Mostrando entradas con la etiqueta premios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta premios. Mostrar todas las entradas

16/3/11

Espazo Lectura recolleu en Lugo o Premio Fernández del Riego

O sábado 12 de marzo a directiva de Espazo Lectura desprazouse a Lugo para asistir á VI Noite da Edición, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores.
Durante a gala, a presidenta de Espazo Lectura recolleu o Premio Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural 2010, galardón que o gremio de editores fixo público o mes de febreiro pasado. Concha Costas agradeceu a concesión deste premio, e dixo que pertence a moita xente que colabora desinteresadamente con Espazo Lectura, entre a que se atopan as 11 editoriais socias protectoras da asociación. Tamén dixo que o premio dá azos para continuar a traballar a prol do fomento da lectura e do libro galego e en galego.

20/2/11

Espazo Lectura recibe o premio Francisco Fernández del Riego

A Asociación Galega de Editores fixo públicos os finalistas aos Premios da Edición 2010 que se entregarán o próximo 12 de marzo en Lugo na VI Noite da Edición.

A AGE outorgou o Premio Francisco Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro a Espazo Lectura, polo que non podemos máis que expresar os nosos máis sinceros agradecementos.

3/6/10

Espazo Lectura presenta o seu proxecto nas "V Jornadas de Dinamización Cultural Everest"

Este xoves 3 de xuño a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, acompañada de Bieito Legaspi, membro da directiva da asociación, participan en León nas V Jornadas Dinamización Cultural Everest que se celebran o 3 e 4 de xuño, onde Concha Costas exporá o proxecto de fomento da lectura de Espazo Lectura que foi recoñecido no mes de marzo co segundo Premio de Dinamización Cultural Everest.
Na mesa redonda titulada “Ganadores del Primer Premio de Dinamización Cultural Everest”, Espazo Lectura comparte relatorio cos outros dous gañadores do galardón: a Biblioteca Municipal de Mislata e a Biblioteca Municipal da Illa de Arousa.
Picando sobre as imaxes pódese ver o programa completo das xornadas.

11/4/10

Espazo Lectura recolle o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura

No momento da entrega a Espazo Lectura do XIX premio "Irmandade do libro" 2009 na modalidade de Fomento da Lectura, o xurado valorou a ampla oferta de actividades da nosa asociación (con 12 actividades mensuais) e a aposta pola implicación das familias na creación do hábito lector.
Pola súa parte, Concha Costas agradeceu aos socios e socias, tanto individuais coma protectores, o apoio decidido a esta iniciativa e destacou o traballo de normalización lingüística e cultural que tamén desempeña Espazo Lectura ao traballar fundamentalmente co libro galego e cos seus autores e autoras. Así mesmo agradeceu ao xurado e á Federación de Libreiros de Galicia a concesión do premio.

Dende aquí queremos felicitar ao resto de gañadores nas diferentes modalidades, que foron os seguintes:
- Autor/a: Luz Pozo Garza.
- Libro do ano 2009: A praia dos afogados, de Domingo Villar (Galaxia).
- Obra editorial do ano 2009: Colección Contemporánea da editorial Rinoceronte.
- Institucións: Asociación Cultural Monte Branco de Ponteceso.
- Centros de ensino: CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra).
- Libraría: Porta da Vila de Viveiro.

Espazo Lectura, Premio Irmadade do Libro 2009

Espazo Lectura recibiu esta noite, na vila luguesa de Sarria, o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura polo traballo desenvolvido no Val Miñor ao longo do ano 2009. Estes premios, que son concedidos anualmente pola Federación de Libreiros de Galicia, fallaronse esta pasada noite no Hotel Alfonso IX de Sarria e estiveron presentes libreiros, escritores, editores, bibliotecarios e autoridades. Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, recolleu o galardón, consistente nunha figura alegórica de bronce, deseñada para os Premios Irmandade do Libro polo artista lucense Ismael López Fernández, así como 2000 euros en libros que formarán parte do patrimonio bibliográfico da Casa da Lectura, en Donas (Gondomar). A modalidade de Fomento da Lectura ten por obxecto premiar calquera tipo de actividade realizada para o fomento da lectura, coa utilización de soportes tanto impresos como virtuais (páxinas web, internet) e que asemade contribuísen á promoción e divulgación do libro e a lectura durante o ano 2009. Na pasada edición foron galardonadas nesta modalidade as Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros.
A escritora Luz Pozo Garza resultou elixida gañadora na modalidade de mellor autor do ano.
Desde Espazo Lectura queremos manifestarlles aos libreiros e libreiras de Galicia, así como aos membros do xurado, o noso agradecemento polo seu apoio e confianza no noso proxecto.

27/3/10

Abrindo espazos para a lectura

Espazo Lectura recolleu o venres 26 de marzo, da man da responsable de relacións institucionais de Everest para Galicia, Carmen Cancela, o segundo Premio de Dinamización Sociocultural promovido pola editorial.
Carmen Cancela destacou o volume e a calidade de actividades desenvolvidas por Espazo Lectura e o feito de que sexa unha iniciativa promovida pola propia sociedade.
Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, agradeceu o apoio de todos os socios e socias, tanto numerarios coma protectores, e destacou especialmente o traballo de todos os voluntarios e voluntarias pola lectura que fan posible o desenvolvemento do proxecto "Abrindo espazos para a lectura" que foi recoñecido con este premio.

O xornal A Nosa Terra faise eco do premio nesta reportaxe.


25/3/10

Acto de entrega do 2º Premio de Dinamización Sociocultural de Everest

O venres 26 de marzo, a partir das 19:30, no Pazo da Escola (Moreira 10, Mañufe, Gondomar), terá lugar o acto de entrega do segundo Premio de Dinamización Sociocultural Everest (previo ao que se celebrará en León a comezos de xuño).
Falarán Carmen Cancela, responsable de Everest Institucional en Galicia, e Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura.

Este premio é unha iniciativa do Departamento de Relacións Institucionais do Grupo Everest cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos e experiencias que se realizan a nivel estatal para o fomento da cultura e o hábito lector.
Con este galardón preténdese dar a coñecer o traballo diario realizado desde bibliotecas, concellerías e asociacións.

3/3/10

Espazo Lectura recibe o segundo premio Dinamización Sociocultural Everest

O proxecto de dinamización lectora da asociación Espazo Lectura foi galardoado en León co segundo Premio de Dinamización Sociocultural Everest na súa primeira convocatoria. Este premio é unha iniciativa do Departamento de Relacións Institucionais do Grupo Everest cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos e experiencias que se realizan a nivel estatal para o fomento da cultura e o hábito lector.
Con este galardón preténdese dar a coñecer o traballo diario realizado desde bibliotecas, concellerías e asociacións.

O labor de Espazo Lectura resultou premiado entre numerosos e importantes proxectos de institucións, bibliotecas e asociacións de todo o Estado e será entregado nos vindeiros días en Galicia. O premio está dotado con 3.000 euros en dotación bibliográfica e equipamento bibliotecario e tamén suporá a presentación e divulgación do proxecto en León durante o próximo mes de xuño.

O ditame pon de relevo o traballo en fomento da lectura que se está a desenvolver en Galicia. Entre os tres proxectos premiados, dous son galegos: o segundo premio, que recaeu en Espazo Lectura, e o terceiro, para o proxecto desenvolvido pola Biblioteca Municipal da Illa de Arousa. O primeiro premio recoñeceu o proxecto "25 años a la Luna de Mislata", desenvolvido pola Biblioteca Pública Municipal de Mislata (Valencia).

Este premio amplía a difusión do proxecto de Espazo Lectura alén do territorio galego. Neste sentido, a asociación tamén foi convidada o pasado mes de decembro a presentar o seu traballo en Bilbao, nunhas xornadas que se van desenvolver no vindeiro outono, no ámbito do proxecto cultural do Alhóndiga Bilbao, de próxima inauguración.

Desde Espazo Lectura queremos agradecer especialmente o alento, apoio e confianza dos socios, socias, dos socios protectores, dos autores e autoras e das persoas que participan nas nosas actividades por contribuír ao fortalecemento da asociación e á consecución dos obxectivos que perseguimos.