16/05/12

Acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade

Reproducimos unha información remitida polo Instituto de Estudos Miñoranos sobre o acto dedicado a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que terá lugar este xoves, 17 de maio, ás 19:30 h, no auditorio Lois Tobío de Gondomar. O acto consistirá nun recital de poemas de Paz Andrade a cargo de empresarios do Val Miñor e na actuación do coro tradicional Cantares do Brión.

O Instituto de Estudos Miñoranos está a organizar un acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra 1899 – Vigo 1987), un dos máis poliédricos activistas do galego da nosa recente historia. Destacou, ademais, como grande empresario e, por iso, este día 17 de maio a el dedicado os seus colegas, empresarios do Val Miñor, queren renderlle homenaxe recitando poemas seus no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. Únese xenerosamente á homenaxe o coro tradicional Cantares do Brión que interpretará pezas do seu repertorio coa incorporación dunha obra creada e ensaiada para este evento ao musicar o poema "Tríadas do vento no mar", do libro Sementeira do vento. O acto será conducido polas escritoras Marta Dacosta e Rexina Vega e comezará ás sete e media da tarde do Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2012.

15/05/12

O nacemento dos bebés, na Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora deste mércores 16 de maio estará dedicada ao embarazo e aos bebés. A partir de contos como Vou ter un irmán!, Mamá puso un huevo, Artur ou Upa!, mergullarémonos no mundo dos meniños: como se fan, como nacen, que lles cantamos para adurmiñalos, con que lles gusta xogar...
A actividade comeza ás 18:30 horas na Casa da Lectura.

Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada, coa música como protagonista. 





 


14/05/12

Club Lecturas Debuxadas de maio


O martes 15 de maio, a sesión do club de cómic Lecturas Debuxadas estará dedicada á novela gráfica Agencia de viajes Lemming (Astiberri) do autor portugués José Carlos Fernandes.
A cita é na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20:00 horas.


O libro
A idea para Agencia de viajes Lemming, un percorrido imaxinario polos máis improbables destinos turísticos, saíu exclusivamente da cabeza de José Carlos Fernandes, aínda que sexa unha homenaxe asumida ás cidades invisibles de Italo Calvino, esa obra mestra da imaxinación, a intelixencia e o profundo coñecemento da arquitectura das relacións humanas.
Igual que Calvino, José Carlos Fernandes tamén fala do que temos máis cerca, aínda que pareza deambular por mundos distantes. E desde Dulia, a cidade que busca desesperadamente ter algún elemento interesante, á inhóspita Manzil, que crece como un tumor a pesar de que todos os seus habitantes queiran abandonala; desde Gallupi, cidade de humores volubles e estatuas retiradas, a Kwinz, a cidade dos cemiterios, atopámonos cunha xeografía de lugares distantes que resultan estar demasiado próximos; de cidades nunca vistas que, ao final, coñecemos demasiado ben.

O autor
(Loulé, Portugal, 1964) empezou a destacar nos fanzines portugueses onde publicou numerosos traballos na década dos noventa. Entre a súa ampla obra merecen destacarse títulos como Coração de Arame, As aventuras do Barãou Wrangel, Pessoas que usam bonés-com-hélice, A última obra mestra de Aaron Slobodj (Devir, 2005), O que está escrito nas estrelas e, sobre todo, a serie A peor banda do mundo (de próxima publicación por Astiberri), que recibiu numerosos premios e atravesou as fronteiras de Portugal con traducións ao castelán, francés, polaco e eúscaro, e foi obxecto de adaptacións ao cine e ao teatro. Escribiu guións, debuxados por Luís Henriques, para Tratado de umbrografía (Devir, 2006) e A metrópole feérica.

Lendo para medrar

Víctor Freixanes publicou este domingo, 13 de maio, un artigo no xornal La Voz de Galicia sobre o traballo de Espazo Lectura.

Lendo para medrar
No concello de Gondomar, no sur da provincia pontevedresa, un grupo de pais e de nais iniciaron no 2006 unha experiencia de socialización diferente arredor da comunicación e a lectura. Dous anos despois constituíron unha especie de asociación veciñal que denominan Espazo Lectura e que dende entón enche de festa participativa a contorna, tanto para adultos como para os máis pequenos. Habilitaron as antigas dependencias dunha escola infantil, cedida daquela polo Concello, e alí, por propia iniciativa e co apoio dalgunhas editoras, configuraron unha biblioteca que serve de campo de actividades lúdicas nas que participan as familias: pais e fillos, unidos pola afección común aos libros.
Os clubs de lectura son un fenómeno relativamente recente que opera de xeito espontáneo por todo o país. Poño de referencia o de Gondomar pola súa eficacia, polo seu activismo, pola imaxinación que o caracteriza e pola súa capacidade de dinamización social. Tiven ocasión de visitalo recentemente. Son arredor de 120 socios, que o sosteñen con modestas achegas económicas, arredor de 30 euros ao ano, e case que medio cento de familias. Non precisan nin demandan máis axuda, agás que os deixen actuar e desenvolverse. Nestes tempos de precariedade e escaseza son un exemplo a salientar. ¿Quen di que o país non está vivo?
Nenos e adultos. Non é a primeira vez que saliento esta cuestión, que me parece moi importante. A lectura (a cultura en xeral) é fundamentalmente un territorio de afectos compartidos. Afectos e descubertas. A primeira vez que me enfrontei a un texto literario, a emoción do texto, mesmo sen sabelo, foi da man do meu pai, que nos metía a meu irmán e mais a min na cama nas mañás dos domingos e nos recitaba poemas. O romance do prisioneiro, recórdoo moi ben. Cando anos despois o profesor de literatura comentou no instituto aquel texto eu xa o levaba dentro, non coma un produto literario senón coma un territorio de amor, inzado de bicos. Tal é a filosofía das xentes de Gondomar.
Dentro duns días conmemoramos o Día das Letras Galegas. Os amigos da asociación pontevedresa celebran periodicamente as Noites Golfas, noites de festa arredor dos libros, contacontos para os máis pequenos, debates para os adultos arredor de textos e autores, experiencias de banda deseñada... O espazo infantil move lectores entre 3 e 11 anos. A condición é sempre a mesma: pais e fillos xuntos. Os pais len, contan historias aos máis pequenos, comparten con eles a alegría de estar xuntos e descubrir xuntos os libros. Os pequenos celebran os cumpreanos con sesións de Cumprecontos, que consiste en ler e compartir en voz alta as historias que máis lles gustan. Ocupan espazos na vila, facendo lecturas públicas nas que invitan a outros veciños. Acampadas nocturnas no xardín da escoliña, sempre rodeados de historias. Necesitamos, agora máis ca nunca, iniciativas deste tipo, que xorden da base social, non impostas, nin programadas dende enriba. Velaquí a panca que, se a sabemos aproveitar, ha de mover o mundo.

11/05/12

Os profes do Chano Piñeiro visítannos no Contomar


Esta semana, serán os profes do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar, centro socio protector de Espazo Lectura, os que veñan ler contos aos cativos e cativas do Contomar. A sesión levará por título "Nada é o que parece" e entre os títulos que van contar están  Xil Moniz, Pilú Pilú, Manu ou Non é unha caixa.
A actividade será o luns 14 ás 18:00 h na Biblioteca de Gondomar.

Aquí deixamos varias fotos da sesión do Contomar do luns pasado










08/05/12

Música e contos na Casa da Lectura



Na sesión de dinamización lectora deste mércores, 9 de maio, na Casa da Lectura, imos falar e xogar coa música a través do conto A banda de Vilacendoi (Kalandraka). A sesión comeza ás 18:30 horas.

No medio dun soto está Vilacendoi. Por centos de anos a xente viviu aquí. Cada recuncho ten o seu nome. Cada casa a súa historia… É certo que hai moitas aldeas con igrexa, fonte ou pombal, mais moi poucas con quiosco de música. Porque o que fai que Vilacendoi sexa única é que aquí houbo noutros tempos… unha banda de música.

Deseguido pódense ver algunhas imaxes da actividade da semana pasada.












07/05/12

Víctor Freixanes no club Sete Vidas


O martes 8 de maio na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor da última novela de Víctor Freixanes, Cabalo de ouros (editorial Galaxia). A actividade comeza ás 20.00 horas.

Contaremos coa visita do autor
A partir das 21.00 horas, Víctor Freixanes achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.

O libro
Premio da Crítica Española 2010 de narrativa en lingua galega
O mundo de Vilanova de Alba, espello e metáfora dun tempo non tan distante, volve á literatura de Freixanes coa intensidade das lembranzas que nos sobreviven.
Unha partida de cartas. Unha historia de amor. A música da memoria recuperada nos vellos cantares da tradición oral. Na Galicia da posguerra, nos anos duros do wolfram, nun lugar apartado das serras, dous bandos enfróntanse nun envite de naipes que dura tres días e tres noites, e no que xogan a vida. [Presentación editorial]


O autor
Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) é doutor en Filoloxía Románica, pasou da docencia escolar ao xornalismo, de aí ao mundo da edición e, finalmente, á universidade. Actualmente é profesor de xornalismo en Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e director de Editorial Galaxia. En 1980 gañou o Premio Modesto R. Figueiredo co relato "A caza das cascudas". Posteriormente, coa súa primeira novela, O triángulo inscrito na circunferencia (1982) obtivo o Premio Blanco Amor. En 1989, publica O enxoval da noiva, novela que recrea a Roma dos Borgia, e en 1993 gaña o Premio Torrente Ballester con A cidade dos césares. Antes dera ao prelo Unha ducia de galegos (1976), fito na recuperación da memoria do galeguismo a través do xénero da entrevista, e Memoria dun fuxido (1980), baseada na vida do guerrilleiro Manuel González Fresco. En 2010 publica a novela Cabalo de ouros, co que obtivo o Premio Autor do Ano da Federación de Libreiros de Galicia.

05/05/12

Contomar


No Contomar deste luns 7 de maio vanse ler, entre outros, os contos de Os sete cabritos, A pomba dona paz, A casiña de chocolate ou Macario Dromedario.
A actividade, aberta a nenos e nenas maiores de tres anos e ás súas familias, comeza ás 18:00 h na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Netas imaxes pódense ver varios momentos da sesión da semana pasada, cando tivemos a visita dos profes de Infantil do CEIP Souto Donas e celebramos o cumprecontos de Mateo.










04/05/12

Entrevista a Concha Costas no programa Zigzag da TVG

O día 30 de abril de 2012, o programa cultural Zigzag da segunda canle da TVG emitiu unha entrevista coa presidenta de Espazo Lectura, Concha Contas, que fala sobre o traballo e as iniciativas de fomento e dinamización lectora da asociación.

A entrevista pódese ver a partir do minuto 14:00.

                            

03/05/12

02/05/12

"A princesa Sabela" na Casa da Lectura


A sesión de dinamización lectora deste mércores, 2 de maio, na Casa da Lectura xirará arredor do álbum ilustrado de Cornelia Funke A princesa Sabela (Xerais, 2011) A sesión comeza ás 18:30 horas.

Que aburrido é ser unha princesa! Sabela está farta de que llo dean todo feito, de ter que sorrir decote e vestir roupas bonitas e súper limpas. Ela quere poder subir ás árbores, meter o dedo no nariz, vestirse e peitearse soa… Unha mañá, cansa de ser unha princesa, decide guindar a súa coroa ao estanque dos peixes. O rei, como castigo, ordena que Sabela traballe na cociña de palacio e no cortello dos porcos. Que divertido! Nunca fora tan feliz!


Deseguido pódense ver algunhas imaxes da actividade da semana pasada.