ningún esta libre de que lle toque.
A man do diaño foi Premio Castelao 2010 da Deputación da Coruña.

O autor
Brais Rodríguez (Brión, A Coruña, 1980) estudou Belas Artes en Pontevedra, onde coincidiu con outros debuxantes de cómic como Diego Branco, Roque Romeu, Miguel Porto, Jano, Bernal Prieto ou Alberto Vázquez. Xunto a eles e outros debuxantes galegos, comezou a colaborar en fanzines e entrou a formar parte do colectivo Polaqia.
Os seus cómics foron publicados en fanzines e revistas como  Barsowia, Fanzine Enfermo, ARGH!, Dos Veces Breve, Monográfico, Lunático, Buendolor, Usted está aquí, Ragú, Desde el abismo, El Dios Mofeta, Condorito Muerto, La cultura del duodeno o El visitante, que o levaron a cultivar múltiples premios.

As seguintes fotos pertencen á sesión do Lecturas Debuxadas do mes de marzo, dedicada á lectura de Polina.
 







14/4/12

Contomar



O luns 16 o Contomar volve encher a Biblioteca de Gondomar de contos. Entre outros títulos leremos A pota que trota, O sultán e os ratos e Zimbo.  Coma todas as semanas, a sesión de contacontos comeza ás 18:00 horas. Non faltedes!