Mostrando entradas con la etiqueta Concerto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concerto. Mostrar todas las entradas

14/12/12

Este venres, concerto de «Arrolos de Salitre» dentro das sesións de Contos en Cueiros



A actividade de animación á lectura para bebés de 0 a 3 anos Contos en Cueiros ten unha nova cita o venres 14 ás 18:00 horas na Biblioteca de Gondomar. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, organizado por Espazo Lectura coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. Os músico interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre, unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón.

As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.

O disco Arrolos de Salitre é unha das publicacións do selo discográfico Músicas de salitre, do que Xabier Díaz e Guillerme Fernández son promotores.

O coruñés Xabier Díaz é cantante, compositor e investigador do folclore galego. Actualmente é a voz do grupo Berrogüeto. Foi mestre de música e baile tradicional galego e dende 1995 participou na publicación de varios discos, como integrante do grupo Rumbadeira, do que foi fundador, e en colaboración con outros artistas como Guillerme Fernández. Guillerme Fernández, orixinario de Nigrán, é compositor, arranxista e intérprete de Berrogüetto dende os inicios da banda; destaca non só polas súas colaboracións con grupos e artistas galegos, senón tamén polas súas inquedanzas culturais e sociais. Dende 2006, ambos conducen conxuntamente o programa musical “Tres peixes voando”, na Radio Galega. 

2/3/11

"En clave de conto" pasou por Gondomar

Música, literatura e ilustración combináronse nas actividades En clave de conto, unha iniciativa de OQO editora dentro da campaña Bocaberta promovida pola SXPL, que estivo en Gondomar xestionada por Espazo Lectura os días 19 e 25 de febreiro.
As actividades, dixiridas a un público familiar, pretenderon achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e tamén no da escoita, para educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a nosa lingua.

Concerto-espectáculo teatral A NENA E O GRILO
O día 19 de febreiro o auditorio Lois Tobío de Gondomar encheuse para ver e escoitar este espectáculo baseado no conto-cd A nena e o grilo.


Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ
O 25 de febreiro, a Biblioteca Municipal acolleu o obradoiro destinado a familias con escolares de 3 a 5 anos. A partir da canción "Cri-cri" de A nena e o grilo xogouse a identificar as distintas linguas do tema e o seu idioma principal: o galego. Estas son algunhas imaxes dese día.

17/2/11

Este sábado, concerto-espectáculo teatral "A nena e o grilo" no auditorio Lois Tobío de Gondomar

Dentro do programa En clave de conto da campaña Bocaberta da SXPL, o sábado 19 de febreiro o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá o concerto-espectáculo teatral A nena e o grilo, baseado no libro-CD homónimo editado pola editorial OQO. O concerto, dinamizado en Gondomar por Espazo Lectura, comezará a partir das 12.00 horas.

Este espectáculo vai dirixido ao público infantil e xeral. A entrada será de balde ata completar aforo.

O programa En clave de conto completarase o día 25 de febreiro, ás 18 horas, na Biblioteca Municipal cun obradoiro para as familias titulado "Eu falo así", do que daremos máis información nos vindeiros días.

23/12/10

Pablo Díaz enche o auditorio de Gondomar con Tic-Tac

O domingo 19 celebramos no Auditorio Lois Tobío de Gondomar o remate do ano 2010 no Contomar cun concerto de Pablo Díaz e o seu libro-disco Tic-Tac. Espazo Lectura reuniu arredor de 300 persoas que asistiron para cantar, bailar e divertirse coas cancións interpretadas por Pablo Díaz e a súa banda. Ao rematar, os músicos asinaron exemplares do disco. Un estupendo agasallo para este Nadal. Reproducimos unha crónica fotográfica do evento.

17/12/10

O Contomar despide o ano co concerto Tic-Tac de Pablo Díaz


O domingo 19 o Contomar, as sesións de contacontos que todos os luns organiza Espazo Lectura na Biblioteca de Gondomar, celebra o Nadal e a despedida do ano 2010 co concerto do libro disco Tic-tac de Pablo Díaz, editado por Kalandraka. Será no auditorio Lois Tobío de Gondomar a partir das 12.00 horas. A entrada é gratuíta ata completar aforo. Esta actividade conta coa colaboración do Concello de Gondomar.

Con esta actuación o Contomar despídese ata o día 10 de xaneiro de 2011. Na última sesión, na Biblioteca de Gondomar houbo contos, cumprecontos e teatro, como podedes ver nestas imaxes. Grazas a todas as persoas que fan posible que isto suceda.

10/12/10

O Contomar despídese ata o 2011

O vindeiro luns, 13 de decembro, ás 18.00h, a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá a última sesión do Contomar do ano 2010. A despedida virá da man de dous ratiños de cidade e dous ratiños de campo que lles contarán aos nenos e nenas as súas historias do inverno e do Nadal.

Concerto de despedida do ano: Tic-Tac
Logo desta sesión de peche, Espazo Lectura e o Concello de Gondomar convidan a todos os nenos e nenas a un concerto de despedida do ano o domingo 19 de decembro, ás 12.00 da mañá, no auditorio Lois Tobío da man de Pablo Díaz e o seu libro-disco Tic-Tac.

16/11/08

Un intenso concerto musical e literario

Onte á mañá celebrouse no Auditorio Lois Tobío de Gondomar o concerto Contos en cantos, para o que Espazo Lectura reuniu arredor de 400 persoas que asistiron para vibrar e divertirse coas cancións interpretadas polos músicos de Almudena Janeiro, cancións baseadas en doce contos de OQO editora (Chocolata, Mariluz Avestruz, Titiritesa, Loboferoz...). Á saída, OQO e a Secretaría Xeral de Política Lingüística agasallaron aos 240 nenos asistentes con candanseu libro-CD-DVD, que contén as letras e as cancións de Contos en Cantos. O libro tamén pode atoparse nas librerías. Reproducimos unha crónica fotográfica do evento con imaxes cedidas por Bruno Centelles.