Mostrando entradas con la etiqueta melodixit. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta melodixit. Mostrar todas las entradas

23/2/11

Así foi o Lecturas Debuxadas na tenda de Melo

A sesión do 15 de febreiro do Club Lecturas Debuxadas foi especial xa que visitamos a Melo na súa tenda Banda Deseñada.

Melo falounos das razóns que o levaron a ter unha tenda especializada na banda deseñada, de todos os pros e os contras cos que se atopa no traballo diario. Contounos os problemas da distribución do cómic e comparouno co resto do sector do libro, no que matizou as grandes diferenzas entre unha librería xeralista e unha especializada. Botou abaixo o mito do libreiro que pasa o día enteiro lendo pero si asegurou que a lectura dos cómics acaba sendo un traballo que ten que realizar na súa casa para poder recomendar os mellores libros para cada cliente e poder facer as recensións no blog.

Explicounos como ten estruturada a súa tenda en función do tipo de cómic: europeo (franco-belga), manga, Estados Unidos (superheroes e o cómic para adultos), o cómic español e a banda deseñada galega; e en función do autor. Aínda que o criterio final é o "criterio Melo" que consiste en preguntarlle ao libreiro onde están os tebeos. A libraría tamén ten cabida para os xogos, figuras, camisolas...

Por último falounos da súa visión sobre o libro dixital e de como pode afectar ás librerías especializadas.

Durante a charla deixou caer varios títulos de banda deseñada: Balas perdidas, Agujero negro, Watchmen, Maus, Persépole; e autores como Alan More, Moebius, Manara, Larcenet... Comentou por riba o tema da "novela gráfica" e como se atribúe a títulos que nun principio foron concebidos doutra forma. E fíxonos un par de recomendacións dalgúns cómics que lle gustaron moito, escollendo algún libro dos andeis:

- Balas perdidas, de David Lapham
- El señor Jean, de Philippe Dupuy e Charles Berberian
- Diario de un álbum, de Philippe Dupuy e Charles Berberian, onde conta o proceso de creación de El señor Jean.

Quedaron atrás algunhas cousiñas de todas nas que anda o Melo, pero serán para outra ocasión.

Podedes ver tamén as súas colaboracións para culturagalega.org en Melodixit.

Aquí podedes ver algunha foto da sesión.

E non nos esquecemos de agradecerlle a Eva o marabilloso agasallo que nos fixo:

14/2/11

O Lecturas Debuxadas trasládase a Vigo para falar con Melo, da librería Banda Deseñada

Mañá martes, día 15 de febreiro, ás 20:30h, o club de cómic Lecturas Debuxadas organizado pola asociación Espazo Lectura celebra unha sesión especial fóra da Biblioteca Municipal de Gondomar, o lugar habitual desta actividade.

A sesión deste mes trasládase a Vigo para ter un encontro con Melo, libreiro da librería especializada Banda Deseñada.

Melo falará coas persoas que se acheguen á librería do seu traballo como libreiro especializado en cómics e de todo o relacionado coa creación, edición, lectura e venda de banda deseñada, do que demostra ser un gran coñecedor nas súas colaboracións habituais co portal Culturagalega.org, na sección Melodixit.

O enderezo da librería é: Rúa Cataluña, 27, Vigo.

1/2/09

Recoñecemento ao Club Lecturas Debuxadas

Melo, columnista de culturagalega.org e propietario de Banda Deseñada, unha das mellores librerías especializadas en cómic de Vigo, dedica un artigo de opinión á importancia de achegar a banda deseñada ás bibliotecas como forma de crear lectores/as. No artigo, pon como exemplo de bo traballo no fomento da lectura de cómics, entre outras iniciativas, o club Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura. Reproducimos o parágrafo completo:
é exemplar neste ámbito o labor levado a cabo pola Biblioteca de Porriño e a súa comiteca, o traballo conxunto das bibliotecas da Coruña ou o clube de BD auspiciado pola asociación Espazo Lectura no Val Miñor. Son só uns poucos exemplos de bo traballo neste sentido.

Agradecemos moito este recoñecemento, sobre todo tendo en conta que o noso é un traballo que nace da iniciativa social e cidadá.