Mostrando entradas con la etiqueta autores/as. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta autores/as. Mostrar todas las entradas

26/3/10

Antón Cortizas participa este sábado no Lendo Contigo

O vindeiro sábado, 27 de marzo, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública, o escritor Antón Cortizas estará en Gondomar para participar nunha nova sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, club destinado a nenos e nenas de 7 a 11 anos. O libro proposto nesta ocasión será Era unha vez na quimbamba, publicado pola editorial Tambre.

O libro
Era unha vez na quimbamba é un marabilloso libro de poemas no cal, en canto se pasa a primeira páxina, aparece outro mundo no que as situacións poden mudar por completo. Nese mundo, todos os personaxes navegan entre o real e o irreal: un home que nada na pota do caldo, un criador de perdices para namorados felices, un pescador de bañeira e esponxas...


O autor
Antón Cortizas naceu en Ferrol en 1954. Ademais de escritor é mestre. Ten unha extensa obra na que destacan Memorias dun río (premio Barco de Vapor 1988), O conto dos sete medos (premio Barco de Vapor 1991), Os gritos das illas Loberías (premio Barco de Vapor 1995), A merla de trapo (premio Merlín 2001) ou Chirlosmirlos (Enciclopedia dos xogos populares).

17/3/10

Xosé Neira Cruz no club de lectura compartida Lendo Contigo

No Lendo contigo celebrado o sábado 13 de marzo por fin puidemos falar de Violeta non é violeta e coñecer a Xosé Antón Neira Cruz, logo de ter que pospoñer a sesión no mes de febreiro por mor do temporal.
Antes de encontrarnos co autor, os nenos e nenas fixeron unha presentación conxunta de Neira Cruz, pois tiveran que pescudar nas súas casas información sobre este escritor compostelán. Despois, o autor contounos moitos dos segredos que agocha Violeta non é violeta: por que se chama así a protagonista, a orixe veneciana do nome da bruxa Mo(zzarela)... Ademais, tamén nos falou da importancia dos amigos e amigas e de que non hai un único modelo de familia, xa que para que exista unha familia soamente ten que existir cariño entre os seus membros.
Antes de marchar, Neira Cruz dedicoulles os libros e todos os participantes e os nenos e nenas selaron o pasaporte lector.

11/3/10

Xosé A. Neira Cruz, este sábado no Lendo Contigo

O vindeiro sábado, 13 de marzo de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o escritor Xose Antón Neira Cruz estará connosco para participar na sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo prevista para febreiro que tivo que ser adiada a causa do temporal.
O libro sobre o que vai xirar a actividade é Violeta non é violeta, publicado pola editorial Mc Millan.

O libro
Violeta non é violeta narra a historia de Violeta, unha nena de oito anos que só foi violeta o día que naceu. Agora é unha cativa normal e corrente que busca un nome para o seu futuro irmán, ao que a súa nai leva nunha barriga inmensa en forma de globo aerostático. Ante este acontecemento, Violeta teme que a súa nai a queira un pouco menos. Un libro que trata sobre os cambios que se producen no seo das relacións familiares, as inseguridades e os afectos analizados desde o punto de vista dunha nena.

O autor
Xosé Antón Neira Cru naceu en Santiago de Compostela en 1968. É Doutor en Ciencias da Comunicación e Licenciado en Filoloxía Italiana. Ademais de escritor, foi tamén guionista de programas infantís na TVG, xornalista e fundador e director da revista Fadamorgana. A súa obra literaria, fundamentalmente dirixida ao público infantil e xuvenil, é moi extensa, destacando Ó outro lado do sumidoiro (premio Merlín 1988), Valdemuller (premio Barco de Vapor 1997), Os ollos do tangaleirón (premio Barco de Vapor 1999), As cousas claras (premio Merlín 2000), O armiño dorme (premio Raíña Lupa 2002), A noite da Raíña Berenguela (premio Lazarillo 2004), O punto da escarola (premio Barriga Verde 2008) ou Sopa de xarope de amora (premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009).

1/3/10

A escritora Begoña Caamaño falaranos da súa obra no Club de Lectura Sete Vidas

Mañá martes 2 de marzo celebraremos a sesión do club Sete Vidas centrada na lectura da novela da escritora viguesa Begoña Caamaño Circe ou o pracer azul (Galaxia, 2009). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Encontro coa autora
A partir das 21.00 horas, a autora Begoña Caamaño achegarase á biblioteca de Gondomar para falar cos lectores e lectoras de Circe ou o pracer azul sobre esta novela.

O libro
Nesta novela Begoña Caamaño relata o que nunca se contou da historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea.
Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña, unha muller misteriosa que a informa de que o seu home non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas; o home dunha e amante doutra acábase convertendo só no pretexto que vai unir para sempre o destino das dúas mulleres.
A autora
Begoña Caamaño (Vigo, 1964) é xornalista. Redactora do Diario Cultural da Radio Galega, emisora na que traballa dende 1989. Antes traballou nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño El Sol. Colaborou en A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza, e é autora de reportaxes e artigos nas revistas Festa da Palabra, Silenciada e DeLiberadaMente. Circe ou o pracer azul é a súa primeira novela.

Para ler máis
- Información sobre a novela no blog de Galaxia.
- Entrevista á autora en La Voz de Galicia.
- Crítica en Cartafol de libros.

1/2/10

Este mes, novela de intriga no Sete Vidas

Este martes, 2 de febreiro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, Espazo Lectura organiza a sesión mensual do seu Club de lectura Sete Vidas centrado na narrativa.
Nesta ocasión, o libro escollido é a última novela do escritor Diego Ameixeiras titulada Dime algo sucio publicada por Edicións Xerais en 2009.

O libro
Dime algo sucio é, segundo a presentación editorial, unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas de Oregón, a cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.
Dime algo sucio ten a orixinalidade ademais de ser unha das primeiras novelas galegas publicadas simultáneamente en formato electrónico, ao cal se pode acceder dende aquí.


O autor
Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976) é xornalista, profesión que exerce en prensa, radio e televisión. Na actualidade traballa como guinista. Ata o momento, publicou as noveas Baixo mínimos (2004), O cidadán do mes (2006), ambas protagonizadas polo detective Horacio Dopico, Tres segundos de memoria (Premio Xerais de Novela 2006) e Dime algo sucio (2009).


Para ler máis sobre Dime algo sucio

- Crítica literaria de Sandra Faginas
- Entrevista co autor en El Correo Gallego
- Entrevista co autor en El País

29/1/10

Agustín Fernández Paz manterá un encontro virtual cos participantes no club de lectura compartida Lendo Contigo

Nas sesións do club de lectura compartida Lendo Contigo un dos elementos máis motivadores e atractivos para os nenos e nenas que participan é poderen establecer un diálogo cos autores e autoras dos libros que len.

Nesta ocasión, o atractivo do encontro con Agustín Fernández Paz, o autor de Valados, tamén estará na fórmula utilizada. Convertiremos a biblioteca nun espazo virtual para que, por primeira vez, os asistentes á actividade teñan a oportunidade de conversar co autor a través de videoconferencia, nunha experiencia novidosa que une a lectura coas novas tecnoloxías.

Ao comezo da sesión, e axudados pola guía de lectura que Espazo Lectura lles proporcionou ás familias, falaremos sobre Valados, o libro proposto. A continuación, teremos un encontro virtual con Agustín Fernández Paz durante o cal os nenos e nenas poderán facerlle todas aquelas preguntas que lles xurdisen tras a lectura do libro. O acto, enmarcado na celebración do Día escolar da non violencia e pola paz, pecharase coa proxección dun audiovisual sobre os muros existentes no mundo con guión literario do propio Fernández Paz.

A actividade celebrarase o sábado 30 de xaneiro, a partir das 12.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

11/1/10

Club de lectura Sete Vidas: "O bosque dos raposos aforcados"

O libro proposto no Club de Lectura Sete Vidas para o mes de xaneiro é O bosque dos raposos aforcados, do escritor finlandés Arto Paasilinna (Rinoceronte Editora, 2005), novela da que falaremos este martes, 12 de xaneiro, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar con todas as persoas que se queiran achegar.

O autor
Arto Paasilinna, nacido en Kittila en 1942, ex gardabosque, ex xornalista e ex poeta, é un autor de extraordinario éxito en Finlandia e fóra do seu país a xulgar polas numerosas traducións da súa obra. Nos seus libros destaca o seu humor orixinal e a súa capacidade de contar da maneira máis cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes.


O libro
O bosque dos raposos aforcados é a primeira novela verquida directamente do finés ao galego por Tomás González Ahola e relata a historia de Oiva Juntunen, un ladrón fuxido na recóndita paraxe da Laponia ante o medo pola saída do cárcere dos seus cómplices, aos que traizoou coa intención de quedar con todo o ouro que roubaran ao goberno noruegués.
A través do relato dunha historia delirante ateigada de personaxes disparatados, Paasilinna fálanos das debilidades humanas, da amizade, da corrupción, da vellez... e nos achega sen apenas decatarnos moita información sobre a historia política e social da Laponia.


Para ler máis sobre Arto Paasilinna:
- Wikipedia
- Información no Club de Lectura Virtual de Pontevedra
- Entrevista co autor a partir da publicación en Anagrama de Delicioso suicidio en grupo

Para ler máis sobre O bosque dos raposos aforcados
- Crítica de Begoña Regueiro no Cartafol de Libros
- Recomendación no Blog de Ana Bande e interesante comentario dun lector
- Información no Club de Lectura Virtual de Pontevedra

Se che gustou este libro tamén podes ler en galego O muiñeiro ouveador (Rinoceronte 2007)