Mostrando entradas con la etiqueta saco Paco e saqueta Henriqueta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta saco Paco e saqueta Henriqueta. Mostrar todas las entradas

3/10/10

Este luns comeza o Contomar

Xa está todo listo para que comece a nova tempada do Contomar. Este luns, 4 de outubro, o Saco Paco e a Saqueta Henriqueta volverán encher de contos a Biblioteca Municipal de Gondomar. A cita, coma todos os anos, será a partir das 18.00 horas.
Os contos escollidos para esta primeira sesión do novo "curso" son
Perdido?, de Oliver Jeffers, publicado por Patasdepeixe e Viches o león?, As pousadeiras do rei e Lucas e oso, publicados os tres por OQO.
Ademais, celebraremos os cumprecontos de todos os nenos e nenas que fixeron anos durante o verán e repartiremos as primeiras estrelas para que vaian poñendo no carné desta tempada. Lembrade que, antes das vacacións de verán, os nenos e nenas que máis estrelas teñan recibirán un agasallo como premio á súa asistencia.
Este luns agardámosvos no Contomar!



20/10/08

O saco Paco e a saqueta Henriqueta

Hoxe teremos unha nova sesión do Contomar. O saco Paco e a saqueta Henriqueta, os dous novos personaxes que se incorporaron ao contacontos esta tempada (pódense ver ao fondo, na fotografía), volverán connosco e traerannos máis historias e aventuras. Os nosos amigos Henriqueta e Paco son quen traen agora os contos ao Contomar e quen despois, ao rematar, os volven gardar nos seus ventres. Henriqueta e Paco están tan ben alimentados de libros que non paran de contarnos cousas.


13/10/08

Volve o Contomar cheo de novidades!





Despois da sesión inaugural, na que nos acompañaron os ratos de biblioteca da compañía do Trinke Trinke, o Contomar retomou as sesións habituais de todos os luns na Biblioteca de Gondomar.

Hoxe foi un día especial porque tiñamos moitas novidades.

Unha delas, foi anunciar que a editorial OQO vai estar en Gondomar, entre o 10 e o 15 de novembro, presentándonos un fermoso proxecto chamado Contos en Cantos que se recolle nun libro-DVD que contén os contos máis populares de OQO Editora, como Chocolata, Mariluz Avestruz, Loboferoz, Titiretesa e O Papón, reconvertidos en cancións por Almudena Janeiro.

Aproveitando que o día 15 de novembro Almudena Janeiro, acompañada por tres músicos máis, vai estar no auditorio de Gondomar cantándonos todos estes contos, no Contomar dedicimos que cada luns imos ler algún dos contos incluídos no DVD para que o concerto non nos colla por sorpresa. Hoxe xa contamos un deles: O Papón.

Pero hoxe tamén foi un día moi especial porque se incorporaron ao contacontos dous amigos moi agardados: o saco Paco e a saqueta Henriqueta, as mascotas do Contomar, que nos van traer un feixe de contos e outras sorpresas. Os libros que nos trouxeron hoxe foron O Papón, Adiviña canto te quero, Pasiños e Non é unha caixa. Ademais, a sesión de hoxe foi moi moi especial sobre todo para dúas nenas que celebraron os seus cumprecontos con nós. O saco Paco e a saqueta Henriqueta encargáronse de traerlles uns agasallos moi lectores.