Mostrando entradas con la etiqueta Antón Riveiro Coello. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Antón Riveiro Coello. Mostrar todas las entradas

14/1/09

Arredor de As rulas de Bakunin


Velaquí dúas imaxes da sesión do Sete Vidas que celebramos esta semana. Á xuntanza, coordinada por Bieito Legaspi, asistiron 12 persoas que compartiron impresións tras a lectura da novela de Riveiro Coello.
En xeral, todos os participantes valoraron a calidade da obra, salientouse a forza da historia, a vontade de estilo, a orixinalidade do tratamento do anarquismo dentro da literatura galega, a metáfora do libro e a palabra como elementos liberadores...
Tamén se debatiu arredor da concepción das personaxes femininas, así como do papel das mulleres e o grao de asunción dos postulados feministas dentro dos movementos libertarios da época.
A sesión do martes 3 febreiro estará coordinada por Fran Alonso que propuxo a novela Como se non existise, de Slavenka Drakulic, publicada por Xerais.

12/1/09

28/12/08

As rulas de Bakunin, no Sete Vidas


O martes 13 de xaneiro celebraremos unha nova sesión do Club de lectura Sete Vidas. O libro proposto para esta ocasión será As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Trátase dunha novela que nace desde a sensibilidade dos derrotados e os perdedores. A intención do autor é recuperar a memoria dos heroes silenciosos que loitaron pola liberdade, presentándonos a vida de Camilio Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio. As rulas de Bakunin é unha novela que conmove. Guerra civil e anarquismo danse a man nunha novela histórica.
Esta novela mereceu no seu momento o Premio Manuel García Barros, que concede o Concello da Estrada. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos narradores destacados da narrativa galega actual e autor de obras como Casas baratas, A quinta do Saler ou Os ollos de K, entre outros.
A sesión do Club de lectura Sete Vidas terá lugar, como vén sendo habitual, ás oito da tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar. A asistencia é libre e non implica ningún tipo de obrigas. Na foto inferior, unha imaxe da sesión anterior deste mesmo club de lectura.