31/5/10

O Club Sete Vidas despide a tempada cun roteiro literario polos escenarios de "A praia dos afogados"

Este martes 1 celebraremos a sesión de xuño do club de lectura Sete Vidas centrada na lectura da novela do escritor Domingo Villar A praia dos afogados (Ed. Galaxia). Despediremos a tempada cun roteiro literario polos escenarios da novela guiado polo historiador Xosé Lois Vilar. O roteiro partirá do monumento de Monteferro a partir das 20.00 horas.

O libro

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.
Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009
Premio Losada Diéguez de Creación Literaria

O autor
Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid, onde traballou como guionista de cinema e de televisión. Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006, 6ª edición no 2009), obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento (concedido por alumnos e alumnas lectores de toda Galicia) e, coa súa tradución para o castelán (Editorial Siruela), os premios Sintagma e Brigada 21. Tamén foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña. Publicada en doce países, a primeira novela protagonizada polo inspector Leo Caldas é un dos libros máis vendidos entre os lectores e lectoras galegos.

30/5/10

O Contomar despide a tempada cunha dobre sesión especial

As sesións semanais de contacontos que Espazo Lectura organiza cada luns na Biblioteca Municipal despídense até despois do verán e fano cunha dobre sesión especial.
  • Este luns 31 de maio, ás 18:00h, a escritora e xornalista gondomareña Araceli Gonda estará na Biblioteca Municipal para contarlles aos nenos e nenas o seu Flis-fli-ris-flás, título que agocha a palabra máxica que lle axudará a Martiño, o neno protagonista, a arredar os pesadelos que se achegan a el cada noite cando queda durmido. Ademais, nesta sesión entregaráselles un agasallo aos nenos e nenas que máis estrelas de asistencia acumularon no seu carné ao longo dos oito meses que durou a actividade nesta súa 5ª tempada.
  • O próximo sábado día 5 de xuño, ás 12 da mañá, o auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá a segunda parte desta festa de despedida do Contomar: unha función de teatro infantil a cargo da compañía Matapiollos coa obra Flis-fli-ris-flás, baseada no conto de Araceli Gonda.


Con estas dúas sesións especiais, que contan coa colaboración do Concello de Gondomar e da Editorial Galaxia, o Contomar colle vacacións nesta súa 5ª tempada de contacontos, na que se contaron case 150 contos cunha media de asistencia semanal de 40 nenos e nenas.

29/5/10

Edicións do Cumio, novo socio protector de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Edicións do Cumio, que se incorpora como socio protector da asociación.
Fundada a finais da década dos anos oitenta, Edicións do Cumio mantén unha concepción aberta nas súas liñas de publicación; ademais do libro con criterio xeral, esta editora produce xogo didáctico en cartón, cartografía, audiolibros, cd rom, discos e dvd de música e diferentes proxectos multimedia. Na edición do libro prima a súa vocación de editora xeralista que atende ás diferentes necesidades da sociedade, dende os materiais complementarios do proceso educativo, ata as guías e mapas de tipo turístico e cultural, a literatura e o ensaio...
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Do Cumio súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Galaxia, Kalandraka, Xerais, OQO, Rodeira e Patasdepeixe. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 18 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

28/5/10

O Lendo Contigo despide a tempada cun roteiro guiado por Xosé Lois Vilar

O libro Os nomes do mar de Baiona e Panxón, do arqueólogo, historiador e experto en toponimia Xosé Lois Vilar, é o elixido para celebrar a fin de curso do club de lectura compartida Lendo Contigo.

Roteiro guiado polo autor
O remate da tempada celebrarémolo fóra da Biblioteca Municipal de Gondomar, xa que o propio Xosé Lois Vilar preparou para nós unha camiñada guiada pola costa de Panxón durante a cal nos descubrirá a riqueza da toponimia marítima da zona.
A saída está programada para este sábado 29 de maio, ás 11.45h, desde o aparcadoiro do Polideportivo de Panxón e a actividade continuará, se o tempo o permite, coa celebración dun xantar en Monteferro para todos os nenos e nenas e as súas familias (calquera cambio que se poida producir debido ás condicións climatolóxicas anunaciarémolo neste blog).

O libro
Os nomes do mar de Baiona e Panxón é unha adaptación para os máis pequenos doutro libro do autor, Talasonimia da costa sur de Galicia, onde Xosé Lois Vilar fai un minucioso traballo de recollida de máis de 1300 nomes do mar da zona que vai de Salcidos a Panxón.

O autor
O autor naceu en Baiona en 1965, é Licenciado en Xeografía e Historia, director da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, membro da Asociación Galega de Onomástica e empresario da froita. Son numerosos os seus traballos de recollida da tradición oral, de investigación histórica e de posta en valor da riqueza do patrimonio material e inmaterial de Galicia.

O Lendo Contigo despídese ata o próximo curso

Este sábado remata a tempada do Lendo Contigo, club de lectura polo que pasaron moitos autores e autoras, desde Elvira Riveiro ou Jacobo Fernández até Agustín Fernández Paz. A actividade do club retomarase ao comezo do próximo curso escolar.

27/5/10

Manuel Bragado na Casa da Lectura

Este mércores na Casa da Lectura, o editor Manuel Bragado demostrou que non perdeu as mañas como mestre de Educación Infantil durante a sesión centrada nos contos de Dona Carme (adaptado por el mesmo dun conto tradicional) e Negros e brancos (de David McKee).

Con Dona Carme aprendemos como falan as cadelas, as gatas, os ratos, os bois (que teñen un falar longo), os galos, os burros, os porcos, as ovellas e os lobos. Todos estes animais fóronse metendo no cuarto de Dona Carme mentres ela durmía e acabaron por espertala. Entón, a partir de aí, decidimos entre todos un novo final para o conto: Dona Carme marchou dacabalo do burro e chegou a un hotel, onde lle deron un cuarto moi grande con balcón e cunha colcha fucsia e alí puido por fin durmir tranquila.

Despois, cando todos nos colocamos segundo as cores da nosa roupa, escoitamos o relato Negros e brancos, onde os elefantes brancos e os elefantes negros se aniquilan entre si a trompazos simplemente por teren unha cor de pel diferente.


Ao rematar, Manuel Bragado entrevistou aos nenos e nenas para que desen a súa opinión sobre cal dos dous contos lles gustara máis e por que.

Xusto antes de marcharmos, cantamos unha canción popular moi coñecida:
Paxariños que alegres cantades
polas follas dos loureiros
e subides polos ameneiros
a buscar a raíña do sol.

24/5/10

Dona Carme e Manuel Bragado estarán este mércores na Casa da Lectura

Este mércores a Casa da Lectura recibirá un convidado especial. O editor Manuel Bragado, mestre de Educación Infantil e director xeral de Edicións Xerais de Galicia dende 1994, será o encargado de manter a sesión semanal de fomento da lectura. Os contos Dona Carme e Negros e brancos, ademais dunha canción popular, serán a materia prima coa que se vai construír a actividade.
Dona Carme (Ir Indo, 1990) é un conto adaptado polo propio Manuel Bragado procedente da tradición oral. A súa estrutura acumulativa e o seu ritmo fan que sexa apegadizo e doado de aprender para os nenos e nenas.
Negros e brancos (Xerais, 2008), de David McKee, a quen xa coñecemos na Casa da Lectura por ser o autor de Elmer, é unha parábola sobre o absurdo do racismo e da intolerencia protagonizada por elefantes enfrontados entre si.

A actividade será o mércores 26 ás 18.30 horas. A partir das 17.30 as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas.

A continuación, amosamos algunhas imaxes da actividade da semana pasada dedicada ás árbores.

23/5/10

Este luns no Contomar poñemos as últimas estrelas de asistencia da tempada

Aquiles o puntiño será o conto protagonista da sesión do Contomar deste luns 24 de maio, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Coa historia de Aquiles celebraremos o cumprecontos de Antón, un dos nenos socios do Contomar. Nesta sesión poñerémoslles aos nenos e nenas as últimas estrelas de asistencia xa que na seguinte semana o Contomar despedirase até o próximo mes de setembro e entregará os agasallos aos nenos e nenas que máis estrelas teñen nos seus carnés.
A última sesión será o luns 31 e estará centrada no conto Flis-fli-ris-flás, de Araceli Gonda, escritora e xornalista nacida en Gondomar, que estará connosco na biblioteca. E despedirémonos o sábado 5 de xuño, ás 12 da mañá, cunha función dunha obra de teatro infantil da compañía Matapiollos titulada tamén Flis-fli-ris-flás e baseada no conto de Araceli Gonda.

Estas son algunhas fotos da sesión do luns 10 de maio.

19/5/10

Actividades da Biblioteca Municipal de Gondomar con motivo do Día das Letras

Difundimos a programación cultural da Biblioteca Municipal de Gondomar para os vindeiros xoves e venres con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Picando sobre a imaxe, pódese ler a información completa.

18/5/10

O día das árbores na Casa da Lectura

Esta semana dedicaremos ás árbores a sesión semanal de dinamización lectora na Casa da Lectura. Farémolo a partir dos álbums A memoria das árbores (Kalandraka) e Un gato na árbore (OQO). Tras a lectura dos contos, os nenos e nenas plantarán carballos pequenos no eido da Casa da Lectura e quedarán alí ata que chegue o momento idóneo para levalos ao monte e plantalos definitivamente.
A actividade será o mércores 19 a partir das 18.30h. Unha hora antes, a Casa da Lectura xa estará aberta para quen queira visitala.

14/5/10

"El arte de volar" no Club Lecturas Debuxadas


O próximo martes
18 de maio, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, dedicaremos o Club Lecturas Debuxadas ao cómic El arte de volar (Edicions de Ponent) de Antonio Altarriba e Kim, recoñecido co Premio Nacional de Cómic de Cataluña e os premios a Mellor Obra, Mellor Guionista e Mellor Debuxante no 28º Salón Internacional de Cómic de Barcelona.

En El arte de volar cóntase a historia de Antonio Altarriba, o pai do autor, comezando polo seu suicidio co que puxo fin a unha vida chea de frustracións e marcada pola época histórica que lle tocou vivir.
O libro está estruturado en catro partes: infancia e xuventude (1910-1931), 2ª República, Guerra Civil e Segunda Guerra Mudial (1931-1949), ditadura franquista (1949-1985) e a época final do protagonista que transcorre nunha residencia de anciáns (1985-2001).

De
El arte de volar díxose o sequinte:
"El arte de volar rompe moldes e xéneros. Pola súa temática e enorme calidade literaria e gráfica non dubidamos en afirmar que nos atopamos ante un dos libros máis importantes publicados na última década."

12/5/10

Pilar Buela no Club de Lectura Sete Vidas

O pasado 2 de maio celebramos a sesión do Sete Vidas dedicada á novela de Pilar Buela Ácaros verdes, gañadora do Premio Lueiro Rey en 2003.
Durante a primeira hora, os lectores e lectoras puideron intercambiar as súas opinións sobre o libro; despois, uniuse ao debate a propia autora que cualificou a novela como o froito dunha reflexión, dende un punto de vista feminino, sobre a fascinación que exerce nalgunhas persoas o autoritarismo e a violencia, ademais de definila tamén como unha historia de amor.
O tema fascinante e controvertido da novela, que amosa o lado máis humano de personaxes que protagonizaron un dos momentos máis estarrecedores da historia occidental (como Hitler, Eva Braun, Magda e Joseph Goebbles), deu pé a falar sobre o momento histórico no que se sitúa a novela (a Segunda Guerra Mundial) así como a relacionar este texto con outras producións culturais que tamén se achegan aos temas escollidos por Buela nesta obra; por exemplo, os filmes O afundimento ou A onda.

11/5/10

O poder das imaxes, na Casa da Lectura

Esta semana, na Casa da Lectura, descubriremos o poder da ilustración para contar historias. Para iso, achegámonos a estes títulos: Clown, do ilustrador Quentin Blake, un álbum sen palabras que comeza cando a un pallaso de xoguete o tiran a un cubo de basura xunto con outros animais de xoguete, e Os Pelelliños, do ilustrador e autor Anxo Fariña, unha colección de historias mínimas protagonizadas por estes seres máxicos que van divertir aos nenos e nenas.
Deseguido pódense ver algunhas imaxes da sesión pasada, na cal os monstros foron os protagonistas.

9/5/10

Entre animais, o luns no Contomar

Malta e Marqués, dous cans que viven na rúa e pasan moita fame, achéganse ao vertedoiro na procura de algo de comida: mentres Malta remexe no lixo buscando algo de proveito, Marqués fálalle das moitas cousas que podería facer por ela... Esta é a historia de ¿E ti que farías por min?, de Fina Casalderrey (Edicións Xerais), un dos contos protagonistas da sesión deste luns 10 de maio no Contomar. Os nenos e nenas achegaranse tamén ás historias de Ranilda (OQO), A casa máis grande do mundo (Kalandraka) ou Caixa de cartón (OQO). Celebraremos ademais o cumprecontos de Ana, unha das nenas do Contomar que esta semana fixo 7 anos. Será ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Estas son algunhas imaxes do Contomar da semana pasada.