30/4/08

Un divertido Cándido Pazó

A presenza de Cándido Pazó entre as lectoras e lectores de Lendo Contigo o pasado sábado 26 resultou extraordinariamente agradable, divertida e fructífera para quen estivemos alí. Falounos de si mesmo, dos tempos da súa nenez e mocidade, e do libro que lemos, O merlo branco, co humor e a elocuencia que o caracteriza. Ao día seguinte, o auditorio Lois Tobío rexistrou un cheo absoluto coa representación da obra a cargo de Talía Teatro.












28/4/08

Hoxe, no Contomar...

Hoxe, no Contomar haberá máis contos: Petra, Tres desexos, Ollobrusco ou O abrigo misterioso e un cumprecontos. (Máis información).
E Espazo Lectura continúa coas súas actividades de dinamización lectora. Axiña anunciaremos máis.

27/4/08

Imaxes e vídeos de Canto Conto

A continuación reproducimos dous videos e algunhas imaxes da sesión Canto Conto!, protagonizada por Verónica Túñez e tres persoas de Vichelocrego Teatro, que representaron o seu espectáculo no Contomar do pasado luns 21 para o público de Espazo Lectura. Na primeira fotografía, as protagonistas de Canto Conto! son entrevistadas para Televigo. Nas fotos inferiores, diversos momentos do espectáculo de dinamización lectora.









26/4/08

O merlo branco, por Talía Teatro

Continuando coa programación que Espazo Lectura realizou para a Semana do Libro en colaboración co Concello de Gondomar, e coa intención fortalecer a relación entre libro e representación teatral, mañá domingo 27, no Auditorio Lois Tobío, teremos a representación de O merlo branco, a cargo de Talía Teatro. A obra é aberta ao público e, moi especialmente, ás persoas que participan na sesión de hoxe de Lendo Contigo, que poderán continuar gozando da obra de Cándido Pazó, agora na súa representación teatral. Será ás 19:00 h. do domingo e o espectáculo está dirixido a todos os públicos.

A compañía Talía Teatro fundouse en Cee, localidade onde ten a súa base, en 1988 e está dirixida por Artur Trillo. Ademais de O merlo branco, Talía Teatro representou outras obras da autoría de Cándido Pazó como A secreta obscenidade de cada día ou E ti de quen ves sendo? O traballo desta compañía enriba dos escenarios é amplamente coñecido polo público, moi especialmente a través da súa obra Bicos con lingua, unha das máis representadas da historia do teatro galego, que foi escenificada en Gondomar en varias ocasións. Talía Teatro tamén visitou o Val Miñor con Esperando a Godot.


24/4/08

Cándido Pazó en Lendo Contigo

O próximo sábado 26, ás 12:00h, na Biblioteca Municipal, celebraremos a quinta sesión do club de lectura compartida Lendo contigo. O libro proposto é O merlo branco, de Cándido Pazó, que estará connosco para falarmos da súa obra. Como é habitual, as lecturas de Lendo Contigo están dirixidas a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.
Ao día seguinte, o domingo 27, a compañía Talía Teatro representará esa mesma obra de Cándido Pazó, O merlo branco, no auditorio Lois Tobío de Gondomar. Será ás 19:00h. Trátase dun espectáculo teatral para todos os públicos. Coa representación desta obra remata a programación conxunta en torno ao libro e a lectura que realizamos para o mes de abril coa Concellería de Cultura do Concello de Gondomar.



Cándido Pazó (Vigo, 1960) é actor, contacontos, narrador oral, escritor, director teatral, tradutor e unha persoa moi coñecida enriba dos escenarios. Como autor teatral, escribiu obras como Arroutadas (1983), O merlo branco (1989), Raíñas de pedra (1991), Niki-ñaque (2000), Binomio de Newton (2002), Xustiza infinita (2002), A piragua (2007), García (2007), etc. O seu labor como actor comezou xa en 1975, nas Mostras de Teatro de Ribadavia, e desde entón debuxou unha intensa traxectoria no mundo do teatro. Actou tamén en múltiples series da TVG. O merlo branco está publicado pola editorial Bruño.




23/4/08

Dar de ler coma quen dá de beber

Hoxe mércores 23 de abril, Día Internacional do Libro, Espazo Lectura e o Concello de Gondomar presentarán un acto para celebrar este día lendo. Baixo o lema de "Dar de ler coma quen dá de beber", 30 persoas lerán en voz alta na Biblioteca Pública fragmentos de libros que elas mesmas escolleron para recomendar e compartir con todos os asistentes a este acto.

A rolda de lecturas será presentada por Concha Costas e Bieito Legaspi, membros da directiva de Espazo Lectura, e o primeiro texto será lido polo alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo. Ao longo do acto, leranse fragmentos das obras de Álvaro Cunqueiro, Teresa Moure, Celso Emilio Ferreiro, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Eduardo Galeano, Cándido Pazó, Xosé María Álvarez Blázquez, Lupe Gómez, Carlos Casares, Julio Cortázar, etc.

O acto, que se celebrará ás 20:00 horas deste 23 de abril, enmárcase dentro da Semana do Libro, que remata a próxima fin de semana coa celebración da sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo e a representación de O merlo branco a cargo de Talía Teatro.

Esta actividade (Dar de ler coma quen dá de beber) é unha das accións lectoras que Espazo Lectura leva a cabo co ánimo de sensibilizar a cidadanía na importancia da lectura como referente de benestar social e desenvolvemento dos individuos e das comunidades. Neste sentido, apostamos especialmente nas nosas accións por crear espazos e tempos para a lectura e por facer desta un lugar de encontro.

20/4/08

Canto Conto con Verónica Túñez!

Mañá luns 21, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal, darán comezo as actividades da Semana do Libro cunha sesión especial do Contomar. Libro e oralidade daranse a man no espectáculo de contacontos Canto conto, a cargo de Verónica Túñez, que estará acompañada de catro persoas do grupo de teatro Vichelocrego de Gondomar. Como é habitual é unha sesión para nenos e nenas de máis de 3 anos.

Abaixo, fotos da rolda de prensa conxunta de Espazo Lectura e o Concello de Gondomar para presentar a programación e as actividades da Semana do Libro, dentro da programación Abril, libros mil. Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Antonio Araúxo, alcalde de Gondomar, diante dos medios de comunicación.



10/4/08

Abril, libros mil

Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza para a Semana do Libro (do 21 ao 27 de abril) unha intensa programación baixo o lema Abril, libros mil.


Semana do Libro
  • Luns 21, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal.
    Libro e oralidade
    . Sesión especial do Contomar con Verónica Túñez e o espectáculo Canto conto. Contacontos para nenos e nenas de máis de 3 anos.

  • Mércores 23, ás 20:00h, na Biblioteca Municipal. Día do Libro.
    Dar de ler, coma quen dá de beber
    . Sesión de dúas horas de lecturas en voz alta. Fragmentos de libros elixidos polos lectores e lectoras.

  • Sábado 26, ás 12:00h, na Biblioteca Municipal.
    Club de lectura compartida Lendo contigo. Libro proposto: O merlo branco, de Cándido Pazó. Coa presenza do autor. Para nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.

  • Domingo 27, ás 19:00h., no auditorio Lois Tobío.
    Libro e teatro
    . Representación de O merlo branco, a cargo de Talía Teatro. Espectáculo teatral para todos os públicos.


9/4/08

Lectura con voz

Ademais de ser un interesante blog portugués sobre libros e lectura, O Bicho dos Livros cóntanos en canto entramos nel, a través dunha voz clara, unha divertida historia que ten que ver coa lectura e coa cultura. O relato titúlase «Chegou à Aula num 15 de Maio» e procede lo libro A alegria de gostar, de Jairo Aníbal Niño. A voz procede de Boca, audiolivros portugueses.


8/4/08

Chus Ferrín: Obradoiro de ilustración

Estes vídeos recollen dous instantes da celebración que Espazo Lectura fixo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril de 2008), cun obradoiro de ilustración a cargo de Chus Ferrín, organizado coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar.




6/4/08

O merlo branco, en Lendo contigo

O próximo libro elixido para o club de lectura compartida Lendo Contigo será O merlo branco, de Cándido Pazó, publicado pola editorial Bruño. A sesión, coma sempre, terá lugar o último sábado do mes de abril. Para o día seguinte, Espazo Lectura e o Concello de Gondomar programaron a representación teatral desa obra no Auditorio Municipal a cargo de Talía Teatro.




Cantos lobos no Contomar

Este próximo luns os contos de lobos serán os protagonistas do Contomar. (Máis información.)

3/4/08

Os Cantacontos de Migallas

Vídeos de Migallas na Casa da Cultura de Gondomar, Val Miñor (luns 31 de marzo de 2008). Espectáculo Cantacontos, sesión especial do segundo aniversario do Contomar.



2/4/08

Os vídeos de Fina Casalderrey

Vídeos de Fina Casalderrey no Club de lectura compartida Lendo Contigo (sábado 29 de marzo de 2008, Biblioteca Pública de Gondomar, Val Miñor).


Fina Casalderrey e a lectura




Fina Casalderrey e a literatura




Fina Casalderrey asinando libros




1/4/08

Dous anos contando contos

Máis de 170 persoas ateigaron onte a Casa da Cultura de Gondomar na celebración do segundo aniversario do Contomar, coa actuación especial de Migallas, que ofreceu os seus Cantacontos. A sesión de onte, amais dunha fermosa tarde para as nenas e nenos, quixo ser un recoñecemento moi especial para as persoas –nais e pais voluntarias– que estiveron contando contos aos cativos ao longo destes dous anos e continúan facéndoo cada semana.