30/5/08

Unha nena saharauí protagoniza "A serea do deserto"

A serea do deserto, o libro de Xavier López Rodríguez proposto para o club de Lectura compartida Lendo Contigo, que se celebrará mañá sábado, conta a historia dunha nena saharauí que é acollida nunha familia galega durante o verán. A sesión terá lugar mañá 31 de maio, ás 12:00h, na Biblioteca Pública de Gondomar. O autor, Xavier López Rodríguez, estará connosco para falar da súa obra. Precisamente este ano, por vez primeira, o Concello de Gondomar incorpórase ao programa de acollida de nenos e nenas saharuís e Espazo Lectura quere aproveitar esta oportunidade para dar a coñecer a situación do pobo saharauí a través da literatura.
Esta novela infantil está baseaba na experiencia do propio autor, Xavier López Rodríguez.
Ademais, ao inicio da sesión, proxectarase o documental Lalia, dirixido por Silvia Munt (premio Goya ao mellor documental no ano 2000) e protagonizado por unha nena saharauí.
Coma sempre, as lecturas de Lendo Contigo están dirixidas a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos. Aínda que esta é a última sesión desta tempada, o club de lectura compartida Lendo Contigo volverá en setembro.


© Manuel G. Vicente

27/5/08

Xornadas de animación á lectura

Para os próximos venres 13 e sábado 14 de xuño, a Consellería de Cultura organiza no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, unhas xornadas de animación á lectura para bibliotecarios, docentes, especialistas en animación lectora e calquera persoa interesada no tema. Espazo Lectura estará presente nas xornadas a través da intervención da presidenta da asociación, Concha Costas, na mesa redonda "Lecturas comúns e espazos activos: experiencias locais de comunidades lectoras". Canda Espazo Lectura, participarán tamén a Lonxa Literaria (asociación pioneira na creación de clubs de lectura) e Literactúa, de Carballo. Quen desexe inscribirse pode facelo a través de este formulario web da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Espazo(s) Lector(es)
Ler en común. Os clubs de lectura

Santiago de Compostela, 13 e 14 de xuño de 2008. Auditorio de Galicia, Sala Mozart.

Programa:

DÍA 13 VENRES:

De 17 a 17:30: Entrega de material e abertura.

17:30 horas: Conferencia: Geneviève Patte.
Bibliotecaria e animadora á lectura, dirxiu durante 35 anos a asocación La joie par les livres e actualmente é asesora de entidades adicadas á promoción da lectura por todo o mundo, e colabora con UNESCO, IBBY e IFLA. Autora dun gran número de artigos e libros relacionados cos nenos e mozos e as bibliotecas.

18:45 horas: "Mesa Redonda: Os clubs de lectura, perspectivas diversas". Inmaculada Casals Torres, directora da biblioteca central urbana Can Casacuberta de Badalona, Fernándo Jiménez Guerra do Centro Andaluz de las Letras de la Consejería de Cultura de la Junta de Andalucía e Mª Luz Corral Uzal directora das bibliotecas municipais do concello de Oleiros.

DÍA 14 SÁBADO:

10:00 horas: "Do excepticismo á satisfacción: a posta en marcha dun club de lectura escolar" por Xoán Carlos Rábade, responsábel da biblioteca e coordinador do club de Lectura Entre Liñas do IES Ramón Menéndez Pidal . Introdución de Cristina Novoa Fernández, Asesora de bibliotecas escolares da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

11:00 horas: "Comunidade de leitores: a leitura como espaço de descoberta e partilha", por Maria João Sampaio: xefa de división municipal da rede de leitura do Municipio do Porto. Maria Joao Sampaio, desde o seu posto xestionou a apertura no ano 2001 da nova biblioteca municipal Almeida Garrett, que promoveu a primeira comunidade de lectores en 2002, orientada polo escritor Manuel Antonio Pina. Exporá as estratexias de promoción da lectura promovidas pola biblioteca municipal Almeida Garrett e en particular as "comunidades de lectores".

12:30 horas: Presentación dos Recursos de animación á Lectura da Consellería de Cultura e Deporte. Letras vivas.

13:00 horas: Lecturas comúns e espazos activos : experiencias locais de comunidades lectoras. Espazo lectura, Lonxa Literaria, Literactúa.

16:30 horas: " A animación á lectura na Web social" por Antonio Alonso. Ten participado en numerosos encontros, xornadas e grupos de traballo sobre bibliotecas escolares. É así mesmo autor dun importante número de artigos sobre a presenza e importancia da web no desenvolvemento das Bibliotecas escolares.

18:00 horas: "Lecturas en galego no eido urbano, rural e virtual: a experiencia dos clubs de lectura de Pontevedra" por Eva López.

19:00 horas: "Facer lectores e lectoras no ámbito familiar" por Carme Loriga Tomé. Mestra e Licenciada en Psicoloxía. Profesora de Intervención Sociocomunitaria e responsable da Biblioteca Escolar no CIFP Ánxel Casal (A Coruña).

25/5/08

O Contomar despídese ata setembro

Este próximo luns, 26 de maio, ás 18:00h, vaise celebrar na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión do Contomar deste curso. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura despídese así nesta súa terceira tempada cunha sesión na que celebraremos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contaremos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallaremos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia.



O Contomar botou a andar no mes de febreiro do 2006 e mantívose activo até a actualidade, dando lugar ao nacemento da asociación de fomento da lectura Espazo Lectura que puxo en marcha nestes últimos meses novas propostas de dinamización como o club de lectura compartida Lendo contigo ou a campaña Bookcrossing no Val Miñor. Neste último curso contáronse case 200 contos nas 30 sesións celebradas, ás que asistiron unha media de 35 nenos e nenas por sesión, cun total de 70 nenos que se fixeron socios da actividade.

Tamén celebramos SESIÓNS ESPECIAIS con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.), nas que procurabamos agasallar os nenos e nenas con contos e propoñer algunha actividade especial. Durante este curso tamén se fixeron outro tipo de sesións especiais en que contamos coa presenza de convidados como a ilustradora Chus Ferrín ou o grupo de música e teatro Migallas.

AS SESIÓNS realizáronse sempre con libro xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura. Pretendemos, polo tanto, que vexan que esas historias que lles gustan están nos libros, e faise fincapé nos nomes dos autores e dos ilustradores, procurando que a selección semanal teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil.

Con esta actividade Espazo Lectura pretende ofrecer un lugar estable de encontro cos libros e a lectura no que as familias teñen un papel fundamental.

23/5/08

O noso bookcrossing atopa lectores

Entre os moitos comentarios que vai deixando na páxina de bookcrossing a xente que atopa libros liberados por Espazo Lectura, escollemos este para reproducir no noso blog.


Someone has made a new journal entry on one of your books at
BookCrossing.com! We've displayed the entry below, but you can read all the
entries at http://bookcrossing.com/journal/6111181 anytime.

Book Title: Vidas post-it
Author: Iolanda Zúñiga
__________________________________________________________________________


Thursday, May 22, 2008


Ola, son Alicia e atopei "Vidas post-it" no café "Rañolas". Así bastante de chiripa escollín moi ben o libro. Decidinme por el pola cercanía da súa autora, que é de Vigo, e ademais teño que confesar que buscaba un libro curto, porque ultimamente non teño tempo para nada. E podo dicir que quedei encantada con el. Gustoume moito, moito. Por que? Polo pertas que sentía cada unha das súas historias coa miña vida o coa de xente que me rodea ou coñezo. Pola sinxeleza da súa linguaxe, sen retórica bordando por todas partes nin "rebuscamentos" que ás veces son empregados facendo que a lectura se convirta nun sacrificio en vez de ser un disfrute. E por... moito máis. Mañá teño pensadc deixalo no café "Keike", pola tarde. Así que xa sabes... cólleo e devórao como fixen eu, merece a pena, e xa me contarás. Ata outra.

CAUGHT IN GONDOMAR PONTEVEDRA - GALICIA ESPAÑA

By AnonymousFinder from n/a, n/a n/a
Book Rating: 9 out of 10

__________________________________________________________________________

Tell your friends! http://www.bookcrossing.com/tellafriend

22/5/08

Xavier López Rodríguez e os nenos saharauís en Lendo Contigo

O sábado 31 de maio, ás 12:00h, na Biblioteca Municipal, celebraremos a sexta sesión do club de lectura compartida Lendo contigo. O libro proposto é A sera do deserto, de Xavier López Rodríguez, que estará connosco para falarmos da súa obra. O libro de Xavier narra a experiencia dunha familia que acolle durante o verán unha nena saharauí.



Aproveitaremos esta ocasión, coincidente coa chegada dos nenos e nenas saharauís a Galicia –o Concello de Gondomar recíbeos por primeira vez– para falar da situación dos saharauís nos campamentos de refuxiados de Tinduf e proxectaremos a curtametraxe Lalia, de Silvia Munt, protagonizada por unha nena saharauí; a curtamentraxe recibiu o Goya ao mellor documental en 2000.
Como é habitual, as lecturas de Lendo Contigo están dirixidas a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.



Xavier López Rodríguez naceu en 1956 na aldea de San Ciprián de Hermisende (Zamora), onde se fala galego. Xornalista de profesión, reside e traballa en Santiago de Compostela desde 1985. Traballou en periódicos como El Correo de Zamora, El Norte de Castilla, Diario de Galicia e Diario 16 de Galicia. Como escritor, iniciou a súa traxectoria con dúas novelas curtas en castelán. Comezou a publicar libros en lingua galega en 1993 con Outros heroes, unha dura crónica sobre as víctimas das drogas. Como narrador de ficción publicou libros como A citación (1995); Coma unha pluma liviá (1995); Días de desterro (1996); Linguas longas (1998); Brumoso (1998), Voces de vacas (1998); O neno que matou a Deus (1998), Noitebra (1999), Un burro hippy (2000), Catro pitas (2000); Amigo medo (2002); Castiñeiro e compaña (2003); Destrucción (2003); finalista do Premio Xerais de Novela 2003; O alidado inesperado (2005); O dromedario nadador (2005); A abella na orella da vella (2007) ou Cor gris vida (2007).

20/5/08

Rexistro de Bookcrossing

Dentro da campaña da asociación Espazo Lectura "Bookcrossing no Val Miñor", houbo xa diversas persoas que rexistraron os libros que atoparon. Até o de agora foron rexistrados:

1. Os bolechas xogan ao baloncesto (Gondomar)
2. Mini.relatos (Nigrán)
3. Fumes de papel (Baiona)
4. L'affiche rouge (Nigrán)
5. Nínive (Gondomar)
6. A voda (Nigrán)
7. Os bolechas van de viaxe (Gondomar)
8. Casa atlántica, casa cabaret (Baiona)
9. Dragona (Baiona)
10. Vidas post-it (Gondomar)
11. Historias para ler e mirar (Nigrán)
12. Enderezo descoñecido (Gondomar)
13. Arraianos (Gondomar)
14. Alba de mulleres (Gondomar)

18/5/08

Novas historias de amor no Contomar

Ante a boa acollida da semana pasada, na sesión de mañá do Contomar, haberá máis historias de amor. Un dos contos protagonistas será Un segredo do bosque, de OQO editora. (Máis información).



17/5/08

Lectura de textos de Álvarez Blázquez

A petición do Concello de Gondomar, Espazo Lectura realiza hoxe, ás 19 h., unha lectura pública de textos de Xosé María Álvarez Blázquez, diante do consistorio. Este acto enmárcase no programa que o Concello ten preparado para o día de hoxe, 17 de maio, durante o que tamén inaugurará, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos, a escultura A galiña azul, de Alfonso Soliño, instalada no Paseo Carlos Casares.

11/5/08

Rolda de prensa e ceiba de libros

Onte tivo lugar a presentación, en rolda de prensa, da campaña de Espazo Lectura «Bookcrossing no Val Miñor», que se celebrou na Ramallosa, ao aire libre, á beira da foz do río. A campaña conta coa colaboración dos tres Concellos do Val Miñor e acudiron ao acto os alcaldes de Baiona e Nigrán. Na rolda de prensa falaron Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Anaír Rodríguez, membro da directiva e coordinadora da campaña de bookcrossing, así como os dous alcaldes. Ao remate do acto, ceibáronse 120 libros en diferentes espazos públicos dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Algúns xa foron rexistrados polas persoas que os atoparon. Nas imaxes, de esquerda a dereita Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona, Concha Costas, Anaír Rodríguez e Efrén Juanes, alcalde de Nigrán.








Ceiba: na parada do autobús.





Piscina: punto bookcrossing.




Ceiba: nun banco na rúa.




Café: punto bookcrossing.




Ceiba: nun caixeiro automático.




Biblioteca pública: punto bookcrossing.





Ceiba: nun caixeiro automático.




Ceiba: libro infantil no banco dun parque.
.




Ceiba: na padiola da sección de urxencias dun Centro de Saúde.

10/5/08

Zonas de solta de libros

ZONAS BOOKCROSSING
(120 libros)


BAIONA (40 libros)

Zona 1 (Punto bookcrossing). Biblioteca Pública de Baiona

Zona 2 (Punto bookcrossing). Café Roca

Zona 3 (Zona de ceiba). Centro de Saúde de Baiona, Locais de Sabarís, Caixeiros automáticos de Baiona e Sabarís.

Zona 4 (Zona de ceiba). Exteriores. Rúas e parques de Baiona.



GONDOMAR (40 libros)

Zona 1 (Punto bookcrossing). Biblioteca Pública de Gondomar

Zona 2 (Punto bookcrossing). Café Rañolas

Zona 3 (Punto bookcrossing). Café Keik

Zona 4 (Zona de ceiba). Centro de Saúde de Gondomar, Locais de hostelería, caixeiros automáticos.

Zona 5 (Zona de ceiba). Exteriores. Rúas e parques de Gondomar



NIGRÁN (40 libros)

Zona 1 (Punto bookcrossing). Biblioteca Pública de Nigrán (Ceán).

Zona 2 (Punto bookcrossing). Café O Cafeciño (A Ramallosa)

Zona 3 (Punto bookcrossing). Piscina Mancomunada do Val Miñor.

Zona 4 (Zona de ceiba). Caixeiros automáticos , Centro de Saúde, Centro Comercial, Café A Vella Estación, etc.

Zona 5 (Zona de ceiba). Exteriores. Rúas e paseos de Nigrán, Panxón e Praia América.

8/5/08

Vai na procura dos libros!

Como xa informamos, Espazo Lectura promove a partir deste próximo sábado unha campaña de Bookcrossing no Val Miñor, que conta coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. A iniciativa suporá a liberación de 120 libros en diferentes espazos públicos dos tres concellos para que a xente poida collelos, lelos e volver a deixalos ceibes co obxectivo de que outras persoas os atopen. O acto de prensentación da campaña terá lugar o próximo sábado, 10 de maio, ás 11 da mañá, nos xardíns do parque da Ramallosa, ao lado da antiga estación do tranvía, e contará coa presenza de representantes de Espazo Lectura e dos tres alcaldes e outros representantes das corporacións municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Esta iniciativa, que bota a andar na Semana das Letras Galegas, ten como obxectivo achegar o libro galego aos veciños e veciñas do Val Miñor, fomentar a lectura e divulgar a iniciativa do Bookcrossing na nosa zona. Os 120 libros rulantes que se van liberar foron rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e están etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros vai acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explica o espírito da campaña e o que hai que facer se se atopa un destes libros e serán distribuídos a través de centros de ensino, bibliotecas, asociacións culturais e veciñais, etc. A iniciativa tamén conta coa colaboración da editorial Galaxia e de Edicións Xerais de Galicia.
Para facilitar a busca, haberá algúns puntos fixos de bookcrossing que se farán públicos o próximo sábado á hora da solta.



5/5/08

Bookcrossing no Val Miñor

Espazo Lectura prepara unha gran solta de libro galego para o próximo sábado 10 de maio. Constituirá a nosa acción central para as Letras Galegas e será a primeira vez que se produza unha liberación masiva e conxunta de libros no Val Miñor. A partir do sábado, o Bookcrossing buscará lectores e lectoras entre nós. Ceibaremos arredor de 12o libros en galego en distintos puntos dos tres concellos (Baiona, Gondomar e Nigrán). Eses puntos serán debidamente anunciados nesta web e todos os libros estarán rexistrados na páxina oficial de bookcrossing por Espazo Lectura. A solta complementarase coa edición dun folleto explicativo impreso coa colaboración dos tres gobernos municipais, e cunhas chamativas pegatinas (ademais das etiquetas bookcrossing de Espazo Lectura) que serán adheridas ás capas dos libros liberados.
Son libros rulantes.
Animádevos a buscalos!
Lédeos, rexistrádeos e volvede a liberalos!
En breve, daremos máis información.

4/5/08

Os saharauís, en Lendo contigo

Mañá luns día 5 de maio haberá, como todos os luns, Contomar. Será ás 18 h. na Biblioteca Pública de Gondomar.
En canto á próxima sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, o libro elixido será A serea do deserto, de Xavier López Rodríguez, publicado pola editorial Obradoiro. Aproveitando a chegada a Galicia (e ao Val Miñor) de varios nenos e nenas saharuís que van ser acollidos en familias, aproveitamos para ler un libro no que o autor nos fala da súa experiencia cunha nena saharauí. Xavier López estará connosco, na Biblioteca Pública de Gondomar, o sábado 31 de maio e, de paso, coñeceremos moitas cousas sobre os saharauís e os campamentos de refuxiados de Tinduf.